DISLATES XUDICIAIS

Do artigo que ven a continuación é autor Miguel Quintas Coelho. unha desas persoas que deixan pegada entre aqueles con quen se relaciona. Cando abro as páxinas de La Región aínda esculco a procura da súa imaxe, co perfil e a txapela inclinados cara a esquerda, como dicindo: aquí o tes. Miguel finou fai agora un ano sen ver publicados algúns dos seus artigos. Este é un deles.

Non pretendo analizar hoxe o impresentable espectáculo, bochorno dun estado democrático, que están ofrecendo os tribunais de Xustiza, a Fiscalía xeral e o propio Goberno con respecto ó proceso de ilegalización de ANV e EHAK. O oportunismo electoral, as inxerencias do poder político no xudicial e viceversa, a inmediato dos prazos que dificultan, cando non imposibilitan, unhas condicións garantistas de acusación e defensa ante un tema de calado que afecta ó dereito de expresión e voto de miles de cidadáns non poden ser avaliados senón como un deficiente funcionamento das institucións democráticas. E non entro na cuestión de fondo, é dicir, si ANV e EHAK foron de facto fagocitados ou non pola ilegalizada Batasuna, porque considerar a toda esa militancia como ETA, ademais de constituírse nunha perversa e maxestática mentira conleva, paradoxicamente, sobredimensionar propagandísticamente á besta.

A recente sentencia contra a Mesa do Parlamento Vasco, encabezada por Atutxa, constitúe unha plasmación patente da inxerencia dos espurios intereses políticos conxunturais no campo da lei, distorsionando a súa aplicación e subxectivando as sentencias en función do clima ou deriva política de cada circunstancia. Sentencia, por tanto, inxusta e sustentada nunha base cuestionable e enclenque que non fai senón enrarecer o normal funcionamento dunha cámara parlamentaria, lesionando dereitos persoais e propiciando, nesta ocasión con total fundamento, a exaltación martirolóxica que constitúe o alimento básico dun modelo de nacionalismo.

Fai xa tempo que a Xustiza española mantén criterios nada obxectivos ante feitos semellantes. Queimar un contedor nunha manifestación en Sevilla sáldase cunha multa económica; si ese feito se produce no País Vasco, Galicia ou Catalunya no contexto dunha manifestación de carácter político, o mesmo feito punible convértese en delito ligado á guerrilla urbana ou kale borroka con sancións que inclúen reclusión carcelaria. No asistimos, acaso, a unha desobediencia grave por parte da Comunidade autónoma de Madrid negándose a implantar a Educación Para a Cidadanía, lei de obrigado cumprimento, ante a inhibición máis absoluta do estamento xudicial?. A ecuanimidade da Xustiza e a igualdade ante ela estiveron frecuentemente en entredito, pero é nos últimos tempos e debido ás mutuas inxerencias político-xudiciais e a voracidade polo voto ante unhas eleccións que se dirimirán por escaso marxe cando o déficit democrático aflora con máis intensidade.

Con todo, a imputación ó Lehendakari Ibarretxe, persoa que no figura no meu devocionario, a Patxi López e Rodolfo Ares da comisión dun delito de desobediencia grave por reunirse con representantes de Batasuna ao largo do intento de proceso de paz, é, dende o meu punto de vista e co debido respecto, unha aberración xurídica que espero que no se manteña por moito tempo.

A lei de Partidos Políticos non impón ningunha sanción persoal como consecuencia da decisión de proscribir ou ilegalizar a unha formación política. Os membros dunha organización ilegalizada non son privados dos seus dereitos políticos e civís, polo que Otegui, Barrena e Petrikorena os conservaban intactos, incluído o dereito de reunión. Esta decisión xudicial tomouna o Tribunal Superior de Xustiza, en contra da Fiscalía e en contra, tamén, dunha resolución do Supremo que non considerou delitivas tales reunións. No caso de Ibarretxe, ademais, non se produciu ningunha comunicación advertindo que tal reunión non podía celebrarse, polo que falta un elemento esencial para imputarlle unha desobediencia grave, aínda que sexa no grado de cooperación necesaria, como o é a ausencia de advertencia previa de ilegalidade.

Es posible que poidamos vivir nun contexto social determinado, nun tempo en que non sexa delito falar con ETA e si falar con antigos membros de Batasuna?. É esta unha contradición insalvable si aplicamos o sentido común, o cal, ao parecer, non é compartido polo Tribunal Superior de xustiza do Pais Vasco que considera delito reunirse con dirixentes de Batasuna non tido xamais ningún problema xudicial quen directamente mantiveron a interlocución con ETA dende a representatividade dos sucesivos gobernos do Estado.

Todos estes aspectos e algúns de maior enxunlla están sendo analizados nos máximos organismos da xudicatura europea e congratulareime que o seu ditame axude a reconducir a parámetros de normalidade democrática as actuacións da Xustiza e do Goberno en materia de temas de transfundo político, porque o noso actual modelo de funcionamento non alcanza os mínimos de calidade nin de exportación nin de consumo interior.

Os orzamentos participativos en Ourense

O exemplo de Porto Alegre

Unha das experiencias máis destacadas de participación cidadá nunha gran cidade, e sen dúbida a máis citada, é a dos orzamentos participativos de Porto Alegre, sendo considerado pola ONU como unha das corenta mellores prácticas de xestión urbán do mundo. Este orzamento participativo púxose en marcha no ano 1989, coa chegada a Alcaldía de Tarzo Genro, do Partido dos Traballadores, na actualidade Ministro de Xustiza do Brasil, e trátase dun proceso que dura prácticamente todo o ano (só non se traballa nel os meses de xaneiro e febreiro). Hai dezaseis distritos que ten asembleas que se ocupan dos temas locais e, ademáis, hai cinco temas transversais: circulación e transportes, desenrolo económico e fiscalidade, organización da cidade e desenrolo urbán, saúde e asistencia social, e educación,  cultura e ocio para o que as asembleas específicas convocan a tódolos residentes da cidade. Os gastos da cidade clasificanse en tres grandes grupos: a) gastos relativos ó funcionariado, b) servicios públicos, e c) inversións en obras e equipos; a cidadanía decide, sobre todo, no terceiro grupo de gastos.

Nas asembleas, que comezan en marzo discútense e vótanse as prioridades orzamentarias e elíxense uns delegados anuais que elaborarán a proposta orzamentaria que emana das asembleas. Esta proposta, apoiada pola cidadanía nas asembleas, só eventualmente recibe algunha enmenda parcial por parte do consello municipal, o órgano habilitado para aprobar o orzamento participativo antes do 30 de novembro.

O caso de Ourense

Pode dicirse que a repercusión en Ourense da participación cidadá é directamente proporcional a cuota reservada polo Concello para éste departamento: apenas o 0,4% do orzamento. Ninguén sabe que é nin para que serve. Mentres, na cidade brasileira a porcentaxe de inversión do orzamento foi crecendo en cada exercicio: 10% (1990), 16,3% (1991) 17% (1992),…

A diferencia de Porto Alegre (unha cidade que multiplica por 10 o número de habitantes da de Ourense), aquí non son os cidadáns os que deciden as prioridades temáticas para a distribución das inversións municipais, senón que será ó revés: é o Concello quen decide que parte dos orzamentos se asignan a área de participación cidadá, anulando por completo a capacidade da cidadanía para deseñar a cidade que queren para o futuro. Non decidimos en infraestructuras, nin en impostos, nin en festexos, nin servizos sociais,… a cantidade asignada apenas dá para ir tapando uns cantos buracos.

Actualmente entre os membros do Concello de Ourense estase discutindo si a cantidade reservada para o orzamento participativo de 2009, aprobado no orzamento de 2009 hai uns días polo pleno, é suficiente cando, de facer unha verdadeira política participativa, estaríamos comezando, neste més a elaborar os orzamentos do 2010.

A cidade de Porto Alegre, ó igual que na actualidade Ourense, estaba gobernada por dous partidos (o Partido dos Traballadores e o Frente Popular). Estes, lonxe de facer un reparto de poder entre eles, optaron por compartilo cos cidadáns. Deixaron que eles tomasen as grandes decisións que afectaban a vida cotiá da cidadanía co cal esas decisións, colectivamente artelladas, acabarían dotadas de máxima lexitimidade e os precursores, os partidos no goberno, viron fortalecido o seu dominio sociopolítico.

Esa é a liña que deberían seguir o Concello de Ourene e os demais concellos gobernados na actualidade por PSOE e BNG. Deberían deixarse de liortas e por en marcha unha verdadeira democracia participativa, na que os partidos políticos se limiten a asesorar obxectivamente ós cidadáns reunidos en asembleas e, posteriormente,  facer pequenas correccións (formais, non de fondo) as decisións adoptadas por eles. Finalmente, dende o goberno, execútase o orzamento aprobado.

Abstención, voto nulo, branco ou minoritario

Primeiro foi Anxo Quintana e onte E. Pérez Touriño quen afirmou que absterse significa apoiar ó PP. Semellantes afirmacións só poden realizarse dende a perspectiva do político que pensa que o votante é un ser estupido. Quen decide non votar faino para non beneficiar a ninguén e, de feito, e a mellor forma de que ningún partido saque proveito dese voto. Vóuno explicar coa axuda de ciudadadanos en blanco (lectura recomendable para líderes políticos):

1) A abstención: Absterse é, simplemente, non votar. É unha opción totalmente válida e legal, prevista e regulada no noso sistema electoral: aqueles cidadáns que non desexen exercer o seu dereito ó voto non ten por qué facelo. Á hora de facer o reconto correspondente para escoller os representantes dos cidadáns nos diferentes órganos de goberno a abstención non se ten en conta.

2) O voto nulo: É un voto defectuoso, un voto que non cumple coas condiciones mínimas esixidas para ser aceptado como válido. Entre outros, ten a consideración de voto nulo os votos nos que a papeleta electoral aparece con tachaduras ou comentarios (por exemplo, tachar ó nº 1 por Ourense do PP). Os votos nulos contabilízanse, pero aparte diso tampouco se ten en conta á hora de asignar os representantes.

3) O voto en branco: Ainda que nin na Lei Electoral nin en ningunha outra parte se indica, de forma oficial, para qué serve o voto en branco, este considerase universalmente un voto de protesta, asociado a cidadáns partidarios da democracia, pero que non se senten representados polos partidos existentes. O voto en branco é o voto do cidadán que quere votar pero non ten a quen.

Os votos en branco son votos “válidos”, e contabilízanse como tales á hora de calcular o total de votos válidos emitidos. Sen embargo tampouco se ten en conta á hora de asignar os representantes, salvo polo siguiente: o número total de votos válidos utilízase para calcular o número mínimo de votos necesarios para que un partido político obteña representación nunha circunscripción: nestas eleccións o 5% do total. Os partidos que non obtén, polo menos, esa porcentaxe mínima de votos elimínanse e, ós restantes partidos, asignánselle os representantes ignorando xa os votos en branco, os votos nulos e os votos deses partidos minoritarios eliminados.

Conclusión: absterse non inflúe no resultado final dunhas eleccións, nin quen se abstén pretende facelo, sen embargo, votar a partidos sen posibilidades de obter representación, votar en branco ou votar nulo si pode perxudicar a algunha das forzas menos votadas, como Esquerda Unida ou Terra Galega, ó calcularse o 5% mínimo sobre a totalidade de votos emitidos beneficiando, ó mesmo tempo, ó partido máis votado.

Claro que tamén poderíamos falar, para xustificar a abstención,  do custe que cada voto terá para as arcas públicas (0.72 €), non esquezamos que estamos en crise! Pero ese é outro tema…

Actualización do 3 de marzo de 2009, artigo relacionado de El País: A abstención non ten cor política.

Remata a precampaña

A derradeira semana de precampaña non resultou moi alentadora; foi unha semana na que PSOE e BNG comezaron a chamar a participación, algo que é habitual facer os últimos días de campaña. Temen unha baixa participación, logo algo temen. Algúns xa nos meten medo con que ven o lobo (PP)… pobre de nós! Carapuchiñas… Tamén se celebraron dous debates nos que ó PSOE só lle faltou suplicar a presenza do Sr. Feijóo para o debate do día 20 de marzo. Vendo semellante desesperación para que o candidato popular se someta a un linchamento público polos dous partidos do goberno (PSOE e BNG) parece máis lóxico, ainda, que non acuda. Eu alédome… o que realmente quero ver é ó Sr. Quintana e ó Sr. Touriño fronte a fronte.

Si se da ese debate -e dicir, si non se botan atrás pola falla do seu sparring Feijóo- espero que non se cometan os mesmos erros que se deron esta semana nos debates do luns -en hai debate-, primeiro, e do mércores, despois. Primeiro foi o Sr. Fernando Blanco e logo o Sr. Suárez Canal os que, ó defender a xestión pasada no goberno só fixeron mención as consellerías propias -as do BNG- como si as políticas desenroladas polas outras non fora con eles cando, en realidade, iso non é así. Para ben ou para mal, moitas das decisións que se adoptaron ó largo desta lexislatura fixéronse no Consello da Xunta da que todos, nacionalistas e socialistas, forman parte. Os representantes socialistas nestes debates -Mar Barcón o luns e Ricardo Varela o mércores- si souberon sacar proveito desa circunstancia para facer propias políticas de industria, servizos sociais,…

Que lles ocorre ós representantes nacionalistas? Teñen medo medo a meterse no eido socialista mentres estes pisotean o seu? Si se quere aspirar a presidencia hai que deixar claro que se ten un coñecemento exhaustivo de tódalas áreas de goberno, que se formou parte de tódalas decisións importantes do pasado -as acertadas e as menos acertadas- ou, cando menos, se influiu nesas decisións e, por suposto, que se ten proxectos alternativos para esas áreas malgobernadas polos socialistas -educación, sanidade, traballo,…-. Isto é o que ata agora non se viu.

O que si deixaron en evidencia o Sr. Ferrnando Blanco e o Sr. Suárez Canal nestes dous debates é que o candidato do BNG é o aspirante a Vicepresidente e o candidato do PSOE o é a Presidente. Máis que nunca lembráronme ó labrego satisfeito coa súa hortiña que renuncia a unha parcela maior porque porque ainda está sen labrar. Iso é o que se viu: conservadurismo e medo a incerteza.

… e o debate de ideas?

Si puidesemos ler as propostas dos candidatos á presidencia da Xunta de Galicia sen coñecer o nome de quen a fai e o seu partido de pertenza, asegúrovos que nos atoparíamos con serias dificultades para marcar esas propostas cunha determinada cor política. A mensaxe dos partidos maioritarios vai dirixida a totalidade da poboación, sen distinción, trátase de ver quen acada máis votos, non de defender un sistema político sobre outro.

Na sitación política e económica actual fai falla debater ampliamente sobre este e moitos outros asuntos. Por exemplo: queremos un goberno proteccionista ou liberal? Queremos un goberno de esquerdas ou de dereitas? Ainda que todos, individualmente, teñamos unha resposta a estas preguntas preséntansenos outras moitas, ainda máis complexas que respostar: quen é cada quen? quen representa a dereita e quen a esquerda? quen defende posicións proteccionistas e quen as liberais?… Hoxe trasladei, vía facebook, os tres candidatos a Xunta estas dúbidas que a min me preocupan mediante esta cuestión:

Estamos xa -extraoficialmente- en campaña e eu non vexo os ideais de cada partido. Vexo, coma nas feiras, charlatáns a cada lado facendo bos os seus ofrecementos -iso sí, a diferencia daqueles, vostedes non nos din o que nos vai custar, non dan prezos- pero non vexo as súas verdadeiras intencións, os seus ideais. A ver si consigo que me amosen algo…

Estes días, lendo a Paul Krugman, Despois de Bush, 124-125, onde fai referencia ó ensaio de Richard Hofstadter “The Paranoid Style in American Politics” déime conta como, pese a situación que estamos vivindo no mundo nestes intres, ainda perdura a estigmatización das esquerdas como unha ameaza para o capital privado, tanto que a propia esquerda fuxe dela. Aquel estado de paranoia anticomunista ainda é avivado hoxe en día dende os partidos de dereita; sen embargo, pese a crúa realidade, ninguén, mellor dito, ningún partido dos que se presentan a estas eleccións, que é o que nos interesa, se atreve a plantexar un debate entre os distintos sistemas políticos, ninguén se atreve a decir que é o gran capital -extranxeiro, en moitos casos- o que está comendo o pequeno capital das clases medias e baixas. O comunismo era a gran ameaza, unha ameaza permanente a propiedade; sen embargo, o capitalismo é quen liquida, na actualidade, a propiedade privada de multitude de familias.

Ningún partido ofrece resposta as familias das clases medias e baixas que ven ameazadas tódalas súas pertenzas porque son incapaces de pagar unha hipoteca por unha vivenda, taxada a un prezo exorbitado e baixo unhas condicións que limitarán a liberdade de acción destas persoas, endebedadas, polo resto dos seus días. Hai algo máis semellante a escravitude?

As empresas, especialmente as grandes multinacionais, esas polas que suspiramos para encher os nosos polígonos industrias, as mesmas que agora botan xente afeito sen pensar nas necesidades dos seus traballadores e traballadoras -nin agora nin cando batían records de beneficios- contribuen con aquelas outras, as financeiras, que lles emprestaron cartos para comprar a súa vivenda, o seu coche, a súa PS3,… deixándo a estas persoas nunha situación de desamparo económico que as obriga a entregarlle todo o que ten os bancos.

Primeiro cébannos, logo cómennos. Para o gran capital as persoas tan só somos porcos… e para vostedes, os políticos, que somos? Que posición adoptan vostedes e os seus partidos ante os abusos da “man invisible” que, en realidade, nos goberna?

Porque todos os partidos políticos queren parecer de centro? É unha máscara? Ou, sonno de verdade? Non sei cal das dúas respostas me tranquilizaría máis. Porque todos tratan de vendernos, durante as campañas electorais, unha moderación da que logo, durante toda unha lexislatura non fan uso?

A voltas coas coalicións

En Ourense, pasadas as elección do 27M todos os partidos, agás o que perdeu a maioría absoluta, entenderon os resultadas como unha aposta dos cidadáns por un cambio de rumbo na política da cidade. Ese é o análise acertado cando un partido perde a maioría absoluta, sobre todo cando a exerce dende hai tantos anos. Iso é o que sucedeu en Ourense e en A Coruña; tamén en Lugo, coa diferencia de que esa maioría so lles durou 4 anos.

Por todo isto considero que é un erro apoiar a un partido coma o PSOE na Coruña. Os coruñeses queren unha renovación total das suas institucións, e xa vai sendo hora porque levan mais de 20 anos gobernando os mesmos, e iso non se producirá apoiando o PSOE. En Lugo os lucenses déronlle a maioría absoluta a Orozco fai catro anos e esquecéuse de quen lle dera a chave da cidade fai oito anos. Non contaron co BNG -nin co PP- mentres tiveron a maioría absoluta e por iso os cidadáns lla retiraron. O BNG non debe caer no erro de volver a encher o ego dun persoeiro tan patetico coma Orozco e debe promover un cambio de goberno en Lugo. O mesmo sucede en Ourense, esta vez si apoiando o PSOE de Francisco Rodríguez.

Non estou dacordo cos acordo marco para as cidades e vilas de toda Galiza; pois cada cidade, cada vila, debe entenderse e pactarse de forma individualizada, aceptando a liña que marcan en cada caso os cidadáns.

E esa non é a única razón. A cotio acusamos o PP de non saber pactar con ninguén. O BNG ten que demostrar a sociedade que é capaz de pactar e gobernar con calquer partido, do contrario caeremos no mesmo erro que o PP e darémoslle a razón o señor Feijoo, e dicer, que simplemente somos un flotador para o PSOE.

os cidanáns importamoslle unha m€rd@

Onte pasou Rajoy por Ourense e deixou a mesma sensación que vai deixando por todo o territorio estatal: que os cidadáns importamoslle unha m€rd@. Él, como repite moitas veces, está a outra cousa. Chegou a Ourense e ponse a falar de que si Batasuna se presenta, que si o Goberno cedeu a sua chantaxe,… que onde estaba Zapatero o 11-M as 07.00 da mañá.

O que está facendo este político miserable cada día é levar o seu engano por cada cidade que visita -normalmente todas gobernadas polo PP- e pasar por alí unha cortina de fume pra que non se vexan os problemas que realmente preocupan os cidadáns de a pe: falta de vivenda protexida, ausencia de garderías infantís públicas para nenos –GALESCOLAS– e centros de día para os nosos maiores, nula creación de zonas verdes nas cidades e invasión do cemento por toda a xeografía, difícil acceso -por méritos- a un posto de traballo fixo e ben remunerado, preocupación pola presencia de políticos corruptos nas suas candidaturas, etc.

Rajoy so ten que decir cada día a palabra máxica -Batasuna- para que en todos os medios non se fale doutra cousa, para que non se mencione a sua nefasta xestión nos concellos e a sua despreocupación polas necesidades dos ciudadáns. Tamén é de lamentar a actitude do PSOE porque cae en todas e cada unha das suas trampas.

Os cidadáns preocupanos os temas que afectan os nosos concellos, o 27-M imos elexir os representantes que nos gobernarán durante os próximos cuatro anos, de eles dependerá que a nosa calidade de vida mellore ou empeore… Batasuna, ETA, ou o 11M, nestes intres, IMPORTANNOS UNHA M€RD@ !!