Unha desconcertante oferta de emprego

Recentemente recibín unha oferta de emprego. Nos tempos que corren estas cousas non pasan a miúdo e menos si quen xestiona a oferta é o Servizo Público de Emprego de Galicia (en adiante SPEG). Trátase da oferta nº 12/2009/7132

para a ocupación de TECNICO/A DA UPD, coa formación regrada de licenciado/a en Dereito tal e como especifica na devandita Oferta de Emprego presentada na data do 26 de maio de 2009.

O primeiro que fixen foi mirar en internet, para ver si había máis información sobre esta oferta. Nada. Nin no DOG, nin so SPEG,… en ningures. Preséntome no Servizo de Promoción e Emprego no día e horas sinalados, como me mandaran, para entregar o meu Curriculum Vitae e toda a documentación acreditativa. Pregunto onde podo atopar máis información sobre a oferta ou si hai algún website na rede onde informen sobre as regras que rexen o proceso. A súa resposta é que toda a información relativa esta e outras ofertas están no taboleiro da Consellería de Traballo e que, alí mesmo, se me informará da data e hora da entrevista -i eu que pensaba que todo ía rematar neste día!-.

No taboleiro había máis ofertas semellantes para obradoiros de diferentes concellos (Monterrei, Laza, Cualedro, San Cibrao, Castro Caldelas,…) e para UPD (Unidades de Promoción e Desenrolo), nunha asociación de Ourense (UPD IntegrOU). Tiven que ir dúas veces ata a Consellería para ver a data para entrevista xa que non o fixeran no día indicado. Cando colgaron -no taboleiro, non na rede- a data leveime unha sorpresa. Só nove persoas foron chamadas para esa oferta. Nun principio ben, non? Canto menos competencia mellor. Amais resulta que desas persoas tres non presentaron os seus Curriculums e a unha non lle interesa. Aumentan as posibilidades. Logo fixeime que aparecen unhas puntuacións e instintivamente busco o meu nome: 3,15. Que será iso, un suspenso? Comparando vexo que ‘suspendemos’ todos menos unha persoa que ten un 9,95, case matrícula. En fin, seguramente esa nota se refire a outra cousa: méritos curriculares.

premer na imaxe para agrandar

Hoxe, esta mañá, é a entrevista, bordaándoo acadei os 7 puntos máximos que vale. Teño que acudir a Consellería de Traballo por cuarta vez por unha oferta de traballo que dubido sexa para min. No Servizo Público de Emprego deben pensar que como un está no paro non ten nada mellor que facer, pois equivócanse. Teño tanto ou máis que cando traballo pois aproveito este tempo para estudar, para mellorar a miña formación, sen embargo, teño que andar dando voltas dun lado ó outro porque dende a Consellería non se habilita un servizo telemático para entregar a documentación e mesmo para informar.

Hai ano e medio recibira unha oferta semellante. Tamén se trataba de ASPANAS e pedían a mesma titulación. Só tiven que ir unha vez e entregar o Curriculum no intre da entrevista. Antes dixen que me sorprendera ver que só había nove persoas na lista. E non me ía sorprender, daquela vez eramos máis de trinta persoas o primeiro día da entrevista -ó dia seguinte estaban citados outros tantos para o mesmo posto-. Juan José Rodríguez Fernández foinos despachando un a un en breves entrevistas para quedarse coa persoa que xa tiñan designada paro o posto pola Delegada de Traballo en Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta. Desta vez será a Dona de Juanjo a encargada de facelo propio: Rosa Carrera Carballo, seica, a pesar dos seus nulos coñecementos nestaárea, Directora de Formación e emprego.

Remato dicindo, por si alguén non o notara, que non me gustan este tipo de procesos: falta publicidade, o cal menoscaba a competitividade, a información non está a disposición de tódalas persoas, e dicir, na rede, porque colgala nun taboleiro nun lugar por onde só pasan os que son chamados non é suficiente. Non me gusta que sexamos escollidos previamente polo SPEG, nin os criterios que siguen para a súa elección, en lugar existir a posibilidade de inscripción previa. Imaxinades que collesen do SPEG a oito persoas a sabendas que ten menos méritos que unha novena e deixasen de chamar a aquelas que puidesen ter máis e, estes si, tivesen posibilidades reais de disputar o posto a esa novena? Cando se trata de emprego público, ou como é o caso, financiado por unha institución pública, non se pode dar lugar, mediante estes feitos, ese tipo de conxeturas.

A vasta conspiración

Este título ocorréuseme cando estaba lendo un episodio así titulado en “Despois de Bush”, de Paul Krugman, e de como o movemento conservador estadounidense exerce un dominio absoluto sobre o partido republicano.

Este domino resúmese na existencia “dunha vasta conspiración dereitista, isto é, atópase en acción un enramado de institucións que, en última instancia, responden ós intereses dun reducido grupo de persoas encargadas de recompensar ós leais e penalizar os desafectos. Esas institucións pon a disposición de políticos obedientes os recursos necesarios para gañar eleccións, refuxios seguros en caso de derrota e oportunidades de levar a cabo unha lucrativa carreira profesional unha vez o seu mandato toque a súa fin. Ademais non deixan de garantir unha cobertura mediática favorable ós políticos adeptos a liña oficial do partido, o tempo que acosan e minan ós que se amosan contrarios a ela, sen deixar tampouco de prestar apoio a unha lexión de intelectuais e activistas do partido”.

Aínda que estes think tanks do partido republicano se asemellan máis ós que conforman o halo do Partido Popular, si teño que dicir que identifico algúns dos seus métodos con certos comportamentos que se deron nos últimos anos no Bloque Nacionalista Galego e, tendo en conta esas actitudes, fanme maquinar esta teoría “conspiranoica” nacionalista:

Ben é sabido da perda de capacidade do BNG para atraer novos votantes e para conservar ós máis críticos, sen embargo, esta organización conserva intacta a súa capacidade para fagocitar a outras organizacións políticas de semellante corte ideolóxico. Ningunha outra organización nacionalista será capaz de atopar un espazo destacado en Galiza mentres o BNG subsista.

A tentativa máis clara de converter o BNG en algo distinto ó que sempre foi -nacionalista, soberanista e de esquerda- veu da man do quintanismo, buscando achegarse ese centro galeguista que se sente orfo dende a inclusión das súas formacións máis representativas no Partido Popular. Non teño ningunha dúbida de que si os resultados do 1-M fosen outros esa transformación do BNG continuaría e faríao con éxito, pero agora, co PP no poder aqueles galeguistas que antes coqueteaban co BNG volven ir agarrados da man do PP. O capital non se pode permitir perder un só ano, menos, como parece, unha longa travesía ó lado do BNG na oposición.

Perdida a oportunidade de transformar o BNG só lles queda unha opción: a creación dunha nova organización nacionalista de centro, capaz de abarcar un sector máis amplo do electorado que o do BNG. O principal problema co que se atopa ese proxecto é o propio BNG que representa para a cidadanía o “voto útil” nacionalista o que lle permitiría atrapar a ese electorado, englobalo na súa masa social -que non na súa militancia- para finalmente destruír esa hipotética alternativa.

Para que outro movemento nacionalista sexa viable no país compre primeiro rematar co BNG. Por iso non resulta de todo contrario a razón pensar que hai quen, dende dentro da organización, pretenda a súa morte, para logo rexurdir dende outra formación. Mais, quen son os máis interesados en que isto ocorra? Quen defende que a organización manteña a súa liña ideolóxica tradicional e quen pretende mudala?

Hai boicot do BNG a Iniciativa Internacionalista?

Veño de votar e aínda non me pasou o espanto. Entrei a unha cabina do meu colexio electoral (Consellería de Sanidade, Avenida de Zamora, Ourense) e comecei a mirar papeletas. Sempre me asombra ver tantas candidaturas e tan variadas, de partidos dos que nunca oíra falar e sempre me paro a lelos todos, un a un. Seica había trinta e cinco, segúndo me dixeron logo. Destas candidaturas minoritarias buscaba unha que soou moito nas derradeiras semanas: Iniciativa Internacionalista. Cal foi a miña sorpresa cando non a atopei!

A miña mente retorcida empezou a maquinar do revés e enseguida vin un responsable do sucedido. Pregunteime: a quen prexudica que esa papeleta esté na cabina? Só hai unha resposta, verdade?

Dirixinme ó Presidente da mesa e díxenlle que non había papeletas deste partido. Quedou sorprendido pois confiara nos interventores dos distintos partidos esa tarefa. En segundos botouse enriba miña, como can de presa, Xosé Carballido, interventor do BNG. Dixo estar estrañado pola falta desas papeletas nas cabina, pois “el mesmo” se encargara de comprobar que estaban tódalas papeletas de tódolos partidos… Como diría Baltar “puxemos ó rato a coidar do queixo”. Finalmente, este Señor acabou pedíndome desculpas por unha situación que non era responsabilidade súa, senón do Presidente da mesa. Excusatio non petita, accusatio manifesta.

Non era a de Iniciativa Internacionalista a única que faltaba, tampouco estaba a de Esquerda Anticapitalista. E non podo dicir que faltasen máis porque eu non coñezo todos os partidos que concorren mais imaxino que non son os únicos. Esta é a problemática que atinxe ós partidos pequenos: a loita deshonesta que practican os partidos maioritarios.

Traxicomedia

Si como afirmaba Horace Walpole “a vida é unha comedia para os que pensan e unha traxedia para os que senten”, o nacionalismo, como ideoloxía e movemento social e político que mistura pensamento e sentimento, debe ser unha traxicomedia.

Resulta cómico ver como logo de cada tropezón electoral a dirección do BNG atopa sempre un factor externo sobre o que fundamentar ese resultado: a prensa, un atentado, a españolización da política galega, a vulnerabilidade ideolóxica das súas bases, o poder económico da dereita,… Escusas que poden valer para conformar a razón de moitos votantes e militantes mais, si “todos nós temos dúas mentes, unha mente que pensa e outra que sente” como suxire Daniel Goleman, tamén será preciso darlle o seu a esta outra parte do noso ser.

Esta falta de respostas, debida a interrupción das conexións existentes entre os órganos de dirección do BNG e a base social do nacionalismo, provoca unha asombrosa ineptitude para calibrar o significado emocional dos acontecementos (insisto, non debemos esquecer que o nacionalismo ten unha dose moi importante de sentimento co que xogan -ou no que furgan- os movementos nacionalistas), producindo dentro da organización un mal endémico que lle fai perder a capacidade de conectarse coa sociedade dun xeito fluído e saudable. É o que en psicoloxía se chama “cegueira afectiva”. Esta é a parte tráxica do nacionalismo galego.

Desesperante lista de espera

Hai unhas semanas fun pedir cita para facer unha analítica. Non houbo ningún problema para que ma desen para o día que eu lles indiquei. Sen embargo, ó pedir cita para o médico, para ver o resultado da mesma analítica, déronma para máis aló dun ano.

Xa sei que non é responsabilidade de ninguén. Non é culpa do actual goberno, que acaba de entrar, nin do bipartito, que xa herdara ese problema da “era Fraga”. A culpa témola nós por aguantar e calar… claro que, pouco máis podemos facer!

A utilización do pobo como instrumento lexitimador da corrupción política

Hai uns días Julio Anguita dicía que a corrupción política é o resultado “dunha época na que o enriquecemento fácil víase como algo normal”, situación na que “os cidadáns son corresponsables” porque, en moitos casos, “apoiaron e votaron a políticos corruptos”. Isto sucede porque, afirma o ex dirixente de IU, “hai unha parte da cidadanía que vive desta conduta dos políticos para xustificar a súa propia falta de ética”.

Imos ver uns exemplos: a semana pasada Mariano Rajoy rexeitou a dimisión de Federico Trillo porque, di o mandatario popular, logo do accidente do Yakovlev 42, o pobo volveu a depositar a súa confianza no político almeriense, non nunha, senón en dúas ocasións.

Hoxe podemos ver a Francisco Camps afanado na campaña do PP na comunidade valenciana, como si a trama corrupta do caso Gürtell non fose con el, pese a estar imputado. Busca nas urnas unha absolución que pode que non atope nos tribunais. Ten todo o apoio do presidente do seu partido e, como non, da súa base social.

Pero non fai falla ir tan lonxe, na Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, e en moitos concellos desta provincia –como o meu– a corrupción política está a orde do día, sen embargo, eleccións tras eleccións eses responsables políticos son ratificados pola maioría dos cidadáns.

Son os mesmos cidadáns que logo esixirán legalidade, decencia, integridade, honestidade, transparencia,… non o partido político que eles apoian, senón a tódolos demais. Pedirlle eses valores ós membros do seu propio partido sería como pedilos para si mesmos e, sabedores de que non os reúnen, calan, miran para o de enfronte e acúsano.

A corrupción política dos nosos dirixentes non é máis que o reflexo da propia corrupción do pobo, un pobo decidido a apoiar a un ou a outro partido a espera dalgún beneficio individual (emprego, axudas, permisos,… poder). Vivimos nunha sociedade que non vota por ideoloxía senón por interese. A desidealización dos partidos a que fan referencia numerosos politólogos obedece a tendencia marcada pola propia sociedade, por iso tampouco é moi acertado falar de corrupción política, máis ben habería que falar de corrupción social ou socialización da corrupción. A xente non quere vivir mellor, quere farolas!

Mais, hai esperanza para esta sociedade? Si a hai, esa esperanza está precisamente nos desaliendos, nos desafectados, está fora dos partidos, nese grupo de xente que ten o poder de cambiar o status político dominante a nada que se organicen e decidan actuar activamente na area política. Os dirixentes actuais son sabedores desta circunstancia, por iso adican boa parte dos seus recursos en resaltar as súas diferencias, para que nunca teñan a tentación de fornecer unha alianza que remate co seu dominio. Refírome, como non, os Novos Movementos Sociais.