zepa si, ZEPA NON!, zepa si,…

Hai un par de anos non se falaba de outra cousa na Limia. O PP encargárase de meterlle o medo no corpo a xente, amedrentándoos con que o plan que o PSOE preparaba para A Limia ía facer que moitos propietarios se visen privados das súas terras e moitos outros visen restrinxida a súa actividade sobre as mesmas. Empapelaron toda a comarca con carteis da plataforma ZEPA NON, encheron autobuses, pagados con fondos municipais, para levar de excursión ós agricultores -como os da foto- a capitalidade da comarca. Dende o BNG non se oíu nin chío. Quizais algunhas críticas cara o SLG, máis fortes no ámbito privado que no público, pola participación na convocatoria e co-organización das mobilizacións de protesta. Dicían entón que o ZEPA non era da súa incumbencia, que se trataba dunha área do PSOE e non lles correspondía meterse aí.

PP e BNG mantivéronse nas súas posicións ata o 1 de marzo, uns continuando asustando ós vellos -e ós non tan vellos- e os outros mirando cara outro lado. A partir daquela data, e co cambio de goberno en Galiza, ós asustavellos tocoulle levar a práctica o ZEPA de A Limia, e fano sen rechiar, obrigados pola normativa europea, iso si, facendo o menor ruído posible para que non se enteren os veciños. Os outros, os do BNG, agora posiciónanse en contra, nun acto puro de incoherencia e demagoxia, tratando de atraer, cara si, o voto daqueles que aínda non lle pasou o medo.

Nin o posicionamento duns -PP- nin de outros -BNG- resulta agora crible xa que mudaron o seu discurso o pasar da oposición ó goberno e viceversa. En ningún momento, nin dende unha posición, nin dende a outra, trataron de informar ós veciños sobre cales son as verdadeiras razóns para introducir un ZEPA na Limia -obriga da UE-, cal vai ser o alcance da mesma, como lle vai afectar ós agricultores -restricións, compensacións,…- ou que obxectivos se pretende acadar, pois a recuperación de parte do humidal tamén traerá beneficios para a zona. Só se adicaron a desinformar, a manipular, a cabrear a xente e de aí, do cabreo, arrabuñar o seu voto.

Agora mesmo, na comarca, todos son conscientes de quen si foi de fronte, quen lles falou claro, quen tratou de informalos -aínda que non lles fixeran caso-, asumindo que a verdade non ía gustar. Ese partido foi o PsdeG i é quen ten agora todas as de gañar, por manter o mesmo discurso, por conservar a coherencia.

Persoalmente, agardo que A Limia aproveite esta oportunidade. Quen sabe si será a última.

Galiza Non Se Vende

Da envexa ver como pobos enteiros se manifestaron o pasado día 15 polas rúas de Santiago de Compostela na defensa da nosa paisaxe. Non é así, desafortunadamente en tódolos pobos de Galiza.

Vídeo recollido en xgaliza e elaborado por gzvídeos

Xa vai para dous anos… en Xunqueira de Ambía tivemos que enfrontarnos a explotación dunha canteira de granito no Monte da Farria nun enclave de especial protección paisaxística. Tal é a sensibilidade pola paisaxe no Concello que, lonxe de constituirse un momevento social na defensa do monte, casi se crea outro en contra dos denunciantes da desfeita. De aí que sinta envexa polo xeito no que noutros puntos de Galiza se enfrontan, con valentía, a esta lacra social que está destruindo o noso territorio monte a monte, río a río,.. en nome do progreso.

Por suposto, na nosa cruzada, non contamos coa colaboración de ningunha das administracións involucradas, nas que foron presentadas as correspondentes denuncias, a saber: Concello de Xunqueira de Ambía (gobernado polo PP), Consellería de Medio Ambiente (gobernada polo PSOE) e Consellería de Industria (gobernada polo BNG). Ninguén moveu un dedo ata que tiveron coñecemento da denuncia feita ante a Fiscalía. Entón si, entraron as presas. Logo ainda houbo quen tratou de atopar unha fórmula para reabrir a canteira. Trabúcanse, non hai marcha atrás.

Os únicos colectivos directamente afectados por esta trama eran os comuneiros de A Farria, propietarios do monte explotado, e os comuneiros de Padroso, colindantes cos primeiros. As empresas que extraían pedra do monte tiñan un acordo  cos comuneiros de A Farria pola cal se lles aurorizaba, a cambio dun pago, a realizar a labor extractiva. O que fixeron estas empresas, para recuperar parte do diñeiro dos pagos, foi domiciliar a algúns dos seus traballadores no pobo, alugando casas do lugar, e así converter a eses traballadores en veciñós con dereito a recibir os beneficios da asociación de comuneiros. Por outra parte, os comuneiros de Padroso, a iniciativa do seu Presidente (que nin é veciño do pobo, nin a lei lle permite ser membro da asociación de comuneiros -e moito menos selo Presidente-) trataron de sacar cartos –300.000 €– ó dono dunha das canteiras, EXELCO, a cambio de permitirlle extraer sábrego ou o paso dunha liña eléctrica na súa propiedade. Non lle preocupou en ningún momento, este “personaxe”, o dano ecolóxico que estaba causando ó monte,… só sacar tallada!

Afortunadamente en Galiza non todos actuamos así. Queda moita xente, eu estou convencido que a ampla maioría, que antepón a riqueza natural e patrimonial do seu país ó beneficio individual e/ou empresarial que a súa destrucción pode orixinar. Por iso, máis que nunca, compre berrar: goberne quen goberne, GALIZA NON SE VENDE!

Queren facer da terra mar

Pero, non se creou unha lei para protexer a paisaxe? Non existe outra lei para protexer a costa? Para que serve a lexislación protectora do patrimonio histórico e etnolóxico? Toda esta lexislación serve soamente para atacar o particular? ou para algo máis? Logo chegará unha gran empresa, coma sempre, cun proxecto destructor da paisaxe e as administracións, todas, torcerán a cara para outro lado.

vía xgaliza

Planet earth forever

Non chegaría un vídeo que durase dende a gran explosión ata a eternidade para recoller oódalas imaxes belas do universo, pero velaquí, en tres minutos e sete segundos, algunhas das maravillas do noso planeta.

En defensa da nosa paisaxe

A primeira actuación executada polo grupo local do BNG en Xunqueira de Ambía foi frear a devastación do Monte da Farria, un monte catalogado no PXOM de Xunqueira de Ambía cun Nivel A e catalogado cunha Protección Especial Paisaxistica. Estaba sendo explotado por duas empresas graniteiras (Farriense de Granitos e EXELCO) ante a desidia -nalgúns casos complicidade- das institucións local e autonómica.

Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.

Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.

Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.

É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.

Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.

… por pedilo non será.

De lastres, ataduras e hipotecas…

Acabo de ler un artigo no diario “EL PAIS” no que a superministra Espinosa -así á calificaba o superconselleiro Patxi- se desprendía da sua pelica e amosaba a loba que leba dentro ó referirse os socios de Goberno dos socialistas na Xunta de Galicia. Seica para a superministra somos un lastre, unha atadura da que é necesario desprenderse. Non ten en conta a superministra cal é a verdadeira función deste instrumento, os galegos si, por iso llelo puxeron.

Un lastre é un peso que se carga nunha embarcación ou nun globo para asegura-lo seu equilibrio. Isto traducido en clave política ven a dicer que un lastre é un instrumento cuia función é a de impedir facer o que quere a quen goberna. Os galegos non confiaron no equilibrio do PSOE nin en Galiza nin no Estado, nin nas últimas autónomicas nin nas últimas xerais. Todos sabemos porque, sabemos do que son capaces estos políticos socialistas si se lles da renda solta. Son tan caciques coma os do PP, por suposto, pero o seu perigo non radica ahí, senón na sua falla de escrúpulos… e para iso está o pasado, para lembrárnolo: desfalcos, terrorismos de estado, corrupción, paro, precariedade económica,…

Claro que quen emprega as verbas mais duras contra os nacionalistas é a superxornalista Cristina Huete. Venme a memoria un artigo que escribiu recentemente esta señora sobre as canteiras de Xunqueira de Ambía, na que a superxornalista destacaba no seu artigo que a fiscalía denunciaba unha suposta ilegalidade da Consellaría de Industria de Ourense pola única razón de ser unha Consellaría do BNG e calaba malintencionadamente -ou ben- a actuación da Consellaría de Medio Ambiente dirixida polo seu querido e superconselleiro Paxti Vázquez.

Dende o primeiro intre o Grupo local do BNG tivo moi claro que é o que estaba a suceder no Monte da Farria; aquilo tratábase dun delito ecolóxico e por iso se puxeron varias denuncias perante o Concello de Xunqueira de Ambía, o SEPRONA, a Consellería de Industria e a Consellería de Medio Ambiente. Destas dúas últimas nunca recibimos ningunha resposta, silencio total. Por suposto, ningunha destas institucións moveu un dedo ata o día de hoxe para poñer fin a práctica delictiva que se estaba e está levando a cabo no Monte da Farria.

A que se debe ese silencio? Seguro que a nosa superxornalista de investigación non lle interesa contalo. A min si. Un dos empresarios da pedra que agrediu o noso Monte seica se move na órbita do PSOE, un tal Antonio Domínguez, presidente dos graniteiros de Ourense, do que C. H. decía “ahora desvinculado de la empresa” -referíndose a Farriense de Granitos- e ignorando interesadamente -ou non- que é o dono doutra das empresas alí asentadas, EXELCO de Granitos, a mesma que segue na actualidade explotando un aserradeiro ilegal nun Monte protexido.

Este home garda un relación de amizade co superconselleiro Paxti Vázquez e con moitos outros cargos do PSOE local e provincial… pero eu non creo que sea esa a razón pola que a Consellaría de Medio Ambiente non fixese nada ante as continuas denuncias do BNG… esta é a derradeira denuncia:

Denuncias públicas

As denuncias públicas, feitas soamente a través dos medios de comunicación, acostuman a desavacecerse co paso do tempo. Podes denunciar calquer cousa nun xornal e a persoa denunciada quitaslle as cores por un día, pero esta cala, non entra o tapo e deixa que polémica pase. Nuns meses, tal vez nuns días, ninguén se acordará de nada.

Iso é o que sucedeu co Monte da Farria, en Xunqueira de Ambía. Hoxe andiven pescudando na rede e atopeime con unha nova que no seu momento non chegei a ler: “Comisións Obreiras denuncia o abandono e deterioración da Ruta dá Prata“. A noticia sae da redacción de La Voz en Ourense -redacción da que por entón formaba parte a xornalista Cristina Huete, agora en El Pais, no que escribiu recentemente sobre este asunto– con data de 12 de febreiro de 2004, di como segue:

A Secretaría de Medio Ambiente de Comisións Obreiras denuncia abandono, deixamento e falta de sensibilidade por parte das administracións públicas na Ruta dá Prata ao seu paso pola provincia ourensá. Así asegura que un dos tramos que discorre por Xunqueira de Ambía, Monte dá Farria, sufriu nos últimos meses unha gran deterioración paisaxística e ambiental cun incendio forestal no 2003, construción de pistas forestais e apertura dunha canteira na cima do monte.

Outro aspecto que deteriora a ruta é a presenza de restos de lixo nalgúns tramos que, segundo CC. OO. convertéronse en auténticos vertedoiros.

Ante esta situación o sindicato propón que se conserve a Ruta dá Prata co seu patrimonio natural, que se rehabiliten as zonas invadidas por cemento e asfalto e que se combata o feísmo

Sabíamos que antes de instalarse alí a primeira das canteiras, Farriense de Granitos, o Monte da Farria ardera (ver nova en La Voz), non por casualidade, e que logo, cunha axuda do plan Leader se fixeron as pistas para a canteira, co pretexto de facer un mirador no alto do Monte que nunca se fixo -supoño que son “as pistas forestais” a que fai referencia a noticia-. Do que non tiñamos coñecemento e de que esa nova non despertase o mais mínimo interés para a Consellería de Medio Ambiente e para a Consellería de Industria, entón rexidas, ámbalas dúas, polo PP. Erán eles quenes tiñan a obriga de tomar as medidas protectoras necesarias para evitar o deterioro dun Monte especialmente protexido -nivel A- e de frear unha actividade empresarial que non contaba con ningún tipo de permiso, nin de extracción mineira, nin de actividade económica, nin nada. Pero claro, tratábase da canteira dun alcalde do PP…