Recentemente, hai xa máis dun mes, fíxose pública a reedición da obra de Xosé Manuel Beiras Torrado publicada no ano 1984 (máis informaición aquí), Por unha Galiza liberada. Ensaios en economía e política, agora titulada Por unha Galiza liberada e novos ensaios (en economía e política). Vinte e catro anos depois da sua primeira publicación -moitos máis dende a elaboración de algúns dos seus ensaios- a obra de Xosé Manuel Beiras segue a ser un espello da realidade social, económica e política galega actual -nalgo si melloramos, pero non tanto-. É de agradecer, sobre todo, que o autor se manteña, hoxe en día, fiel os principios que noutrora defendeu. Para min non hai dúbida: Galiza perdeu a oportunidade de ter o mellor presidente que endexamais podería ter tido. Agora como é costume vou citar algúnhas das ideas coas que máis me identifico dentro desta obra:
Por unha Galiza Liberada
Xosé Manuel Beiras
-
As mágoas de Galiza non proveñen da desunión dos galegos, senón “da cega subordinación ó poder central, da falla das liberdades locais e da explotación das forzas productoras rexionais polos parásitos da burocracia parlamentaria”.
-
Casta dos Celtas ¡esperta axiña! ¿Érguete do fango da Escravitú!: así empeza o coñecido poema de Brañas que leva por título o lema da sublebación irmandiña Deus Fratesque Gallaecia.
-
Eu, persoalmente e polo que me acae, non tento apropiarme ren: analizo valoro e escolmo (…) Ainda non conseguimos nin a sombra do que os devanceiros arelaran.
-
A inocencia dos xustos, a pureza dos bos e xenerosos e a determinación dos ousados que cumprían para ser, nas ideas e na conduta, nacionalista galego cerne na circunstancia de Bóveda e máis tamén despois. (…) As mulleres e os homes galegos, un pobo e áis unha cultura no rego da historia.
-
E dille Antigona a Creón en Sófocles, ante a presenza amedoñada do Coro: “Todos estes dirían que o que fixen é do seu agrado, se o medo non lles pexara a lingua. Mais os tiranos teñen esta e moitas outras ventaxas, e élles permitido faceren e diciren canto queiran”.
-
¡Que tempos, que até os obreiros len o periódico!, e que o Bóveda comentaba: “Alí comezou a miña vida política”.
-
Adóitase con demasiada frecuencia e en demasiados ambientes caer en simplismos só explicábeis por ignorancia, esquematismo mental ou inmadurez (…) A min os simplismos danme risa ou lástima, segundo os casos…
-
Razón tiña unha vez máis Castelao en afirmar que Galiza non encaixaba nin tiña lugar de seu na lei xeral do Estado español. (…) “¡Pois deixádenos valer polos nosos medios, largade o adival co que nos tendes amarrado ao voso carro!”
-
As últimas palabras escribiunas deica hoxe -en referencia a Bóveda-, con debuxo e pé de Castelao: “A derradeira lección do mestre”; “Non enterran cadáveres, enterran semente”. Non as esquezades, non as traizoedes. Non o esquezamos, non o traizoemos.
-
Os labregos ven o Estado en figura de recadador de contribucións. Témenlle á xustiza oficial, porque nunca se lexislou para eles. Por eso necesitan un cacique que os liberte das inxustizas da lei e das liortas abogadescas…
-
“A vaca galega ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid” – ironiza Castelao.
-
Preocupoume sempre un algo a indefensión dos mortos. (…) Fanme lembrar aquilo que Castelao puña dunha personaxe mendiño da sua creación: “Os pobres andamos polo mundo expostos a todo”.
-
Na obra de Marx, a economía é unha ciencia social, unha explicación teórica da sociedade a partir dunha caste de relacións sociais, as relacións económicas, as relacións que se establecen entre os homes por mor dunha producción de bens materiais para a cobertura de necesidades.
-
… constitúe un plantexamento revolucionario marxiano: “O modo de producción da vida material condiciona o proceso da vida social, política e intelectual en xeral. Non é conciencia dos homes a que determina a realidade; pola contra, a realidade social é a que determina a súa conciencia”.
-
A economía política identificase como a ciencia social burguesa -sen connotaión pexorativa- e a angueira marxiana estriba primeiro en elaborar a crítica desa ciencia.
-
O capitlaismo crea mercados ainda que destrua estruturas produtivas preexistentes e simplifique a división do traballo. (…) Os mercados dos produtos minerais estratéxicos para o desenrolo industrial contemporáneo (…) en Galiza: suscitan a expoliación perpetuada baixo formas anovadas.
-
A uns para que o aprendan, a outros, por se o esqueceron, e máis sobre todo a eses compatriotas, para que saiban que o son, cantareilles; En pé os escravos da terra. Axuntémonos todos: e a loita final.
-
A principal mensaxe da General Theory consistía en que o pleno emprego só podía conseguirse a condición de que o goberno estivera para intervir -se cadra drástica e continueamente- no libre funcionamento da economía.
-
A realidade que nos arrodea é unha proba rotunda. Quéirase ou non, guste ou non guste, Galiza é unha poderosa realidade colectiva que, ainda a risco da súa aniquilación impón hoxe por hoxe a súa rexa lei: a lei dos feitos evidentes. A súa dimensión económica é indisiozabel das súas dimensións xeográfica, social, cultural ou política. Aínda máis: Galiza é un feito económico singular e peculiar porque, e mesmamente porque, é ao propio tempo un feito antropolóxico, un feito social, un feito cultural, un feito político. Galiza é unha estrutura global, unha totalidade estruturada de rango superior. Ningún dos seus elementos ten sentido pleno sen referencia estrita nas súas interralacións cos demais do seo do conxunto, desa totalidade co seu propio sistema de transformacións, coa súa propia dinámica social, co seu propio talante colectivo. Ignorar isto sería unha necidade. Ocultalo sería un fraude. Proclamalo e operar de costas el é unha hiprocresía.
-
Subdesenrolo, persistencia de modos precapitalistas de produción artelladas co capitalista dominante, e colonialismo interno, son, xa que logo, ao meu ver, marcos categorías e teóricos referenciais necesarios, máis ca simplemente acaídos, para apreixarmos a problemática estrutural da economía galega no seu pleno alcanzo (…) Mais Galiza non é en rigor unha formación dependente, senón unha economía sometida e espoliada e máis unha nación asoballada aínda hoxe.
-
Non soamente fomos capaces de impedir o éxodo, senón que tampouco fomos capaces de crear o mínimo de condicións axeitadas para que a ausencia dos emigrados fora un fenómeno transitorio e que a súa volta se trocara nun feliz acontecemento.
-
Socialicemos os recursos enerxéticos e nacionalicemos a súa extracción, producción e distribución.
-
A condición de colonia supón unha opresión combinada nos planos económico, cultural e político, unha situación que se consuma ao traveso, conxuntamente, das esferas económica, xurídico-política e ideolóxica.
-
Se a economía galega vai a ser unha plataforma de implantancións industriais que non responden a lóxica do noso desenrolo interno eas súas existencias, senón á lóxica e ás esixencias do desenrolo exterior, non é nada probabel que o problema emigratorio se resolva nin siquiera se aminore.
-
E insisto: o modelo de indistrialización que temos a vista é o que conduciu a civilización industrial vixente; non é por forza o que terá vixencia no futuro.
-
Ningunha clase explotada se redime nunha votación, ningún pobo asoballado se autodetermina nun plebiscito.
-
Ningunha soberbia do “saber” conduce a ningures: pola contra, paraliza e mirra, converte en dogma calquera teoría en apoloxética calquera discurso argumental.
-
Está comprobado que os labregos, obreiros, mariñeiros e tododiós entenden cando se lles explica con sinxeleza, ainda a aqueles que despois de comprendéreno e vibraren coa vivencia da íntima liberdade florecida van e votan ao cabo o que lles mandan. O Avilés díxollelo por adiantado dun xeito ben fermoso e lúcido: “Non teremos o voso voto, mais ainda así, seguiremos a ser a vosa única voz”.
-
Ramonet di verdades tan atroces, por veces, que se eu as dixera no parlamento de Galiza correríanme a paos (…) “Nos seus esquemas o poder político non é máis que o terceiro poder, pordiante atópase o poder económico e o poder mediático, e en canto se posúen estes, facerse co poder político non é máis que un simple trámite”.
-
Cando alguen me di: “no é que eu son internacionalista”, está utilizando un termo que se compón dun prefixo que é inter e despois nacionalista, e se non existise o termo nación xa me pode vostede explicar que podería significar internacional.
-
Derrúbase un mundo sen que as xentes o decidan, emerxe outro mundo sen que as xentes o discutan.
-
Algunhas veces dáme a impresión de que miro para os lados, traballando na política, e digo: ¿onde está a sociedade civil? E non a vexo reaccionar. Máis dunha vez eu lánzome, avanzo, políticamente xógome moitas cousas, pensando que iso que chaman a sociedade civil o está reclamando, pero cando miro ao redor digo ¿onde esá?
-
É caricatura, ben sei. Mais, coas caricaturas, a cuestión non estriba en se teñen a fidelidade icónica dos retratos realistas, senón en se un recoñece nelas ao personaxe.
-
Se o saber e o poder político conforman un binomio, se universidade galega e institucións de autogoberno entran en ecuación, o ricaz potencial que acobillan a natureza, os seres humáns e as estruturas socioeconómicas do noso país poderá verquerse en diseños sistemáticos sustentabeis, haberá espranza para a nosa nación e abriránse as portas para que Galiza poda sobardar a longa era da súa prehistoria e entrar na propia historia de vez.
-
O nacionalismo galegista é primeiro de todo unha cultura cívica de xenerosidade, unha cultura democrática de fraternidade, unha cultura política emancipadora. Ousarei dicilo: unha subxacente cultura libertaria.
-
O intelectual móvese por valores, o político móvese pola ambición. Entendédeme: rifírome á honorábel ambición de facer posíbel o que é necesario para o benestar dos cidadáns. (…) Despois, este obxectivo instrumental, na práctica, tende a sufrir unha singular metamorfose: converterse nun fin en si mesmo. Daquela fica aberto o risco dun frecuente proceso dexenerativo: a honorábel ambición transfórmase en cobiza do poder.
-
Na tradición do nacionalismo galego, tanto na súa historia como até na sua prehistoria, o valor da fraternidade impregna o principio e a vivencia galeguista da irmandade, mesmamente.
Actualización a 10 de outubro de 2008:
Xosé Manuel Beiras apresentou o pasado 9 de Outubro a redición de “Por unha Galiza Liberada” na libraría Couceiro de Santiago. Acompañárono Miguel Anxo Fernán Vello, responsábel editorial de Espiral Maior e o economista Xabier Vence, que destacaron a vixencia dos conteúdos nesta etapa de crise do modelo capitalista neoliberal, así como a necesidade de manter as teses soberanistas cara à emancipación nacional (ver video).