ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO

Compañeiro Daniel de vida innumerable
como os astros do ceo i os camiños do mar
na tenebrosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo con mao á luz albar.
A ti falo Daniel morto lonxe da terra
es noso i a túa luz alumea a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e a libertá.

Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
i enloitaron cunetas con sangue loitador
as pistolas sonaban e os panbidos berraban
a terrible victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou
e morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa ialma soñou.

Pro na Patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós os fillos da morte e do tristén
percurando furiosos vinganza e novo Estado
i unha roxa alborada sin cabo nin comén.
I a ti bo compañeiro que o furacán aleibe
matou desesperado na outra banda do mar
prometémosche a terra dunha GALICIA CEIBE
pra enterra- los teus ósos onde teñen que estar.

Asociacións de Xunqueira de Ambía

O asociacionismo é un xeito de acadar obxectivos colectivos mediante a suma de esforzos individualizados e tamén permite dar respostas colectivas a ideais compartidos. Son moi variadas as categorías as que poden pertencer as asociacións pero imos centrarnos nas que existen no noso concello: asociacións de veciños, culturais, de mulleres rurais, xuvenís e outras (podedes descargar a lista premendo na seguinte ligazón).

Estas asociacións son en gran parte descoñecidas polos veciños de Xunqueira de Ambía e os seus pobos, incluso aquelas que ten por obxectivo representar a colectividade dun determinado núcle rural, tal é o caso das asociacións de veciños. Isto sucede porque a finalidade real non ten nada que ver co propósito estatuitario; por iso moitas destas asociacións son creadas no mais absoluto segredo, reunindo o número mínimo de socios para poder constituirse.

Estas conductas firen o espiritu do asociacionismo xa que non perseguen un verdadeiro propósto colectivo, senón os fins particulares dunhas cantas persoas, aquelas que compoñen a asociación. A obriga de toda asociación é darse a coñecer no seu ámbito territorial realizando actividades en beneficio de todos -por iso reciben axudas públicas- para que se unan outras persoas que compartan as mesmas inquietudes; emporiso atopámonos que nalgúns pobos existen varias asociacións, de diferentes categorías -veciñais, xuvenís, culturais,…-, sempre creadas polas mesmas persoas e que logo non realizan ninguna actividade que lles sexa coñecida, polo menos como asociación.

Un exemplo ten que ver coas festas dos pobos: xúntase unha comisión de festas que recada diñeiro polo pobo en nome da comisión, os veciños pagan unha cuota establecida e logo quen paga a factura da festa non é a comisión, senón unha asociación da que os veciñós non saben tan sequera da sua existencia. Tamén hai quen recada cartos para restaurar o patrimonio histórico da vila (órgano, a igrexa, etc. etc.), cartos que logo acaban empregándose en paparotas.

Outra das cousas que me chama moito a atención son as asocicións xuvenís. Das cinco que existen en Xunqueira de Ambía catro foron creadas o mesmo día, o 23 de xaneiro de 1996, sendo cada unha delas de diferentes pobos: Sobradelo, Brandela, Abeleda e Casasoá. Que casualidade, verdade?

É por todo isto polo que publico aquí a lista de tódalas asociacións as que tamén se pode acceder dende o rexistro público da Xunta de Galiza, para que vos acheguedes a elas e lles pidades formar parte. Cantos mais persoas formemos parte dunha asociación mais democráticos serán os seus órganos, poderanse realizar máis actividades nos nosos pobos -actividades que servirán para manter o noso patrimonio cultural e medioambiental, por exemplo- e faremos máis forza frente as institucións na defensa dos nosos dereitos e intereses.

De lastres, ataduras e hipotecas…

Acabo de ler un artigo no diario “EL PAIS” no que a superministra Espinosa -así á calificaba o superconselleiro Patxi- se desprendía da sua pelica e amosaba a loba que leba dentro ó referirse os socios de Goberno dos socialistas na Xunta de Galicia. Seica para a superministra somos un lastre, unha atadura da que é necesario desprenderse. Non ten en conta a superministra cal é a verdadeira función deste instrumento, os galegos si, por iso llelo puxeron.

Un lastre é un peso que se carga nunha embarcación ou nun globo para asegura-lo seu equilibrio. Isto traducido en clave política ven a dicer que un lastre é un instrumento cuia función é a de impedir facer o que quere a quen goberna. Os galegos non confiaron no equilibrio do PSOE nin en Galiza nin no Estado, nin nas últimas autónomicas nin nas últimas xerais. Todos sabemos porque, sabemos do que son capaces estos políticos socialistas si se lles da renda solta. Son tan caciques coma os do PP, por suposto, pero o seu perigo non radica ahí, senón na sua falla de escrúpulos… e para iso está o pasado, para lembrárnolo: desfalcos, terrorismos de estado, corrupción, paro, precariedade económica,…

Claro que quen emprega as verbas mais duras contra os nacionalistas é a superxornalista Cristina Huete. Venme a memoria un artigo que escribiu recentemente esta señora sobre as canteiras de Xunqueira de Ambía, na que a superxornalista destacaba no seu artigo que a fiscalía denunciaba unha suposta ilegalidade da Consellaría de Industria de Ourense pola única razón de ser unha Consellaría do BNG e calaba malintencionadamente -ou ben- a actuación da Consellaría de Medio Ambiente dirixida polo seu querido e superconselleiro Paxti Vázquez.

Dende o primeiro intre o Grupo local do BNG tivo moi claro que é o que estaba a suceder no Monte da Farria; aquilo tratábase dun delito ecolóxico e por iso se puxeron varias denuncias perante o Concello de Xunqueira de Ambía, o SEPRONA, a Consellería de Industria e a Consellería de Medio Ambiente. Destas dúas últimas nunca recibimos ningunha resposta, silencio total. Por suposto, ningunha destas institucións moveu un dedo ata o día de hoxe para poñer fin a práctica delictiva que se estaba e está levando a cabo no Monte da Farria.

A que se debe ese silencio? Seguro que a nosa superxornalista de investigación non lle interesa contalo. A min si. Un dos empresarios da pedra que agrediu o noso Monte seica se move na órbita do PSOE, un tal Antonio Domínguez, presidente dos graniteiros de Ourense, do que C. H. decía “ahora desvinculado de la empresa” -referíndose a Farriense de Granitos- e ignorando interesadamente -ou non- que é o dono doutra das empresas alí asentadas, EXELCO de Granitos, a mesma que segue na actualidade explotando un aserradeiro ilegal nun Monte protexido.

Este home garda un relación de amizade co superconselleiro Paxti Vázquez e con moitos outros cargos do PSOE local e provincial… pero eu non creo que sea esa a razón pola que a Consellaría de Medio Ambiente non fixese nada ante as continuas denuncias do BNG… esta é a derradeira denuncia:

Eleccións xerais 2008

Finalizada a campaña chega o momento da analise e sobre isto so pode dicerse que os resultados do BNG no noso concello foron moi satisfactorios xa que se superaron os resultados de fai catro anos dun xeito espectacular, subindo o número de votos cerca dun 83% (non estaría mal acadar esta porcentaxe en tódolos concellos) o que supón para a nosa conta 71 votos mais. En total 157.
Pero tamén hai que ver de onde vimos. Si botamos unha ollada a base histórica das eleccións xerais podemos ver que os resultados obtidos polo BNG en Xunqueira de Ambía no ano 2004 foron un verdadeiro desastre xa que a nosa formación perdeu a metade dos votos acadados no 2000 pasando de ter 167 votos neste último ano, sendo entón a segunda forza mais votada no Concello de Xunqueira de Ambía, a colleitar 86 votos. Naquela etapa o BNG viña dunhas municipais nas que acababa de perder o seu único concelleiro tras prescindir de Xosé R. Cabido -a mala elección da candidata tivo boa parte da culpa- e afrontaba a campaña en Xunqueira de Ambía sen contar con ningún tipo de presenza, nin material -cartaces, megafonía, trípticos, etc.- nin humana. Si partimos da base de que o sucedido fai catro anos foi un desastre temos que chegar, obrigatoriamente, a conclusión de que o resultado actual non é tan espectacular, de feito están ainda por baixo dos resultados obtidos nos anos 2000 (167 votos) e 1996 (159 votos), onde o panoráma político non era tan favorabel para o nacionalismo.
Agora xa temos a vista posta nas vindeiras eleccións autónomicas de Galiza e, francamente, temos que mellorar para superar os resultados históricos do BNG no noso Concello e, sobre todo, para voltar a ser a segunda forza política en importancia de votos. Ese é o obxectivo.

As miserias duns miserables

Poucos poden pensar cando ven pasar o Sr. José Luis Gavilanes Losada nuns dos seus cochazos de luxo, co seu traxe de Carolina Herrera e as gafas de sol nun día nublado que quen conduce é un ser miserento. Como o ía ser rodeado de tantos luxos? A sua miseria radica non na escaseza de bens materias senon na mingua de principios morais. So así se pode comprender como aquel camareiro sen estudos de aspecto famélico se acabase converténdo nalguén que presume de ter todo un imperio nas suas mans (COPASA, Áridos de Astariz, Betunes y Fimes, Productos Betuminosos de Galicia -PROBIGASA- GESECO, Empresa Gavilanes, Farriense de Granitos, Coporsa, etc.), un imperio que incluso surca os océanos, iso si, todo despois de levar atrincheirado no Concello de Xunqueira de Ambía preto de 30 anos.
Contrasta, e moito, a súa escandalosa puxanza económica persoal co deterioro e o desamparo do noso Concello. Será casualidade -que non a é- pero a medida que o Concello de Xunqueira de Ambía foi perdendo o seu esplendor él foise facendo mais rico.
Pero non era diso do que quería falar, o que hoxe me trae aquí é a recente campaña electoral. Cada vez que hai campaña él acostuma a visitar a cada veciño do pobo, incluso a aqueles que sabe que non lle vota, pero sobre todo detense de xeito moi especial coas persoas maiores. Sempre lles vai con contos como que “si lle votas os outros -os outros somos PSOE e BNG- vanche quitala paga”, “si volven os roxos vanvos quitalas terras”, “os do BNG son uns terroristas” ou “como gañen os outros volvemos a guerra civil”, entre outras lindezas.
Vos pensaredes, “iso non o cree ninguén”. Somos un Concello con 1.365 votantes e perto de 800 están por riba dos 65 anos e, ademais, unha cantidade moi importante supera os 80 anos. Van todos votar. Non falla un! Verdade que agora xa parecen mais creibles esas historias? Sonno porque moitas desas persoas xa viviron na súa infancia as guerras, a fame e as opresións. O noso alcalde, Jose Luis Gavilanes Losada -perdoade que repita tanto o seu nome pero é que non quero deixar dúbidas sobre quen estou falando-, sabe dos medos da xente e sabe espremelos ben, por iso en canto ten unha oportunidade, normalmente en periodo electoral, acercase a eles e failles revivir etapas pasadas, lonxanas, esquecidas. Tráelle ao presente pantasmas do pasado. Eles con iso sufren, posiblemente non durman en días, pero voóanlle… e con iso está todo dito.

Denuncias públicas

As denuncias públicas, feitas soamente a través dos medios de comunicación, acostuman a desavacecerse co paso do tempo. Podes denunciar calquer cousa nun xornal e a persoa denunciada quitaslle as cores por un día, pero esta cala, non entra o tapo e deixa que polémica pase. Nuns meses, tal vez nuns días, ninguén se acordará de nada.

Iso é o que sucedeu co Monte da Farria, en Xunqueira de Ambía. Hoxe andiven pescudando na rede e atopeime con unha nova que no seu momento non chegei a ler: “Comisións Obreiras denuncia o abandono e deterioración da Ruta dá Prata“. A noticia sae da redacción de La Voz en Ourense -redacción da que por entón formaba parte a xornalista Cristina Huete, agora en El Pais, no que escribiu recentemente sobre este asunto– con data de 12 de febreiro de 2004, di como segue:

A Secretaría de Medio Ambiente de Comisións Obreiras denuncia abandono, deixamento e falta de sensibilidade por parte das administracións públicas na Ruta dá Prata ao seu paso pola provincia ourensá. Así asegura que un dos tramos que discorre por Xunqueira de Ambía, Monte dá Farria, sufriu nos últimos meses unha gran deterioración paisaxística e ambiental cun incendio forestal no 2003, construción de pistas forestais e apertura dunha canteira na cima do monte.

Outro aspecto que deteriora a ruta é a presenza de restos de lixo nalgúns tramos que, segundo CC. OO. convertéronse en auténticos vertedoiros.

Ante esta situación o sindicato propón que se conserve a Ruta dá Prata co seu patrimonio natural, que se rehabiliten as zonas invadidas por cemento e asfalto e que se combata o feísmo

Sabíamos que antes de instalarse alí a primeira das canteiras, Farriense de Granitos, o Monte da Farria ardera (ver nova en La Voz), non por casualidade, e que logo, cunha axuda do plan Leader se fixeron as pistas para a canteira, co pretexto de facer un mirador no alto do Monte que nunca se fixo -supoño que son “as pistas forestais” a que fai referencia a noticia-. Do que non tiñamos coñecemento e de que esa nova non despertase o mais mínimo interés para a Consellería de Medio Ambiente e para a Consellería de Industria, entón rexidas, ámbalas dúas, polo PP. Erán eles quenes tiñan a obriga de tomar as medidas protectoras necesarias para evitar o deterioro dun Monte especialmente protexido -nivel A- e de frear unha actividade empresarial que non contaba con ningún tipo de permiso, nin de extracción mineira, nin de actividade económica, nin nada. Pero claro, tratábase da canteira dun alcalde do PP…

mais é menos

clica na imaxe para ampliar

Onte atopeime cun programa electoral do PP -sempre está ben votarlle unha ollada ó que ofrece a competencia- e leveime unha gran sorpresa. Non sabría definila como boa ou mala, supoño que todo dependerá de si o PP acaba gobernando ou non no Estado a partires do 9 de marzo. Baixo o título “MENOS IMPOSTOS” dinos que o 60% dos galegos non pagarán na vindeira lexislatura o IRPF.
Como xa todos sabemos a estas alturas o PP pretende eliminar as retencións dos salarios que non superen os 16.000 € anuais -non é o mismo que che quiten as retencións a que che quinten os impostos, pero iso é outro tema- e segundo o PP nesa situación estamos o 60% dos galegos.
Pois ben, en lugar de prometernos aos galegos uns salarios máis dignos, políticas que nos leven a converxer coa media salarial europea (2.977 €/mes en 2007) ou reducir esa porcentaxe do 60% a un 40% ou 30%, o que o PP nos ven a prometer ao 60% dos galegos é que durante os próximos catro anos non pasaremos de ter uns soldos que superen a renta anual de 16.000 € (apenas 1.143 €/mes).
O que queremos os galegos é ter soldos dignos, ainda que iso nos supoña unha retención mensual nas nosas nóminas. O que queremos os galegos son máis e mellores servizos -carreteras, autopistas, tren de alta velocidade, hospitais, residencias, centros de días, galescolas, etc.- e sabemos que iso custa cartos e, claro, si non se recauda suficiente habrá que suprimilos. A máis descontos fiscais menos servicios sociais. O que queremos os galegos é que non nos tomen o pelo.