Un lobo con pel de cordeiro

Onte acudín a asemblea comarcal do BNG da comarca de Allariz-A Limia na que se votaba a lista pola circunscrición de Ourense. Teño que dicir que foi unha asemblea cun debate animado, mágoa que houbese que cortalo de súpeto para poder acudir a presentación do libro “Vontade de nación”… pois tería dado para outra hora máis.

As críticas á lista oficial centráronse, como non, na escasa representatividade que a comarca ten nelas, algo co que non concordo, pois tanto o candidato a vicepresidente como o cabeza de lista pola provincia son naturais de Allariz, aínda que se presenten por outros lares. Tamén se fixo fincapé na escaseza democrática do proceso e, niso, si que estou acordo. Pode dicirse que o proceso é participativo porque todos podemos participar, si, pero non democrático porque non existe a máis mínima posibilidade de decidir por parte dos afiliados ó BNG na configuración final dunha lista, como moito, existe unha pequena posibilidade de influír mediante a proposta previa de candidatos, pero escasa.

A falta de democracia no proceso de elaboración das listas quedou de manifesto na asemblea celebrada o pasado sábado cando moitos dos participantes non se nos deu a oportunidade de votar. O que pasou é algo insólito; xeralmente preséntase unha lista e vótase a favor, en contra ou abstención. Como se presentaban dúas listas trala proposta do responsable local de Xinzo de Limia de incluír ó portavoz do BNG na vila no posto número 7 o responsable comarcal decidiu que se votaría a favor de unha (a oficial, con 27 votos) ou de outra (a emendada, con 13) deixando a todos aquelas persoas -eu diría que a maioría dos alí presentes- que querían absterse ou votar en contra sen dereito a exercer o voto.

O certo é que, finalizada a asemblea -polas presas- o responsable comarcal aínda me pregunta que como podo por en dúbida a calidade democrática do proceso! En fin, creo que algúns precisan revisar o significado deste concepto.

Tamén quedou de manifesto a falta de renovación das listas, cos nomes de sempre en posición de saída,… como si non houbese ninguén máis con valía suficiente dentro da organización. Non é así, pero é a imaxe que trasladamos ó exterior. Este motivo e a sempiterna sobrerrepresentación da UPG nas listas son motivo máis que suficiente para votar en contra; a UPG é unha formación que practica dende hai tempo unha política sectaria dentro da organización interna do partido, cara as demais posturas ideolóxicas e, sobre todo, cara os independentes, unha maioría invisible. Dentro do nacionalismo haberá que pararse a reflexionar sobre quen se presenta en realidade a estas eleccións: o BNG ou a UPG coa pel do BNG?.

Tamén se falou das virtudes do conselleiro e, como non, dos defectos. Persoalmente paréceme un acto irresponsable poñer na cabeza de lista a un candidato que é irrespectuoso cos dereitos dos traballadores, un conselleiro que coñece e permite xornadas de traballo superiores as 40 horas máximas establecidas estatutariamente, non respecta os descansos mínimos semanais, conxela salarios e prima a inestabilidade e precariedade laboral sobre o traballo fixo (para mostra, SEAGA). Todo un exemplo de Responsabilidade Social Empresarial. É unha irresponsabilidade por un candidato así en calquera momento, máis nun partido de esquerdas, e máis aínda, no contexto social no que vivimos, do que non fai falla que diga nada.

Os presupostos de Galiza para 2009

Bueno! Bueno! Bueno! Esta forma tan expresiva de abrir este post débese, por unha parte, para apoiar a campaña de alemá a prol da legalización da interxección ‘bueno’ na lingua galega, pola outra, pola sorpresa que me levei onte cando lle estaba botando unha ollada os presupostos que se están debatindo no Parlamento Galego para o vindeiro ano. Non é que me aburra, só quería ver cantas sociedades públicas dependen da Xunta de Galiza. Contei 38 entre ‘Entes de Dereito Público‘ e ‘Sociedades Mercantís e Fundacións Públicas‘, ainda que vexo que non están todas.

Onte falaba de SEAGA e como me picou a curiosidade acerquéime pra mirala máis polo miudo. Xa coñecía a plantilla que a empresa tiña en 2007 –velaquí parte dese informe (quen o queira ver completo, só ten que pedirmo). que medrou no 2008 ata superar os 2.400 empregados. Non se aclara no documento cantos fixos e cantos temporais, ainda que sabemos, polas convocatorias, que so se crearon 6 postos fixos en 2007, ainda que nese informe aparecen 7 -a saber quen será o sétimo!-, ningún en 2008.

A miña curiosidade débese tamén a provisión de postos de traballo que fará SEAGA para 2009, así que vóume a gastos de persoal (páx. 190) on di que “Está previsto que a plantilla media da sociedade se manteña, en liñas xerais, nos índices do 2008. Incrementando únicamente 2 prazas no persoal fixo, 13 en persoal interino e unha diminución de 26 en persoal de obra ou servizo”. Que unha empresa que ten unha porcentaxe superior o 99% de persoal temporal cree tan só 2 postos fixos é unha barbaridade, pero que esa mesma empresa cree 13 postos de persoal interino cando ten tan so 6 ou 7 -a saber- traballadores fixos, amais dunha barbaridade é de ignorantes, imprudentes e neglixentes, como diría Juan Gervás.

Contrato de interinidade: Este contrato ten lugar cando se trata de sustituir a traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, sempre que no contrato de traballo se especifique o nome do sustituido e a causa da sustitución. Tamén se pode celebrar o contrato de interinidade para cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a sua cobertura definitiva.

Onde están os traballadores fixos que van ser sustituidos por interinos? A ver, o mátematico, sáia ó encerado. Primeiro problema: si temos 6 -ou 7- traballadores fixos e se da a casualidade de que os seis -ou sete- piden unha excedencia, cantos interinos necesitamos para sustituilos?. O problema é faciliño, non?. Outro problema a resolver: si convocamos 2 postos fixos para o ano 2009, cantos interinos necesitaremos para desempeñala función do posto mentres dura o proceso de selección? Este ainda é mais doado.

Noticia relacionada:

O SEAGA non sabe cantos parados vai contratar

A externalizacion da Xunta

Si por algo pasará a historia o actual goberno da Xunta de Galiza será por batilo record de creación de empresas públicas. Crear empresa pública é un factor desivo no desenrrolo dunha sociedade -certo- sempre e cando non se faga a conta de externalizar servizos públicos que xa se ofrecían directamente pola Administración. A derradeira é Galaria, “unha empresa creada por Sanidade para “explotar” centros sanitarios” calificada polos síndicatos como un “chiringuito”. Non é o primeiro, xa houbo outros antes: SEAGA, Consorcio Galego do Benestar,… Todo o que o PP fixo mal en 16 anos o bipartito agravouno, di Feijoo. Todo non, pero moitas cousas si.

Externalización: descentralización das competencias cara a axentes -entes públicos ou privados- alleos á organización mátriz que se descentraliza ainda que esta poida participar parcialmente. Este sería o caso das sociedades anónimas vinculadas a administración como empresas públicas ou sociedades de capital mixto.

Estas iniciativas non perseguen otra cousa que non sexa burlar os controis que a Administración establece sobre a actividade pública, representando ademais, a privatización de servizos, unha transferencia á iniciativa privada da propiedade de activos públicos e de responsabilidades na provisión, a financiación, a producción e a adquisición de servizos públicos. Estas prácticas levan a cabo tamén unha certa superposición ou confusión no desempeño do servizo.
Un exemplo disto é o Servizo de Extinción de Incendios de Galiza que o realizan ó mesmo tempo empregados da Xunta e da empresa pública SEAGA, estándo todos baixo a dirección da Xunta de Galiza, e dicir, que si hai un lume no Carballiño e alí hai unha brigada de SEAGA, non serán os mandos desta empresa quen lle dean a orde de ir apagalo, o contrario, a orde virá da Xunta; polo cal, tampouco sorprenden certas declaracións dos sindicatos cando manifestan abertamente que se trata unha ETT. E que o é!! O único que fai SEAGA é aportar traballadores a Xunta, como o faría calquer outra ETT e, todo isto, sen ter que pasar polos rigorosos controis que se prevén na contratación pública o que lles permitirá levar a cabo unha política clientelar-ou o que é o mesmo: enchufar ó parente, ó amigo ou ó veciño- ademais de encarecer a prestación do servizo ó ter que crear unha estructura organizativa paralela á da Xunta de Galiza (co seu consello de administración, presidente, vicepresidenta, director xerente, directores provinciais,…). Claro que a unha ETT esíxeselle ter un mínimo de 12 traballadores con contratos estables ou de duración indefinida. Pero de contas quen sabe é o Conselleiro, que para iso é matemático, e eu non pasei de ser una alumno do montón… nesa faceta. Das subcontratacións que SEAGA fai a certas empresas “amigas” no rural falarei máis adiante.

Noticia… relacionada?

Desafectación política

A desafectación política ou desafectación democrática, seguindo a terminoloxía anglosaxoa, é o resultado do crecente distanciamento entre a cidadanía e os seus gobernantes, segundo afirma Ferrán Requejo no artigo Desafección, partidos e medios, publicado en La Vanguardia. Entre os factores que inciden nesta desafectación eu destacaría a falta de eficiencia dos gobernos, por unha parte, e o ensimismamento da clase política en polémicas de pouco alcance. 

Desafectación política: faise referencia a caída da satisfacción e a confianza nas actuacións das institución políticas (partidos, administracións, gobernos, parlamentos) e nas autoridades e políticos en xeral, que se reflexa nas enquisas e tamén se amosa na tendencia a volatilidade electoral e na baixada da militancia partidista

Hoxe, lendo a entrevista que Daniel Salgado fai a Xosé Manuel Beiras en El País, atópome coa seguinte afirmación do lider (sic) nacionalista: “cando se trata de proxectos políticos para transformar a realidade, forzosamente ten que haber unha relación dialéctica entre a elaboración do pensamento e a práctica política”.

A diario, cando a pé de rúa vemos e sufrimos a crise económica escoitamos os nosos dirixentes políticos minusvalorala o mesmo tempo que se anuncian medidas que nunca chegan ó cidadán. Escoitamos como se pon en marcha plans que custan millóns, centos de millóns,… anúnciansenos a bombo e platillo, pero nós, os cidadáns, non só non vemos un can, senon que nós embarga a certeza de que eses plans millonarios ímolos acabar pagando todos. Dísenos unha e outra vez que o tempo das listas de espera se van reducindo, pero cada vez que algún de nos acode ó Sergas a sacar unha cita dámonos de bruces coa cruda realidade. Eu, a derradeira vez que solicitei unha cita -pra consulta- foi a principios de febreiro e déronma pra decembro. Cantas veces tivemos que oir ou ler a Conselleira e Sanidade, María José Rubio, negar a existencia deste problema, e de habelo, botarlle culpa a administración anterior. Tamén se acusaba a administración anterior de favorecer a fuga de cerebros de Galiza, a marcha de man de obra cualificada, a proliferación de emprego precario en Galiza, incluso promocionalo… Quen máis creía na necesidade de impulsar e promocionar o emprego estable e de calidade na terra era o BNG (ver páxina 15). Que fai en canto chega ó Goberno da Xunta? Crear chiringuitos. Así os califican tódolos sindicatos. O caso máis abriante é o da empresa pública SEAGA, que en case dous anos de existencia tan só creou seis postos de traballo fixos (estes) e miles temporais… O que fan é falar, lanzar mensaxes para quen non sufren os problemas da sociedade, cautivalos e gañarse o seu voto. Quen os sufren, evidentemente non os creerán e, posiblemente, tampouco os votarán. Este grupo de persoas son para o poder un mal menor.

Onde está a relación entre a práctica e a dialéctica que propugna Beiras? Un goberno que non é capaz de levar a práctica o seu ideario político non pode presumir de eficacia.

Falaba tamén das polémicas de curto alcance, como outro dos factores de desafección política. Isto lémbrame a un artigo que me remetiu Jaume López, publicado en La Vanguardia por Salvador Cardús i Ros titulado Chiscos a antipolítica. Neste artigo o autor critica a xustificación que o candidato do PSOE, José Montilla, fai das súas propias actitudes para a presidencia, en concreto, a “vocación de servir os demáis” e o “amor polo país”. Entende S. Cardús que “se trata do típico caso que Jean Baudrillard calificaría de “negación simbólica”, na que se afirma xusto o contrario do que as palabras din: a vontade do poder manifiestase sublimada como actitude de servicio”. A que ven este desdén polo poder? De verdade creen os políticos actuais, profesionais todos, que nos creemos que o que lles preocupa e servir o seu país e non o poder? A veces da a sensación de que si fose por eles nin se presentarían, que si fose por eles nin terían soldos, nin dietas, nin coches de luxo,..

Como lle decía Cicerón a Tiro, en Imperium, a novela de Robert Harris, “tende coidado sempre co home que asegura que non persegue o cargo, ese é o máis perigoso de todos”.

CON SUBSTANTIVIDADE PROPIA

Cando unha empresa busca persoal para realizar as súas tarefas encargase de contratalo o Responsable de RR.HH. pero cando unha empresa busca un Responsable de RR.HH. quen se encarga de contratalo? Unha boa pregunta, verdade? Da boa ou mala selección dependerá que a empresa teña un Responsable ou un Irresponsable de RR.HH.

Unha das preguntas obrigatorias en toda entrevista para a selección de un Responsable de RR. HH debería ser: que é a substantividade propia?

A substantividade propia é un dos requisitos indispensables para poder realizar un contrato por fin de obra. Pero que é? En Galiza fanse contratos por fin de obra a esgalla, non só na empresa privada senón tamén -e diría que especialmente- na empresa pública e na administración pública. Saben os Responsables -ou Irresponsables, segundo saiban respostar acertadamente a esta cuestión- de RR.HH. o que é a substantividade propia?

Non é algo que veña definido no dicionario -de ningunha lingua, podédelo comprobar- nin en ningún código lexislativo. A substantividade propia e un dos conceptos abstractos, entre milleiros, que se utilizan na redacción de leis. Este aparece no artigo 15.a) do Estatuto do Traballador o sinalar que “…cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cunha execución, aínda que limitada no tempo, en principio de duración incerta”. Que é iso?

So hai unha resposta válida a esa pregunta: a que ofrece a xurisprudencia pois, na actualidade, a substantividade propia é un concepto que non ofrece ningún tipo de conflito xurídico entre diferentes sectores doutrinais. Todos están de acordo… agás algúns xuíces de primeira instancia, algúns dos inspectores de traballo e os que en realidade son Irresponsables -e non responsables- de RR. HH. de certas empresas, públicas e privadas, así como de certas administracións.

Toda contratación por fin de obra debe reunir tanto os requisitos esixidos pola lei como pola xurisprudencia (ver Sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2006 sobre Fraude de Lei), sobre todo os esixidos por esta última, que son:

a) Que a obra ou servizo que constitúa o seu obxecto, presente autonomía e substantividade propia dentro do que é a actividade laboral da empresa;
b) Que a súa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta;
c) Que se especifique e identifique no contrato, con precisión e claridade, a obra ou o servizo que constitúe o seu obxecto; e
d) Que no desenrolo da relación laboral, o traballador sexa normalmente ocupado na execución daquela ou no cumprimento deste e non en tarefas distintas.

Segundo esta Sentenza, así como moitas outras, como por exemplo a Sentenza do Tribunal Superior de Galiza de 10 de xuño de 2008, deixan moi claro que tarefas ten substantividade propia:

Ten substantividade propia dentro dunha empresa -ou administración- tódalas tarefas que non sexan habituais, normais ou permanentes.

Este pequeno detalle marca a fronteira entre un contrato legal e un contrato realizado en fraude de lei (Artigo 6.4 do Código Civil). Que supón para unha empresa un contrato en Fraude de Lei? A obriga de transformar o contrato temporal de fin de obra nun contrato indefinido de acordo co Artigo 15.3 do Estatuto do Traballador:

Presumiranse por tempo indefinido os contratos temporais celebrados en fraude de lei.

… De aí a importancia de saber seleccionar a un Responsable de RR. HH. Non facelo ben sería unha irresponsabilidade por parte do empresario ou responsable político do momento.

Actualización a 6 de outubro de 2008

Achego copia dun artigo moi interesante de José María Lastras publicado en El país e acerca dos contratos de fin de obra en relación coas contratas feitas polas administracións públicas.

clica na imaxe para agrandar