Galiza, pequena nación

En Grandes Imperios, Pequenas Nacións Josep M. Colomer fai unha análise da viabilidade das pequenas nacións nun novo orden mundial dominado por grandes imperios e restándolle protagonismo e influencia, tanto a escala local como mundial, ós estados.

Para Josep M. Colomer “calquera traballo serio en ciencias sociais debería concretar: definicións e clasificación, cuantificación, hipóteses causais e teoría explicativa”. Tratarei de respectar ó máximo esta clasificación no ensaio que segue.

Os conceptos fundamentais tratados son tres: imperio, estado e nación. Co primeiro termo faise mención á estrutura política de maior tamaño, en territorio e poboación, con ausencia de límites fixos e con tendencia a expandirse, composto por diversos grupos e unidades territoriais, no que coexisten un conxunto de xurisdicións a múltiples niveis, a miúdo superpostas. É habitual confundir ‘imperio’ con réximes autoritarios e non ten porque ser así, poden albergar calquera réxime político, dende o autoritarismo de China á democracia de EEUU. Galiza pertence ó imperio europeo, un mperio en construcción.

As características que definen a un estado son o seu tamaño, menor que o do imperio, sendo normalmente grande ou mediano, o seu territorio é fixo e as súas fronteiras son formais, é soberano e monopoliza a xurisdición no seu territorio, independentemente do réxime político do que goce. Os estados tenden a homoxeneizar a administración e as características sociais e culturais do pobo. España é o estado ó que pertence Galiza, iso sí, un estado moderno, non soberano.

A nación é a forma de goberno máis pequena que estudaremos neste libro, ten altos grados de homoxeneidade étnica, definida polas características raciais, lingüísticas e relixiosas dos seus membros e sole adoptar formas de goberno simples e suaves, basadas na facilidade para configurar unha maioría social. A miúdo a nación confúndese co estado, co que coincide, pero non sempre é así. No mesmo estado poden confluír varias nacións, como sucede en España, ou varios estados poden dar lugar a unha soa nación, o exemplo máis notable é EEUU (varios estados, una nación e un imperio).

EEUU é na actualidade o imperio dominante no mundo, polo seu poderío económico e, sobre todo, militar. Sen embargo, outros imperios estanse desenrolando a un ritmo máis acelerado, ata o punto que xa se prevé que poidan igualalo -ou superalo- nun futuro próximo.

Os imperios que ameazan o seu dominio son China e Europa, pero tamén India, Brasil ou Rusia están experimentando notables avances. O autor tamén destaca la idoneidade da creación dun imperio en Oriente Próximo ou en África para rebaixar as tensións bélicas de ambas zonas. Sen embargo, estados, no mundo hai preto de 200. A súa tendencia foi a alza nas derradeiras décadas froito da segregación pacífica ou militar doutros estados, dando lugar a estados cada vez más pequenos. O maior aumento produciuse pola descolonialización, polo colapso da URSS e polas tensións políticas dos Balcáns.

O incremento de estados e o seu reducido tamaño obriga estes a unirse a outros para afrontar problemas comúns: de seguridade, económicos, estruturais e/ou políticos. A maior parte dos estados serían inviables fora das grandes redes de tamaño imperial. Isto sucede con multitude de estados resultado da descolonización que foro incapaces, por si sos de prover ós seus cidadáns dunha estrutura administrativa, de seguridade, alimentos, etc. Son os denominados estados fallados.

En Europa púidose por fin ás grandes guerras grazas á creación dunha zona económica común que posteriormente foi aumentando as súas competencias noutras áreas como o medioambiente, a cooperación policial e xudicial, política exterior, educación, cultura,… As alianzas militares permiten reducir o gasto dos estados en exércitos, a especialización dos mercados permite aumentar a produción, a promoción dunha lingua franca, o inglés, axuda a mellorar o entendemento entre diferentes culturas,… Pero a máis importante característica da creación do imperio europeo é a estabilización das democracias e o estado de benestar en todos os países membros.

O autor fai tamén referencia a dous casos particulares, o de Catalunya e o de Euskadi. Sobre Euskalerría di que é unha comunidade demasiado pequena para poder ser decisiva no Estado español, dahí a vontade independentista dunha importante parte da poboación. Tamén fai referencia á división étnica da sociedade vasca, froito das migracións sociais previas á democracia, o que supuxo un freo importante no proxecto para a libre determinación de Euskadi.

Catalunya, por poboación, a diferenza de Euskadi, si é determinante na gobernabilidade do Estado español, por iso se sente máis cómoda; sen embargo, sempre buscou máis autogoberno. Tal vez o imperio europeo sexa o marco no que se cumpran as súas expectativas.

Coincido co autor en que o mundo avanza cara unha era na que o estado irá perdendo influencia política a favor das nacións respecto ós cidadáns. Isto sucede por dous motivos: o primeiro, a descentralización política dos estados a favor de entes menores que poden adoptar multitude de formas -comunidades autónomas, provincias e concellos, no estado ó que pertencemos, ou cantón, lander, provincia,… noutros estados-. En España, na descentralización do Estado, tiveron gran importancia os nacionalismos, principais demandantes de novas transferencias. Logo, as iniciativas xurdidas dos partidos nacionalistas, vascos e cataláns, principalmente, sumáronse posteriormente outras comunidades autónomas que acabaron comprendendo que a xestión é moito máis eficiente canto máis preto están os órganos decisorios da cidadanía. Amais, o seren unidades máis pequenas as novas formas de goberno, propiciarán democracias máis participativas, nas que o cidadán e os novos movementos sociais, grazas ó desenrolo das novas tecnoloxías da información e do coñecemento, irán gañando protagonismo nas decisións colectivas. Coincidimos en que a tendencia da estrutura política do futuro estará dominada por grandes imperios e pequenas nacións, sen embargo, non se fai mención á forma na que pequenas nacións como Catalunya, Euskadi ou Galiza poderían pasar a formar parte directa dese gran imperio sen a intermediación do Estado español.

Josep M. Colomer tamén fai unha pequena referencia sobre o sistema electoral actual e o castigo ó que este somete ás pequenas formacións políticas, formacións que poderían xogar un papel importante na política do Estado de non establecerse un sistema que premie en exceso ó partido máis votado en cada circunscrición, independentemente de que sexa nacionalista ou non, sento este sistema especialmente inxusto nas circunscricións pequenas.

É por isto polo que o autor fala de baixa calidade democrática, porque este sistema provocou a desaparición de moitos pequenos partidos no pasado, que poderían ser decisivos no seu momento cun sistema máis xusto, pero moito máis no futuro. A elección deste sistema non foi casual, crían os que o adoptaron que con el se beneficiaría a dereita do país, despois dunha ditadura de dereitas que durou corenta anos, chegaron a pensar, non hai dúbida, que a xente non aceptaría outra opción distinta. Non foi así. Posteriormente, o partido que ocuparía o poder nunca cambiaría ese sistema, porque lle beneficia; aínda así, foi posible a alternancia no poder.

O autor defende a política unilateral de EEUU en referencia á guerra de Irak ó defender que se deben establecer democracias pola forza para aumentar a seguridade no mundo baixo a premisa de que xamais un estado democrático iniciara una guerra. Este razoamento é un tanto incoherente en canto que, EEUU, como estado democrático, si iniciou guerras de xeito unilateral, entre elas a de Irak. O máis probable é que esa guerra sexa froito dos movementos expansivos do imperio americano que non da democracia de EEUU. Son os perigos dun imperio, fenómeno que tampouco foi analizado neste libro.

Tamén fai referencia ó concepto de soberanía, ó parecer un concepto en constante revisión. Si entendíamos, nun principio, por soberanía a autoridade suprema que un estado ten sobre un territorio e unha poboación, e consideramos esta característica como algo propio dun estado, é evidente que no mundo actual poucos estados poderían denominarse así. A cesión de competencias que moitos estados, entre eles España, fixeron a favor de entes superiores, xa sexa en materia militar, económica e incluso política, fixeron que estes estados perderan parte da sua soberanía e, polo tanto, deberían deixar de ser denominados como tales. A reformulación deste concepto, coa que non concordo, chega a dicir que soberanía é o dereito que ten un estado para unirse a unha entidade imperial. A solución máis factible e coherente sería a facer uso de conceptos diferenciados: estados soberanos e estados non soberanos.

UN EXEMPLO ACTUAL

Recentemente Groenlandia, unha rexión de Dinamarca, aprobou un novo estatuto que lle da máis poder de autogoberno e que supón un paso moi importante cara á autodeterminación. Esta rexión ten unha extensión moi importante e unha poboación moi pequena -pouco máis de 50.000 persoas- pola hostilidade do clima. Este podería tratarse dun claro exemplo de nación pequena que necesita un imperio para sobrevivir. Ata agora Dinamarca foi a gran provedora de estruturas, administración, servizos sociais, etc. pero co descubrimento de importantes xacementos petrolíferos que co desxeo serán doadamente accesibles, Groenlandia pode ser máis que autosuficiente. O problema que se lle aveciña, no suposto de independizarse de Dinamarca, é a loita que, dende outros países, se pode desatar para a explotación deses recursos naturais, da que non poderá defenderse por si soa. Groenlandia estaría nunha posición na que podería prover as necesidades de todos os seus cidadáns, todas menos unha, a súa seguridade. Para poder facelo necesitaría formar parte dun imperio –actualmente xa forma parte do europeo a través de Dinamarca-.

GALIZA, PEQUENA NACIÓN

Nunha situación semellante podería atoparse Galiza nun futuro máis ou menos próximo. Na actualidade Galiza tamén se atopa ligada ó imperio europeo pola súa pertenza o estado español e de seguir as tendencias políticas actuais de cesión de competencias a entidades superiores -Europa- e inferiores –as rexións- aqueles territorios cunha forte identidade recoñecida, interna e externamente, poderían pasar a formar parte directa deses imperios sen a necesidade de intermediación dun estado. O que si non tería moito sentido, dada a configuración política do mundo actual, sería perseguir a creación en Galiza dun estado-nación, totalmente soberano e desvinculado a organizacións superiores, xa sexan de carácter político, militar ou económico. Para garantir estabilidade económica é preciso ter unha moeda forte e pertencer a un mercado amplo e aberto; para garantir a seguridade, será necesario formar parte dunha alianza militar, pois para Galiza é imposible afrontar o custo dun exercito que manteña afastados as forzas dos grandes imperios -americano, europeo, ruso, chino,…- dos seu recursos naturais terrestres e mariños.

Na actualidade, e máis no futuro, é imposible a supervivencia dun estado, no sentido clásico do termo, provedor de tódolos servizos -infraestruturas, estrutura administrativa, seguridade, comercio, alimento, enerxía, etc. – os cidadáns sen a cooperación supraestatal dun imperio.

Moolaade

Esta é unha das secuencias máis brutais da película, na que a protagonista e mallada en público polo seu home, obrigado polo seu irmán maior e animado polo consello de anciáns e polo grupo de purificadoras.

iRead

Este vídeo forma parte dunha campaña publicitaria para o fomento da lectura: iRead, ou o que é o mesmo,euLeo.

Grandes Imperios, Pequenas Nacions

Desta vez non vou ser eu quen extraía do libro “Grandes Imperios, Pequenas Nacións” aquelas frases máis representativas das ideas que trata de transmitir o autor, Josép M. Colomer, porque xa o fixo el a modo de sumario. É posible que eu engadise algunhas ou eliminase otras, maís o autor o que pretende con estas ideas é artellar a columna vertebral sobre a que xira a súa obra e non son eu quen para levarlle a contraria. Aí van:

  • O número de países independentes triplicouse en cincuenta anos, de modo que se reduciu o tamaño das nacións.
  • O autogoberno dunha comunidade pequena é actualmente posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, e dicir, sen ter un estado soberano.
  • Son os mercados e os bens públicos de amplia escala provistos por vastos imperios os que fan que unha pequena nación sexa viable.
  • Máis de dous tercios da poboación mundial viven nos dez grandes imperios
  • Os niveis relativos de persoal armado e de gasto militar no mundo son os máis baixos dende fai séculos.
  • Non hai globalización, senón varios eidos de mercado de tamaño imperial.
  • A maioría da xente do mundo é plurilingüe.
  • Os estados tradicionais ó estilo europeo son demasiado pequenos para a seguridade, o comercio e a comunicación e demasiado grandes para o autogoberno democrático.
  • As nacións pequenas son máis democráticas que as grandes; entr os grandes estados, os federais son moito máis democráticos que os centralizados.
  • A maior parte de América do norte, Rusia e Asia foron alleas ó modelo westfaliano e europeo de estados soberanos.
  • En moitos casos en África, América Latina e a rexión árabe a idea mesma de Estado foise frustrando porque os gobernos non ten monopolio interno nin soberanía extena.
  • A dotrina americana de asuntos exteriores postula a democratización como a mellor vía para a paz internacional, pero a democracia non require precisamente estados soberanos.
  • A pacificación de Oriente Próximo tería máis éxito co establecemento dunha Unión Árabe que promovera a cooperación económica e de seguridade.
  • Estados Unidos é unha especie de Imperio sen imperialistas.
  • A Unión Europea é un imperio democrático: expansivo, diverso no territorio e con gobernanza a múltiples niveis.
  • Coa integración económica transnacional, aumenta a especialización e as diferencias rexionais.
  • O federalismo e a descentralización dos grandes estados europeos non comportan homoseneidade, senon diversificación.
  • En Europa e outras áreas impeiais, a diferencia de feito entre a independencia formal e a autonomía das pequenas nacións é unha cuestión de grado.
  • España é o caso máis claro de intento fallido na construcción dun gran estado nacional en Europa.
  • O estado español xa non é o que era e xa non será o que puido ter sido e non foi.
  • O establecemento da democracia en España, en lugar de axudar a construcción dun estado nacional, favoreceu a integración nun gran imperio e o desenrolo das pequenas nacións.
  • Catalunya é demasiado pequena pra gobernar España, pero demasiado grande pra desentenderse dela.
  • Euskadi, por tamaño, é unha nación viable, pero está dividida internamente en duas comunidades.
  • Hoxe a soberanía consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea.

LEO, LEO,..

Últimamente cústame sinalar un só libro e rescatar del aquelas aportacións que me resultan máis interesantes. A razón é que estou lendo demasiados libros a vez. No apartado de economía comencei a ler a principios de agosto “Curso de Bolsa e mercados financieiros” de José Luis Sánchez Fernández de de Valderrama, ideal para coñecer as razóns deste mercado convulso; recentemente, o abeiro dos premios Novel, descubrín a faceta literaria de Paul Krugman, premio Novel de Economía 2008 -o cal coñecía únicamente polos seus artigos no diario El País-, así que me fixen coa súa derradeira obra: “Despois de Bush: a fin dos neocón e a hora dos demócratas“. Tampouco puiden evitar porme con el.
Entre a económía e a política -podería ser economía-política- está “Europa: O continente pensado” de Camilo Nogueira onde o autor debulla a construcción Europea e sinala os retos políticos que lle agardan. No apartado de política interésame especialmente a nova ola participatica que está a mudar a forma de facer política nos concellos. Trátase dun novo salto nas liberdades do cidadán, a última revolucuión política: os presupostos participativos. Para entender mellor o funcionamento deste fenómeno merquei o libro de Boaventura Sousa Santos, “Democracia e participación: o exemplo do presuposto participativo de Porto Alegre“, cidade na que comenzou a aplicarse este sistema polo Alcalde do Partido dos Traballadores, Tarzo Genro, aló polo ano 1989. Pendente de iniciar a súa lectura, e iso que é o que me corre máis presa, para poder presentar un ensaio crítico en decembro, é “Grandes imperios, pequenas nacións” de Josep M. Colomer. Terei que aparcalos todos para poder acabalo a tempo.

 

Otro libro que estou lendo, este relacionado coa psicoloxía, é “Intelixencia Emocional” de Daniel Goleman, un ensaio sobre como o coeficiente emocional influe no devir de cada individuo por encima do coeficiente intelectual. Recentemente, para un debate sobre psicoloxía social, tiven que ler varios ensaios, artigos e un relato. Ese relato é “Só viñen a chamar por teléfono“, de Gabriel García Márquez. Tratábase de dilucidar a fronterira entre o que a sociedade considera “normal” ou “fora do normal”. Por suposto, recomendo seguir a ligazón e ler o relato.

 

GALIZA NA UNIÓN. A PORTA ATLÁNTICA

En Galiza na Unión. A porta Atlántica Camilo Nogueira fai un reconto dos pros e contas que supuxeron para Galiza a entrada na Unión Europea, daquela Comunidade Económica Europea. Fai tamén unha singular comparación entre Galiza e Irlanda, países que teñen características que lles son comúns: territorio, poboación, sectores productivos,…; pero tamén algo que as diferencia: unha está vencellada a Europa como nación, Irlanda, e outra, Galiza, non. A evolución económica e social dun e outro povo irá moi ligado a dita condición. O certo é que a Unión Europea, hoxe en día, é un espazo aberto e cheo de oportunidades. Compre recuperar o tempo desperdiciado.

Galiza na Unión. A Porta Atántica
Camilo Nogueira

Outras ensinanzas do autor:

  • A consciencia de Galiza como nación europea estaba nos galegistas do tempo da emerxencia das nacións de mediados do século XIX e no rexurdimento galegista de entre dous séculos, formando parte tamén do pensamento e da acción das irmandades da fala e do Partido Galegista da primeira metade do Século XX.
  • Manuel Murguía fundamentou as aspiracións nacionais de Galiza no carácter céltico que a relacionaba cos países atlánticos de Europa, e no pasado suevo, considerando a etnia e a cultura como base da nación (…), coidando que a Patria é antes que nada a consciencia de Patria (…) e expresando o dereito de cada nación de dispor libremente do seu destino.
  • Instaurar a paz e a liberdade, permanentes na humanidade, (é un) ideal que endexamais se poderá realizar, mentras uns povos vivan de asoballar a outros, Castelao dixit.
  • De acordo con Otero (Ramón Otero Pedrayo) o galegismo participaba dunha idea na que a liberdade dos galegos coincidiría coa “liberación de Galicia en ben de Europa” e tamén do mundo.
  • O lider nacionalista galego (en referencia a Castelao) aseguraba que “os farautes do Federalismo europeo aínda non son auténticos federalistas, porque para selo sería preciso que pensaran máis nas nacións e menos nos estados”.
  • Mal amariamos a humanidade se non comezamos amando a nosa Patria.
  • Se Galiza fose un Estado tería sido considerada a súa situación socio-económica específica.
  • En tanto que institucións de governo doutras CCAA movían as súas pezas para situárense cun poder propio tanto político como económico no tempo do esvaemento das fronteiras europeas, a Xunta careceu de toda iniciativa que non fora de esperar favores que non chegarían e que de chegaren faríano en forma de cativas esmolas.
  • Entre tanto Irlanda era un sitio distinto. Un Estado de dimensión semellante a Galiza, contando en 1988 cunha renda por habitante non moi diferente (…), pasou a ser o de maior renda relativa (…) só superado por Luxemburgo. (…) O crecemento irlandés foi o resultado da plena utilización como estado dos Fondos Estruturais e de Cohesión procedentes da UE ao servizo dun proxecto nacional no desenvolvemento industrial, a educación e a investigación, algo que en Galiza non existiu.
  • Non faltou quen, desde o governo galego, daquela do mesmo signo político que o de Madrid, defendera a política de mobilidade co argumento impertinente da liberdade individual dos traballadores galegos.
  • Para Xavier Vence a política de administrar rutineiramente os recursos limitándose a esparexelos entre a miríade de intereses cativos ou a facer obras de dubidosa rendabilidade social impediu tratar os problemas estratéxicos do país.
  • A actitude autista do governo galego reproduciríasse no tocante a industria de transformación do leite. Nen apoiou seriamente a criazón dun grupo lácteo galego, nen promoveu a instalación en Galiza das empresas que se nutrían no país (respecto a isto hai que dicir que non temos mellorado moito nestes últimos anos)
  • Non se pode obviar que a consolidaión e expansión dos cultivos mariños en Galiza estarán especial e crecentemente ligadas a necesidade de solucionar os problemas medioambientais que poidan causar.
  • Estando presente na Unión Europea, e fronte á ideoloxía do Estado español, Galiza pode expresar mellor o seu caracter de nación e a realidade internacinal, diferencial e independente do mesmo. Pode manifestar mellor a identidade lingüística que a singulariza, para alén do Estado español (…). Dentro da Unión é posibel unha nova pedagoxía sobre Galiza como nación emancipada e sen fronteiras.
  • Os Estados están máis dispostos a transferiren competencias de soberanía á UE que a darlle carta de natureza as nacións internas.
  • As posibilidades do traballo en común poden resultar especialmente acrecentadas se as duas nacións (Portugal e Galiza) se recoñecen como un territorio lingüístico e cultural común, que singularice e diferencie os seus caracteres.
  • Empresarios galegos teñen paradoxalmente a tentación de relacionarénse cos portugueses en castelán, e portugueses, suxeitos tamén a un prexuicio histórico a respecto de Galiza e de España, a aceptaren como norma tan inculta anomalía.
  • Cada lingua contén, articula e transmite non só unha carga única de memoria vivida, tamén unha enerxía construtora de tempos futuros, unha potencialidade para o mañá. A morte dunha lingua é irreparabel e diminue as posibilidades do home, sendo inadmisibel e contraria ao xenio de Europa que está vencellado a diversidade lingüística, cultural e social. George Steiner.
  • A conveniencia dun prudente e se se quere demorado, mais inequívoco, cambio de rumbo sobre a lingua, non ten que ver só coa normalización do seu uso, senón tamén coa conservación e mellora da súa calidade.
  • Non está de máis imaxinar o que proporían hoxe, sabendo o que firmaron e estando en circunstancias infinitamente máis favorabeis que as que lles tocaron vivir, precursores como Sarmiento, Murguía e Castelao.