Grazas por nos espertardes!


O vindeiro domingo, día 18, convocados pola plataforma Queremos Galego, producirase a maior manifestación a prol da lingua galega da historia de Galiza. As razóns que a motivan: os continuos ataques e vexacións as que se ve sometida a nosa lingua -e os que a falamos- polo actual goberno da Xunta de Galiza, ignorando o mandato do Estatuto de Galiza que prioriza o galego sobre calquera outra lingua, o da Constitución, pola que tanto babean, que establece un marco de especial respecto e protección para as linguas do estado, e mesmo contrariando as directrices marcadas pola Unión Europea respecto das linguas minoritarias que obrigan a velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo.

Pode que non acade a mesma repercusión nos medios españois de España como si tiveron outras manifestacións minoritarias que defendían xustamente o contrario, nin sequera nos medios españois de Galiza mais, pese ós atrancos mediáticos, a preocupación polo galego si está calando forte en tódolos sectores da sociedade, fartos xa do eterno sometemento a unha lingua de fora: a castelá.

Por riba, tivemos que soportar o victimismo bífido daqueles castelán-falantes que non son máis vítimas que da súa propia ignorancia, da súa torpeza para aprender linguas e/ou dos seus complexos de inferioridade para falar a lingua de seus pais; é este un vitimismo inxustificado, en tanto que a lingua realmente agredida non é outra que a galega, practicamente inexistente na maioría dos medios de comunicación (prensa, radio, televisión,…), na cultura (libros, cine, exposicións, deporte,…), nos servizos privados e públicos (xustiza, menciña, ensino,…) e un largo etcétera.

Non era suficiente a marxinación a que xa estaba sometida a lingua propia do país para que, dende a chegada do Sr. Feijóo a Xunta de Galiza se eliminase a obriga do galego para o acceso a administración pública, se reduza a súa presencia no ensino, se eliminen as axudas a tradución,… e así toda unha ringleira de ataques a nosa identidade en contra do que manda o Estatuto, a súa defensa. Isto é o que nos move.

O vindeiro domingo reuniranse en Santiago de Compostela nenas e nenos, mulleres e homes do campo e da cidade, xente traballadora, con e sen traballo, da terra e do mar, o empresariado, o funcionariado, xubilados, xente de esquerdas ou de dereitas, nacionalistas de aquí –non os de alá– non nacionalistas e galeguistas, xente seria, de esmorga, ridiculistas,… unha maréa de xente diversa comprometida co que é máis seu: a lingua galega; e cunha mensaxe clara: QUEREMOS GALEGO!!!

4 comentarios en “Grazas por nos espertardes!”

Os comentarios están pechados.