Feijóo non decepciona a ninguén

Ó contrario do que fixeron outros. Aínda resoa nos meus oídos o piano, piano co que respondían os responsables do bipartito ó fronte da Xunta de Galiza cando dende sectores afíns se lles metía presión para executar os seus programas (pensaban, tal vez, que tiñan 16 anos por diante. Algúns, de feito, estaban totalmente convencidos de que así sería). Decepcionaron a todos: ós seus propios votantes e mesmo a oposición, que tivo que buscar polémicas artificiais, como a da lingua, o gasto, …, para poder facer o seu papel, dada a política continuísta de PSOE e BNG.

Sen embargo, o PP non decepciona a ninguén. Está facendo exactamente o que se esperaba que fixese, levar a práctica todas aquelas cuestións que incidiron de xeito máis ou menos determinante na súa vitoria electoral: a enquisa da lingua no ensino, a venda do coche de Touriño, a derrogación do Plan eólico, a depuración de nomes e símbolos identitarios de Galiza, como as Galescolas (aínda que o da Galiña Azul a min non deixa de parecerme un acrónimo de ‘escoliña galega’), a proliferación de licenzas para novas e ampliación de vellas piscifactorías e minicentrais, a subvención de entidades privadas que operan no ámbito social, a vez que reduce custos de marcado carácter social dende o sector público -gratuidade de libros, eliminación das ‘peonadas’ na sanidade, paralización de axudas a dependentes, …-, ou a subvención de grupos ultracatólicos que,  entre outras medidas polémicas adoptadas que, nos gusten ou non, entran dentro do que se podía esperar.

E por suposto, tampouco renunciou este goberno a ampliar as axudas aqueles fieis colaboradores, maila política de redución de gastos da que presume, como son os grandes grupos mediáticos de Galiza, outorgando outro millón de euros, dos de tódolos galegos, para o Grupo de La Voz de Galicia -o equivalente a 5 coches de Touriño-, pouco máis do que lle viña dando o bipartito, iso si, pero que, dado o contexto socioeconómico e a liña pregoada polo novo goberno, resulta incoherente e incomprensible pois, digo eu, que si os recursos son escasos, estes deben concentrarse nos servizos sociais -que, amais, son unha fonte fundamental para a creación emprego- e non na prensa escrita, un sector abocado a unha reconversión para afrontar os efectos que sobre eles ten as novas tecnoloxías da información. Estas axudas resultan tan incoherentes como subvencionar a industria automobilística para a fabricación de coches de gran cilindrada en plena crise enerxética. Podería agora referirme a algún suposto ficticio, mais sobran exemplos reais (sobre a estupidez humana recomendo o artigo de Michael Moore, Adeus General Motors). Non sei si se está cometendo a mesma estupidez ou, simplemente, mantendo con recursos públicos a unha caste afín politicamente.

Amais, o PP está actuando con intelixencia ó afrontar dende un principio as políticas máis controvertidas socialmente, pois ten por diante catro longos anos para que se vaian calmando os ánimos. A outros, pola contra, ocorréuselles a última hora ir molestar ós poderes fácticos de Galiza (promovendo un xornal que competise co máis lido, o concurso eólico, …), así como continuar cos ataques a sectores afíns, defensores dunha economía produtiva tradicional e menos agresora co noso entorno, sectores que, por outra banda, eran o auténtico caladoiro de votos da esquerda galega. Estupidez ó cadrado. Un erro de cálculo do que, sen dúbida, o equipo de Feijóo tomou boa nota.

Para estar por estar, mellor non estar

Esta semana veño de solicitar a miña baixa como militante do BNG. Fai moito tempo que ronda na miña cabeza esta idea e, de seguir coa mesma teima, corría o risco de caer na paranoia. Non quería. Unha persoa non pode levantarse cada día e preguntarse “que pinto aquí?”. Cando alguén se prantexa isto a diario é que non está a gusto e, nese caso, o mellor é non estar.

Considérome unha persoa activa, alguén que necesita aportar algo ó grupo do que forma parte, e non soporto ollar de brazos cruzados, moitas veces caidos, o estado estanco no que se atopa o BNG. Iso mátame. Dicía Beiras, nun excelente diagnóstico, que o BNG estaba esclerosado. Non ía nada errado. Coñezo ben a que se refire.

Seguirei formando parte do Encontro Irmandiño, un dos poucos redutos onde aínda prima o idealismo sobre o pragmatismo curtopracista que rexe a vida cotiá da meirande parte dos partidos políticos, iso si, agora a esa outra veira da ponte a que se refire Beiras na súa derradeira entrevista. Agardarei deste lado.

Haberá quen diga que o fago porque non cheguei onde esperaba, porque non teño enchufe… chamaranme inadaptado, dirán que son pouco fiable, que estou fora do sistema…. Ese cinismo acabará co BNG. Pensar ou escribir que as cousas deben cambiar convértete nun apestado, di o escritor italiano Roberto Sabiano, nunha recente entrevista.

Que dende xa estea fora do BNG non significa que deixe de ser nacionalista, de esquerda e, porque non, soberanista. Seguirei loitando polo que creo, dende onde queira que sexa e, contra os que van contra eses ideais, tamén, quen queiran que sexan.

A súa xovialidade algo pesada, que ocultaba noutros tempos unha auténtica bondade, non pasa agora dunha rutina vulgar; a súa firmeza converteuse en obstinación; as súas aptitudes para o inmediato e o practico, nunha total negativa a pensar”.

Quen nestes termos se expresa é Adriano sobre Trajano en Memorias de Adriano, de Margarite Yourcenar. Moitos poderíamos dicir o mesmo do Bloque. Noutra reflexión a autora di, en boca do mesmo protagonista, que “o esencial é que o home chegado o poder demostre logo que mereceu exercelo”. Os resultados do 1M demostraron que non foi así, sen embargo, non se asumiron tódalas responsabilidades que deberían porque os dirixentes do BNG están posuídos pola ambición do poder e paralizados polo temor a súa propia mediocridade.

Outras fórmulas para distraer a atención pública. O racismo.

O movemento conservador está promovendo na sociedade unha actitude intolerante cos inmigrantes e, dalgún xeito está calando nela. Dende o PP criticouse no seu momento as regulacións de traballadores estranxeiros, denunciouse certa permisividade na súa entrada e, constantemente, acúsase este colectivo de reducir as potencialidades do mercado laboral ou de consumir os nosos recursos sociais (hospitais, comedores,…) sen aportar nada -o cal non é certo, pois non todos os inmigrantes traballan sen papeis e os que o fan, cando menos, consumen e no consumo todos pagamos unha importante cantidade de impostos. Pagamos impostos ata por comer e iso é algo que facemos todos-, responsabilízannos de quitarlle o traballo ós de aquí,…

Unha vez máis a isto préstanse os medios de comunicación conservadores pois, cada vez que un estranxeiro delinque alí están para contalo, van a captura do inmigrante sempre que dan unha noticia sobre servizos sociais, entrevistándoos a eles para que a cidadanía vexa onde van parar os nosos cartos. Isto tamén se pode ver cando se informa sobre o coñecido “Plan E” amosándonos sempre traballadores estranxeiros nas obras,… como si eles foses os únicos que sacan proveito do fondo estatal. A súa maquinaria electoral está sempre en marcha, non descansa, traballando continuamente  no subconsciente da xente para, chegado o momento das eleccións, soltarlle unha descarga emocional que os identifique co seu ideario. Nunca falla.

Vivimos nunha sociedade cargada de hipocrisía, unha sociedade que ve ben apadriñar a un neno africano por un euro ó día pero que non tolera que un subsahariano vaia comer a un dos comedores sociais da súa localidade ou, moito menos, compartir unha habitación con el nun hospital público. Por iso, cando un cidadán se atopa ante a disxuntiva de elixir entre un partido que defende a universalización dos servizos sociais a tódalas persoas ou aquel que se amosa intolerante co inmigrante, quédase con este último. Neste eido o BNG tamén ten moito que dicir, pois socialmente o nacionalismo, ó reivindicar os valores sociais, culturais ou económicos do país, é confundido co racismo. Urxe aclarar posicións.

Existe unha falsa percepción social de que co PP gobernando viviríamos nunha sociedade na que primaría a raza, e dicir, garantiríaselle o traballo -cando menos os mellores traballos- ós nacidos no país e, só para os de fora, si sobrase; terían acceso só a sanidade pública os que cotizasen para ela; e expulsaríase do estado a aqueles que non teñan recursos suficientes para a súa supervivencia. Aínda que o PP estivo oito anos dirixindo a política do estado -e en ningún caso levou a práctica ningunha destas accións- existe no imaxinario colectivo a crenza de que, de chegar o caso, si alguén está disposto a levar a cabo políticas represoras cos foráneos ese será o partido conservador.

Por iso, nun momento de crise como o actual, a cidadanía estase inclinando cara a dereita. A esta sociedade non lles preocupa perder dereitos socias adquiridos durante largos anos de loita social, dóelle máis telos que compartir cos de fora… e antes perderán do seu que permitir que uns recén chegados a nosa sociedade se aproveiten dos logros acadados.

Fogos de artificio

Thomas Frank, comentarista político estadounidense, presentaba nun dos seus libros, o publicado en 2004, What’s the Matter with Kansas?, a sombría imaxe duns votantes de clase traballadora repetidamente estafados mediante o recurso a puros fogos de artificio:

O truco nunca falla, a ilusión nunca se disipa. Votade contra o aborto, recibiredes unha rebaixa dos impostos sobre os beneficios do capital; votade para que o noso país volva a ser forte, recibiredes desindustrialización; votade para que se “cepillen” ós profesores de universidade politicamente correctos, recibiredes desregularización do subministro de enerxía eléctrica; votade para quitarvos de encima o peso do goberno, recibiredes conglomerados empresariais e monopolios en todas partes, dende os medios de comunicación ata a industria cárnica; votade para plantarlle cara ó terrorismo, recibiredes tentativas de privatización da Seguridade Social; votade para darlle unha boa as elites, recibiredes un orden social no que a riqueza se atope máis concentrada do que xamais o estivo nas nosas vidas, no que os traballadores se viron desposuídos de todo poder e no que os directores das grandes empresas reciben soldos máis alá de todo o imaxinable”.

Esta imaxe que Tomas Frank nos dá da realidade estadounidense resulta moi semellante a que nos queren debuxar dende o movemento conservador galego e español que, ó caso, ven sendo o mesmo. Puidemos velo nas derradeiras eleccións, tanto galegas como europeas, nas que o PP expande unha mensaxe pública na que abundan referencias ós ataques ó castelán, ó terrorismo, a unidade de España, a carga impositiva das familias, a laicidade da ensinanza, o dispendio dos responsables da administración pública,… e, como non, ó aborto. Baixo esta mensaxe pública agóchase outra, unha mensaxe oculta: reducir impostos ós máis ricos, máis externalizacións, privatizacións e/ou redución de servizos sociais, aniquilación das linguas e culturas minoritarias, control institucional do ensino, desregulación do mercado,… Encobren con retórica populista os intereses económicos dunha minoría.

O movemento conservador, afirma Paul Krugman, “ten unha habilidade especial para explotar en proveito propio cuestións que afectan emocionalmente ó electorado –o mesmo que tradicionalmente fixo o nacionalismo, só que agora tocando en tódolos campos que atinxen a todo ser humano-, así como a súa propia hipocrisía ó establecer as súas auténticas prioridades de goberno”. Aquí, hai que sinalar que os conservadores españois, coa FAES como tanque de ideas, son uns alumnos avantaxados, a nivel mundial, dos neocons norteamericanos. Eles, mellor que ningún outro, aprenderon a gañar eleccións explotando a cara oculta da cidadanía, isto é, os seus resentimentos sociais e culturais. Logo contan, por suposto, cun importante poder mediático en tódolos niveis, local e estatal, para facer que a súa mensaxe sexa a dominante. Unha vez posta en marcha os demais medios non afíns vense arrastrados, non tendo máis saída que seguirlle o xogo. Non facelo podería reverter nunha perda importante de lectores. Os demais partidos tampouco poderán ignorar a mensaxe pois ignorala podería trasladar a cidadanía unha imaxe de fuxida e falla de capacidade para enfrontala.

Hoxe en día, calquera partido que concorra nunhas elección co PP ten que esquecerse de levar a voz cantante nunha campaña electoral. Serán eles sempre quen marquen o ritmo e de saber saír ben parados das súas emboscadas dependerá o éxito acadado.

Algunhas notas sobre o BNG e as eleccións europeas

1.- O resultado das eleccións europeas demostra que, unha vez máis, os responsables do BNG se trabucaron ó facer unha análise da realidade social galega.

2.- Logo das eleccións galegas dicíasenos que fora un erro crer que os cidadáns ían votar ó BNG polo feito de ostentar o poder. Os resultados do 7-X proban todo o contrario, proban que unha parte moi importante dos votos acadados o 1-M chegaron ó BNG por simple inercia social, pola inercia do poder, e perdido este, ese caudal de votos desapareceu. Isto apréciase mellor no medio rural, onde a cultura democrática é menor, aínda que cuantitativamente non o pareza.

3.- Ese voto axudou, amais, a maquillar a perda de votantes dentro do electorado tradicional deste partido, onde a desafección crece de xeito exponencial, cada comicio celebrado, dende que o BNG ocupou posicións de goberno na Xunta de Galiza. Os críticos e desafectos foron desatendidos, ignorados, excluídos e, moitas veces, perseguidos, a sabenzas de que o seu lugar sería pronto ocupado por ese sector social, desidealizado, de baixo perfil cultural, que persegue ó poderoso,… quen queira que sexa.

4.- Perdeuse o poder e con el perdeuse ese caudal de votos e, sen embargo, non se recuperou un só voto entre os máis descontentes do nacionalismo, pese a celebración dunha Asemblea Nacional Extraordinaria (ANE). Porqué?

5.- Acostumo a culpar os dirixentes do partido da deriva ideolóxica do BNG, pero logo da derradeira ANE teño as miñas dúbidas, vexo máis responsables. Agora creo que tamén teñen unha parte importante de responsabilidade os militantes que, en moitos casos, venden o seu voto, os seus principios, a súa dignidade,… ós seus compañeiros, por unha paparota ou por una favorciño persoal -só así se pode entender que na ANE se premiara ós que nos levaron a esta situación e castigara ós que non tiñan responsabilidade algunha no sucedido-. Por certo, a que vos lembran estas prácticas políticas?

6.- Baltar e o baltarismo. Hai uns meses quedei cun compañeiro do EI aquí na comarca -de Allariz- e pregunteille si coñecía algo desta zona para darlle algunha referencia. Díxome que si, pero que non viña por aquí dende que Xardón se convertera ó baltarismo (e isto seica sucedera nos seus inicios como alcalde de Vilar de Santos). Resulta cómico, non?

7.- Agora chamámoslle quintanismo, pero este neoloxismo non é máis que un xeito máis noso de referirnos a aquel outro. No fondo e na forma, baltarismo e quintanismo, son a mesma cousa.

8.- Foi precisamente o quintanismo quen máis fobia amosou polo que eles denominaron “grupos ultraminoritarios” e os que máis forte apostaron por converter ó BNG nun partido de masas.

9.- A falta dunha concreción do que significa para o quintanismo o concepto “ultraminoritarios” e tomando como referencia a sociedade galega -o que vota a sociedade galega-, é o BNG quen corre un serio risco de acabar formando parte deste grupo, pois dun censo electoral de dous millóns e pico de persoas o BNG acadou pouco máis de 100.000 votos  (nin medio pico) o que representa escasamente un 4,5 por cen dos que tiñan dereito a exercer o sufraxio activo. Non sei si resultará máis cómico que tráxico.

Todas as utopías socialistas comezan a tambalearse

tan pronto como a boa comida abunda en todas as casas”

Werner Sombart, Mohr, 1906.

Da utopía a distopía

Hoxe, nin nos pensamentos máis útopicos dun galego nacionalista queda espazo para unha concepción imaxinaria dunha Galiza gobernada polo BNG. Hoxe, máis que nunca, temos a certeza de que os nosos compañeiros nacionalistas, os dirixentes e tamén a militancia, son capaces de renunciar ese anhelo para coller atallos de calidade inmunda con tal de chegar ó poder.

“A visualización dunha alternativa democrática ao PP debe conlevar unha dialéctica política -en referencia a PSOE e BNG- propia de Galiza”, di o documento político aprobado pola militancia na pasada Asemblea Nacional. “Temos que abordar abertamente os pactos co PSOE sobre a base de estratexias políticas comúns”, engade. Que ocorreu nos derradeiros anos no BNG para que xa, nin tan sequera no imaxinario do Bloque, quede un oco para un goberno nacionalista?

Que se pode agardar dun partido político que renuncia a máis arraigada das súas utopías? A que non renunciaría para obter unhas migallas de poder? Renunciará a todo, sen dúbida, renunciará a unha economía máis xusta e distributiva, renunciarán a unha sociedade máis democrática e participativa; renunciaran a unha Galiza na que a cultura dominante sexa a súa propia,… renunciará a soberanía.

A renuncia desta utopía acabou por converterse nunha distopía, nunha utopía negativa onde a realidade transcorre en términos antitéticos ós da nosa sociedade ideal. Esta realidade, que se nos amosa de xeito máis manifesto co goberno do Sr. Feijóo, tivo o seu comezo durante o bipartito, onde dende o BNG se apoiaban -e facían- políticas contrarias o seu ideario. Non fai falla enumeralas outra vez.

Si o BNG renunciase a gobernar en 2005 e deixase o PP gobernar en minoría hoxe o partido non estaría pagando o prezo de renunciar ó seu proxecto de Galiza. Amais, tería unha extraordinaria influencia sobre ese hipotético goberno popular que se vería na obriga de achegarse a posicións máis galeguistas e de esquerda -ollo, non falo de gobernar co PP, senón de ser oposición dun goberno do PP en minoría, situación moi distinta a actual-. Isto non defraudaría a masa social nacionalista, todo o contrario, a renuncia ó poder é a mostra de dignidade e honestidade máis elevada que pode realizar a clase política.

Resulta difícil adiviñar que pasaría nas pasadas eleccións do 1-M ou do 7-X si o BNG partise desta situación… Seguramente serían PP e PSOE os que pagasen a factura da crise. O PP, de conservar a súa maioría, non estaría tan enfrontado coas posturas nacionalistas e non trataría de impor, como está facendo, políticas opresoras da nosa identidade cultural, económica ou social. O BNG tería a oportunidade de por en práctica moitas das súas iniciativas dende o Parlamento galego e hoxe seguiría sendo visto como un partido concienzudo que actúa conforme ó que esixen as súas crenzas, conservándoas integramente, e sería merecedor do respecto e a estimación de toda a sociedade galega, incluída a non nacionalista.

Hoxe a realidade non pode ser máis oposta ó noso imaxinario, a realidade galega e a realidade do BNG. Abandonamos a utopía, acadamos a distopía.