Vimos de vivir unha xornada de exaltación da lingua, no día das Letras Galegas, na que o pobo galego manifestou os seus desexos de igualdade de dereitos para a lingua galega fronte o apartheih que promove o actual goberno dende a Xunta. Agora é o momento de pasar do dito ó feito e pórse a defender a lingua dende unha institución, a europea, que ten feito polas linguas das pequenas nacións, como a nosa, máis que o propio estado ó que pertencemos.
A futura Unión Europea composta polos vintesete Estados membros, os países candidatos (Croacia, Turquía,…) e a comunidade turcochipriota forman unha colectividade de máis de trescentas rexións, con sesenta comunidades lingüísticas e uns corenta millóns de falantes das preto de corenta linguas consideradas rexionais ou minoritarias. Na actualidade son vintetrés as linguas oficiais máis a Unión Europea aplica os principios de diversidade lingüística e de non discriminación por razón de lingua (artigos 21 e 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE) non só a estas senón tamén as linguas rexionais ou minoritarias faladas por diversos grupos de poboación, permitindo o seu uso nas institucións europeas, feito que ata hoxe se nos ten negado nas institucións españolas.
Tamén é certo que todos estes datos apuntan a unha dobre problemática. Por un lado, subliñan a necesidade de considerar a diversidade cultural que atesoura Europa. A UE non se pode converter nunha nova ferramenta de imposición cultural sobre as minorías. Polo tanto, será necesario crear os instrumentos precisos para respectar esta realidade e permitir que se manifeste tamén no enramado institucional europeo. Neste sentido, por exemplo, é imprescindible que tódalas linguas recoñecidas como oficiais nalgún territorio dos países membros poidan ser tamén lingua oficial da UE, para que as dimensións dos países non xeren inxustizas, e posiblemente tamén sería necesario reformar o Consello das Rexións, actualmente cun papel moi secundario.
Por outro lado, hai que garantir a eficiencia das institucións que non se poden ver paralizadas pola variedade lingüística europea. Unha posible solución podería consistir en distinguir entre linguas oficiais e linguas de traballo, e limitar moito estas últimas. Hai quen propuxo que soamente se recoñezan seis linguas de traballo, das cales dúas poderían ser romances, dúas saxonas e dúas eslavas.
Forma parte da política da UE protexer e fomentar o respecto, a apertura e a tolerancia cultural e lingüística. Conforme o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, a UE debe respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo. Para que a Unión Europea non se converta nun crisol redutor das diferencias, senón un espazo que aprecie a diversidade como fonte de riqueza é preciso que as forzas políticas minoritarias máis identificadas con estas culturas, as forzas nacionalistas, gañen máis representatividade na eurocámara para frear iniciativas como a recentemente presentada polo PP na que lle pedía ós Estados membros da Unión Europea que garantisen o dereito dos pais a escoller a lingua na que se educa ós seus fillos.