Europa e a lingua

Vimos de vivir unha xornada de exaltación da lingua, no día das Letras Galegas, na que o pobo galego manifestou os seus desexos de igualdade de dereitos para a lingua galega fronte o apartheih que promove o actual goberno dende a Xunta. Agora é o momento de pasar do dito ó feito e pórse a defender a lingua dende unha institución, a europea, que ten feito polas linguas das pequenas nacións, como a nosa, máis que o propio estado ó que pertencemos.

A futura Unión Europea composta polos vintesete Estados membros, os países candidatos (Croacia, Turquía,…) e a comunidade turcochipriota forman unha colectividade de máis de trescentas rexións, con sesenta comunidades lingüísticas e uns corenta millóns de falantes das preto de corenta linguas consideradas rexionais ou minoritarias. Na actualidade son vintetrés as linguas oficiais máis a Unión Europea aplica os principios de diversidade lingüística e de non discriminación por razón de lingua (artigos 21 e 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE) non só a estas senón tamén as linguas rexionais ou minoritarias faladas por diversos grupos de poboación, permitindo o seu uso nas institucións europeas, feito que ata hoxe se nos ten negado nas institucións españolas.

Tamén é certo que todos estes datos apuntan a unha dobre problemática. Por un lado, subliñan a necesidade de considerar a diversidade cultural que atesoura Europa. A UE non se pode converter nunha nova ferramenta de imposición cultural sobre as minorías. Polo tanto, será necesario crear os instrumentos precisos para respectar esta realidade e permitir que se manifeste tamén no enramado institucional europeo. Neste sentido, por exemplo, é imprescindible que tódalas linguas recoñecidas como oficiais nalgún territorio dos países membros poidan ser tamén lingua oficial da UE, para que as dimensións dos países non xeren inxustizas, e posiblemente tamén sería necesario reformar o Consello das Rexións, actualmente cun papel moi secundario.

Por outro lado, hai que garantir a eficiencia das institucións que non se poden ver paralizadas pola variedade lingüística europea. Unha posible solución podería consistir en distinguir entre linguas oficiais e linguas de traballo, e limitar moito estas últimas. Hai quen propuxo que soamente se recoñezan seis linguas de traballo, das cales dúas poderían ser romances, dúas saxonas e dúas eslavas.

Forma parte da política da UE protexer e fomentar o respecto, a apertura e a tolerancia cultural e lingüística. Conforme o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, a UE debe respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo. Para que a Unión Europea non se converta nun crisol redutor das diferencias, senón un espazo que aprecie a diversidade como fonte de riqueza é preciso que as forzas políticas minoritarias máis identificadas con estas culturas, as forzas nacionalistas, gañen máis representatividade na eurocámara para frear iniciativas como a recentemente presentada polo PP na que lle pedía ós Estados membros da Unión Europea que garantisen o dereito dos pais a escoller a lingua na que se educa ós seus fillos.

5 comentarios en “Europa e a lingua”

  1. O Estado espanhol tam “descentralizado” e “plurinacional” nom permite que o galego-português, a segunda língua románica mais falada no mundo e oficial na UE, seja empregada em Madrid, como veta igualmente ao eúskaro e ao catalám? É tam custoso pôr uns tradutores? Sera que os quartos fam falha para corruptelas e para a banca.
    Por sua parte a Junta da Galiza deveria reconhecer desde já a grafia histórica do galego e que este pertence ao mesmo diassistema que o português, sendo as duas denominaçons habituais noutras línguas (catalám-valenciano; asturianu-llionës; castellano-español, flamengo-holandês, etc.). O português deve incorporar-se ao ensino é umha vergonha que a sua implantaçom na Estremadura espanhola seja muito maior do que na Galiza, onde é falado por umha grande parte da populaçom com mui pequenas diferenças.

  2. Coido que concordamos en todo agás en que galego e portugués son unha mesma lingua. Son máis que pequenas diferenzas as que nos separan tanto do portugués como do castelán (ainda hai quen considera o galego un dialecto deste). Hoxe o galego é considerado unha lingua propia e querer asimilalo ó portugués supón renunciar a iso (e tamén a nosa identidade como pobo culturalmente diferenciado). Non deberíamos dar ese paso que, para min, sería un paso atrás.

  3. Claro que o galego é um idioma própio. Escrever galego com grafia portuguesa nom implica dizer que o galego é um dialecto polo menos para min. Considerar ao galego um idioma dialecto do castelhano é ter umha inorância supina do tema, muito máis supina que o que o considera do Portugués. O galego RAG escreve-se com grafia espanhola porque os autores do rexurdimento nom conhecerom outra grafia, porque os agentes socializadores que receverom eram só castelhanos, por isso nom se escreve na grafia histórica e tradicional… Que os agentes socializadores que lhes forom impostos a Murgía, Rosalia, Pondal, Curros… foram casteláns só tem umha raçom: Séculos escuros. Nom se pode alegar que escrever em grafia portuguesa é um passo atras pois com dicia carvalho calero: O galego ou é galego-castelhano ou é galego-portugues.

    Creio que é importante que tudo o nacionalismo e a sociedade galega (a de verdade) permaneza unida agora máis que nunca pero também creio que a UE é instrumento inutil que de pouco lhe vai servir o nosso idioma, pois para o unico que nos serviu a nós foi para foder-nos. aí os sectores primarios deste país entre outros.

  4. O galego ten que ser galego-galego e utilizar grafía galega (nin portuguesa nin española). O galego ten suficiente legado cultural para sacar de aí a súa propia grafía, sen ter que ollar para ningún outro lado. Falo de confusión entre galego e portugués cando se di, por exemplo, que o galego é unha lingua internacional, falada en varios países,… Evidentemente, cando se di isto, non se está falando do galego, que só se fala en Galiza, senón do portugués.

    Por outro lado, teño que dicir que este debate non axuda nada na promoción da lingua.

    Sobre o papel de Europa, disentimos. Pode que os danos causados pola Unión no plano económico (naval, agrícola e gandeiro, pesqueiro,…) afecten dalgún xeito ó noso acervo cultural, sen embargo, non pode negarse que a postura da UE é declaradamente proteccionista das culturas e linguas das pequenas nacións ó contrario do que sucede dende o estado español onde non se pretende outra cousa que a sumisión das culturas nacionais sobre a estatal e, onde calquera medida protectora daquelas é considerada como un ataque a lingua dominante.

Os comentarios están pechados.