Non se albiscan alternativas ao capitalismo depredador

Comezou o “III Encontro Internacional de Emprendedores: Eduardo Barreiros” coa conferencia “Programas e liñas de axuda para emprendedores do MITYC” a cargo de Antonio Fernández Ecker, un tema que que ao empresariado, en palabras de Agustín Fernández, Concelleiro de Economía, Facenda e Promoción do Emprego, “chirría” un pouco.

Isto sucede porque son tantas as liñas de axuda, con presupostos cada vez máis limitados, para dar paso a outras novas, e son, cada vez máis, os organismos intermedios beneficiarios destas axudas. Cales son os organismos intermedios? Boa pregunta. Foi tema de debate. Son o que comunmente coñecemos como chiringuitos, isto é, poden ser unha asociación de ámbito social, empresarial, etc, unha fundación, unha cámara de comercio, un sindicato,… é dicir calquera entidade autónoma, pública ou privada, sen ánimo de lucro. Isto impide que organismos como os Concellos, Deputación, ou Xunta non podan ser beneficiarias directas destas axudas, e crear así postos de traballo de carácter público, e se vexan na obriga de fomentar eses detestables chiringuitos, verdadeiros gardiáns do emprego precario, temporal e moi dado ao enchufismo.

Antonio Fernandez falou de iniciativas moi interesantes para o emprendedor como CEVIPYME, INNOEMPRESA, RSE PYME, ENISA, CERSA, Bussines Angels, Microcréditos a mulleres emprendedoras, Programa Tutela,…e moita outra información, moitas veces descoñecida que se pode atopar nas páxinas de web de IPYME e CIRCE. Con toda esta información fómonos ao descanso.

Pensei que o encontro ía estar máis aburrido, así que me levei a revista WALKIN, unha revista trilingue (catalán, castelán e inglés) que edita a UOC. Leo unha entrevista a Susan George, presidenta de ATTAC, ao final da cal di algo que me obriga a tomar nota: “sempre pensei que cando a maioría está plenamente convencida de algo é porque, seguramente, se trabuca”. Ten que haber moita xente trabucada no mundo …

A volta da pausa a conferencia seguía a cargo de Ignacio Urdiales, Director Financeiro de Blu:sens, e Emilio Fernández Suárez, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo, un para falar de “Empresas TIC” e o outro sobre “Medio Ambiente e Enerxía” como “Oportunidades de actividade no marco da crise“. Anoto a cita que aparece na primeira páxina do Power Point: “se queres ir rápido, viaxa só. Se queres chegar lonxe, faino acompañado. Blu:sens Global Corporation”.

Ignacio fai referencia ao perfil emprendendor dos fundadores de Blu:sens (José Ramón García e Miguel Silva): compromiso e determinación, paixón polo proxecto e visión estrátéxica. Pídeselle moito a un emprendedor… amais, que teña cartos, porque hoxe non lle fían a ninguén. O Director Financeiro de Blu:sens cita algúns dos piares do éxito da compañía: innovación constante, consistencia, rapidez e anticipación, boa relación calidade prezo, alta calidade, practicidade e flexibilidade. Amais disto, adicar un 7% dos orzamentos ao marketing e un 5% a I+D+I.

Emilio Fernández comezou a súa intervención sinalando a principal fonte de contaminación: o ser humano,  comparando o crecemento demográfico da especie humana co do xurdimento dunha praga. A verdade é que estes gráficos dan medo. Máis, a miña pregunta é: é compatible o crecemento económico co respecto ao medio ambiente e aos dereitos humanos?

O certo é que os dous contertulios non conseguiron dar unha resposta convincente, cando menos que me convencese a min. Falar de políticas de Responsabilidade Social Corporativa respecto ao grupo de traballadores (135) que conforman a compañía Blu:sens na súa sede de Santiago de Compostela é moi bonito, incluso dicir que diante da sede da empresa se prantaron unhas árbores como mostra de respecto ao medio ambiente, insistir en que se cumpre toda a normativa CE nos productos finalizados, pero, que sucede na orixe?

Ben a miña opinión é que por máis que se trate de trasladar unha imaxe de respecto ao entorno, neste entorno, no noso, onde se comercializa o produto, erradicando as agresións ao traballador e a natureza, a realidade é que eses problemas non desapareceron, soamente cambiaron de lugar, para un lugar onde as esixencias medioambientais e os dereitos laborais están menos regulados: China. Como o que alí contaminan non o respiramos nós a contaminación non existe… mentres tanto, seguiremos prantando árbores nos nósos parques tecnóloxicos e ningún panel solar.

A miña conclusión destas dúas intervencións e das respostas as miñas preguntas é que non é posible o exito empresarial si se respecta totalmente ao medio ambiente. Aínda así hai que seguir loitando porque, como di Susan Georges, “eu razono en términos de optimismo e pesimismo. O que teño é esperanza. E dígoo dunha maneira moi racional. Temos probas históricas que demostran que as cousas cambian“.

Pala tarde, nun novo panel, “Novos perfis, novas necesidades do emprendedor” contamos coa presenza de dous bloggers. Como blogger afeccionado debo recoñecer que agardaba moito máis deles mais, claro, son emprendedores, son innovadores, si dalgo van falarche non é das súas ideas de futuro, senón das pasadas; as futuras seguramente as acaben pondo eles en práctica, máxime cando nos referimos a un mundo tan cambiante como o das TIC.

Isto é ao que o comunity manager Marc Vidal, blogger e Director Xeral de Cink, chama “emprendeduría dínamica” e que esixe unha actitude de constante adaptación ao cambio que obriga a desbotar calquera plan de empresa tanto a curto, medio, como longo prazo. No sector das TIC os plans reinventanse cada día. Algunhas das claves do éxito, para Marc, están en saber cometer erros, ter a capacidade de transformalos en know how, e no traballo en rede: compartir, proxectar globalmente e aprobeitar o traballo colectivo e desinteresado que millóns de persoas aportan cada día a web. Ou, como el dixo, cumpre comportarse como secoias (o nome ao galego inventeimo, admítense correccións), a árbore viva máis grande do mundo, acadando os 125 metros de altura cunhas raices de pouco máis ou menos medio metro.

Iso si, a diferencia das secoias que se axudan unhas a outras para sobrevivir, o comportamento das empresas é ven diferente, é competitivo, e o que se busca sempre e superar, e si se pode eliminar, a competencia.

Jaime Estévez, periodista, blogger e Director da Axencia de noticias Agoranews, comezou a súa intervención facendo unha crítica ao sistema de subvencións. Efectivamente, si un emprendador quere realizar unha inversión no eido das TIC non pode estar agardando por unha axuda ou subvención da administración porque esta móvese con outros tempos. Probablemente para cando che concedan esas axudas a vida útil do proxecto xa rematou, no peor dos casos, ou se tivo que reformular, cando mellor. Insistiu, como Marc, na importancia que ten as redes sociais na creación de valor da empresa (iso que na vida real chamamos boca-orella e que aquí ben podíamos chamar man-ollo); tamén coinciden en que os “bussines plan non serven para nada” neste eido.

Menos interesantes resultaron as intervencións, con perdón, que se referiron ao “Cambio xeracional nas empresas familiares locais” e a “Actividade exportadora como oportunidade“, nuns casos, o dos nosos empresarios locais, por carecer de contidos innovadores (estratexias, tecnoloxía, RSE, visións,…); noutros, no caso da exportación, por referirse a un modelo de exportación propio do século pasado: pesado (por volumen), lento, pouco flexible e caro (impostos, aranceis, intereses e taxas por servizos bancarios), con nula referencia a comercilización virtual, pago electrónico,… moito máis áxil e accesible para un novo emprendedor.

A última xeira destas xornadas para emprendedores chamada “Emprendendo e entornos urbáns” tivemos a oportunidade de coñecer o desenvolvemento de tres localidades ben distintas: Ureña, da man do seu Alcalde, Manuel Pérez-Minayo Reguera, a Cidade Histórica Vitoria-Gasteiz, Gonzalo Arroita Berenguer, e de Barcelona, para falar do proxecto 22@barcelona, Jaume Amill Miralles, tres casos paradigmáticos de xeración de riqueza recuperando patrimonio en ruinas, esquecido ou inservible. Quizais polas súas similitudes con Ourense, o modelo máis aplicable aquí sexa o de Vitoria-Gasteiz, creando actividade comrcial no casco vello da cidade, en torno aos oficios, si, pero tamén ao arredor da súa historia. Para iso cumpre investigar moito sobre ela, para o cal se precisan axudas, e saber proxectala a través das redes sociais, como non, para que o turista perciba unha cidade distinta e máis atractiva.

O modelo de Ureña pódese aplicar en moitos núcleos poblacionais do rural, onde temos tanto patrimonio esquecido e aínda agochado (ducias de castros) e, cada vez máis, abandonado polo avellentamento e despoboamento dos pobos.

Mais difícil é atopar compromiso das administración e financiamento privado para por en marcha proxectos como 22@barcelona. Aos nosos políticos fáltalles visión e os nosos empresarios só perseguen a acumulación (aínda están nese proceso que sociedades máis avanzadas como a catalana fai séculos superaron, priorizando a construción de país sobre os intereses individuais duns poucos).

Submisas e submisos por fora, rabiando por dentro

Así se refire Eduardo Punset as mulleres que, fai apenas uns anos, “se entregaban vestidas de negro, submisas por fora e rabiando por dentro”, en contra das xentes de agora que “saen armadas contra a desesperanza” da vellez. Todas? Todos?

Non todas. Non todos. Vivimos nunha sociedade onde moitas persoas seguen gardando a súa rabia. Ao abeiro das organizacións empresariais e, sobre todo, políticas, cegadas polo “seu atractivo mental e individual”, o cal lles impide ver que “as barreiras de entrada son practicamente infranqueables e onde a competencia e, por tanto, a innovación non son posibles”, non son benvidas,… ao abeiro destas organizacións, dicía, amontoase gran cantidade de xente submisa. Creen os que controlan estas organizacións que ese sometemento será perpetuo? Como se xustifica o dominio dunhas elites políticas sobre a masa social?

A maioría dos partidos políticos que coñezo seguen a tendencia contraria das empresas con máis éxito: aquelas onde se aplican practicas de responsabilidade social e corporativa, aquelas onde se busca, retén e premia o talento (employer branding), aquelas que acadan os seus obxectivos grazas ao esforzo da totalidade do equipo, un equipo de primeiro nivel, un equipo de persoas que cren no que fan (compromiso) e ten a capacidade para facelo (talento). O éxito está na combinación de ambas; pero sobre todo, na existencia de equipo.

“O que conta é o conxunto e non as partes independentes. Si as partes dun sistema funcionan perfectamente, pero non o sistema xeral, temos un problema” [José Máría Gasalla (2000)]. Agora que, si as partes do sistema non funcionan, nuns casos por falta de talento, noutros de compromiso, o que temos son moitos problemas.

Catro anos bloggeando

No día de hoxe cúmprense catro anos dende que abrín a miña primeira bitácora. O que me animou foi o premio dun concurso que organizaba Terra Networks polo Mundial de fútbol 2006 pois, segundo as normas do concurso o gañador pasaría a “formar parte da plantilla de blogueiros de Terra”. O gañador do concurso sería o blogger que maior número de visitas tivese as 00.00 horas do día 9 de xullo de 2006, de xeito que se trataba máis dun concurso de posicionamento na rede que de coñecementos futbolísticos; así, quen conseguise utilizar mellor as técnicas de posicionamento tiña todas as vantaxes para gañar… e ese fun eu.

Aquel primeiro post sóamente buscaba ser visto polos buscadores. O que se ve agora non é o orixinal, foi modificado unha vez o blog foi indexado.

Estar ben posicionado require moito esforzo, cumpre entrar a outros blogs e webs a deixar comentarios e, por suposto, o enderezo do blog que queres posicionar. Logo cumpre actualizarse a miudo (escribía como mínimo un post diario) e utilizar palabras moi buscadas nese momento nos buscadores. A iso obecede o propio nome do blog: World Cup Blog 06; sen dúbida foi o máis buscado en Google durante o tempo que durou o Mundial de Fútbol: e, como non, mencionar sempre o nome dos xogadores máis mediáticos, aínda que fose para dicir o mal que o fixeron. Por suposto, é importante contar cun blogroll amplo, vencellar a outros para que outros te vencellen, e tamén citar a outros autores e a seus blogs… iso é o máis valorado polas arañas que rastrexan a rede.

As circunstancias logo do mundial non foron as máis favorables. Terra Networks foi absorvida por Telefónica no tempo que durou o Mundial de Alemaña’2006 e, estes últimos, tiñan outros plans para a compañía. Sobraba persoal. Nun primeiro intre fixéronse o ‘sueco’ e logo, ante as miñas reclamacións, decidirón ofrecerme un contrato, mais este nada tiña que ver coas espectativas xeradas polo anuncio inicial, limitándose a súa oferta a un contrato mercantil de tres meses de duración cuxos emolumentos apenas cubrian os gastos do seguro dun traballador por conta propia, esixencia esta realizada a posteriori pola compañia.

Isto obrigoume a iniciar un proceso para reclamar ese premio que aínda hoxe, catro anos despois,  non rematou. A decisión inicial, errónea, pero mostra da boa vontade con que se fixo, foi reclamar ese premio mediante un sistema arbitral. Foi errónea porque Telefónica xamais tivo vontade algunha de chegar a ningún tipo de acordo, que para iso conta cun exercito de avogados, para que o pelexen todo.

Catro anos despois estámos no mesmo punto de partida, agardando que unha xuiza do social dite unha sentenza e que, diga o que diga, esta será recorrida por unha ou outra parte intervinte.  Ben, no principio esactamente non, agora a xuiza está obrigada a ditar unha sentenza cando na primeira ocasión o que fixo foi declararse incompetente, avíndose á demandada. Daquela non fixo caso ao Ministerio Fiscal, pero agora si ten que facerllo ao TSXG que non di outra cousa que o que o mesmo MF dicía. Dicía a xuiza (María Isabel Gómez Balado) naquela súa Sentenza que non apreciaba a existencia de precontrato algún, argumentando isto con doctrina, seguramente da súa etapa de estudante -pola data da STS-, cando non era iso esactamente o que se alegaba, senón unha promesa de contrato, ao que o TSXG afirma que “con independencia da calificación xurídica (precontrato, oferta ou promesa de contrato), crearon no destinatario, cando menos nun principio, unha espectativa de traballo”.

Crear falsas espectativas por unha empresa a un traballador, amais de inmoral, é motivo de denuncia. Ocorre a cotío, especialmente na comunicación verbal. Son enganos que serven para motivar a un traballador a curto prazo, para que asine un contrato, para que renda máis,…  pero que a longo prazo pode volverse en contra da entidade (demandas, desánimo, improductividade,…).

Dende que un Tribunal anula unha sentenza (neste caso o TSXG anulou a sentenza do Xulgado do Social de Ourense o 26 de febreiro de 2010) e devolve os autos para ser ditada outra nova non acostuman a transcorrer máis de mes e medio-dous meses, sen embargo, neste caso xa vai para catro.

Neste caso nada foi normal, todo excepcional: o primeiro xuízo celebrouse dúas veces, na primeira vista a demandada, Telefónica, non compareceu e solicitou unha nova celebración por falla de comunicación da data da vista. Na segunda vista solicitou a incompetencia do tribunal, o cal obrigou a pedir un informe ao Ministerio Fiscal, aínda que logo non o tivese en conta, alargando tamén así o prazo establecido para dictar Sentenza. Neste caso o máis dilixente foi o TSXG que en pouco máis dun ano (14 meses) dictou a derradeira Sentenza, moito máis pronto do que agardaba.

O caso é que algo que desexaba, ser blogger profesional, foise diluindo co paso do tempo. Tamén é certo que gozo máis da liberdade de ser un afeccionado. O que si non desaparece é a esperanza, ao revés, a pesar dos atrancos sufridos, de ver recoñecido e compensado (salarios non percibidos deica o intre en que a sentenza sexa firme, lucro cesante -salarios futuros-  máis danos morais) pola tarefa que non puiden realizar.

Esta mala experiencia tampouco serviu para apartarme da blogosfera, senón todo o contrario, construín multitude de blogs -moitos por aí perdidos- e participei en moitos máis, seguindos, lendos, comentandos,… A blogosfera foi o inicio do que logo se deu en chamar web 2.0 ou web social, un modelo de comunicación horizontal que deu paso a intereactividade entre autores e lectores, unha comunicación a que se siguen sumando cada vez máis persoas pero, tamén, a que se resisten moitas outras. Non entenden que na actualidade máis de 1.500 millóns de persoas están a un clic do que escribimos na rede… ou, quizais, sexa iso o que temen.

“Traballar na era 2.0 require dunhas competencias e habilidades tecnolóxicas, dixitais e informacionais”,  di Bel Llodrá e Cristina Aced nun artigo publicado en UOC Alumni, Emprego 2.0, e coautoras de “Visibilidade. Como xestionar a reputación online”. Cando non existe disposición por parte dos responsables das organizacións de subministrar esas competencias aos seus traballadores nin adquirilas para si mesmos, descoñecendo e privando a esta dos potenciais beneficios que lle podería acarrar, ao considerar a web 2.0 como unha ameaza e non como unha oportunidade, están prexudicando a súa entidade. De feito, para que permanecese estes catro anos na rede, fíxome falla -utilizo as palabras das mesmas autoras, xa que encaixan esactamente co que quero dicir- “unha predisposición positiva e unha actitude dixital” pois estas características “son a clave para aproveitar as oportunidades que brinda este novo escenario”.

Adeus estrela vermella

Logo de catro anos acompañándome en diferentes blogs e perfís a estrela vermella desaparece, non o vermello, como imaxe identificativa. Vai facer catro anos que ando pola blogosfera e son moitas as modificacións que fun realizando en diferentes blogs e perfís, mais desprenderme deste símbolo é unha das accións que máis me custou. A vella cabeceira quedará gardada para sempre, agardo, neste post.

antiga cabeceira de mOendo do Revés

Con este cambio pretendo tamén dar un xiro (non sabería calcular de cantos grados) a política deste blog, centrándoo máis nas políticas de emprego e en como os diferentes gobernos e partidos afrontan esta situación de crise do mercado laboral, a verdadeira crise.

Sentido de urxencia

John P. Kotter, en “Liderando o Cambio“, establece como a primeira das regras para lograr unha transformación social saber comunicar o “sentido de urxencia“. Nesas andamos dende que a crise financeira truncou a xeira de crecemento económico.

O peche de empresas, grandes, pequenas e autónomos, foi continúa, os EREs acumulábanse enriba das mesas das administracións competentes, o parón da contratación de persoal impediu renovar a boa parte da poboación traballadora que estaba suxeita a este tipo de contratos, as inversións millonarias dos gobernos, nuns casos para salvar a empresas multinacionais da banca, da automoción ou da construción, noutros para completar a receita máxica (aquela dos 400 €)  de panem circensque, esgotaron os beneficios recollidos anos atrás e comprometeron os de anos vindeiros.

A situación económica actual é pésima, a situación de traballadores, empregados e desempregados, pesimista. O goberno está desgonzado logo de que cada unha das súas medidas non servisen máis que para agravar a situación económica, agás a uns poucos que si llela solventou. Estas urxencias son as que usa a CEOE para forzar un acordo no que os traballadores perdan, como si xa non perderan abondo con esta crise, parte dos seus dereitos.

E que gaña o empresariado creando estas urxencias? O primeiro que logrou, levando ao seu país as taxas de desemprego máis elevadas da OCDE, foi a perda de competitividade propia, xa que si tes empresas nun país onde tantos traballadores non traballan nin, polo tanto, consumen, a empresa faise máis pequena tanto no mercado interior como no exterior. Toda esa perda dificilmente será recuperada cun cambio na lexislación laboral, máxime si, como é mais que previsible se convoca unha folga xeral.

Si o plan era crear ese “sentido de urxencia” para forzar a perda de dereitos dos traballadores, probablemente para as novas contratacións (mediante insiders/outsiders), o resultado e que tanto unha parte coma a outra se atopan coas mesmas urxencias, claro que o empresario pode sobrevivir aínda que lle pechen tódalas súas empresas (como mostra, o Presidente da Patronal, Díaz Ferrán) pero o traballador desempregado sofre todo tipo de dificultades.

Este cambio que se vai producir agora polas bravas puido terse realizado antes sen chegar a unha situación tan dramática, claro que para iso cumpría que se desen outras circunstancias que, a vista dos resultados, non se deron, por parte de ningunha das partes implicadas: a necesidade dun liderado sólido. Hai demasiados xerentes e moi poucos líderes. Kotter afirma que os xerentes só perseguen “minimizar os riscos e manter operativo o sistema actual”; sen embargo, para introducir un cambio cumpre un líder xa que “require a creación dun novo sistema”. Desafortunadamente vivimos nun país sen líderes.

Amais tiñan que darse outras condicións que tampouco se deron, como ter creado unha “coalición guía suficientemente poderosa”, condición esta imposible xa que o goberno de Zapatero está totalmente só dende o día da súa investidura; ter unha visión clara e saber transmitila -sobre isto non fai falla que engada nada- dun xeito intenso é crible; eliminar os obstáculos que dificulten a visión, tarefa dificil cando o marco de actuación é un estado; e evitar declarar a victoria demasiado pronto -quen non se lembra dos brotes verdes?-.

Si finalmente se produce un cambio na lexislación laboral que perxudique ao traballador é evidente que estallará un conflicto social, aínda que os tempos non o permitan. Porqué? Porque coa urxencia como único elemento para levar a cabo un cambio social, non é posible acadalo.

Os “non representantes” dos “non traballadores”

Si tivese que buscar unha definición axeitada para definir aos sindicatos sería esa: os “non representantes” dos “non traballadores”.

Hoxe os sindicatos son un bulir constante, un fervedoiro, dende que o Sr. Zapatero tivo a súa derradeira ocorrencia: baixar o soldo dos funcionarios. Tivo moitas outras antes, cada cal peor que esta, pero ningunha organización sindical dixo nada ou, de onde crían que ían saír os cartos para pagar as axudas ao sector automobilístico (Plan2000E), financeiro (o FROB) ou construtor (PlanE)?. Grazas ao Plan2000E e aos impostos que todos aportaremos agora salváronse milleiros de postos de traballo, non só aquí, senón en todo o mundo, pois a maior parte dos coches financiados con eses cartos eran importados; co FROB pagaremos as débedas dos bancos e caixas que fiaron e investiron en produtos lixo enxeñados alén do mar; co PlanE as administración puideron manter nos seus postos aos traballadores de grandes construtoras, as que traballan normalmente coa administración, e financian de xeito habitual e ilegal aos partidos políticos. É importante ter contentes aos que realmente mandan.

Mentres todo isto sucedía o cerre de empresas, PEMES e autónomos era imparable. En tódolos sectores. Para estes non había axudas porque axudas non pode haber para todos. Cando uns levan as axudas outros ten que pagalas; é de sentido común. Millóns de persoas quedaron sen emprego.

Grazas a política de estrangulamento levada a cabo polo partido socialista, e consentida pola maioría dos sindicatos e de partidos políticos, é que agora as empresas ten máis opcións estratéxicas ao seu favor e poden exercer maior presión sobre os prezos do mercado laboral… é a lei da oferta e a demanda.

Os sindicatos defenderán os dereitos dos traballadores, pero non farán o mesmo cos non traballadores, asumirán e permitirán un novo recorte de dereitos. Chamaranlle flexibilización salarial. As empresas comprometeranse a realizar novos contratos sempre e cando os novos traballadores contratados reciban salarios menores que os xa contratados, teñan menos dereitos (menor custo do despedimento) e asuman máis riscos (aplicando cada vez máis o principio de incentivos).

O resultado será unha maior inestabilidade no emprego o que nos levará a unha menor cualificación no posto de traballo, a asumir máis riscos e sufrir máis accidentes, a aforrar máis e consumir menos,… e aí volve a roda a comezar: consumindo menos será máis difícil crear emprego. Entenderán algún día as empresas que sen traballador/consumidor non hai negocio?