Berraba Carlos Aymerich na derradeira ANE: “valeu de algo chegar a acordos para a Executiva Nacional no pasado?” e contestaban algúns dos seus seareiros: “NOOON!” para acabar dicindo que toda a militancia debería acatar a decisión das urnas.
Rachar tradicións, como a de pactar a Executiva Nacional, non é unha labor doada nin pacífica pois esixe máis xutificación que calquera outro acto político por tratarse, as tradicións, dunha das fontes de lexitimación do poder, segundo Max Weber. Acadar esa xustificación é moito máis complicado cando o discurso que se fai internamente (pactos non!) resulta ser contraditorio co que se fai e practica externamente (pactos si!). Non se pode cambiar de discurso segundo as necesidades que en cada momento se teña.
Que ocorreu nos concellos de Vigo ou Lugo logo das eleccións municipais de 1999? Ou máis tarde en multitude de concellos galegos? E na Xunta de Galiza? Para “tocar” poder o BNG non tivo nin ten reparo algún a hora de realizar pactos aínda que iso supoña sempre a renuncia dos ideais defendidos ou dos proxectos e obxectivos prometidos. Non é algo subxectivo -é un feito- dicir que esa renuncia acabouna pagando sempre o BNG, electoralmente, xa sexa en beneficio do seu socio de goberno ou mesmo da oposición.
Eu pregúntome si no futuro o BNG volverá a renunciar ós seus postulados para pactar co PSOE ou si, pola contra, o “novo” BNG respectará o ditado das urnas e ocuparan a posición que estas lles reserven. Vendo o que di o documento político aprobado pola ANE decántome pola primeira das opcións (“temos que abordar abertamente os pactos co PSOE sobre a base de estratexias políticas comúns”). Haberá que estar especialmente atentos ós “apaños” que fagan os membros de +BNG nos seus respectivos concellos. Valorarase a súa coherencia.
Aceptar o que digan as urnas, aceptar o que diga a cidadanía, implica que si es a segunda ou terceira forza política na disputa non podes acabar sendo unha forza do goberno grazas ós “apaños”, que dirían algúns si se realizasen dentro da propia organización, con outra forza política. Compre ser coherente entre o que se di e se fai, dentro e fora.
Si por algo a min me gusta a teoría de G. Ferrero sobre os principios de lexitimidade é porque da no cravo, mellor que ninguén, sobre o que sucede cando alguén non os respecta, pois, segundo este autor, rexorde entón “un espírito revolucionario, o espírito da revolta contra a lei, do odio e o desprezo contra a legalidade que se amoucha no máis fondo dos corazóns humanos”. Moito me temo que este espírito, “o maligno”, está esperto e non descansará ata restablecer a normalidade.