Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.
Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.
Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.
É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.
Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.
… por pedilo non será.