Artigos publicados de Miguel Quintas Coelho

Foi un pracer coñecerte, compañeiro, lerte e máis escoitarte. As tuas conviccións, os teus principios, a tua personalidade, seriedade e meticulosidade embuída na análise do cotián, a tua clarividencia permanente, o teu compromiso cos máis febles perdurarán para sempre no noso recordo.

A vía nova

O pasado día 4 de xaneiro a Voz de Galicia públicaba unha nova moi interesante, rescatada hoxe grazas a chuza!: Portugal, Ourense e León únense para recuperar toda a Vía Nova. Un grupo de concellos iniciaron a posta en valor da Vía Nova como un todo, no seu percorrido entre Braga e Astorga. Este proxecto liderado polo municipio portugués Terras de Bouro e o que tamén se adheriron os municipios de Bande e Lobios pretenden que o camiño que unía Braga con Astorga sexa declarado Patrimonio da Humanidade pero, para iso, faise necesario recuperalo na súa totalidade.

Sen embargo, esa empresa vaise facer moi difícil xa que no discorrer da Vía Nova atopamos con concellos como o noso, Xunqueira de Ambía, que lonxe de coidar e revalorizar o seu patrimonio abandoao a sua sorte, no mellor dos casos, e estragao noutros.

Un deses abandonos é o que se da no pobo de Casasoá, onde se conservan 15 metros do trazado orixinal, hoxe absorbidos pola maleza, na paraxe coñecida como Prado do Zapato, unha masa común resultado da concentración parcelaria. O camiño está sendo pisoteado na actualidade por un tractor dalgún veciño pra acceder ó seu eido. Seguramente descoñece a importancia do que hai ahí debaixo enterrado.

Dende o Grupo Local do BNG imos propoñer as institucións responsables, en primeiro lugar, que se impida a entrada con maquinaria pesada a calquer veciño nesta finca; segundo, que se sinale ben a zona, indicando o que hai nese lugar e explicando os veciños a importancia de conservar este ben arqueolóxico; e, por último que se proceda a limpeza da zona para que o camiño poida ser visible para viandantes e visitantes.

Asi mesmo gostaríanos que o noso Concello paticipase do proxecto de recuperación da Vía Nova iniado dende Portugal, primeiro porque a recuperación do camiño crearía emprego para a zona e, segundo, porque unha vez recuperado na sua totalidade e declarado Patrimonio da Humanidade sería un gran atractivo turístico para a zona.

Como sinalaba antes, noutros casos -a maioría- a sorte do camiño romano é ben distinta, pois este foi víctima da “política de asfalto” que durante trinta anos o Alcalde da vila practicou no noso Concello. Un exemplo podémolo ver tamén en Casasoá, no cruce do camiño que vai dende este pobo ata Cortegada coa Vía Bracara-Astorga, xusto diante da casa que da nome o pobo -casa soa-, pois esta casa era en 1752 unha pousada con cambio de posta no camiño real.

A recente concentración parcelaria profundizou mais na xa de por si demoledora destrucción do no noso tramo de vía romana, convertendo en rectas o que antes era un serpenteante camiño envolto por frondosas fragas. Tamén é certo que como resultado desa concentración se atopou un monolito, un gran cilíndro de granito dedicado os emperadores Maximino e o seu fillo Máximo.

E para os que queiran coñecer mais de cerca a Vía Nova, recoméndolles a lectura de “A Vía Romana XVIII (Vía Nova): Revisión do seu trazado e mensuración”, de Segundo Alvarado Blanco, Juan Carlos Rivas Fernández e Tomás Vega Pato. Este libro inclue mapas detallados do camiño romano: trazado orixinal, tramos que se conservan, tramos restaurados, etc. Seguramente sexa difícil de atopar en librerías, pero seguro que os hai en bibliotecas, no arquivo provincial de Ourense ou nas dependencias da Deputación de Ourense e Casas do Concello.

Actualización a 30 de xaneiro de 2008: O Grupo Municipal do BNG solicitou o Concello de Xunqueira de Ambía no Pleno celebrado o pasado día 25 que prohibise a entrada a Finca do Zapato xa que a entrada e paso do tractor nesta finca está agredindo o patrimonio histórico do noso Concello e causando ó camiño un dano irreparabel. A resposta do Alcalde é que iso non é sua competencia. Ver para creer…

A PROTECCIÓN DA BIODIVERSIDADE

A estas alturas xa ningúen pode negar que as canteiras de Xunqueira de Ambía están nunha situación ilegal xa que ademais de non contar con ningún dos permisos necesarios para realizar a actividade extractiva, están situados nun monte de especial protección paisaxística. Moitos dos que hoxe gobernan o noso Concello, e tamén algúns da oposición -refírome o PSOE-, creen que esa situación ten fácil arranxo. Estes consideran que para cambiar esa situación protectora do Monte da Farria é dabondo con modificar o PXOM de Xunqueira de Ambía e unha vez feito as canteiras poderán voltar o Monte e campar as suas anchas.

Non podían estar mais trabucados. A situación de protección que ten hoxe en día o Monte da Farria é irreversible, polo lo menos así será mentres esté vixente a Lei da Biodiversidade [Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (BOE, núm. 299, de 14 de decembro de 2007) (PDF)]. Esta lei di no seu artigo 51.1 (sobre a alteración da delimitación dos espazos protexidos) que “só poderá alterarse a delimitación de espazos naturais protexidos ou da Rede Natura 2000, reducindo a súa superfice total ou excluindo terreos dos mesmos, cando así o xustifiquen os cambios provocados neles pola súa evolución natural, científicamente demostrada”.

Isto quere dicir que mentres o Monte da Farria non se funda, se eleve ou se parta en dos -ou máis…- por causas naturais (terremotos, volcáns, tormetas,…) -non vale con porlle lume- este seguirá a gozar da mesma protección e, polo tanto, toda actividade -agás a recuperación- que se leve a cabo alí será ilegal … E de novo na TVG

Vistas do aserradeiro ilegal de EXELCO pegado a sua propia canteira

A Fiscalía denuncia unha canteira en Xunqueira de Ambía

A acusación pública decidiu emprender accións legais contra a empresa Farriense de Granitos por estar en actividade sen licenza. A compañía pertence a empresarios da zona vinculados co PPdeG, que tamén goberna neste municipio… Segue a ler en VIEIROS. Tamén se pode ver a noticia en ELPAIS.ES (fonte orixinal) e na galega:

Ir a Galega

O peche das canteiras xa fora noticia o 13 de xullo de de 2007 na TVG no Telexornal Mediodía e en Galicia Noticias e o 15 de xullo en EL PAIS. A ver si atopan unha diferencia entre a noticia publicada por EL PAIS por aquel entonces e a publicada actualmente… Iso vai traer moita miga.

Actualización a 30 de Xaneiro de 2008: a querella presentada pola Fiscalía de Ourense contra as empresas que explotan o Monte da Farria foi admitida a trámite e figuran como querellados: Farriense de Granitos SL, Manuel González Carracedo (encargado do aserradeiro ilegal que Farriense ten no polígono da “Cotorra”), Antonio Domínguez Vázquez (antigo socio e administrador de Farriense de Granitos SL e actual administrador de EXELCO e presidente dos Graniteiros de Ourense. Segue traballando no aserradeiro que a sua empresa ten no Monte da Farria de xeito ilegal), José Luis Meire San Pedro (xefe de obras do Concello de Xunqueira de Ambía), Samuel García Villarino (fillo do ex concelleiro Samuel García Otero) e Gregorio Rodríguez Fernández (ex tenente alcalde do PP no Concello de Maceda).

Cerrada a Canteira do Alcalde

Con máis demora ca que nós houbese gustado ó fin a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Innovación e Industria e a Consellería de Medio Ambiente puxeron freo a explotación indiscriminada e sen autorización do Monte da Farria. Paralizada esta desfeita agora achégase o momento de pedir responsabilidades políticas as autoridades locais e, por suposto, responsabilidades tanto penais como civís as dúas empresas -a saber: Farriense de Granitos e EXELCO– que levaron a término semellante estrago nun lugar especialmente protexido pola súa paisaxe e polo seu monte.

¿A todo isto que di o Sr. Gavilanes Losada? Que non sabe nada. El non ten coñecemento de que “a súa empresa” esté a explotalo Monte da Farria, unha empresa que ten o seu domicilio social no Polígono Industrial “A Cotorra” -isto do ‘poligono’ é outro tema a tratar profundamente-, en Xunqueira de Ambía, a escasos metros do consistorio, e a que non se lle coñece outra actividade en ningún outro monte. Alí, nese polígono, tamén ten Farriense de Granitos o seu aserradeiro -xa nos dirá próximamente o Sr. Alcalde si coñece ou non a actividade desta industria e con que licencias municipais conta-.

Podes ver a noticia en:

Ir a Galega

A xornada electoral en Xunqueira

A xornada electoral nun concello do interior de Galiza empeza un día antes, polo menos para os membros do PP. A xornada pra les empeza xa o día previo, reunindo a primeiras horas da tarde a tódolos caciques do concello, uns 50 mais ou menos, para repartir as tarefas da xornada electoral –interventores, apoderados-acarreadores, máis acarreadores, coaccionadores, intimidadores…– e acto seguido vanse polos pobos a repartir votos (refírome ós sobres, que así se lle chama aquí -sobre entregado… voto garantido-), como si non fose suficinte todo o mes de campaña previo. Iso de reflexionar non vai con eles.

O día da votación son os primeiros en chegar a cada Local Electoral, pra min que nin dormen. En cada Local hai caciques a moreas, tantos que calquer persoa co coñecemente xusto, que son moitas, poderían verse amedrentadas e coaccionadas por eles; non faltan tampoco os graciosos do pobo nin os lamecús que están a espera de que apareza por alí o alcalde pra arrimarse a el e lambelo. A xente enseguida empeza a chegar os colexios electorais e pronto, tamén, se empezan a ver os primeiros acarreos. Non é ningunha sorpresa. O ritmo é frenético durante toda a mañá, tanto que a mediodía xa votara na mesa mais dun 50% do censo electoral.

Sería un fenómeno de estudio o feito de que unha poboación que ten cerca dun 80% da súa poboación nunha franxa de idade superior os 65 anos sexa unha das mais activas electoralmente si non fose porque a orixe de tal actividade radica na obriga de ir a votar imposta polo Alcalde do pobo, unha obriga vixiada, controlada.

Outro fenómeno que se produciu foi o “voto express” ou “televoto” de última hora. Este consiste en que o interventor fai facendo listas das persoas que faltan por votar e pasalla a un dos acarreadores que está fora; éste colle a lista, vai a casa daquelas persoas e trainas a votar. Na mesa na que eu estaba esa labor facía Florencio Salgado Fernández, interventor e candidato do PP e o que carrexaba era seu pai, co coche da súa empresa SALGADO S.L.

Noutras mesas do Concello tamén se deron algunhas anécdotas, por exemplo na que estaba na Casa do Concello, a que acudiron a votar persoas que estaban censadas alí mesmo. Outra anécdota moi boa é na que un dos nosos inteventores lle pregunta a un dos candidatos do PP se coñecía a unha persoa que aparecía nas listas do censo e éste resposta que non; quedou branco cando lle dixeron que vivía na mesma casa ca el.

Así funciona a democracia nos pobos, a democracia do medo. Agora entendo a moitos vellos cando dín que “con Franco se vivía mellor”. Lóxico: entón no tiñan que votar e por iso non sufrían as aldraxes -públicas e privadas-, coaccións, chantaxes e as intimidacións de agora.

A canteira do Alcalde

Si a calquer veciño de Xunqueira de Ambía lle preguntas pola canteira do Alcalde, enseguida che sinalan o Monte da Farria. Dende fai un par de anos estase a cometer neste monte un dos maiores atentados ecolóxicos da historia da nosa provincia, ante o silencio de veciños e a connivencia das autoridades do lugar.
O Monte da Farria atópase incluido e delimitado no Catálogo de Bens Naturais e Paisaxísticos (CBNP), con ficha particular (N-17) e nivel de protección A, o que imposibilita a actividade mineira nese lugar; así se indica no artigo 121 do propio PXOM de Xunqueira de Ambía (publicado o 18 de novembro dese ano), aprobado pola actual corporación municipal.

Resulta curioso -e tamén moi sospeitoso que o Monte da Farria ardese uns meses antes- que quen preside a corporación municipal de Xunqueira de Ambía, o Sr. Jose Luis Gavilanes Losada, sexa considerado polos veciños -e incluso empregados- coma un dos máximos accionistas dunha empresa, Farriense de Granitos S.L., que solicitou a explotación dos recursos da Sección A) no Monte da Farria así como un permiso e investigación para a Sección C). O certo e que nunca foi accionista da empresa nin administrador dela, pero si o son ou foron persoas moi achegadas a el -os caciques do pobo-.

PI = Permiso de Investigación
CE= Concesión de Explotación
O certo é que as Declaracións de Impacto Ambiental foron negativas en ambos casos. A primeira é do 19 de maio de 2006, públicada o 19 de xuño de 2006, na que se pública o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración do proxecto de autorización de recursos da sección A); a segunda declaración de impacto ambiental é do 6 de marzo de 2007, aínda sen publicar no DOG e que considera que o proxecto “Farriense nº 365” non é ambientalmente viable:
”A empresa do Alcalde de Xunqueira de Ambía” -que non é del, como creen os veciños- a pesar de contar tan só con permisos de investigación está a explotar a canteira e comercializando todo o producto alí extraído coa mesma naturalidade que si se tivese unha concesión de explotación, coa que non conta, e unha licencia de actividade mineira, coa que tampouco pode contar tendo en conta as devanditas resolucións de impacto ambiental. Para facer máis dano o monte, a canteira está sendo explotada horizontalmente, dende a cima do Monte, e non verticalmente, dende unha ladeira, como é natural nestes casos, o que fai que a superficie natural protexida desvastada sea moi superior a de calquer canteira normal.

O que está sucedendo no Monte da Farria é un atentado contra a natureza levada a cabo coa colaboración do actual equipo de Goberno, diso non temos ningunha dubida. Non se pode seguir mirando para outro lado pola simple razón de tratarse dun Concello pequeño do interior, por que ese espazo natural protexido non sexa utilizado para construir grandes bloques de vivendas (denuncias moi habituais na actualidade) ou porque éste monte non esté situado dentro dos 500 metros da costa (espazo protexido pola lei do litoral, tamén moi de actualidade). Non se pode calar mentres destruen o noso monte, os nosos recursos naturais. Non se pode calar ante os que, co fin de enriquecerse, destruen o patrimonio de todos.