A vasta conspiración

Este título ocorréuseme cando estaba lendo un episodio así titulado en “Despois de Bush”, de Paul Krugman, e de como o movemento conservador estadounidense exerce un dominio absoluto sobre o partido republicano.

Este domino resúmese na existencia “dunha vasta conspiración dereitista, isto é, atópase en acción un enramado de institucións que, en última instancia, responden ós intereses dun reducido grupo de persoas encargadas de recompensar ós leais e penalizar os desafectos. Esas institucións pon a disposición de políticos obedientes os recursos necesarios para gañar eleccións, refuxios seguros en caso de derrota e oportunidades de levar a cabo unha lucrativa carreira profesional unha vez o seu mandato toque a súa fin. Ademais non deixan de garantir unha cobertura mediática favorable ós políticos adeptos a liña oficial do partido, o tempo que acosan e minan ós que se amosan contrarios a ela, sen deixar tampouco de prestar apoio a unha lexión de intelectuais e activistas do partido”.

Aínda que estes think tanks do partido republicano se asemellan máis ós que conforman o halo do Partido Popular, si teño que dicir que identifico algúns dos seus métodos con certos comportamentos que se deron nos últimos anos no Bloque Nacionalista Galego e, tendo en conta esas actitudes, fanme maquinar esta teoría “conspiranoica” nacionalista:

Ben é sabido da perda de capacidade do BNG para atraer novos votantes e para conservar ós máis críticos, sen embargo, esta organización conserva intacta a súa capacidade para fagocitar a outras organizacións políticas de semellante corte ideolóxico. Ningunha outra organización nacionalista será capaz de atopar un espazo destacado en Galiza mentres o BNG subsista.

A tentativa máis clara de converter o BNG en algo distinto ó que sempre foi -nacionalista, soberanista e de esquerda- veu da man do quintanismo, buscando achegarse ese centro galeguista que se sente orfo dende a inclusión das súas formacións máis representativas no Partido Popular. Non teño ningunha dúbida de que si os resultados do 1-M fosen outros esa transformación do BNG continuaría e faríao con éxito, pero agora, co PP no poder aqueles galeguistas que antes coqueteaban co BNG volven ir agarrados da man do PP. O capital non se pode permitir perder un só ano, menos, como parece, unha longa travesía ó lado do BNG na oposición.

Perdida a oportunidade de transformar o BNG só lles queda unha opción: a creación dunha nova organización nacionalista de centro, capaz de abarcar un sector máis amplo do electorado que o do BNG. O principal problema co que se atopa ese proxecto é o propio BNG que representa para a cidadanía o “voto útil” nacionalista o que lle permitiría atrapar a ese electorado, englobalo na súa masa social -que non na súa militancia- para finalmente destruír esa hipotética alternativa.

Para que outro movemento nacionalista sexa viable no país compre primeiro rematar co BNG. Por iso non resulta de todo contrario a razón pensar que hai quen, dende dentro da organización, pretenda a súa morte, para logo rexurdir dende outra formación. Mais, quen son os máis interesados en que isto ocorra? Quen defende que a organización manteña a súa liña ideolóxica tradicional e quen pretende mudala?

Hai boicot do BNG a Iniciativa Internacionalista?

Veño de votar e aínda non me pasou o espanto. Entrei a unha cabina do meu colexio electoral (Consellería de Sanidade, Avenida de Zamora, Ourense) e comecei a mirar papeletas. Sempre me asombra ver tantas candidaturas e tan variadas, de partidos dos que nunca oíra falar e sempre me paro a lelos todos, un a un. Seica había trinta e cinco, segúndo me dixeron logo. Destas candidaturas minoritarias buscaba unha que soou moito nas derradeiras semanas: Iniciativa Internacionalista. Cal foi a miña sorpresa cando non a atopei!

A miña mente retorcida empezou a maquinar do revés e enseguida vin un responsable do sucedido. Pregunteime: a quen prexudica que esa papeleta esté na cabina? Só hai unha resposta, verdade?

Dirixinme ó Presidente da mesa e díxenlle que non había papeletas deste partido. Quedou sorprendido pois confiara nos interventores dos distintos partidos esa tarefa. En segundos botouse enriba miña, como can de presa, Xosé Carballido, interventor do BNG. Dixo estar estrañado pola falta desas papeletas nas cabina, pois “el mesmo” se encargara de comprobar que estaban tódalas papeletas de tódolos partidos… Como diría Baltar “puxemos ó rato a coidar do queixo”. Finalmente, este Señor acabou pedíndome desculpas por unha situación que non era responsabilidade súa, senón do Presidente da mesa. Excusatio non petita, accusatio manifesta.

Non era a de Iniciativa Internacionalista a única que faltaba, tampouco estaba a de Esquerda Anticapitalista. E non podo dicir que faltasen máis porque eu non coñezo todos os partidos que concorren mais imaxino que non son os únicos. Esta é a problemática que atinxe ós partidos pequenos: a loita deshonesta que practican os partidos maioritarios.

Traxicomedia

Si como afirmaba Horace Walpole “a vida é unha comedia para os que pensan e unha traxedia para os que senten”, o nacionalismo, como ideoloxía e movemento social e político que mistura pensamento e sentimento, debe ser unha traxicomedia.

Resulta cómico ver como logo de cada tropezón electoral a dirección do BNG atopa sempre un factor externo sobre o que fundamentar ese resultado: a prensa, un atentado, a españolización da política galega, a vulnerabilidade ideolóxica das súas bases, o poder económico da dereita,… Escusas que poden valer para conformar a razón de moitos votantes e militantes mais, si “todos nós temos dúas mentes, unha mente que pensa e outra que sente” como suxire Daniel Goleman, tamén será preciso darlle o seu a esta outra parte do noso ser.

Esta falta de respostas, debida a interrupción das conexións existentes entre os órganos de dirección do BNG e a base social do nacionalismo, provoca unha asombrosa ineptitude para calibrar o significado emocional dos acontecementos (insisto, non debemos esquecer que o nacionalismo ten unha dose moi importante de sentimento co que xogan -ou no que furgan- os movementos nacionalistas), producindo dentro da organización un mal endémico que lle fai perder a capacidade de conectarse coa sociedade dun xeito fluído e saudable. É o que en psicoloxía se chama “cegueira afectiva”. Esta é a parte tráxica do nacionalismo galego.

Desesperante lista de espera

Hai unhas semanas fun pedir cita para facer unha analítica. Non houbo ningún problema para que ma desen para o día que eu lles indiquei. Sen embargo, ó pedir cita para o médico, para ver o resultado da mesma analítica, déronma para máis aló dun ano.

Xa sei que non é responsabilidade de ninguén. Non é culpa do actual goberno, que acaba de entrar, nin do bipartito, que xa herdara ese problema da “era Fraga”. A culpa témola nós por aguantar e calar… claro que, pouco máis podemos facer!