Sincronicidade

Hoxe descubrín o que é a sincronicidade, quero dicir, que o experimentei. Coñecía o concepto e maila definición grazas a Cid Cabido nesa obsesiva teima que ten “nunha historia que non vou contar” coas coincidencias significativas. Nin o mesmo Jung o crería si llo contase.

Cada mañá, antes de saír da casa collo un libro e a axenda para tomar nota. Hoxe fun coller un de Castelao que estaba aínda do trinque na miña librería, regalo dun xornal, pero xa se sabe o que din os ditos: “a libro regalado non lle mires o dente, leo”, e iso fixen. Tomando café, na cafetería de sempre, non na cadeira de sempre, que estaba ocupada, comezo a ler “O ollo de vidro. Memorias dun esquelete”. Nunca me fartarei de lelo, coma calquera outra obra mestra. O caso é que lelo fíxome reparar no meu camiño nun feito insólito: Castelao e o vidro. Xuntos! Non podía ser certo o que vían os meus ollos, un contedor de vidro detrás da espelida figura en homenaxe a Castelao na Praza (ou Rúa) da Imprenta en Ourense. Iso é humor negro, chapeau! ao que se lle ocorreu, porque el, que gustaba deses retrincos, había de facerlle graza, claro que, visto dende un primeiro plano, non parece que estea moi entusiasmado con ese enxeño detrás súa.

Dicía el no seu relato “un esquelete ten que ser humorista e un esquelete galego moito máis aínda”. Ao ler isto vaise retorcer de risa, rirá a cachón na súa cova ilustre… e os do lado nin che conto. Eu diríalles: “non vos riades que o conto vai en serio”.

Agardando que me atendesen nunha consulta continúo lendo e lamentando telo aí esquecido entre outros libros. Se cadra, estaba reservado para este día, polo da sincronicidade, digo. Leo apurado e anoto para enredar a noite a palabra “apurar” no caderno. Tráeme recordos, claro. Dicíame miña avoa antes de chegar o Celestino co autobús dos Gavilanes para levarnos a escola:

– apura!

E eu respondía

– a Pura está no pobo do lado.

Chamábase Purificación pero para nós sempre foi a Sra. Pura. Vaia carantoñas que me puña por moquearme dela dese xeito. Ben merecía unhas labazadas que nunca me deu.

E claro ao virme todo isto a cachola non puiden evitar pensar que tiña pendente o resultado dunha proba na Deputación de Ourense. Para que logo digan que só se presentan os do PP. Non é certo, algúns atrevidos tamén o facemos pero nunca pasamos as probas. De feito, á volta parei no Pazo Provincial a mirar no taboleiro e xusto ese día colgaron os resultados, ao lado do meu nome vexo un “NON APTO”. Póñeno así en maiúsculas para que fira máis. Entro, peto na porta do responsable de persoal e pido revisalo exame -cousa que debería estar facendo agora e non escribindo isto-. O secretario do tribunal de avaliación dáme copia do meu exame e a valoración das respostas, nada máis. Ao fondo escoito a funcionarios de troula vendo vídeos en you tube. O clásico nestes lares.

Mentres agardaba polo secretario leo como acaba esta historia de Castelao, do que non me separo un intre: “Vampiros hainos; pois logo, polo si ou polo non, debían queimarse a tódolos caciques. Os caciques son capaces de facérense os mortos para seguir vivindo a conta dos malpocados”. Incrible! Estaba lendo isto sentado nunha cadeira dun corredoiro do Pazo Provincial! É ou non é sincronicizade? Ao ler o dos vampiros tamén me acordei do Zeca. Outro xenio, outra obra mestra.

Marcho de alí, sen sobresaltos, todo transcorreu tal como agardaba. Pero levaba un día raro, raro, pois todo ía transcorrendo tal e como o ía pensando. Só me faltaba cruzar cun gato negro ou algunha desas cousas sobrenaturais que pasan. Non, nada especial, nun mediodía morno a Sra. Obdulia saudando no medio dos croios e no Xardín do Posío o de sempre. Como levo a cámara comigo achégome ao lago a ver si saco unha boa foto ao fin e dou dun cisne negro e con el “Acrasina” ao meu pensamento.

Sigo camiñando cara a casa… e antes sentarme na miña bancada predilecta, unha banqueta que deixou o concello hai uns meses preto da casa, a que xa estaba afeito, e seguir coa miña lectura… e atópome con que non está xa, no seu lugar hai unha árbore que comeza a xermolar.

 

A Castelao non lle fai graza

Enredando con palabras na noite

Ultimamente levo comigo sempre unha axenda baleira de compromisos. Este caderno está deseñado para apuntar cousas de interese, para lembrarnos do que temos pendente para o futuro, máis véxome na obriga de encher ese baldío diario e fago palabra a palabra dos libros que vou lendo cada día, non porque lea moitos libros nun día, senón porque leo un pouco de varios. Anótoas non para lembrarme de algo ao día seguinte, nin para a outra semana, senón para xogar con elas nos meus soños, ordenando e desordenando como si dun quebracabezas se tratara. Logo as palabras desmóntoas en letras e colócoas en orden alfabético, para contar cal delas é a que máis se repite, só por curiosidade, logo ao mellor deconstrúas (influencia de F. Adriá) ou non, constrúo palabras novas que ao día seguinte, ou cando a impaciencia me pode, no medio da noite, póñome a escribir uns versos, un relato ou engadir algunha variante nesa novela que quen sabe si algún día verei nacer. Hoxe xa teño a folla do 15 chea así que deixei de ler e púxeme a escribir esta mesquiña entrada. Ves! Xa colei unha da colección.

As que máis me gustaron foron “bardo” , “pexado” , “freba” , “cova” , “tebras” , “socarrón” , “migalla” “cóxegas” , “velaíño”,… e así ate encher a folla, a tripla columna, deixando algún espazo para por o que significan cando o motivo é o descoñecemento ou, na maioría dos casos, a razón pola que me chama a atención esa palabra: un recordo, bo ou malo, o sinónimo axeitado para esa palabra que repito moito no que escribo e, a veces, simplemente porque esa é a palabra que expresa o que quero dicir, podendo permitirme co seu achado o luxo de borrar varios versos, varias liñas ou mesmo un parágrafo enteiro no que trataba de explicar cando o podía facer cunha única palabra.

Cando non collen no caderno outra alternativa é colalas no face ou no twitter… hoxe non puiden resistir colar esta cita, que moito me fixo reflexionar, dunha rapaza de 21 anos: “Voyez, je n’ai plus de dents. C’est le sperme qui fait ça”. Non a vou traducir, creo que se sobreentende e di xusto o que parece. Hai que coidar o que se bebe e se come e logo, sempre, fregar a boca.

Por iso evito moitas veces ler o que escribo, xa que logo acabo mudando todo de sitio. As palabras sempre están así xogando na miña cabeza e refacer a realidade cada día o que me permite viaxar moito e amencer cada día nun sitio distinto. Cada noite convértense nunha brincadeira, nun rebumbio de letras e signos que se ordenan e desordenan ao azar ate o espreguizar da mañá… ou sen esperala, xa dixen antes. Escóitoas rosmar a veces e outras cravuñan en min pola anguria que me abafa, isto pásame moito nas noites de luar, non sei moi ben porque. Tomarédelo a coña e repito, non sei porque! Vai en serio. De tódolos xeitos penso que é moito mellor e máis proveitoso que andar somnámbulo pola casa dando croques contras as paredes, non?

E como dicía Balbino cando os dous eramos nenos, fai xa 50 anos “eu cavilo nesto porque me sucedeu”. El segue sendo un neno aínda nesas follas de papel, eu a veces.

Que é, que é?

Estamos empánaos!

Érase unha vez… unha nena que levaba un pano na cabeza porque, dicía, formaba parte da súa identidade. Esta nena vivía nun pobo malvado e nun colexio integrado por seres xenófobos que a obrigaban a desfacerse da súa identidade, e dicir, sacar o pano, para poder seguir aprendendo xunto a súa mestra e seus compañeiros. E aquí remata o conto…

… comeza agora a triste realidade, porque o máis incrible desta historia é que a nena xamais se sentira tan agostiño en ningunha outra escola: era respectada polos seus compañeiros e pola súa mestra. Incluso esa diversidade cultural servía de exemplo para dar leccións de “educación para a cidadanía” (nótase que os que dirixen este colexio nunca deron esta materia). A nena acudía a casa da súa mestra con normalidade, incluso un día lle apareceu na porta cun prato enorme de saboroso couscous (estudei francés e nótase… ou iso pretendo). Estaba delicioso porque o puiden probar. Si, estamos a falar da mesma nena.

Paréceme denigrante o que está sucedendo nese colexio. Eu tiven oportunidade de darlle unha charla dunha hora a esa clase e en ningún caso me resultou molesto que esa nena levase pano, como tampouco me resultaría si un neno acomplexado coas súas orellas (as nenas teno máis doado deixando o pelo largo) levase unha gorra,… xa non me quero poñer no caso do neno ou nena que por un tratamento contra o cancro se quede sen pelo. Tampouco lle deixarían tapala cabeza?

E digo eu, porque a moitos dos mestres dese centro, uns cantos aos que puiden ver in situ, se lles permite agochar a súa (temos que supoñerlla, non queda outra alternativa) fealdade detrás da barba do seu rostro? Non debería dicir o mesmo regulamento: Todos coa cara descuberta! Si todos, guapos e feos.

Pero non se trata dunha cuestión de estética, nin sequera de establecer un orde disciplinario para todos (non se lle requisan os crucifixos a quen o leva pendurado do pescozo) trátase de dicir quen manda acá: nós –digo por eles– os católicos! Aos responsables deste colexio habería que pedirlle contas pola ostentación que fan da súa cultura (catolicismo, consumismo, ideoloxía política,…), dende logo, moito máis flagrante que o simple feito de levar un pano. Si, poñamos fin ás vacacións de nadal, aos carnavais, a semana santa e tantas outros actos sacros, estes si, que resultan noxentamente molestos e  atentan contra o decoro e dignidade deste pobo; actos aos que os que quen dirixen esta sociedade, tamén ese centro, non faltan nunca.

Son moitas as rapazas musulmás que non utilizan o pano pero que, como leo hoxe nun xornal, estarían dispostas a polo só por amolar. Eu faríao tamén, encántame amolar a quen quere dirixir rexamente a vida dos demais, inmiscirse nas súas vidas, nas súas crenzas, no seu pensamento e ate, si os deixan, nas súas emocións.

Acolá

Collín un dicionario de galego para verificar o significado dunha palabra que polo contexto xa intuía: arreguizo s. m. Estremecemento de frío ou de medo, arrepío”. O que me imaxinaba.

Utilizo o dicionario clásico de papel porque ao abrilo ao azar atópome con palabras novas e vou descubríndoas, cousa que nos dicionarios dixitais dos que dispomos en internet é imposible. E ao abrilo, máis ou menos pola “a” de “arreguizo” –xa me dirá CC de onde sacou esta verba… quizais así, abrindo un dicionario ao chou- atopeime con unha que oía moito de neno a miña avoa paterna e a súa irmán –tía-avoa- cando íamos de visita e preguntábamos polo avó:

– onde vai o avó?
– Na casa de acolá, respondía algunha delas

Sempre pensei que “Acolá” era outro pobo e debía estar moi lonxe porque o avó tardaba moito en vir, había días que nin chegabamos a velo. Pensaba: “igual nos cruzamos no camiño”. Pois non, e agora podo afirmar que non nos cruzamos de pura casualidade, porque a casa de “acolá” estaba no noso camiño de volta. Iso pasoume por non ir co dicionario na man ou, simplemente, por non preguntar. Acolá é o adxectivo que quere se refire a “un lugar distante ou oposto ao que se fala: ‘alá lonxe’”. Das dúas acepcións quédome coa de ‘oposto’, porque moi distante non estaba. Oposto porque nesa casa era onde durmía de día -a sesta-, a outra onde durmía de noite -moito dormen os avós-. Agora que xa non están nunha casa nin na noutra as dúas deberían ter a mesma definición, mais non, sempre estará a casa dos avós e a casa de “acolá”.

A princesa busca marido

Trátase dun conto de Jorge Bucay que, coa mestría coa que el acostuma, serve para ensinarnos a decatarnos dos erros que cometemos na vida. É un conto, pero debería ser o modo natural no que deberíamos reaccionar ante quen nos defrauda… en calquera eido da vida, persoal ou social. Quen podendo evitarche unha soa noite de sufrimento, o outro non o fai, non te merece. Non se perdan esta videorecreación de “Cartas para Claudia“, está xenial! Narrada coa propia voz do autor. A verdade… é que os nosos autores teñen moito que aprender.

A forza abrasadora da verdade

Queima por onde pasa, non hai mentira que se lle resista, queda reducida a cinza. Hai, pola contra, xente que cre que pode construír ao seu redor un mundo artificial, acochando a realidade que acontece ou aconteceu no seu contorno natural, social ou individual. Hai xente tan afeita a mentir que descoñece a existencia do mundo real, o das persoas de carne e oso, con sentimentos, e non teñen consideración algunha con eles, engúlenos no seu remuíño de mundos finxidos, e cando xa non precisan deles bótanos fora coa forza dun furacán, agardando que o duro golpe da caída o leve ao esquecemento. Ocorre que a veces non, hai persoas coa capacidade de levantarse e lembrar e contar e… e entón esa forza dos feitos fundados nunha base real envorcan aquela outra falsa realidade creada pola mente perversa dunha feiticeira. Ela dirá que a emporcan, mais non, envorcan, botan fora a mentira.

El roto e a ollada cara a realidade

Collage II

Lois Pereiro

(poesía última de amor e enfermidade 1992 – 1995)

Crer outra vez en min mesmo sería o máis doado (16)
deixándome levar sen resistencia. (19)
Resistencia pasiva. Resistencia frontal (20)
contra o medo. (29)
Noites en branco coma sabas húmidas… (39)
Teño a cabeza no centro do mundo (23)
e o corpo é unha paisaxe de batalla (13)
solitario, enfermo, fatigado, (103)
da morte en “stand by” que me acompaña. (49)
… e as dúas portas do mundo están abertas /
fuches ti a que as abriches na alta noite, (52)
cohabitando os teus soños (55)
souben / que aínda respiraba e seguía vivo (95)
e o amor de sempre oculto e prohibido, /
selado e transferido. (73)

 

(Entre paréntese a páxina da que foi arrincado o verso. Ed. Positivas)