Sen embargo, esa empresa vaise facer moi difícil xa que no discorrer da Vía Nova atopamos con concellos como o noso, Xunqueira de Ambía, que lonxe de coidar e revalorizar o seu patrimonio abandoao a sua sorte, no mellor dos casos, e estragao noutros.
Un deses abandonos é o que se da no pobo de Casasoá, onde se conservan 15 metros do trazado orixinal, hoxe absorbidos pola maleza, na paraxe coñecida como Prado do Zapato, unha masa común resultado da concentración parcelaria. O camiño está sendo pisoteado na actualidade por un tractor dalgún veciño pra acceder ó seu eido. Seguramente descoñece a importancia do que hai ahí debaixo enterrado.
Dende o Grupo Local do BNG imos propoñer as institucións responsables, en primeiro lugar, que se impida a entrada con maquinaria pesada a calquer veciño nesta finca; segundo, que se sinale ben a zona, indicando o que hai nese lugar e explicando os veciños a importancia de conservar este ben arqueolóxico; e, por último que se proceda a limpeza da zona para que o camiño poida ser visible para viandantes e visitantes.
Asi mesmo gostaríanos que o noso Concello paticipase do proxecto de recuperación da Vía Nova iniado dende Portugal, primeiro porque a recuperación do camiño crearía emprego para a zona e, segundo, porque unha vez recuperado na sua totalidade e declarado Patrimonio da Humanidade sería un gran atractivo turístico para a zona.
Como sinalaba antes, noutros casos -a maioría- a sorte do camiño romano é ben distinta, pois este foi víctima da “política de asfalto” que durante trinta anos o Alcalde da vila practicou no noso Concello. Un exemplo podémolo ver tamén en Casasoá, no cruce do camiño que vai dende este pobo ata Cortegada coa Vía Bracara-Astorga, xusto diante da casa que da nome o pobo -casa soa-, pois esta casa era en 1752 unha pousada con cambio de posta no camiño real.
A recente concentración parcelaria profundizou mais na xa de por si demoledora destrucción do no noso tramo de vía romana, convertendo en rectas o que antes era un serpenteante camiño envolto por frondosas fragas. Tamén é certo que como resultado desa concentración se atopou un monolito, un gran cilíndro de granito dedicado os emperadores Maximino e o seu fillo Máximo.
E para os que queiran coñecer mais de cerca a Vía Nova, recoméndolles a lectura de “A Vía Romana XVIII (Vía Nova): Revisión do seu trazado e mensuración”, de Segundo Alvarado Blanco, Juan Carlos Rivas Fernández e Tomás Vega Pato. Este libro inclue mapas detallados do camiño romano: trazado orixinal, tramos que se conservan, tramos restaurados, etc. Seguramente sexa difícil de atopar en librerías, pero seguro que os hai en bibliotecas, no arquivo provincial de Ourense ou nas dependencias da Deputación de Ourense e Casas do Concello.
Actualización a 30 de xaneiro de 2008: O Grupo Municipal do BNG solicitou o Concello de Xunqueira de Ambía no Pleno celebrado o pasado día 25 que prohibise a entrada a Finca do Zapato xa que a entrada e paso do tractor nesta finca está agredindo o patrimonio histórico do noso Concello e causando ó camiño un dano irreparabel. A resposta do Alcalde é que iso non é sua competencia. Ver para creer…