Carta ao líder de Podemos de Galicia

o lider

Querido Breogán: non consideras que antes de criticar a outros por falla de autocrítica deberías comezar pola propia organización que representas? Como se pode criticar a escasa participación no seo do BNG cando o Secretario Xeral de Podemos Galicia foi elixido por un 10% do seu censo (cunha participación do 20%)? Como se pode criticar a falla de democracia interna no BNG, cando conta cun Consello Nacional no que hai sitio para os críticos na mesma proporción na que foron votados? Lembremos que iso non ocorre en Podemos, onde cun pouco máis do 10% dos votos do censo os vencedores copan o 100% do Consello Cidadán. E isto a ‪#‎novapolitica‬? Eu a isto chamarialle democracia totalitaria… e que cada quen entenda o que queira. Asisto abraiado a descomposición da política: primeiro Anova, agora Podemos…

Podemos xa non pode

A Podemos non lle está dando moi bo resultado iso de deixar de ser revolucionarios… eso unha. Outra: tampouco lle está dá moi bo resultado dicir que non son de dereitas nin de esquerdas; si hai que escoller, mellor quedar cos que afirman, en positivo, que son de esquerdas e de dereitas, xa que recollen políticas que pertencen a unha ou outra banda. Ao final, a elección é escoller entre ideoloxía, a que sexa, ou ese baleiro ideolóxico que propón Podemos, tal vez, tentando empatizar cunha parte da sociedade carente de ideoloxía que, eu coido é pouca. E poida que iso se estea volvendo contra eles, poida que moita xente comece a sentirse ofendida por eses programas carentes de ideoloxía, por esas frases baldeiras que nunca responden ao que se lle pregunten, por unha infinidade de contradicións nas que comezan a incorrer cada vez que din algo. Unha mágoa! Por un momento moitos comezamos a crer nun mundo sen PP e sen PSOE, aínda sendo recelosos con podemos… e dificilmente vai poder ser. Este non é un Estado para mesías…

podemos non pode

@ManuelBaltar: A loita contra a corrupción demóstrase actuando contra ela, non sobreactuando nos medios

Mira que pena máis grande, non poder seguir ao fillo de…

A #DeslealdadeProfesional é un DELITO

Para os xuices e fiscais que exercen en Ourense o delito de deslealdade profesional non EXISTE
Para os xuíces e fiscais que exercen a súa profesión en Ourense o delito de deslealdade profesional, non EXISTE?

Di o profesor Mariano Yzquierdo Tolsada que si os clientes souberan por que os seus avogados perden os preitos “habería tantas sentenzas de responsabilidade civil de avogados como as hai de médicos”. En Ourense non é doado atopar sentenzas nas bases de datos sobre este delito contra a Administración de Xustiza, a deslealdade profesional. O CENDOJ devolve un único resultado no que o acusado resultou absolto. A acusación era o Ministerio Fiscal. O acusado un procurador (andívolle preto). Semella un feito paranormal, certo. En cambio, si se poden atopar multitude de sentenzas relativas a neglixencias médicas, por poñer o mesmo exemplo comparativo que utiliza o profesor Yzquierdo. Calquera cidadán pode corroborar este feito no buscador de xurisprudencia do poder xudicial. Logo de comprobalo non sería atrevido dicir que os profesionais que exercen a avogacía ou a procuradoría en Ourense rozan a perfección. Nin un erro, nin unha neglixencia no seu haber que os levasen a ser xulgados por deslealdade profesional dende que este delito foi tipificado en 1995 (antes era coñecido como prevaricación do avogado). Non está nada mal para tratarse dunha figura delictiva tradicional da nosa historia lexislativa, que se remonta, na súa orixe, ao Dereito Romano.

Ao meu parecer non é certo que este colectivo sexa “tan bo”. Ocorre que a realidade se ve deformada pola conduta do propio cliente, que gaba ao seu avogado cando gaña un preito e cala cando o perde. A verdade agochámola nós.

A deixazón de funcións é un habito naqueles bufetes que están máis atarefados, especialmente no caso de avogados corporativos, eses que traballan para grandes compañías: aseguradoras, especialmente, telecomunicacións, eléctricas, etc. Aceptan máis carga de traballo da que poden soportar e, moitas veces, defenden intereses contrapostos, segundo a vaca que mungan. Esa deixazón fai que non se presenten recursos a tempo, que non se presenten probas determinantes, que non se prepare cada caso co celo esixido, etc. E isto  trátase dun delito, un delito de deslealdade profesional tipificado no artigo 467 do CP, que condena calquera conduta que lles sexa esixible a avogados ou procuradores que, xa por acción ou omisión, prexudiquen de forma manifesta os intereses encomendados.

A confianza depositada no profesional é unha barreira para sacar estes casos a luz. Tratase, moitas veces, dunha confianza depositada durante anos, mesmo legada de pais a fillos, como ocorreu no meu caso. Arredor de 20 anos confiando os asuntos da familia a unha persoa: José Carlos González Fernández. Hai que recoñecer que esa confianza fai baixar a garda e lévanos aos clientes a deixar que o profesional faga o traballo ao seu antollo, créndoo dilixente, cando non o é. Esa mesma confianza é a que nos fai crer todos cantos argumentos utilice o profesional para xustificar un preito perdido: que si a outra parte ten moita influencia na xudicatura, que si a xuíza ou xuíz é pouco proclive a atender os razoamentos da parte máis feble, etc. Todo para ocultar que na realidade non fixo ben o seu traballo.

Na maioría dos casos os clientes dun avogado non dispoñen dos coñecementos xurídicos que lles permita fiscalizar a súa actuación no proceso, para o cal é preciso solicitar no xulgado copia de todo o actuado (autos, rollos, etc). Foi así como descubrín o deslealdade profesional do meu avogado.  Tampouco hai moitos profesionais dispostos a facer frente a estes casos, moito menos si se trata de avogados da mesma provincia. Por iso, cando un avogado descargue a responsabilidade da perda do asunto calquera, no mal funcionamento da xustiza, cumpre pórse alerta, sendo aconsellable unha revisión a fondo de todo o proceso por un profesional alleo ao colectivo ao que pertence o letrado.

Barreiras?

A primeira barreira, como comentaba antes é o propio colectivo. Malia contar cun goberno colexiado que ten a obriga por velar polas boas prácticas dentro do colectivo, pola miña experiencia, podo afirmar que o que fan realmente, e refirome ao Colexio de Avogados de Ourense, é tapar todo o lixo que provocan os seus profesionais. Por máis evidente que sexa o erro eles verán unha labor perfecta. Seus membros, e falo en concreto dun deles, Antonio Valencia, son capaces de mentir mesmo nun procedemento criminal, cometendo perxurio, para protexerse.

A Fiscalía parece estar tan só para seguir asuntos de índole política e ignora a defensa de bens de dereito público, como é a defensa do bo funcionamento da xustiza. Polos informes da Fiscalía achegados a causa que eu presentei semella que nin leron a documentación e limítase a sinalar que non ve indicios de político. É dicir, nula dilixencia. Nunha entrevista co Fiscal, Carlos Valenzuela, que leva esta querela, este recoméndame que leve o asunto a vía civil. De tolos. Si existe un erro este debe ser recoñecido en calquera vía, civil ou penal, si é constitutivo de delito… e os erros graves dun avogado constitúen delito.

O Xuíz. Leonardo Álvarez (xa vimos). Pouco podo dicir do que penso sen atentar contra a “súa excelencia”. Así que mellor calar moitas cousas. Creo que pretende escurrir o bulto, que o asunto non saía adiante, se faga público e evitar unha avalancha de querelas contra outros profesionais do sector, co conseguinte incremento de traballo. Facer xustiza? Non está para iso…

Quen prevarica aquí?

Lendo o auto polo que o xuíz “Don Leonardo Álvarez Pérez, Titular del Juzgado de Instrucción Número Uno de Ourense” ordena continuar a tramitación das dilixencias previas contra a Concelleira de Urbanismo, Dona Áurea Soto, e o avogado que a asesorou, Don Carlos Hernández, un queda un pouco confuso. Di “Don Leonardo Álvarez Pérez, Titular del Juzgado de Instrucción Número Uno de Ourense”:

“En relación al delito de prevaricación, tal y como puso de manifiesto la Audiencia Provincial de Málaga en su sentencia de 25 de marzo de 2014, debe entenderse que para su comisión han de concurrir los siguientes presupuestos (que como a continuación se analizan concurren en el supuesto de autos): 1. Que se trate de una resolución dictada por autoridad o funcionario público, cuestión que no se discute en el supuesto de autos puesto que se censura la actuación de la concejal de urbanismo doña Áurea Elena Soto”

Ben, non pode discutirse o suposto de que Dona (eu vou utilizar a maiúscula tanto para referirme ao xuíz instrutor como a querelada, non coma no auto) Áurea Soto é unha autoridade pública, Concelleira electa pola cidadanía, máis resulta controvertido ver que lle outorga o mesmo estatus a un profesional liberal, como é o caso dun avogado, xa que nin é funcionario nin autoridade no Concello de Ourense, feito que non é descoñecido para o propio xuíz:

“Aurea Elena Soto dictó el 16 de noviembre de 2007 una providencia acordando “incoar expediente para la legalización, en su caso, de las obras ejecutadas y usos autorizados”, apoyándose en un informe jurídico emitido por el abogado Don Carlos Hernández López, abogado perteneciente al colegio de abogados de A Coruña

Da prevaricación di o CP que a realiza “a autoridade ou funcionario público que, a sabendas da súa inxustiza, dictare unha resolución arbitraria nun asunto administrativo”

En fin… que cada quen pensé o que queira!

Bobos e oupos

As axencias de marketing de Madison Avenue,  New York,  respecto a segmentación da poboación, realizan a seguinte clasificación en función das características sociolóxicas, hoxendía unha das máis utilizadas: adulescents (que inclue aos menores de 10 anos deica ao arco de 18/25), papyboomers (os antigos progres do maio do 68), early adopters (hiperconsumidores á espreita de novidades), céllibatantes (urbanas activas), dinks (o seu equivalente na parella, practicamente; o acrónimo significa double income no kids, é dicir, dous ingresos sen fillos), weekenders (consumidores de fin de semana), bobos[1] (“burgueses bohemios”, que votan a esquerda pero de hábitos de vida conservadores), oupos (ultraconformistas, fillos dos bobos, que buscan o éxito profesional a toda costa), e probos (“proletarios bohemios”, con poucos cartos e máis ben intelectualizantes).

Nuns comicios electorais coma os que se aveciñan, como organización política, convén coñecer o público obxectivo ao que te dirixes para definir estratexias que permitan centrar esforzos en conquistar ou manter o seu voto ou ambas cousas. Efectivamente, non todas as organizacións que se presentan nunha contenda electoral dispoñen de medios, capacidades, gañas,… suficientes para elaborar unha estratexia  dirixida a grupos de destinatarios, acoutados con precisión aos diferentes segmentos da poboación –os citados ou outros-. Tamén convén que cada votante sexa consciente de “de quen ven sendo” cada candidato.

A min desta categorización os que máis me “provocan” son os bobos e probos que, curiosamente, son o caladoiro de votos da esquerda máis desnortada, con sobradas referencias neste blog, xurdida ao abeiro do caciquintanismo e do bipartito e que, agardo, xamais volvan a ter responsabilidade política algunha neste país, vistan do que se vistan.



[1] Sen relación alguna coa acepción que ten o concepto en galego

Outubro… longo outubro

E aínda non rematou. E xa agroman os toxos nos montes negros, verdes e tenros os toxos, cincentos os montes. Aínda non comezara este mes cando se puxo a andar a idea de constituír a Asociación de Vítimas do Caciquismo. Aos medios pareceu interesarlles a nova… máis ou menos. En setembro solicitouse o Salón de Actos da Deputación de Ourense e ante a negativa desta a cedérnolo decidín comunicarllo a un medio que non dubidaría en facer deste feito unha noticia de interese nacional: La Voz de Rogelio. Así lle chaman por estas terras á delegación do xornal coruñés en Ourense. Darían conta da nova simplemente para atacar por enésima vez ao baltarismo, coma sempre sen deixar tocado ao feijooismo. Este pensamento quedou corroborado cando poucos días máis tarde, logo dunha nova negativa a outra solicitude realizada en nome da AVC, desta vez do Salón de Actos de Caixa Ourense (paso de utilizar nomes de usar e tirar), tamén propiedade da cidadanía. É comprensible. As caixas gastan moitos cartos dos aforradores en publicidade neste (e outros) xornal e o dono deste xornal (el non protesta), en concreto, está endebedado ate as cellas co que quede das caixas galegas, agardando que entre tanto cambio de personalidade e nomes se perdan as anotacións das débedas. O caso foi que da negativa da Deputación de Ourense convertérona nunha nova de nivel nacional e a segunda negativa foi ocultada, cousa que non só non me sorprende, senón que agardaba. O que non agardaba, quizais, foi todo o rebumbio inicial ao que se prestaron tódolos medios de Santiago Rey para acosar -que acusar xa o facía eu- a Baltar: prensa, radio e televisión.

Outros medios como El País, a priori interesados neste movemento cívico, decidiron non dicir nada, en tanto que dende a AVC tamén se denuncian irregularidades noutras administracións gobernadas por partidos “amigos”. Ou iso ou, simplemente, non encaixaba coa súa liña editorial. Tanto dá, agora trato de analizar canto deu de si a goma mediática. A medios como La Región nin me molestei en enviarlle nada.

Outros medios, galegos e en galego, tamén fixeron que a AVC fose noticia: Galicia Confidencial e Radiofusión, aos cales lle estou enormemente agradecido. En Galicia Confidencial tamén asinei algún artigo de opinión sobre o caciquismo. Aquí si houbo total liberdade de expresión, sen cortes, sen ocultar información,… do mesmo xeito que eu sempre fixen, facendo chegar novas a diferentes medios. Logo cada quen dálle a relevancia que lle parece, sempre, entendo, según os propios intereses. O exemplo máis claro sobre isto é o do Grupo Voz, ao observar como tratan a mesma noticia (negación dun salón de actos) cando os suxeitos son diferentes (nun caso a Deputación de Baltar, no outro a caixasenfondosnova). Dende o Grupo Voz non dan fe das cacicadas de Rogelio Martínez, argalladas na escuridade da trama mafiosa que pretende derrubar o baltarismo, que non é menos, para o cal decidiron combater coas mesmas armas: favor para uns, discriminación para outros. Afortunadamente sempre nos quedarán recunchos coma este nos que poder dicir o que nos pareza e chegar ate as persoas que non se conforman coa realidade que lle pintan os medios de comunicación.