GALIZA NA UNIÓN. A PORTA ATLÁNTICA

En Galiza na Unión. A porta Atlántica Camilo Nogueira fai un reconto dos pros e contas que supuxeron para Galiza a entrada na Unión Europea, daquela Comunidade Económica Europea. Fai tamén unha singular comparación entre Galiza e Irlanda, países que teñen características que lles son comúns: territorio, poboación, sectores productivos,…; pero tamén algo que as diferencia: unha está vencellada a Europa como nación, Irlanda, e outra, Galiza, non. A evolución económica e social dun e outro povo irá moi ligado a dita condición. O certo é que a Unión Europea, hoxe en día, é un espazo aberto e cheo de oportunidades. Compre recuperar o tempo desperdiciado.

Galiza na Unión. A Porta Atántica
Camilo Nogueira

Outras ensinanzas do autor:

  • A consciencia de Galiza como nación europea estaba nos galegistas do tempo da emerxencia das nacións de mediados do século XIX e no rexurdimento galegista de entre dous séculos, formando parte tamén do pensamento e da acción das irmandades da fala e do Partido Galegista da primeira metade do Século XX.
  • Manuel Murguía fundamentou as aspiracións nacionais de Galiza no carácter céltico que a relacionaba cos países atlánticos de Europa, e no pasado suevo, considerando a etnia e a cultura como base da nación (…), coidando que a Patria é antes que nada a consciencia de Patria (…) e expresando o dereito de cada nación de dispor libremente do seu destino.
  • Instaurar a paz e a liberdade, permanentes na humanidade, (é un) ideal que endexamais se poderá realizar, mentras uns povos vivan de asoballar a outros, Castelao dixit.
  • De acordo con Otero (Ramón Otero Pedrayo) o galegismo participaba dunha idea na que a liberdade dos galegos coincidiría coa “liberación de Galicia en ben de Europa” e tamén do mundo.
  • O lider nacionalista galego (en referencia a Castelao) aseguraba que “os farautes do Federalismo europeo aínda non son auténticos federalistas, porque para selo sería preciso que pensaran máis nas nacións e menos nos estados”.
  • Mal amariamos a humanidade se non comezamos amando a nosa Patria.
  • Se Galiza fose un Estado tería sido considerada a súa situación socio-económica específica.
  • En tanto que institucións de governo doutras CCAA movían as súas pezas para situárense cun poder propio tanto político como económico no tempo do esvaemento das fronteiras europeas, a Xunta careceu de toda iniciativa que non fora de esperar favores que non chegarían e que de chegaren faríano en forma de cativas esmolas.
  • Entre tanto Irlanda era un sitio distinto. Un Estado de dimensión semellante a Galiza, contando en 1988 cunha renda por habitante non moi diferente (…), pasou a ser o de maior renda relativa (…) só superado por Luxemburgo. (…) O crecemento irlandés foi o resultado da plena utilización como estado dos Fondos Estruturais e de Cohesión procedentes da UE ao servizo dun proxecto nacional no desenvolvemento industrial, a educación e a investigación, algo que en Galiza non existiu.
  • Non faltou quen, desde o governo galego, daquela do mesmo signo político que o de Madrid, defendera a política de mobilidade co argumento impertinente da liberdade individual dos traballadores galegos.
  • Para Xavier Vence a política de administrar rutineiramente os recursos limitándose a esparexelos entre a miríade de intereses cativos ou a facer obras de dubidosa rendabilidade social impediu tratar os problemas estratéxicos do país.
  • A actitude autista do governo galego reproduciríasse no tocante a industria de transformación do leite. Nen apoiou seriamente a criazón dun grupo lácteo galego, nen promoveu a instalación en Galiza das empresas que se nutrían no país (respecto a isto hai que dicir que non temos mellorado moito nestes últimos anos)
  • Non se pode obviar que a consolidaión e expansión dos cultivos mariños en Galiza estarán especial e crecentemente ligadas a necesidade de solucionar os problemas medioambientais que poidan causar.
  • Estando presente na Unión Europea, e fronte á ideoloxía do Estado español, Galiza pode expresar mellor o seu caracter de nación e a realidade internacinal, diferencial e independente do mesmo. Pode manifestar mellor a identidade lingüística que a singulariza, para alén do Estado español (…). Dentro da Unión é posibel unha nova pedagoxía sobre Galiza como nación emancipada e sen fronteiras.
  • Os Estados están máis dispostos a transferiren competencias de soberanía á UE que a darlle carta de natureza as nacións internas.
  • As posibilidades do traballo en común poden resultar especialmente acrecentadas se as duas nacións (Portugal e Galiza) se recoñecen como un territorio lingüístico e cultural común, que singularice e diferencie os seus caracteres.
  • Empresarios galegos teñen paradoxalmente a tentación de relacionarénse cos portugueses en castelán, e portugueses, suxeitos tamén a un prexuicio histórico a respecto de Galiza e de España, a aceptaren como norma tan inculta anomalía.
  • Cada lingua contén, articula e transmite non só unha carga única de memoria vivida, tamén unha enerxía construtora de tempos futuros, unha potencialidade para o mañá. A morte dunha lingua é irreparabel e diminue as posibilidades do home, sendo inadmisibel e contraria ao xenio de Europa que está vencellado a diversidade lingüística, cultural e social. George Steiner.
  • A conveniencia dun prudente e se se quere demorado, mais inequívoco, cambio de rumbo sobre a lingua, non ten que ver só coa normalización do seu uso, senón tamén coa conservación e mellora da súa calidade.
  • Non está de máis imaxinar o que proporían hoxe, sabendo o que firmaron e estando en circunstancias infinitamente máis favorabeis que as que lles tocaron vivir, precursores como Sarmiento, Murguía e Castelao.

POR UNHA GALIZA LIBERADA E NOVOS ENSAIOS

Recentemente, hai xa máis dun mes, fíxose pública a reedición da obra de Xosé Manuel Beiras Torrado publicada no ano 1984 (máis informaición aquí), Por unha Galiza liberada. Ensaios en economía e política, agora titulada Por unha Galiza liberada e novos ensaios (en economía e política). Vinte e catro anos depois da sua primeira publicación -moitos máis dende a elaboración de algúns dos seus ensaios- a obra de Xosé Manuel Beiras segue a ser un espello da realidade social, económica e política galega actual -nalgo si melloramos, pero non tanto-. É de agradecer, sobre todo, que o autor se manteña, hoxe en día, fiel os principios que noutrora defendeu. Para min non hai dúbida: Galiza perdeu a oportunidade de ter o mellor presidente que endexamais podería ter tido. Agora como é costume vou citar algúnhas das ideas coas que máis me identifico dentro desta obra:

Por unha Galiza Liberada
Xosé Manuel Beiras

  • As mágoas de Galiza non proveñen da desunión dos galegos, senón “da cega subordinación ó poder central, da falla das liberdades locais e da explotación das forzas productoras rexionais polos parásitos da burocracia parlamentaria”.
  • Casta dos Celtas ¡esperta axiña! ¿Érguete do fango da Escravitú!: así empeza o coñecido poema de Brañas que leva por título o lema da sublebación irmandiña Deus Fratesque Gallaecia.
  • Eu, persoalmente e polo que me acae, non tento apropiarme ren: analizo valoro e escolmo (…) Ainda non conseguimos nin a sombra do que os devanceiros arelaran.
  • A inocencia dos xustos, a pureza dos bos e xenerosos e a determinación dos ousados que cumprían para ser, nas ideas e na conduta, nacionalista galego cerne na circunstancia de Bóveda e máis tamén despois. (…) As mulleres e os homes galegos, un pobo e áis unha cultura no rego da historia.
  • E dille Antigona a Creón en Sófocles, ante a presenza amedoñada do Coro: “Todos estes dirían que o que fixen é do seu agrado, se o medo non lles pexara a lingua. Mais os tiranos teñen esta e moitas outras ventaxas, e élles permitido faceren e diciren canto queiran”.
  • ¡Que tempos, que até os obreiros len o periódico!, e que o Bóveda comentaba: “Alí comezou a miña vida política”.
  • Adóitase con demasiada frecuencia e en demasiados ambientes caer en simplismos só explicábeis por ignorancia, esquematismo mental ou inmadurez (…) A min os simplismos danme risa ou lástima, segundo os casos…
  • Razón tiña unha vez máis Castelao en afirmar que Galiza non encaixaba nin tiña lugar de seu na lei xeral do Estado español. (…) “¡Pois deixádenos valer polos nosos medios, largade o adival co que nos tendes amarrado ao voso carro!”
  • As últimas palabras escribiunas deica hoxe -en referencia a Bóveda-, con debuxo e pé de Castelao: “A derradeira lección do mestre”; “Non enterran cadáveres, enterran semente”. Non as esquezades, non as traizoedes. Non o esquezamos, non o traizoemos.
  • Os labregos ven o Estado en figura de recadador de contribucións. Témenlle á xustiza oficial, porque nunca se lexislou para eles. Por eso necesitan un cacique que os liberte das inxustizas da lei e das liortas abogadescas…
  • “A vaca galega ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid” – ironiza Castelao.
  • Preocupoume sempre un algo a indefensión dos mortos. (…) Fanme lembrar aquilo que Castelao puña dunha personaxe mendiño da sua creación: “Os pobres andamos polo mundo expostos a todo”.
  • Na obra de Marx, a economía é unha ciencia social, unha explicación teórica da sociedade a partir dunha caste de relacións sociais, as relacións económicas, as relacións que se establecen entre os homes por mor dunha producción de bens materiais para a cobertura de necesidades.
  • … constitúe un plantexamento revolucionario marxiano: “O modo de producción da vida material condiciona o proceso da vida social, política e intelectual en xeral. Non é conciencia dos homes a que determina a realidade; pola contra, a realidade social é a que determina a súa conciencia”.
  • A economía política identificase como a ciencia social burguesa -sen connotaión pexorativa- e a angueira marxiana estriba primeiro en elaborar a crítica desa ciencia.
  • O capitlaismo crea mercados ainda que destrua estruturas produtivas preexistentes e simplifique a división do traballo. (…) Os mercados dos produtos minerais estratéxicos para o desenrolo industrial contemporáneo (…) en Galiza: suscitan a expoliación perpetuada baixo formas anovadas.
  • A uns para que o aprendan, a outros, por se o esqueceron, e máis sobre todo a eses compatriotas, para que saiban que o son, cantareilles; En pé os escravos da terra. Axuntémonos todos: e a loita final.
  • A principal mensaxe da General Theory consistía en que o pleno emprego só podía conseguirse a condición de que o goberno estivera para intervir -se cadra drástica e continueamente- no libre funcionamento da economía.
  • A realidade que nos arrodea é unha proba rotunda. Quéirase ou non, guste ou non guste, Galiza é unha poderosa realidade colectiva que, ainda a risco da súa aniquilación impón hoxe por hoxe a súa rexa lei: a lei dos feitos evidentes. A súa dimensión económica é indisiozabel das súas dimensións xeográfica, social, cultural ou política. Aínda máis: Galiza é un feito económico singular e peculiar porque, e mesmamente porque, é ao propio tempo un feito antropolóxico, un feito social, un feito cultural, un feito político. Galiza é unha estrutura global, unha totalidade estruturada de rango superior. Ningún dos seus elementos ten sentido pleno sen referencia estrita nas súas interralacións cos demais do seo do conxunto, desa totalidade co seu propio sistema de transformacións, coa súa propia dinámica social, co seu propio talante colectivo. Ignorar isto sería unha necidade. Ocultalo sería un fraude. Proclamalo e operar de costas el é unha hiprocresía.
  • Subdesenrolo, persistencia de modos precapitalistas de produción artelladas co capitalista dominante, e colonialismo interno, son, xa que logo, ao meu ver, marcos categorías e teóricos referenciais necesarios, máis ca simplemente acaídos, para apreixarmos a problemática estrutural da economía galega no seu pleno alcanzo (…) Mais Galiza non é en rigor unha formación dependente, senón unha economía sometida e espoliada e máis unha nación asoballada aínda hoxe.
  • Non soamente fomos capaces de impedir o éxodo, senón que tampouco fomos capaces de crear o mínimo de condicións axeitadas para que a ausencia dos emigrados fora un fenómeno transitorio e que a súa volta se trocara nun feliz acontecemento.
  • Socialicemos os recursos enerxéticos e nacionalicemos a súa extracción, producción e distribución.
  • A condición de colonia supón unha opresión combinada nos planos económico, cultural e político, unha situación que se consuma ao traveso, conxuntamente, das esferas económica, xurídico-política e ideolóxica.
  • Se a economía galega vai a ser unha plataforma de implantancións industriais que non responden a lóxica do noso desenrolo interno eas súas existencias, senón á lóxica e ás esixencias do desenrolo exterior, non é nada probabel que o problema emigratorio se resolva nin siquiera se aminore.
  • E insisto: o modelo de indistrialización que temos a vista é o que conduciu a civilización industrial vixente; non é por forza o que terá vixencia no futuro.
  • Ningunha clase explotada se redime nunha votación, ningún pobo asoballado se autodetermina nun plebiscito.
  • Ningunha soberbia do “saber” conduce a ningures: pola contra, paraliza e mirra, converte en dogma calquera teoría en apoloxética calquera discurso argumental.
  • Está comprobado que os labregos, obreiros, mariñeiros e tododiós entenden cando se lles explica con sinxeleza, ainda a aqueles que despois de comprendéreno e vibraren coa vivencia da íntima liberdade florecida van e votan ao cabo o que lles mandan. O Avilés díxollelo por adiantado dun xeito ben fermoso e lúcido: “Non teremos o voso voto, mais ainda así, seguiremos a ser a vosa única voz”.
  • Ramonet di verdades tan atroces, por veces, que se eu as dixera no parlamento de Galiza correríanme a paos (…) “Nos seus esquemas o poder político non é máis que o terceiro poder, pordiante atópase o poder económico e o poder mediático, e en canto se posúen estes, facerse co poder político non é máis que un simple trámite”.
  • Cando alguen me di: “no é que eu son internacionalista”, está utilizando un termo que se compón dun prefixo que é inter e despois nacionalista, e se non existise o termo nación xa me pode vostede explicar que podería significar internacional.
  • Derrúbase un mundo sen que as xentes o decidan, emerxe outro mundo sen que as xentes o discutan.
  • Algunhas veces dáme a impresión de que miro para os lados, traballando na política, e digo: ¿onde está a sociedade civil? E non a vexo reaccionar. Máis dunha vez eu lánzome, avanzo, políticamente xógome moitas cousas, pensando que iso que chaman a sociedade civil o está reclamando, pero cando miro ao redor digo ¿onde esá?
  • É caricatura, ben sei. Mais, coas caricaturas, a cuestión non estriba en se teñen a fidelidade icónica dos retratos realistas, senón en se un recoñece nelas ao personaxe.
  • Se o saber e o poder político conforman un binomio, se universidade galega e institucións de autogoberno entran en ecuación, o ricaz potencial que acobillan a natureza, os seres humáns e as estruturas socioeconómicas do noso país poderá verquerse en diseños sistemáticos sustentabeis, haberá espranza para a nosa nación e abriránse as portas para que Galiza poda sobardar a longa era da súa prehistoria e entrar na propia historia de vez.
  • O nacionalismo galegista é primeiro de todo unha cultura cívica de xenerosidade, unha cultura democrática de fraternidade, unha cultura política emancipadora. Ousarei dicilo: unha subxacente cultura libertaria.
  • O intelectual móvese por valores, o político móvese pola ambición. Entendédeme: rifírome á honorábel ambición de facer posíbel o que é necesario para o benestar dos cidadáns. (…) Despois, este obxectivo instrumental, na práctica, tende a sufrir unha singular metamorfose: converterse nun fin en si mesmo. Daquela fica aberto o risco dun frecuente proceso dexenerativo: a honorábel ambición transfórmase en cobiza do poder.
  • Na tradición do nacionalismo galego, tanto na súa historia como até na sua prehistoria, o valor da fraternidade impregna o principio e a vivencia galeguista da irmandade, mesmamente.

Actualización a 10 de outubro de 2008:

Xosé Manuel Beiras apresentou o pasado 9 de Outubro a redición de “Por unha Galiza Liberada” na libraría Couceiro de Santiago. Acompañárono Miguel Anxo Fernán Vello, responsábel editorial de Espiral Maior e o economista Xabier Vence, que destacaron a vixencia dos conteúdos nesta etapa de crise do modelo capitalista neoliberal, así como a necesidade de manter as teses soberanistas cara à emancipación nacional (ver video).

SACADE O SANTO !!!

Teño asistido a moitas charlas, coloquios, presentacións, mitins,… de Paco García, o Alcalde de Allariz, e a cotío comeza os seus discursos cunha anécdota. Vouvola contar.

Nun verán destes de sequía, de forte sequía, de cando as fontes deixaban de manar auga durante días ou semanas era tradición na vila de Allariz -coma en moitas vilas de Galiza- sacalo santo en procesión para que nas fontes voltase a brotala auga. Un deses anos cando ían tódolos veciños en procesión polas rúas da vila pasaron baixo o balcón dun dos veciños que decidiran quedarse na sua casa. Cando o santo co seu acompañamento se achegou por alí este berroulles a todos: cavade pozos! cavade pozos!…

Nestes derradeiros días ando un pouco pasmado -e axitado, dito sea de paso- porque dende o BNG me están pedindo que vaía rezar a un santo, perdón, quero dicir, falar con un político. Resulta que alguén posto a dedo polo BNG nun posto de relevancia metou a zoca ata o fondo, ata ben fondo, e eu que descubrín o fallo e llo fixen saber, e polo simple feito de facerllo saber, me convertín nun problema para el -palabras textuais-. Que Paradoxa! Descubro un problema e o final o problema son eu! E agora queren que vaía en procesión? Pois vai ser que non… eu cabo pozos!

Estou vendo que ó ritmo que van as cousas na política de hoxe en día non sería nada estrano acabar oíndo a Paco contar estoutra anécdota:

Nun verán destes de sequía, de forte sequía, de cando as fontes deixaban de manar auga durante días ou semanas era tradición na vila de Allariz -coma en moitas vilas de Galiza- porse a cavar pozos para sacar auga. Un deses anos cando tódolos veciños estaban xa fartos de cavar sin acadar gota algúnha de auga pasou o cura xunto deles, casa por casa, e berráballes: sacade o santo! Sacade o santo!…

A ensinanza que se pode sacar deste conto é que na Galiza actual -e na pasada… e posiblemente na futura- si non se lle lambe o cu ó político de turno non se vai a ningún lado. Pois que lle queredes… si non se pode ir a ningún lado quédase no medio. Así polo menos estórbase!

A moral é unha convención privada, a decencia é una cuestión pública. Marguerite Yourcenar (Bruselas 1903 – Mount Desert, Maine 1987) Memorias de Adriano (1952)

CON SUBSTANTIVIDADE PROPIA

Cando unha empresa busca persoal para realizar as súas tarefas encargase de contratalo o Responsable de RR.HH. pero cando unha empresa busca un Responsable de RR.HH. quen se encarga de contratalo? Unha boa pregunta, verdade? Da boa ou mala selección dependerá que a empresa teña un Responsable ou un Irresponsable de RR.HH.

Unha das preguntas obrigatorias en toda entrevista para a selección de un Responsable de RR. HH debería ser: que é a substantividade propia?

A substantividade propia é un dos requisitos indispensables para poder realizar un contrato por fin de obra. Pero que é? En Galiza fanse contratos por fin de obra a esgalla, non só na empresa privada senón tamén -e diría que especialmente- na empresa pública e na administración pública. Saben os Responsables -ou Irresponsables, segundo saiban respostar acertadamente a esta cuestión- de RR.HH. o que é a substantividade propia?

Non é algo que veña definido no dicionario -de ningunha lingua, podédelo comprobar- nin en ningún código lexislativo. A substantividade propia e un dos conceptos abstractos, entre milleiros, que se utilizan na redacción de leis. Este aparece no artigo 15.a) do Estatuto do Traballador o sinalar que “…cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cunha execución, aínda que limitada no tempo, en principio de duración incerta”. Que é iso?

So hai unha resposta válida a esa pregunta: a que ofrece a xurisprudencia pois, na actualidade, a substantividade propia é un concepto que non ofrece ningún tipo de conflito xurídico entre diferentes sectores doutrinais. Todos están de acordo… agás algúns xuíces de primeira instancia, algúns dos inspectores de traballo e os que en realidade son Irresponsables -e non responsables- de RR. HH. de certas empresas, públicas e privadas, así como de certas administracións.

Toda contratación por fin de obra debe reunir tanto os requisitos esixidos pola lei como pola xurisprudencia (ver Sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2006 sobre Fraude de Lei), sobre todo os esixidos por esta última, que son:

a) Que a obra ou servizo que constitúa o seu obxecto, presente autonomía e substantividade propia dentro do que é a actividade laboral da empresa;
b) Que a súa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta;
c) Que se especifique e identifique no contrato, con precisión e claridade, a obra ou o servizo que constitúe o seu obxecto; e
d) Que no desenrolo da relación laboral, o traballador sexa normalmente ocupado na execución daquela ou no cumprimento deste e non en tarefas distintas.

Segundo esta Sentenza, así como moitas outras, como por exemplo a Sentenza do Tribunal Superior de Galiza de 10 de xuño de 2008, deixan moi claro que tarefas ten substantividade propia:

Ten substantividade propia dentro dunha empresa -ou administración- tódalas tarefas que non sexan habituais, normais ou permanentes.

Este pequeno detalle marca a fronteira entre un contrato legal e un contrato realizado en fraude de lei (Artigo 6.4 do Código Civil). Que supón para unha empresa un contrato en Fraude de Lei? A obriga de transformar o contrato temporal de fin de obra nun contrato indefinido de acordo co Artigo 15.3 do Estatuto do Traballador:

Presumiranse por tempo indefinido os contratos temporais celebrados en fraude de lei.

… De aí a importancia de saber seleccionar a un Responsable de RR. HH. Non facelo ben sería unha irresponsabilidade por parte do empresario ou responsable político do momento.

Actualización a 6 de outubro de 2008

Achego copia dun artigo moi interesante de José María Lastras publicado en El país e acerca dos contratos de fin de obra en relación coas contratas feitas polas administracións públicas.

clica na imaxe para agrandar

Os Grouchos

Ler Os Grouchos é coma embarcar hacia unha viaxe no tempo, unha viaxe na que se mira de esguello, unhas veces, e de frente, noutras, a realidade nacional galega, a política, a cultura, a natureza, as tradicións (sobre todo o arraigo de malas costumes e a perda das boas),… unha realidade que trata de rebuscar no pasado valores perdidos ó mesmo tempo que albisca un futuro de esperanza.

Iso si, ten Manuel Rivas unha teima co “país portátil” que non comparto. Di Rivas que o pobo de Israel é un “país portatil” porque alí onde está un xudeo coa sua tora está o seu país. É discutibel. Mais hai unha clara diferencia: Israel é un pobo sen terra (a ocupada non conta, pra min) e Galiza e un pobo con terra. É máis. É un pobo totalmente arraigado a sua terra. Ben sei o que quere decir, que levemos a nosa cultura alá onde vaíamos,… mais non podemos levar o noso país, a terra. Galiza sen terra non é país.

Si estou dacordo coa sua visión sobre o bipartito, un mal necesario. Mal porque nos están decepcionando a todos, a socialistas e a nacionalistas; necesario porque a sociedade galega necesitaba poñer fin a un periodo que, ainda que positivo para Galiza, nos últimos tempos afundíase entre as sombras do Prestige… e do caciquismo. Fala Rivas de Estado de Malestar, de contentamento descontente. Esta situación dase porque o bipartito gasta tódalas suas forzas non en gobernar, en “ver” quen dos dous, socialistas e nacionalistas, fai máis pola cidadanía galega, senón en “facer ver” a cidadanía quen é o que máis fai; esquecéndose, moitas veces, de facer algo. É de lamentar. Gástase máis en publicidade que en obras. É o prezo da imaxe, da foto en portada, a diferencia entre a cor e o branco e negro nun xornal. Segundo o que se invirta nos medios de comunicación privados -nos públicos, por certo, so se nota o cambio en que agora os que manipulan son outros- vaise ter máis ou menos espazo… e a máis espazo máis votos. É a diferencia entre ser visibel ou invisibel nunha sociedade marcada pola imaxe. Claro que aquí Manuel Rivas non pode entrar… está a soldo de El País. Fai ben.

Pódense atopar outros moitos artigos, interesantes todos eles, sobre a Cidade da Cultura, a Feira internacional do Libro en La Habana (vaía polémica máis absurda se levantou por isto), a lingua ou o bilingüismo, así como o público recoñecemento a galegos ilustres do pasado e presente da nosa cultura. Ademáis Os Grouchos fai unha gran aportación de citas célebres e non tan célebres de grandes autores da cultura mundial… e todo isto misturado con moita retranca.