Os plans anticrise levantan desconfianza

A pregunta que máis se repite nos medios de comunicación cando o entrevistado é un responsable político é ata cando durará esta crise. É o que todos queremos saber, lóxico. Canto máis coñecementos teña aquel en materia económica máis evasiva será a súa resposta. Non hai nada máis atrevido que a ignorancia, tanto para ignorantes neglixentes como para ignorantes enganados. O que non deben ter en conta estes atrevidos responsables políticos é que a necesidade esperta a intelixencia do máis ignorante.

Hoxe o diario La Vanguardia fai público un estudo no que se pregunta ós cataláns si creen na eficacia futura das medidas económicas que se están adoptando dende os diferentes gobernos, central é autónómico. A resposta é moi esclarecedora pois case o 80% dos entrevistados pensa que estas medidas non serán suficientes e só un 9% cre que si o serán. A maioría, un 45%, tamén se amosa desfavorable as axudas dos gobernos a banca mentres que o 42% amósase a favor da medida -supoño que se trata daqueles que ten aforros e os ven perigar-.

A min o que si me gustaría é que os medios galegos invertisen máis en facer este tipo de estudos sobre a nosa sociedade pois, para que unha socidade avance, é preciso que se coñeza cada vez máis a si mesma. Esa é unha das múltiples razóns polas que Catalunya nos leva vantaxe,… outra podería ser a confianza. Os galegos somos moito máis desconfiandos ca eles polo que tamén é moi prevesible que creamos ainda menos nas medidas anticrisis gubernamentais.

Quen se fai a mesma pregunta acerca das medidas anticrisis é Paul Krugman, o premio Nobel de Economía 2008 nun artigo titulado para que non esquezamos, no que sinala a clara implicación da clase política nesta crise ó non reformaren o sistema financieiro a tempo e estaren esperando a que a crise se resolvese soa, pese os sinais inequívocos dunha burbulla inmobiliaria. Di Krugman que “metres a burbulla inmobiliaria seguía inchándose, os prestamistas estaban gañando moitos cartos concedendo hipotecas a calquera que entrara pola porta; os bancos de inversores estaban gañando ainda máis cartos reconvertindo esas hipotecas en novos e relucentes valores; e os xestores de capital que se apuntaban enormes ganancias sen realizar ó comprar esos valores con fondos prestados parecían verdadeiros xenios e pagábaselles como corresponde”. Ningén quería escoitar a uns economistas patéticos advertindo que aquílo era, en realidade, un negocio piramidal de dimensións descomunais.

Ademais hoxe coñecemos que a economía de EEUU empezou a contraerse en decembro de 2007; enterámonos un ano despoís. Que estes datos se coñezan un ano máis tarde deixa de manifesto a implicación dos organismos reguladores que, normalmente, publican por adiantado este tipo de previsións, entre eles o FMI presidido entón polo Sr. Rato, demasiado ocupado naqueles intres en atacar a xestión do goberno do Sr. Zapatero. Non resulta creíble que todos erraran,… é un escándalo maiúsculo!

Contra a crise… lotaría

Onte era Bruselas quen propuña os Vintesete invertir o 1,5% do PIB europeo en medidas de choque pra levantar a economía, isto é uns 200.000 millóns de euros, elevando o gasto público en estratexias de emprego, promoción empresarial mediante incentivos fiscais, protección das familias con axudas sociais -aumentando ós parados o prazo de cobro de subsidio, axudas ó aluguer, axuda infantil,…- e das pemes a través de novas liñas de crédito ou obrigando as Administracións a pagarlle os proveedores en menos dun mes -como si tivesen con que pagar-. Antes da proposta europea Touriño xa fixera a súa, anunciando a contratación de 2.000 parados “pra limpar cunetas” ou pra realizar “tarefas medioambientais”, según como se queira ver. E hoxe, o que faltaba, Zapatero anunciou que o Goberno destinará 11.000 millóns de euros pra crear 300.000 empregos en diversos sectores. E así levamos meses, medida tras medida,… e a crise cada vez é maís fonda.

Tendo en conta que hai preto de tres millóns de parados -e subindo-, que moitas pemes se ven empuxadas ó peche, que as grandes empresas -as mesmas que hai uns meses batían records de beneficios- redactan ERE’s con máis facilidade que eu un post, as posibilidades reais de que aquelas medidas cheguen ós cidadáns que viven a crise de cerca é unha verdadeira lotaría. No fondo, do que se trata, non é só de crear 300.000 postos de traballo no Estado ou 10.000 en Galiza, senón de creala esperanza de poder acadar un desos postos de traballo a 3.000.000 ou 100.000 persoas, respectivamente. Estase xogando coas ilusións dunha parte moi importante da poboación. Para os demais, cada anuncio feito para mitigala crise resulta tan espectacular que, máis que medidas reais, son percibidas como fogos de artificio. Non son creibles!

Por último, non podía faltar quen tratase de sacar rendemento a ésta crise. Por un lado está a oposición, que acusa o goberno de tomar medidas electoralistas, de tratar de salvar os mobles antes das próximas eleccións -pior sería se non fixesen nada!-. Isto que o faga eu, vale, que non pertenzo ó gremio, pero entre eles non fai máis que deixalos a todos en mal lugar: o que acusa e ó acusado. Polo outro está o goberno, sacando medidas de xeito improvisado, irreflexivo e, por suposto, sen discutilas coa oposición. Logo pediranlle apoio, lealdade,… e todas esas verbas fermosas que todos coñecemos de memoria. É a política do revés. O que sí nos quedou moi claro a tódolos cidadáns é que os nosos políticos son incapaces de traballar xuntos, cóbado con cóbado, para sacar ó país desta situación. Iso deberíamolo ter en conta tódolos galegos nas vindeiras eleccións autonómicas.

Noticias relacionadas:

Compren cambios ainda que algúns ricos se arruinen

Políticos ilusionistas y ciudadanos desilusionados

Touriño destaca que o plan de estímulo económico adoptado polo Goberno central suporá un investimento en Galicia de 470 millóns de euros e a xeración de máis de 10.000 empregos

Que son as subprime?

Neste video podedes atopar a resposta esa pregunta. Logo de moito buscar esta é a analise máis seria e acertada que atopei sobre a verdadeira orixe da crise financiera, as hipotecas subprime, así como das consecuencias que se poden derivar dela.

Os presupostos de Galiza para 2009

Bueno! Bueno! Bueno! Esta forma tan expresiva de abrir este post débese, por unha parte, para apoiar a campaña de alemá a prol da legalización da interxección ‘bueno’ na lingua galega, pola outra, pola sorpresa que me levei onte cando lle estaba botando unha ollada os presupostos que se están debatindo no Parlamento Galego para o vindeiro ano. Non é que me aburra, só quería ver cantas sociedades públicas dependen da Xunta de Galiza. Contei 38 entre ‘Entes de Dereito Público‘ e ‘Sociedades Mercantís e Fundacións Públicas‘, ainda que vexo que non están todas.

Onte falaba de SEAGA e como me picou a curiosidade acerquéime pra mirala máis polo miudo. Xa coñecía a plantilla que a empresa tiña en 2007 –velaquí parte dese informe (quen o queira ver completo, só ten que pedirmo). que medrou no 2008 ata superar os 2.400 empregados. Non se aclara no documento cantos fixos e cantos temporais, ainda que sabemos, polas convocatorias, que so se crearon 6 postos fixos en 2007, ainda que nese informe aparecen 7 -a saber quen será o sétimo!-, ningún en 2008.

A miña curiosidade débese tamén a provisión de postos de traballo que fará SEAGA para 2009, así que vóume a gastos de persoal (páx. 190) on di que “Está previsto que a plantilla media da sociedade se manteña, en liñas xerais, nos índices do 2008. Incrementando únicamente 2 prazas no persoal fixo, 13 en persoal interino e unha diminución de 26 en persoal de obra ou servizo”. Que unha empresa que ten unha porcentaxe superior o 99% de persoal temporal cree tan só 2 postos fixos é unha barbaridade, pero que esa mesma empresa cree 13 postos de persoal interino cando ten tan so 6 ou 7 -a saber- traballadores fixos, amais dunha barbaridade é de ignorantes, imprudentes e neglixentes, como diría Juan Gervás.

Contrato de interinidade: Este contrato ten lugar cando se trata de sustituir a traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, sempre que no contrato de traballo se especifique o nome do sustituido e a causa da sustitución. Tamén se pode celebrar o contrato de interinidade para cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a sua cobertura definitiva.

Onde están os traballadores fixos que van ser sustituidos por interinos? A ver, o mátematico, sáia ó encerado. Primeiro problema: si temos 6 -ou 7- traballadores fixos e se da a casualidade de que os seis -ou sete- piden unha excedencia, cantos interinos necesitamos para sustituilos?. O problema é faciliño, non?. Outro problema a resolver: si convocamos 2 postos fixos para o ano 2009, cantos interinos necesitaremos para desempeñala función do posto mentres dura o proceso de selección? Este ainda é mais doado.

Noticia relacionada:

O SEAGA non sabe cantos parados vai contratar

A externalizacion da Xunta

Si por algo pasará a historia o actual goberno da Xunta de Galiza será por batilo record de creación de empresas públicas. Crear empresa pública é un factor desivo no desenrrolo dunha sociedade -certo- sempre e cando non se faga a conta de externalizar servizos públicos que xa se ofrecían directamente pola Administración. A derradeira é Galaria, “unha empresa creada por Sanidade para “explotar” centros sanitarios” calificada polos síndicatos como un “chiringuito”. Non é o primeiro, xa houbo outros antes: SEAGA, Consorcio Galego do Benestar,… Todo o que o PP fixo mal en 16 anos o bipartito agravouno, di Feijoo. Todo non, pero moitas cousas si.

Externalización: descentralización das competencias cara a axentes -entes públicos ou privados- alleos á organización mátriz que se descentraliza ainda que esta poida participar parcialmente. Este sería o caso das sociedades anónimas vinculadas a administración como empresas públicas ou sociedades de capital mixto.

Estas iniciativas non perseguen otra cousa que non sexa burlar os controis que a Administración establece sobre a actividade pública, representando ademais, a privatización de servizos, unha transferencia á iniciativa privada da propiedade de activos públicos e de responsabilidades na provisión, a financiación, a producción e a adquisición de servizos públicos. Estas prácticas levan a cabo tamén unha certa superposición ou confusión no desempeño do servizo.
Un exemplo disto é o Servizo de Extinción de Incendios de Galiza que o realizan ó mesmo tempo empregados da Xunta e da empresa pública SEAGA, estándo todos baixo a dirección da Xunta de Galiza, e dicir, que si hai un lume no Carballiño e alí hai unha brigada de SEAGA, non serán os mandos desta empresa quen lle dean a orde de ir apagalo, o contrario, a orde virá da Xunta; polo cal, tampouco sorprenden certas declaracións dos sindicatos cando manifestan abertamente que se trata unha ETT. E que o é!! O único que fai SEAGA é aportar traballadores a Xunta, como o faría calquer outra ETT e, todo isto, sen ter que pasar polos rigorosos controis que se prevén na contratación pública o que lles permitirá levar a cabo unha política clientelar-ou o que é o mesmo: enchufar ó parente, ó amigo ou ó veciño- ademais de encarecer a prestación do servizo ó ter que crear unha estructura organizativa paralela á da Xunta de Galiza (co seu consello de administración, presidente, vicepresidenta, director xerente, directores provinciais,…). Claro que a unha ETT esíxeselle ter un mínimo de 12 traballadores con contratos estables ou de duración indefinida. Pero de contas quen sabe é o Conselleiro, que para iso é matemático, e eu non pasei de ser una alumno do montón… nesa faceta. Das subcontratacións que SEAGA fai a certas empresas “amigas” no rural falarei máis adiante.

Noticia… relacionada?