A vasta conspiración

Este título ocorréuseme cando estaba lendo un episodio así titulado en “Despois de Bush”, de Paul Krugman, e de como o movemento conservador estadounidense exerce un dominio absoluto sobre o partido republicano.

Este domino resúmese na existencia “dunha vasta conspiración dereitista, isto é, atópase en acción un enramado de institucións que, en última instancia, responden ós intereses dun reducido grupo de persoas encargadas de recompensar ós leais e penalizar os desafectos. Esas institucións pon a disposición de políticos obedientes os recursos necesarios para gañar eleccións, refuxios seguros en caso de derrota e oportunidades de levar a cabo unha lucrativa carreira profesional unha vez o seu mandato toque a súa fin. Ademais non deixan de garantir unha cobertura mediática favorable ós políticos adeptos a liña oficial do partido, o tempo que acosan e minan ós que se amosan contrarios a ela, sen deixar tampouco de prestar apoio a unha lexión de intelectuais e activistas do partido”.

Aínda que estes think tanks do partido republicano se asemellan máis ós que conforman o halo do Partido Popular, si teño que dicir que identifico algúns dos seus métodos con certos comportamentos que se deron nos últimos anos no Bloque Nacionalista Galego e, tendo en conta esas actitudes, fanme maquinar esta teoría “conspiranoica” nacionalista:

Ben é sabido da perda de capacidade do BNG para atraer novos votantes e para conservar ós máis críticos, sen embargo, esta organización conserva intacta a súa capacidade para fagocitar a outras organizacións políticas de semellante corte ideolóxico. Ningunha outra organización nacionalista será capaz de atopar un espazo destacado en Galiza mentres o BNG subsista.

A tentativa máis clara de converter o BNG en algo distinto ó que sempre foi -nacionalista, soberanista e de esquerda- veu da man do quintanismo, buscando achegarse ese centro galeguista que se sente orfo dende a inclusión das súas formacións máis representativas no Partido Popular. Non teño ningunha dúbida de que si os resultados do 1-M fosen outros esa transformación do BNG continuaría e faríao con éxito, pero agora, co PP no poder aqueles galeguistas que antes coqueteaban co BNG volven ir agarrados da man do PP. O capital non se pode permitir perder un só ano, menos, como parece, unha longa travesía ó lado do BNG na oposición.

Perdida a oportunidade de transformar o BNG só lles queda unha opción: a creación dunha nova organización nacionalista de centro, capaz de abarcar un sector máis amplo do electorado que o do BNG. O principal problema co que se atopa ese proxecto é o propio BNG que representa para a cidadanía o “voto útil” nacionalista o que lle permitiría atrapar a ese electorado, englobalo na súa masa social -que non na súa militancia- para finalmente destruír esa hipotética alternativa.

Para que outro movemento nacionalista sexa viable no país compre primeiro rematar co BNG. Por iso non resulta de todo contrario a razón pensar que hai quen, dende dentro da organización, pretenda a súa morte, para logo rexurdir dende outra formación. Mais, quen son os máis interesados en que isto ocorra? Quen defende que a organización manteña a súa liña ideolóxica tradicional e quen pretende mudala?

Hai boicot do BNG a Iniciativa Internacionalista?

Veño de votar e aínda non me pasou o espanto. Entrei a unha cabina do meu colexio electoral (Consellería de Sanidade, Avenida de Zamora, Ourense) e comecei a mirar papeletas. Sempre me asombra ver tantas candidaturas e tan variadas, de partidos dos que nunca oíra falar e sempre me paro a lelos todos, un a un. Seica había trinta e cinco, segúndo me dixeron logo. Destas candidaturas minoritarias buscaba unha que soou moito nas derradeiras semanas: Iniciativa Internacionalista. Cal foi a miña sorpresa cando non a atopei!

A miña mente retorcida empezou a maquinar do revés e enseguida vin un responsable do sucedido. Pregunteime: a quen prexudica que esa papeleta esté na cabina? Só hai unha resposta, verdade?

Dirixinme ó Presidente da mesa e díxenlle que non había papeletas deste partido. Quedou sorprendido pois confiara nos interventores dos distintos partidos esa tarefa. En segundos botouse enriba miña, como can de presa, Xosé Carballido, interventor do BNG. Dixo estar estrañado pola falta desas papeletas nas cabina, pois “el mesmo” se encargara de comprobar que estaban tódalas papeletas de tódolos partidos… Como diría Baltar “puxemos ó rato a coidar do queixo”. Finalmente, este Señor acabou pedíndome desculpas por unha situación que non era responsabilidade súa, senón do Presidente da mesa. Excusatio non petita, accusatio manifesta.

Non era a de Iniciativa Internacionalista a única que faltaba, tampouco estaba a de Esquerda Anticapitalista. E non podo dicir que faltasen máis porque eu non coñezo todos os partidos que concorren mais imaxino que non son os únicos. Esta é a problemática que atinxe ós partidos pequenos: a loita deshonesta que practican os partidos maioritarios.

Desesperante lista de espera

Hai unhas semanas fun pedir cita para facer unha analítica. Non houbo ningún problema para que ma desen para o día que eu lles indiquei. Sen embargo, ó pedir cita para o médico, para ver o resultado da mesma analítica, déronma para máis aló dun ano.

Xa sei que non é responsabilidade de ninguén. Non é culpa do actual goberno, que acaba de entrar, nin do bipartito, que xa herdara ese problema da “era Fraga”. A culpa témola nós por aguantar e calar… claro que, pouco máis podemos facer!

Europa e a lingua

Vimos de vivir unha xornada de exaltación da lingua, no día das Letras Galegas, na que o pobo galego manifestou os seus desexos de igualdade de dereitos para a lingua galega fronte o apartheih que promove o actual goberno dende a Xunta. Agora é o momento de pasar do dito ó feito e pórse a defender a lingua dende unha institución, a europea, que ten feito polas linguas das pequenas nacións, como a nosa, máis que o propio estado ó que pertencemos.

A futura Unión Europea composta polos vintesete Estados membros, os países candidatos (Croacia, Turquía,…) e a comunidade turcochipriota forman unha colectividade de máis de trescentas rexións, con sesenta comunidades lingüísticas e uns corenta millóns de falantes das preto de corenta linguas consideradas rexionais ou minoritarias. Na actualidade son vintetrés as linguas oficiais máis a Unión Europea aplica os principios de diversidade lingüística e de non discriminación por razón de lingua (artigos 21 e 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE) non só a estas senón tamén as linguas rexionais ou minoritarias faladas por diversos grupos de poboación, permitindo o seu uso nas institucións europeas, feito que ata hoxe se nos ten negado nas institucións españolas.

Tamén é certo que todos estes datos apuntan a unha dobre problemática. Por un lado, subliñan a necesidade de considerar a diversidade cultural que atesoura Europa. A UE non se pode converter nunha nova ferramenta de imposición cultural sobre as minorías. Polo tanto, será necesario crear os instrumentos precisos para respectar esta realidade e permitir que se manifeste tamén no enramado institucional europeo. Neste sentido, por exemplo, é imprescindible que tódalas linguas recoñecidas como oficiais nalgún territorio dos países membros poidan ser tamén lingua oficial da UE, para que as dimensións dos países non xeren inxustizas, e posiblemente tamén sería necesario reformar o Consello das Rexións, actualmente cun papel moi secundario.

Por outro lado, hai que garantir a eficiencia das institucións que non se poden ver paralizadas pola variedade lingüística europea. Unha posible solución podería consistir en distinguir entre linguas oficiais e linguas de traballo, e limitar moito estas últimas. Hai quen propuxo que soamente se recoñezan seis linguas de traballo, das cales dúas poderían ser romances, dúas saxonas e dúas eslavas.

Forma parte da política da UE protexer e fomentar o respecto, a apertura e a tolerancia cultural e lingüística. Conforme o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, a UE debe respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo. Para que a Unión Europea non se converta nun crisol redutor das diferencias, senón un espazo que aprecie a diversidade como fonte de riqueza é preciso que as forzas políticas minoritarias máis identificadas con estas culturas, as forzas nacionalistas, gañen máis representatividade na eurocámara para frear iniciativas como a recentemente presentada polo PP na que lle pedía ós Estados membros da Unión Europea que garantisen o dereito dos pais a escoller a lingua na que se educa ós seus fillos.

Recruase a loita entre relativismo e universalismo cultural en Galiza

O postulado esencial que sostén o relativismo lingüístico é que a lingua inflúe de xeito decisivo no pensamento e que consecuentemente a nosa visión do mundo encontrase configurada pola lingua que falamos. A lingua é, para os relativistas, un elemento fundamental que permite diferenciar as distintas culturas e comunidades humanas. É o galego, a nosa lingua, a que nos fai ser tamén diferentes politicamente.

Este feito non é ignorado polos máis radicais defensores do universalismo, entre eles os actuais dirixentes do Partido Popular. Son eles quen baixo o pretexto da existencia de valores, xuízos morais e comportamentos con un valor común e absoluto para toda a humanidade, xustifican a dominación dunhas linguas sobre outras. Dende o PP non buscan erradicar a lingua galega, senón o pensamento diferenciador que xorde na nosa sociedade como comunidade lingüisticamente diferenciada.

Alguén é capaz de imaxinar un nacionalismo galego sen lingua galega? A singradura dun e outro van parellos… e os resultados electorais me remito.

Lectura recomendada: Sobre relativismo cultural e universalismo ético en torno as ideas de Ernesto Garzón Valdés, por Luis Villoro.

Cuarta vía

Cuarta Vía é unha iniciativa dos compañeiros do BNG de O Ribeiro; unha alternativa que pretende:

  1. Recuperar o asemblearismo, tamén nas comarcas.
  2. Dotar á militancia de información e participación nas decisións.
  3. Integrarse e participar nos axentes sociais.
  4. Separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG.
  5. Recuperar a rúa.
  6. Volver ó discurso soberanista.
  7. Defender a lingua sen ambaxes e usala como é debido.
  8. Escoitar a todas as correntes internas.
  9. Ampliar a base militante.
  10. Recuperar o camiño nacionalista e de esquerdas.

Concordo con cada un dos seus puntos así como cos principios e razóns que motivan a súa presentación. Poden lelo seguindo este fío.