O nacionalismo Galego nos seus programas políticos. O século XX

A Fundación Galiza Sempre recolle neste volume algúns dos principais textos políticos producidos polo nacionalismo galego no século XX. Comeza co Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo, 1918, da que me chama a atención, nada máis comezar a súa lectura, o que di a previa (I Previa):

Tendo a Galicia todal-as características esenciaes da nazonalidade, nós nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra doda a intensidade dos nosos problemas.

Que cambiou nos derradeiros 90 anos, ou mellor dito, nos derradeiros nove meses, para que quen se presentou, non hai moito, como candidato a presidencia da Xunta de Galicia polo nacionalismo galego, de súpeto, se converta en Presidente do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos? Son tan cativas as aspiracións do novo nacionalismo que xa se permite xogar ós triles coas verbas nacionalismo, rexionalismo e autonomismo?

Grazas por nos espertardes!


O vindeiro domingo, día 18, convocados pola plataforma Queremos Galego, producirase a maior manifestación a prol da lingua galega da historia de Galiza. As razóns que a motivan: os continuos ataques e vexacións as que se ve sometida a nosa lingua -e os que a falamos- polo actual goberno da Xunta de Galiza, ignorando o mandato do Estatuto de Galiza que prioriza o galego sobre calquera outra lingua, o da Constitución, pola que tanto babean, que establece un marco de especial respecto e protección para as linguas do estado, e mesmo contrariando as directrices marcadas pola Unión Europea respecto das linguas minoritarias que obrigan a velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo.

Pode que non acade a mesma repercusión nos medios españois de España como si tiveron outras manifestacións minoritarias que defendían xustamente o contrario, nin sequera nos medios españois de Galiza mais, pese ós atrancos mediáticos, a preocupación polo galego si está calando forte en tódolos sectores da sociedade, fartos xa do eterno sometemento a unha lingua de fora: a castelá.

Por riba, tivemos que soportar o victimismo bífido daqueles castelán-falantes que non son máis vítimas que da súa propia ignorancia, da súa torpeza para aprender linguas e/ou dos seus complexos de inferioridade para falar a lingua de seus pais; é este un vitimismo inxustificado, en tanto que a lingua realmente agredida non é outra que a galega, practicamente inexistente na maioría dos medios de comunicación (prensa, radio, televisión,…), na cultura (libros, cine, exposicións, deporte,…), nos servizos privados e públicos (xustiza, menciña, ensino,…) e un largo etcétera.

Non era suficiente a marxinación a que xa estaba sometida a lingua propia do país para que, dende a chegada do Sr. Feijóo a Xunta de Galiza se eliminase a obriga do galego para o acceso a administración pública, se reduza a súa presencia no ensino, se eliminen as axudas a tradución,… e así toda unha ringleira de ataques a nosa identidade en contra do que manda o Estatuto, a súa defensa. Isto é o que nos move.

O vindeiro domingo reuniranse en Santiago de Compostela nenas e nenos, mulleres e homes do campo e da cidade, xente traballadora, con e sen traballo, da terra e do mar, o empresariado, o funcionariado, xubilados, xente de esquerdas ou de dereitas, nacionalistas de aquí –non os de alá– non nacionalistas e galeguistas, xente seria, de esmorga, ridiculistas,… unha maréa de xente diversa comprometida co que é máis seu: a lingua galega; e cunha mensaxe clara: QUEREMOS GALEGO!!!

Europa e a lingua

Vimos de vivir unha xornada de exaltación da lingua, no día das Letras Galegas, na que o pobo galego manifestou os seus desexos de igualdade de dereitos para a lingua galega fronte o apartheih que promove o actual goberno dende a Xunta. Agora é o momento de pasar do dito ó feito e pórse a defender a lingua dende unha institución, a europea, que ten feito polas linguas das pequenas nacións, como a nosa, máis que o propio estado ó que pertencemos.

A futura Unión Europea composta polos vintesete Estados membros, os países candidatos (Croacia, Turquía,…) e a comunidade turcochipriota forman unha colectividade de máis de trescentas rexións, con sesenta comunidades lingüísticas e uns corenta millóns de falantes das preto de corenta linguas consideradas rexionais ou minoritarias. Na actualidade son vintetrés as linguas oficiais máis a Unión Europea aplica os principios de diversidade lingüística e de non discriminación por razón de lingua (artigos 21 e 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE) non só a estas senón tamén as linguas rexionais ou minoritarias faladas por diversos grupos de poboación, permitindo o seu uso nas institucións europeas, feito que ata hoxe se nos ten negado nas institucións españolas.

Tamén é certo que todos estes datos apuntan a unha dobre problemática. Por un lado, subliñan a necesidade de considerar a diversidade cultural que atesoura Europa. A UE non se pode converter nunha nova ferramenta de imposición cultural sobre as minorías. Polo tanto, será necesario crear os instrumentos precisos para respectar esta realidade e permitir que se manifeste tamén no enramado institucional europeo. Neste sentido, por exemplo, é imprescindible que tódalas linguas recoñecidas como oficiais nalgún territorio dos países membros poidan ser tamén lingua oficial da UE, para que as dimensións dos países non xeren inxustizas, e posiblemente tamén sería necesario reformar o Consello das Rexións, actualmente cun papel moi secundario.

Por outro lado, hai que garantir a eficiencia das institucións que non se poden ver paralizadas pola variedade lingüística europea. Unha posible solución podería consistir en distinguir entre linguas oficiais e linguas de traballo, e limitar moito estas últimas. Hai quen propuxo que soamente se recoñezan seis linguas de traballo, das cales dúas poderían ser romances, dúas saxonas e dúas eslavas.

Forma parte da política da UE protexer e fomentar o respecto, a apertura e a tolerancia cultural e lingüística. Conforme o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, a UE debe respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo. Para que a Unión Europea non se converta nun crisol redutor das diferencias, senón un espazo que aprecie a diversidade como fonte de riqueza é preciso que as forzas políticas minoritarias máis identificadas con estas culturas, as forzas nacionalistas, gañen máis representatividade na eurocámara para frear iniciativas como a recentemente presentada polo PP na que lle pedía ós Estados membros da Unión Europea que garantisen o dereito dos pais a escoller a lingua na que se educa ós seus fillos.

Recruase a loita entre relativismo e universalismo cultural en Galiza

O postulado esencial que sostén o relativismo lingüístico é que a lingua inflúe de xeito decisivo no pensamento e que consecuentemente a nosa visión do mundo encontrase configurada pola lingua que falamos. A lingua é, para os relativistas, un elemento fundamental que permite diferenciar as distintas culturas e comunidades humanas. É o galego, a nosa lingua, a que nos fai ser tamén diferentes politicamente.

Este feito non é ignorado polos máis radicais defensores do universalismo, entre eles os actuais dirixentes do Partido Popular. Son eles quen baixo o pretexto da existencia de valores, xuízos morais e comportamentos con un valor común e absoluto para toda a humanidade, xustifican a dominación dunhas linguas sobre outras. Dende o PP non buscan erradicar a lingua galega, senón o pensamento diferenciador que xorde na nosa sociedade como comunidade lingüisticamente diferenciada.

Alguén é capaz de imaxinar un nacionalismo galego sen lingua galega? A singradura dun e outro van parellos… e os resultados electorais me remito.

Lectura recomendada: Sobre relativismo cultural e universalismo ético en torno as ideas de Ernesto Garzón Valdés, por Luis Villoro.

James Joyce e a lingua

[…]

– É francés o que vostede fala, señor? -dixo a vella a Haines.

Haines faloulle de novo, extensa e confidencialmente.

-Irlandés -dixo Buck Mulligan-. Ten vostede algo de gaélico?

– Pareceume irlandés pola súa pronunciación -contestou ela-. É vostede do Oeste, señor?

– Son inglés.

– El é inglés -dixo Buck Mulligan- e pensa que en Irlanda deberíamos falar irlandés.

– Seguro que si -dixo a vella- e avergoñome de non falalo. Os que saben dixeronme que é unha grande lingua.

– Grande non é o nome que hai que darlle -dixo Buck Mulligan-. É decididamente maravillosa

ULISES

O neno do pixama a raias

Logo de ler tantas boas críticas deste libro, tantas recomendacións, de velo durante tantas semanas no primeiro posto da lista de vendas,… logo de lelo teño que dicir que me decepcionou. Non dubido que dará para un bon guión de cine e que ateigará os cines de xente, pero literariamente deixa moito que desexar: as descricipcións dos escenarios son parcas e, a veces, repetitivas; o mesmo ocorre cos xestos (négome a crer que un neno de 9 anos reaccione ante situacións sorprendentes diferentes do mesmo xeito). Si tivese que crear unha imaxe mental do lugar no que sucederon os feitos tería serios problemas, pero como ese lugar é de sobra coñecido, grazas a tv, é maís doado, como tamén é doado decatarse de canto se afasta da realidade. O neno que da nome o libro -o do pixama- non aparece ata a metade do libro e, a partir de ahí, encóntranse esporádicamente, enchendo o libro doutras anécdotas que lle suceden na súa nova casa. O final tamén resulta bastante previsible… abofé que fará derramar lágrimas nas salas de cine.

Considero que o seu éxito pode deberse ó feito de tratarse dun neno alemán (por ser neno e por ser alemán, fillo dun comandante nazi) e dun neno xudeo nun campo de concentración. Supoño que ahí radica boa parte do seu éxito comercial (o lobby semita é poderoso). Estou seguro de que si o autor escollese para os seus personaxes protagonistas ó fillo dun xeneral israelí e a un neno palestino o libro nunca vería a luz.