ADEUS RIOS, ADEUS FONTES…

Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡Quen pudera non deixar!…

Rosalía de Castro

Cando Rosalía escribiu estes versos Galicia era toda verde, os ríos baixaban cheos de augas cristalinas, o horizonte alcanzaba ata onde chegaba a vista,… nada se sabía entonces o que significa especulación urbanística, industria madeireira, turismo agresivo co medio,…

Xa non hai río sen encoro, fonte sen abadonar, regato sen tapar, horizonte sen fume. As hortas, as figueiras, prados, ríos, arboredas, pinares, paxaros, … xa non significan nada. En nome do progreso valeu de todo, cambiamos a oreografía da nosa terra: as montañas, as ribeiras, as costas. Pero ¿que nos agarda de cara o futuro? Faremos algo por recuperar parte do destruido ou destruiremos o pouco que nos queda da Galicia de Rosalía. Despois deste verán quedou medianamente claro cal e o camiño que se vai a seguir: queimar o pouco que queda. A sociedade rendiuse definitivamente a presión económica e urbanística facendo bo para construir calquer terreo que teña vistas o mar. A presión ven de xeito fundamental do norte: anglosaxóns adiñeirados que buscan un clima axeitado pra disfrutar a sua xubilación, portos para os seus iates, campos de golf para o seu lecer e, por suposto, urbanizacións de luxo para vivir a todo tren.

Pouco se pode facer contra esa tendencia. Hai demasiados intereses económicos en xogo, de constructoras, do sector hostaleiro, de políticos (que cobran as suas comisión co diñeiro negro que os cidadáns pagan ao compralas suas vivendas), dos propietarios das terras,… Como todos sacamos tallada, directa ou indirectamente, deixaremonos levar.

HALLOWEEN, SAMAIN OU XAHUN

O día 1 de novembro celébrase a festividade de Tódolos Santos ou fieis defuntos. Últimamente gracias a maquinaria de márketing americana colousenos o Halloween, pra convertila noutra festa comercial (como o Nadal, o Antroido…) da nosa sociedade consumista. O certo e que a sociedade galega sucumbiu a ese fenómeno mediático esquecendo que en Galiza, como pobo celta que somos, celebramos esa festa pagana dende hai miles de anos – e que a igrexa, unha vez máis, tan ven soupo adoptar para a súa causa -, trátase do Samain ou Xahun (como propón a comunidade virtual galega fillos de Galiza)

Halloween chegou a EEUU da man dos irlandeses e espallouse por todo o mundo gracias a Hollywood. A festividade de Samain ou Xahun foi recuperada por Rafael López Loureiro (autor de Samain: a festa das caliberas) hai uns 14 aos en Cedeira e pouco a pouco foise espallando pola xeografía galega, ata o punto de que hoxe en día ensínaselle os cativos na escola a orixe desta festa.

Para a prepararmos como galegos de orixe celta que somos esta antiga celebración do ciclo anual celta, velaquí tedes algúns apontamentos tirados do libro Os celtas de antiga Gallaecia, de Manuel Alberro.

A noite de Xahaun caracterízase por:

– ser a festa dos mortos

– ser ocasión para a comunión cos espíritus dos defuntos

– serlles permitido aos mortos camiñar entre os vivos

– celebrar a fin da estación do verán e polo tanto do ano celta

– ser a época na que as barreiras que separan o mundo dos homes do sobrenatural (defuntos, habitantes míticos dos castros, etc.) son retiradas

– ser habituais as aparicións, os ataques ou encontros con entidades sobrenaturais (fadas, mouras, deuses…), e a morte violenta de reis

– marcar o retorno dos pastores das montañas para pasar o inverno

– celebrar o deus da morte e do frío invernal

– celebrar importantes asembleas entre as diferentes tribos

– prender un lume sagrado que despois servía para acender novos lumes en cada fogar

– celebrar xogos (algúns de adiviñación do futuro), carreiras de cabalos, disfrazarse de animais, comer unha especie de roscón de Reis con sorpresa dentro, baleiras nabos e cabazas para lles colocar luces dentro, etc.