Cando a información é incompleta e tendenciosa, é falsa.

Hoxe o diario El País volve a referirse a unhas canteiras, desta vez no Concello de Toén. A noticia é que o Alcalde deste Concello legaliza as canteiras que dende fai 10 anos extraen pedra dos seus montes. A noticia debería terse producido moito antes, precisamente pola permisividade desa actividade sen licencias, sen permisos, sen estudios de impacto, polas protestas dos veciños, etc., pero non. É noticia agora que se legalizan, quizais para por fin a esa situación de ilicitude, pero é noticia sobre todo porque o máis beneficiado sexa outro Alcalde do PP, José Luis Gavilanes Losada, de Xunqueira de Ambía.

Que insinúa a xornalista? Que si non fose o dono do PP seguiría explotándose eses recursos naturais de xeito ilegal, sen pagar impostos como todo contribuínte, sen respectar ao medio ambiente ou os dereitos dos veciños? Quizais quere dicir que se lle permitiron todas esas prácticas ilícitas durante 10 anos por ser un Alcalde do mesmo partido? Porque durante 10 anos ninguén dixo nada e si agora que se pretende porlle fin? Moitas interrogantes sen resolver. Quizais se respondan na seguinte entrega de Cristina Huete.

Non é a primeira vez que critico a xornalista de El País por unha conduta semellante. Hai máis de dous anos falaba de lastres, ataduras e hipotecas,… onde a crítica viña porque se daba unha información bastante tendenciosa en referencia as canteiras ilegais de Xunqueira de Ambía, ocultando a responsabilidade que certas persoas do seu entorno político tiñan na trama.

Agora, neste artigo, Cristina Huete volve a referirse a querela que a fiscalía presentou contra os responsables das canteiras de Xunqueira de Ambía, aos que non nomea directamente, e si reitera a vinculación que o Alcalde do Concello ten coas as mesmas segundo un informe da Policía Xudicial. Non vou ser eu quen saía en defensa deste depredador mais, si tal informe demostrase tal vinculación o Alcalde estaría entre os querelados. É máis, si tal informe puidese probar o que Cristina Huete afirma a querela non estaría na actualidade en situación de sobresemento provisional –a instancia do propio Ministerio Fiscal!-, tal e como denunciei neste blog hai unhas semanas. Como se pode facer referencia a unha querela do ano 2007 sen sequera pasar polos xulgados a preguntar en que estado se atopa? Ou, si o sabe, o que quere a xornalista é agochalo? Máis dúbidas…