Este título ocorréuseme cando estaba lendo un episodio así titulado en “Despois de Bush”, de Paul Krugman, e de como o movemento conservador estadounidense exerce un dominio absoluto sobre o partido republicano.
Este domino resúmese na existencia “dunha vasta conspiración dereitista, isto é, atópase en acción un enramado de institucións que, en última instancia, responden ós intereses dun reducido grupo de persoas encargadas de recompensar ós leais e penalizar os desafectos. Esas institucións pon a disposición de políticos obedientes os recursos necesarios para gañar eleccións, refuxios seguros en caso de derrota e oportunidades de levar a cabo unha lucrativa carreira profesional unha vez o seu mandato toque a súa fin. Ademais non deixan de garantir unha cobertura mediática favorable ós políticos adeptos a liña oficial do partido, o tempo que acosan e minan ós que se amosan contrarios a ela, sen deixar tampouco de prestar apoio a unha lexión de intelectuais e activistas do partido”.
Aínda que estes think tanks do partido republicano se asemellan máis ós que conforman o halo do Partido Popular, si teño que dicir que identifico algúns dos seus métodos con certos comportamentos que se deron nos últimos anos no Bloque Nacionalista Galego e, tendo en conta esas actitudes, fanme maquinar esta teoría “conspiranoica” nacionalista:
Ben é sabido da perda de capacidade do BNG para atraer novos votantes e para conservar ós máis críticos, sen embargo, esta organización conserva intacta a súa capacidade para fagocitar a outras organizacións políticas de semellante corte ideolóxico. Ningunha outra organización nacionalista será capaz de atopar un espazo destacado en Galiza mentres o BNG subsista.
A tentativa máis clara de converter o BNG en algo distinto ó que sempre foi -nacionalista, soberanista e de esquerda- veu da man do quintanismo, buscando achegarse ese centro galeguista que se sente orfo dende a inclusión das súas formacións máis representativas no Partido Popular. Non teño ningunha dúbida de que si os resultados do 1-M fosen outros esa transformación do BNG continuaría e faríao con éxito, pero agora, co PP no poder aqueles galeguistas que antes coqueteaban co BNG volven ir agarrados da man do PP. O capital non se pode permitir perder un só ano, menos, como parece, unha longa travesía ó lado do BNG na oposición.
Perdida a oportunidade de transformar o BNG só lles queda unha opción: a creación dunha nova organización nacionalista de centro, capaz de abarcar un sector máis amplo do electorado que o do BNG. O principal problema co que se atopa ese proxecto é o propio BNG que representa para a cidadanía o “voto útil” nacionalista o que lle permitiría atrapar a ese electorado, englobalo na súa masa social -que non na súa militancia- para finalmente destruír esa hipotética alternativa.
Para que outro movemento nacionalista sexa viable no país compre primeiro rematar co BNG. Por iso non resulta de todo contrario a razón pensar que hai quen, dende dentro da organización, pretenda a súa morte, para logo rexurdir dende outra formación. Mais, quen son os máis interesados en que isto ocorra? Quen defende que a organización manteña a súa liña ideolóxica tradicional e quen pretende mudala?
Mui boa a análise, mas ainda haverá que ver se efectivamente nengumha organizaçom nacionalista pode surgir em parelho ao Bloco e desde umha dinámica soberanista e de esquerdas. O povo é quem mais ordena, e quando digo povo, nom falo da massa, unicamente do povo, esse que a cada passo está mais minguado.
Quero pensar que os resultados do BNG son froito máis das aptitudes que das ineptitudes dos seus dirixentes e, polo tanto, débense a unha conspiración astutamente artellada. Son consciente que é moito forzar a imaxinación.
Supoño que en canto a sociedade deixe de identificar o voto ó BNG como voto útil para o nacionalismo existirán posibilidades reais do rexurdimento dunha nova fronte ou partido nacionalista. Co regueiro de desafectos que vai deixando o BNG esa posibilidade vaise acrecentando.
sinceramente para que poida xurdir outra cousa, penso queo BNG ten que ir aínda máis ao carallo e rexurdir un movento asociativo de base galeguista e esquerdista, é o que está sucedendo agora por exemplo da lingua? Se iso non se da, a formación doutra fronte seria inviábel
Porque a sociedade se está unindo entorno a lingua e cultura galega e, sen embargo, iso non repercute no electorado do BNG? Nótase unha clara disonancia entre o pobo nacionalista e o BNG,… e parece que vai a máis.
Por que non repercute? Pois porque non ilusiona, parece mais do mesmo. Por que a xente que noutrora estaría no BNG agora está na casa, noutras organizacións sociais (ong’s) non voto. Sigue habendo rebeldia e todo iso na mocidade, só que un partido político non lles serve para canalizar o “cambiar o mundo” e non atopan un lugar dende o que actuar.
Aí habería que voltar ás orixes, ás irmandades da fala. comezaba un movemento pero inda non tiña moita repercución politica nin electoral, igual estamos nesa parte e algo rexurdirá. Xa veremos…
Penso que mudou o concepto de traballo do bloque. O fluxo antes era de abaixo arriba, co cal, os movementos sociais eran o punto de partida das políticas. A chegada ao mando dunha determinada clase de… (aquí tería moitos adxectivos, pero os gardo por respecto) digamos..”políticos” fixo trocar o fluxo de arriba abaixo, co cal as políticas marcadas pola dirección son acatadas polos caudillos locais que non queren perder posicións.
Ca excusa da “responsabilidade de governo” un asiste ao alonxamento das protestas e as mobilizacións da xente. Movementos que antes encabezaba o bloque, mira agora coma se sitúa diante, coa excusa de esa responsabilidade, e de marcar camiños, agora adícase ao seguidismo de partidos e líderes incuestionables.
Aínda máis, sendo a xente de esquerda, iso, de esquerda, co cal non somos zombies seguidores de líderes iluminados, que gosta de pensar independientemente, non se tarda en ver o que hai, co cal diminúe o apoio. Ese apoio amósase na abstención e no voto nulo, xa que non por iso se vai votar ao Partido Español (nen socialista nen obreiro).
Por riba de todo, asistimos abraiados a un “congreso” “renovador”, onde seguen os mesmos que había antes, non hai un novo; si acaso, o discurso volta a saber ao mais rancio que había dentro do bloque.
Outra alternativa de esquerdas? Ufff difícil, a xente que vai quedando no camiño vóltase escéptica, e non vai ser doado de xuntar; ademais, nun percorrido de ese tipo faría falla un grupo coas ideas claras e que souberan conxugar forzas. Que foran fideis ao seu discurso (algo que xa se bota de menos no bloque) e que esixiran aos novos, de xeito que tiveran un certo control sobre as incorporacións.
Ao meu modo de ver, a relación afiliados/votantes non pode seguir así. Alguén debe de preocuparse e ocuparse.
Sinto terme estendido tanto, unha aperta.