Estados fallidos: con este concepto alúdese a aqueles estados incapaces de prover os bens políticos fundamentais asociados á idea de estado: seguridade física, institucións políticas lexítimas, administración da economía e benestar social (Patrick, 2006).
Entre as iniciativas que analizan o grado de estado fallido dun listado de países está a promovida pola organización Fund for Peace, que toma en consideración 12 criterios (movementos masivos de refuxiados e desplazados, suspensión ou aplicación arbitraria do estado de dereito, deterioro dos servizos públicos, severo declive económico, etc.).
Do mesmo modo que rexeito moitos dos argumentos para a presenza de tropas internacionais en Afganistán, tampouco podo aceptar a demagoxia e insolidariedade que se agocha detrás de todas estas manifestacións oportunistas que se suceden trala morte de alguén neste tipo de misións. O que se debería facer nestes casos é gabar a quen tivo a firmeza, valentía e solidariedade de acudir en axuda daqueles que máis o necesitan, porque, non ó esquezamos, quen forma parte do exercito é plenamente consciente de cal é a labor que vai realizar… e hoxe en día, ninguén vai obrigado.
Os europeos -galegos incluidos- dende a descolonización vivimos mirándonos para o embigo. Ese proceso descolonizador xurdiu trala segunda guerra mundial co fin de asentar os estados europeos sobre unha base territorial máis concentrada e gobernable, sen territorios alén do mar, o que deixou a estes novos estados -en América, África e Asia- sen ningún tipo de infraestructura básica, sen unha verdadeira identidade de país, froito da diversidade étnica, lingüística e relixiosa, pero cunha economía totalmente dependente da vella Europa. Nestes estados fallidos, especialmente en África, sucedéronse as guerras, as epidemias, a fame,… e todo tipo de catastrofes, ante a cegueira dos que noutra época foran os seus colonizadores. Por iso, as preguntas axeitadas deberían ser: porqué non están as tropas internacionais no corno de África? porqué non están no Nepal ou en Myanmar? porqué non están en Centroáfrica, no Congo, Chad, Zimbahue… ou no Sáhara? Hai moitas preguntas boas que agardan resposta.
O que eu espero é que as tropas internacionais non se retiren de Afganistán ata que este estado se converta nunha democracia capaz de prover ós seus cidadáns, xa non dos mesmos servizos que temos nos en Europa, pero si daqueles máis básicos: infraestructuras, administracións públicas, sanidade, xustiza, seguridade, etc. É unha débeda que o mundo occidental e desenrolado ten contraída co mundo subdesenrolado… e xa vai sendo hora de que a pague!