@ManuelBaltar: A loita contra a corrupción demóstrase actuando contra ela, non sobreactuando nos medios

Mira que pena máis grande, non poder seguir ao fillo de…

O día que ‘calei’ a unha momia

#IIANova

Fila 7, asento 23. Nin reservando! Posición estratéxica. Diante: Fila 6, asento 25, Xosé Cid Cabido, o fillo do Pepe Cacho. Ao lado Xurxo. Detrás: Fila 8, asento 19, Xosé Luis Méndez Ferrín. Ao lado, Xan Daniel. Eles, non eu, aínda que me atopo no medio, escoltados por toda a FPG. Cando eles levantan a man eu manteñoa baixa. E viceversa. De vez en cando o amigo que teño fronte a miña caluga dille a Ferrín que levante o seu cartón pra votar. A veces pregúntalle que é o que se vota. Outras nin iso. Está aí coma o can do pastor, para que non se escape unha ovella do rabaño. Cada vez que alguén sube ao estrado, pregunta: e ese quen é? Fala cun ton que cuspe desprezo. Ese é un bolchevique! Todos o eran. Vello e rancio mestre. Quen é ese? Como se atreve? Ninguén se move do pupitre sen que el faga un apuntamento negativo. E esa? Esa vén aquí a pavonearse, di dunha compañeira de Vigo que sae a defender as súas enmendas. Cousas arrastradas do século pasado, un virus, nun corpo doente. Non ule a Anova. Ule a vello, a casa pechada. Ten que levantarse a estirar as pernas de vez en cando. Darlle vida ao sanque estancado. Hai berros, apupos, aplausos,… no ambiente. El non vai lonxe. Desde os corredores non saca ollo aos seus. A crispación si vén de lonxe. Está fora de control, mesmo para quen a provocou. El segue ao seu, altivo, mirada ferrín, fría coma o ferro, seca coma o serrín. Hai quen lanza avisos de ruptura. Que se vaian!, di o vello datrás, xa de volta. Non é doado de entender que pintan aquí, penso eu -sobre os que están detrás-. Semellan xente que odian a condición humana. Si non desexan formar perte de organizacións amplas e plurais, preferíndoas pequenas, de ideoloxías uniforme, na que todos comulguen co pensamento do amado líder, xa a tiñan, a FPG. Non é doado de comprender.

Polo corredor da dereita baixa un compañeiro, palleiro, cara a súa cadeira… e xa comeza a rosmar o vello, o suficientemente alto para que o escoite quen ten ao lado, pero tamén quen ten detrás, Chelo e outros compañeiros de Vigo, e quen ten diante; o suficientemente baixo para que non o escoite o obxectivo da súa bilis: aí vai un cadáver político, sentenza. Non puiden evitar mirar cara atrás. Vin a súa cara de noxo e odio. E ti falas de cadáveres políticos, dixen eu. E ti falas de cadáveres políticos, repetinlle. Non contestou nada. Parecía momificado. Unha momia política. Foi o dia que fixen calar a unha momia.

A #DeslealdadeProfesional é un DELITO

Para os xuices e fiscais que exercen en Ourense o delito de deslealdade profesional non EXISTE
Para os xuíces e fiscais que exercen a súa profesión en Ourense o delito de deslealdade profesional, non EXISTE?

Di o profesor Mariano Yzquierdo Tolsada que si os clientes souberan por que os seus avogados perden os preitos “habería tantas sentenzas de responsabilidade civil de avogados como as hai de médicos”. En Ourense non é doado atopar sentenzas nas bases de datos sobre este delito contra a Administración de Xustiza, a deslealdade profesional. O CENDOJ devolve un único resultado no que o acusado resultou absolto. A acusación era o Ministerio Fiscal. O acusado un procurador (andívolle preto). Semella un feito paranormal, certo. En cambio, si se poden atopar multitude de sentenzas relativas a neglixencias médicas, por poñer o mesmo exemplo comparativo que utiliza o profesor Yzquierdo. Calquera cidadán pode corroborar este feito no buscador de xurisprudencia do poder xudicial. Logo de comprobalo non sería atrevido dicir que os profesionais que exercen a avogacía ou a procuradoría en Ourense rozan a perfección. Nin un erro, nin unha neglixencia no seu haber que os levasen a ser xulgados por deslealdade profesional dende que este delito foi tipificado en 1995 (antes era coñecido como prevaricación do avogado). Non está nada mal para tratarse dunha figura delictiva tradicional da nosa historia lexislativa, que se remonta, na súa orixe, ao Dereito Romano.

Ao meu parecer non é certo que este colectivo sexa “tan bo”. Ocorre que a realidade se ve deformada pola conduta do propio cliente, que gaba ao seu avogado cando gaña un preito e cala cando o perde. A verdade agochámola nós.

A deixazón de funcións é un habito naqueles bufetes que están máis atarefados, especialmente no caso de avogados corporativos, eses que traballan para grandes compañías: aseguradoras, especialmente, telecomunicacións, eléctricas, etc. Aceptan máis carga de traballo da que poden soportar e, moitas veces, defenden intereses contrapostos, segundo a vaca que mungan. Esa deixazón fai que non se presenten recursos a tempo, que non se presenten probas determinantes, que non se prepare cada caso co celo esixido, etc. E isto  trátase dun delito, un delito de deslealdade profesional tipificado no artigo 467 do CP, que condena calquera conduta que lles sexa esixible a avogados ou procuradores que, xa por acción ou omisión, prexudiquen de forma manifesta os intereses encomendados.

A confianza depositada no profesional é unha barreira para sacar estes casos a luz. Tratase, moitas veces, dunha confianza depositada durante anos, mesmo legada de pais a fillos, como ocorreu no meu caso. Arredor de 20 anos confiando os asuntos da familia a unha persoa: José Carlos González Fernández. Hai que recoñecer que esa confianza fai baixar a garda e lévanos aos clientes a deixar que o profesional faga o traballo ao seu antollo, créndoo dilixente, cando non o é. Esa mesma confianza é a que nos fai crer todos cantos argumentos utilice o profesional para xustificar un preito perdido: que si a outra parte ten moita influencia na xudicatura, que si a xuíza ou xuíz é pouco proclive a atender os razoamentos da parte máis feble, etc. Todo para ocultar que na realidade non fixo ben o seu traballo.

Na maioría dos casos os clientes dun avogado non dispoñen dos coñecementos xurídicos que lles permita fiscalizar a súa actuación no proceso, para o cal é preciso solicitar no xulgado copia de todo o actuado (autos, rollos, etc). Foi así como descubrín o deslealdade profesional do meu avogado.  Tampouco hai moitos profesionais dispostos a facer frente a estes casos, moito menos si se trata de avogados da mesma provincia. Por iso, cando un avogado descargue a responsabilidade da perda do asunto calquera, no mal funcionamento da xustiza, cumpre pórse alerta, sendo aconsellable unha revisión a fondo de todo o proceso por un profesional alleo ao colectivo ao que pertence o letrado.

Barreiras?

A primeira barreira, como comentaba antes é o propio colectivo. Malia contar cun goberno colexiado que ten a obriga por velar polas boas prácticas dentro do colectivo, pola miña experiencia, podo afirmar que o que fan realmente, e refirome ao Colexio de Avogados de Ourense, é tapar todo o lixo que provocan os seus profesionais. Por máis evidente que sexa o erro eles verán unha labor perfecta. Seus membros, e falo en concreto dun deles, Antonio Valencia, son capaces de mentir mesmo nun procedemento criminal, cometendo perxurio, para protexerse.

A Fiscalía parece estar tan só para seguir asuntos de índole política e ignora a defensa de bens de dereito público, como é a defensa do bo funcionamento da xustiza. Polos informes da Fiscalía achegados a causa que eu presentei semella que nin leron a documentación e limítase a sinalar que non ve indicios de político. É dicir, nula dilixencia. Nunha entrevista co Fiscal, Carlos Valenzuela, que leva esta querela, este recoméndame que leve o asunto a vía civil. De tolos. Si existe un erro este debe ser recoñecido en calquera vía, civil ou penal, si é constitutivo de delito… e os erros graves dun avogado constitúen delito.

O Xuíz. Leonardo Álvarez (xa vimos). Pouco podo dicir do que penso sen atentar contra a “súa excelencia”. Así que mellor calar moitas cousas. Creo que pretende escurrir o bulto, que o asunto non saía adiante, se faga público e evitar unha avalancha de querelas contra outros profesionais do sector, co conseguinte incremento de traballo. Facer xustiza? Non está para iso…

Quen prevarica aquí?

Lendo o auto polo que o xuíz “Don Leonardo Álvarez Pérez, Titular del Juzgado de Instrucción Número Uno de Ourense” ordena continuar a tramitación das dilixencias previas contra a Concelleira de Urbanismo, Dona Áurea Soto, e o avogado que a asesorou, Don Carlos Hernández, un queda un pouco confuso. Di “Don Leonardo Álvarez Pérez, Titular del Juzgado de Instrucción Número Uno de Ourense”:

“En relación al delito de prevaricación, tal y como puso de manifiesto la Audiencia Provincial de Málaga en su sentencia de 25 de marzo de 2014, debe entenderse que para su comisión han de concurrir los siguientes presupuestos (que como a continuación se analizan concurren en el supuesto de autos): 1. Que se trate de una resolución dictada por autoridad o funcionario público, cuestión que no se discute en el supuesto de autos puesto que se censura la actuación de la concejal de urbanismo doña Áurea Elena Soto”

Ben, non pode discutirse o suposto de que Dona (eu vou utilizar a maiúscula tanto para referirme ao xuíz instrutor como a querelada, non coma no auto) Áurea Soto é unha autoridade pública, Concelleira electa pola cidadanía, máis resulta controvertido ver que lle outorga o mesmo estatus a un profesional liberal, como é o caso dun avogado, xa que nin é funcionario nin autoridade no Concello de Ourense, feito que non é descoñecido para o propio xuíz:

“Aurea Elena Soto dictó el 16 de noviembre de 2007 una providencia acordando “incoar expediente para la legalización, en su caso, de las obras ejecutadas y usos autorizados”, apoyándose en un informe jurídico emitido por el abogado Don Carlos Hernández López, abogado perteneciente al colegio de abogados de A Coruña

Da prevaricación di o CP que a realiza “a autoridade ou funcionario público que, a sabendas da súa inxustiza, dictare unha resolución arbitraria nun asunto administrativo”

En fin… que cada quen pensé o que queira!

Aniñando a corrupción política do mañá


“Nun mundo utópico o psicópata sobresaliría, xa que sería o predador, porque eso é o que fan, aproveitanse das persoas. Podemos ter unha utopía perfecta e seguiría habendo psicópatas”

Robert Hare

Niño. Substantivo masculino. 3. Figurado: Lugar onde se realiza calquera actividade non legal ou que precisa ser ocultada. Así se define no dicionario da RAG a palabra niño para referirse, en sentido figurado, tanto ao lugar no que nacen e viven os paxaros ou calquera outro animal como á actividade escura que realiza un grupo de persoas, mesturando dun xeito atinado, penso, un comportamento “animal” cunha actividade humana socialmente recriminada. Os seres humanos temos esa capacidade “animal” de aniñar para evitar o rexeitamento social, de aí a expresión “niño de serpes”. De feito, as institucións de saúde mental foron consideradas no pasado como “niños de serpes” polo xeito en que xuntaban no seu seo persoas con enfermidades mentais e sen tratamento algún. Hoxendía poderíamos usar esta mesma expresión para referirnos aos órganos de xestión das administracións.

Disque na sociedade o 1% das persoas que a conforman sofren algunha psicopatía, na maioría dos casos sen sabelo. Hai quen sube esa cifra deica un 2%. Disque en certos ámbitos, como a dirección de empresas ou no goberno da actividade pública a porcentaxe chega a multiplicarse por catro. Así, entre catro e oito de cada 100 políticos son psicópatas. É para preocuparse.

En criminoloxía para identificar a un psicópata utilizase o Test de Hare, entre cuxos ítems podemos atopar as características que os definen: locuacidade, encanto superficial e pouco sincero, personaxes moi metidas no seu papel, aparentemente intelixentes mais pouco convincentes, podendo caracterizarse como charlatans, con capacidade de falar moito sen dicir practicamente nada, artellando argumentos pseudointelectuais, xente que aparenta ser tranquila, que externamente semella levar o control da situación aínda que lles preocupa, no seu foro interno, a impresión que causan a seu redor. Os psicópatas teñen unha visión esaxerada da súa propia valía e por iso se amosan moi seguros de si mesmos, son testáns, altivos. Os seus problemas sempre son o resultado de factores externos. Son uns mentiráns patolóxicos, e minten sen dificultade, sen sentir apuro nin remordemento algún a ser pillados.

O tipo de psicópata que elixe a política para acadar canto ambiciona ten moitas posibilidades de éxito, pois nas formacións políticas, seus membros acostuman a construirse unha realidade alternativa común, viven embuídos nun remuiño de ideas sobre as que tan só os psicopatas teñen o control, conformando unha realidade case sempre allea a externa, mais reforzada con cada confrontamento con esta. A lóxica di que si a sociedade funciona mal, a teoría interna ten que ser acertada en tanto que non foi aplicada polo resto. É labor do psicópata facer crer aos compañeiros da súa organización a súa teoría en relación coa fallida praxe doutras, enxergando así o seu liderado.

Este liderado apúntalase con pequenos favores persoais, doados de cumprir, e promesas futuras, a expensas de acadar cotas de responsabilidade política. Así, o psicópata poderá facerse forte dentro do grupo, fornecido por unha rexa estrutura composta polo subgrupo que conforma o cerne. Este subgrupo non acostuma a ser maioritario, resultaría complicado de xestionar e serían moitos favores que pagar no futuro; abonda con que sexa arredor dunha carta parte do total, sen embargo, deben ser os máis activos. Xeralmente, son os que ocupan as microestruturas de poder. O resultado desa fortaleza acostuma a ter as súas raices fóra da propia formación política, aínda que é posible que xurdan dentro. Poñamos por caso un grupo de amigos de 25 persoas, que teñan unha asociación en común, que ese grupo de persoas se reúna acotío no seu local social para realizar actividades vencelladas a dita asociación, mais, que este grupo de persoas formen parte tamén dunha organización política, en cuxo ámbito territorial non acaden un cento de persoas adscritas, pero cun índice de participación moi inferior ao 50%. Para rizar o rizo, as reunións da formación política faríanse no mesmo local da asociación, por xentileza dos “asociados”, co cal gañarían o favor dalgún que outro despistado, que descoñeza a dínámica do subgrupo (rexeitable éticamente) e que xogan na casa. Si as persoas que conforman este subgrupo ten un índice de participación do cen por cen, terán sempre unha maioría absoluta e faranna valer nas asembleas da organización política, sen necesidade de buscar consensos. Pra que vas consensuar nada si podes impor a túa vontade… e o psicópata é un testán que sempre quere que se cumpra a súa vontade.

É así como estes pequenos grupos de persoas, númericamente minoritarios, poderán acadar todas as posicións de privilexio, ora en contendas electorais que vaían vindo, ora nos órganos internos da propia formación, no seu ámbito territorial e/ou superior. Isto permitiralles tamén, no suposto de contar con responsabilidades políticas nunha administración, usar o poder do que dispoñan para poder enchufar nela aos seus peóns, ofrecéndolle emprego, dirécta ou indirectamente (empresas coas que se subcontratan servizos), contratas, liñas de axuda, subvencións, avais, contactos, etc. afortalando, cada vez máis, os alicerces sobre os que se constrúe o niño. O psicópata non dubidará en corromperse el e ó grupo para manter o poder acadado, pois, como avanzamos, non diferencia entre o mal e o ben, nin lle proe facer o mal.

O niño da corrupción que vén constrúese hoxe do mesmo xeito en que os corruptos de hoxe fixeron o seu no pasado, e acostuma a ter un psicópata detrás.

Eu sei a historia dese neno

“Cando o taberneiro rematou de ler a nova inquedante –un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita- falou o vagamundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun recuncho da tasca mariñeira, e dixo:

– Eu sei a historia dese neno

Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que, os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño, e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.

– Eu sei a historia dese neno – repetiu o vagamundo. E tras dunha solerte e ben medida pausa, encomenzou.

Alá polo mil oitocentos trinta, una beata que despois morreu de medo viu sair do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!”

Esta é a historia que relata o vagamundo ao que Rafael Dieste deu vida n’Os arquivos do Trasno’, á conta d’O neno suicida’. Os máis peliculeiros poderían contarvos algo semellante respecto dos cumpreanos d’O curioso caso de Benjamin Baton” [(sic) Xa sei Bejamin Button]. De feito creo ter lido esa historia. Iso sí, tratándose dunha conta atrás de anos, ben poderían ser descumprimentos ou incumprimentos do que se tratara:

“Os que sen necesidade de sermos moi despertos, avisabamos de que a cousa non ía ben, éramos molestos primeiros –rompehuevos que diría Jorquera–, inútiles, amortizados, descontentos porque non nos deran un postiño e finalmente, disidentes”.

Este modesto manifesto viña a conto da derrota electoral coa que o BNG viña de celebrar o seu vintecinco “cumpleanos”. A derrota máis sonada e inesperada, menos para algúns. Foi a fin do bipartito. Coa careta da carraxe flúen as verbas do autor:

“Polo dano que levan feito os usurpadores, pero aínda así sei que, se é posibel rexenerar o BNG, terá que ser sen excluír a ninguén. Terá que ser unha catarse que só se poderá producir se provocamos xa, un debate fondo e aberto. E só será críbel a rexeneración se compartimos o debate coa cidadanía e deseñamos mecanismos que impidan que no futuro se reproduza a dexeneración a que chegamos. Terá que quedar claro que non é un agiornamento para resituarnos na oposición, porque só así poderemos recuperar as moitas e moitos nacionalistas de esquerda que xa non están no BNG”.

Aquí deu un golpe na madeira o taberneiro –seguindo coa metáfora do conto de Dieste– e calou o vagamundo.

A aquel vello que xa non era tan vello, na interfase da súa vida, nunha tarde negra de tormenta caeulle un raio no puño esquerdo, estando ergueito, cal pararaios, ante o son pausado dos rumorosos da costa verdecente. Quedou o vello moi vello xa non tan vello esnaquizado polo costado esquerdo, do que xurdiu por mitose outro vello máis, o vello-fillo, tan vello coma o outro, encamiñado tamén cara o suicidio. É o que ten nacer de vellos.

“De cómo despois o vello topou roupa e mantenza é cousa de moita risa” – Continúa o vagamundo. A excelente dotación de ADN que herdou vello-fillo foi tal que se fixo inevitable impedir a réplica duns mecanismos que impedisen a dexeneración que afectaba ao vello-pai, tal como ansiaba. Outra vez se volve excluír a xente: a nova curmandade nacionalista (os primos, vaía… os que picamos unha vez máis), xente de boa fe que creu nos principios establecidos pola nova forma política, principios que rexen na vida de base, si, mais non na caste que conforma as alturas, acaparando para si os mesmos privilexios que aceleran o avellantamento, mellor dito, anovamento, pois imos para mozos, cunha nova fuxida de militantes e o viramento irreversible dos simpatizantes. Non lle deu tempo ó atrevido vello a perder anos.

Terá esta terra que seguir agardando, pois, polo nacemento dun neno do que ningún vagamundo teña a ben contar a súa historia. Precísase dende a esquerda nacionalista crer no que se di: non é por resituarnos. Repiten: non é por resituarnos. Hai que facer o que se di. Cumprir, non incumprir. Non é para folgar de mozos, que diría o vagamundo do conto, a conta do traballo do vello-pai. Mais, coma aquel, esta nova criatura vai encamiñada cara o mesmo espantoso final: o sino fatal do home que vive ó revés, de vello até a diminuta semente.

– “Explícome, si, explícome que se chimpase na sen un tiro o pobre rapaz.

Os catro bebedores de augardente crían. Os cinco de albariño, surrían e dubidaban. O taberneiro negaba. Cando todos desortían máis enfervoadamente, o taberneiro ergueuse de súpeto na punta dos pés e púxose a mirar todo arredor cos ollos ben abertos. O vagamundo desaparecera sen pagar.”

Celedonio Presidente!

Na comarca da Limia, fai xa moitos anos, cando a estrada nacional cortou ao medio a Lagoa de Antela, na contorna nin existían vehículos a motor. Todo era miseria. Foron descubrindo o que eran cando os vían achegarse e afastarse pola estrada. A veces algún individuo paraba a preguntar ou mesmo a comprar calquera cousa nunha tenda, daquelas abundantes nos pobos da zona.

O dono dunha desas tendas, que se chamaba Celedonio, decidiu un día comprar una moto, canso como estaba de velas pasar, namais. Así foi. Un día emprendeu viaxe a pé cara Ourense, cos cartos para mercar a moto ben presos no seu peto. Non buscou moito, nin había moito onde buscar. No concesionario no que entrou ensináronlle varias. Ao Celedonio o único que lle preocupaba é que lle chegasen os cartos que levaba. De tódalas que lle ensinaron tivo que descartar algunhas, poucas, pois a oferta non era a de hoxendía, saíanse do seu orzamento, outras parecíanlle moi sinxelas, pois buscaba unha moto da que puidese fachendear ao chegar ao pobo. Ao fin, entroulle unha polos ollos que cumpría todas as súas expectativas. Agás o prezo, non fixo moitas preguntas.

O vendedor, que detectara a inexperiencia do comprador, explicoulle algunhas cousas sobre o seu funcionamento, pero o Celedonio non quería que os da capital o tomasen por parvo. Logo de pagar a moto pediu que lle acendesen a moto, subiu ela, e arrincou con cautela. Logo de loitar con manter o equilibrio nos primeiros metros foi collendo confianza, soltando gas e subindo marchas. Xa na estrada quedábanlle uns trinta quilómetros até a o pobo de Piñeira de Arcos. Os veciños, que sabían ao que fora o Celedonio a Ourense estaban expectantes agardando a súa chegada, e non só do seu pobo, senón tamén dos arredores. Era todo un acontecemento que un dos seus comprase unha moto, alguén que ben podía ser parente ou amigo ou simplemente un veciño. Nada que ver con todos aqueles estraños que pasaban pola estrada.

Cando os primeiros veciños divisaron a silueta dunha moto que viña de Ourense, comezou o balbordo, que se foi estendendo máis rápido do que se movía aquela moto. O Celedonio tamén se decatou da que había montada e en canto viu aos primeiros veciños saudándoo el respondeu levantando a man, respondendo saúdos coa mirada, e algunha que outra palabra. Cando viu a súa casa, onde había aínda máis xente agardando, foi cando por vez primeira lle veu unha pregunta a cabeza: como se para a moto? Para a súa desgraza, non lle veu ningunha resposta.

Así, ao Celedonio non lle quedaba máis que tirar para adiante. E seguiu acenando aos veciños que pouco a pouco e sen deixar de baixar os brazos foron transformando aquel saúdo de benvida noutro de despedida. Adeus, adeus, adeus,…

Xa preto de Benavente acabouse a gasolina e entón parou a moto. Buscou combustible para encher o tanque e, non se preguntar como se paraba a moto, arrancou de novo para o seu pobo. Desta volta xa non o agardaba ninguén, así que gardou a moto na casa e foi durmir aliviado.

Algo semellante lle sucede ao actual Presidente da Xunta. O Sr. Feijóo subiuse a un tren que non sabe parar. Cun pasado escuro e cunha imaxe política de papel cartón, conseguiu impresionar a maior parte da cidadanía que agardaban del moitas solucións. Aínda non lle coñecemos a primeira. Iso si, destruíu todo o bo e o malo feito polo anterior goberno bipartito. Para desfacer ou facer as cousas mal non se precisa grande intelecto. El non o ten. Tampouco fai falla grandes valores. El tampouco os ten.

Na súa adolescencia, aos trinta e pico, pegábase unha vida pai a conta de contrabandistas e narcotraficantes. Ao tempo, accedía a cargos de relevancia en administración que loitaban contra esa lacra. Non se sabe con que méritos. Só temos constancia de que os narcos galegos financiaban ao PP, Alianza Popular daquelas, e que a cambio non era de estrañar que reservasen para “os seus” cargos relacionados coas súas actividades. E coma o Celedonio na súa moto, foi subindo marchas, agora un cargo, logo outro, e outro,… e vicepresidente do goberno, e presidente. E velaquí temos a Celedonio Presidente, o noso narcopresidente.

Agora non sabe parar. Ve que hai que parar, que chegou a súa fin política, pero non sabe como parar. Ao mellor queda sen gasolina antes de Benavente. Con sorte, non chega tan lonxe e sáese nas Estivadas!