El chavalito que no pinta nada aquí

Chaval, la. (Del caló chavale, vocat. pl. de chavó, muchacho). 1. m. y f. coloq. Niño o joven. U. menos c. adj.

A palabriña atopeina no dicionario da RAE porque en galego non existe. Para que a utiliza logo o Concelleiro do BNG, Fernando Varela? Pois para insultar… nada mellor que a lingua común para facelo ben.

Vamos a poner a parir… Quen así fala a súa audiencia é Gonzalo Jácome El Chavalito do Concello de Ourense. Gusta el de poñer a parir a todo o mundo ao considerar que quen ocupa un cargo público se coloca na diana da crítica… do escarnio e do maldicir. Este persoeiro séntese agora menosprezado porque o Concelleiro do BNG, Fernando Varela, lle chamou chavalito. Nunca semellante ofensa se vira no mundo da política. Por que lle chamou chavalito, o peor insulto que se lle pode facer a unha persoa que acadou unha acta de concelleiro. Por que é concelleiro e iso exímeo de ser ofendido, pensa. Antes el (a agora) espraiábase agustito… escoiten e vexan este e outros vídeos: palabras como “ineptos”, “auténticos ineptos”, “o triste”, “censor”, “vago”, “inútiles”, “estúpidos”, “mosquita muerta”,… ou actidudes machista como referirse a unha moza preguntando “está buena? está buena?” son parte do seu repertorio. Noxento! Afortunadamente, os vídeos nos que el cuspe toda esa restra de insultos danos licenza a todos os cidadáns a dicirlle a el, cando menos, tanto como el lle dicía aos outros.

 

Barquero, o outro ofensor, díxolle «Ti aquí non pintas nada». Estamos no cumio da crispación política. Que pena me dá El Chavalito. Sinto verdadeira mágoa por este persoeiro friqui e por tódolos friquis que o votaron, que son moitos (ese día ben puideron quedar na casa). Tan grave é a ofensa que a considera un atentado a democracia.

El Chavalito non se lle pode dicir chavalito pero El Chavalito si pode mexar por riba de tódolos seus compañeiros concelleiros –e de paso, por riba de tódolos seus votantes– pero non ao revés. El pode insultar afeito dende a friquiTv que rexenta con total impunidade e mesmo a condescendencia dos que agora son compañeiros. O máis triste de todo isto é ver como sae na súa defensa o Señor Rubín (Antón Feito), quen lle regalou no seu momento unha columna semanal, tódolos xoves, no seu diario (no de Santy) para insultar ao Goberno do Concello e a Baltar. Pois ben, parece que dende que foi elixido o friquiconcelleiro non se tivo noticia algunha da súa existencia -agás cando se apuntaran ao carro das adicacións exclusivas, pero diso en LaVoz non se falou- ate maiúsculo atentado contra a súa honorabilidade. Grazas por lembrarnos que están aí.

Esta fricada vitimista non deixa a marxe a actitude dos concelleiros do PSOE (Barquero) e BNG (Varela). Xente coma eles fan que a caste política sexa o único servizo público prescindible e non a educación, a sanidade ou o benestar persoal. Ben, isto último é demagoxia, pero eu podo facelo coma eles. Ou non?

Golpe de Estado dos mercados

Sen blindados na rúa, sen revolta social, sen covardes fuxindo do país, sen declaracións reais, sen condenas internacionais. O golpe de estado perfecto: o dos mercados.

O 2 de Setembro será unha data para lembrar, tanto que debería celebrarse nela o día da Nova Constitución. Entramos pois nunha nova ditadura: a dos mercados.

Os mercados son ese ente difuso ao que non se lle atopa flanco definido polo que atacar, están por todas partes, son todas partes. Son eles, somos nós. Como atacarnos a nós mesmos? Mellor deixalo estar. Os mercados non son de aquí ao tempo que si son de aquí e de alá. Como imos atacar aos de aquí? Mellor quedar quietos. É un bo invento iso dos mercados, agora o inimigo do que defendernos é o mesmo que nos dá de comer, o que nos emprega, o que inviste en nós, o que nos vende produtos, o que leva a plusvalía do noso esforzo, non para a metrópole (España, único inimigo aos ollos do nacionalismo pailán) senón para os seus países de orixe e paraísos fiscais, dende os cales non reinvestirán nada en servizos sociais nin en infraestruturas para o noso pobo colonizado.

Viva o Mercado! Viva España! Viva o Rei!

Entre burros

Cando era un neno e pouco pasaba dos pezuños da burra branca do Señor Castor xa soñaba en montar nela. Seica era unha burra moi falsa e xa tiña tirado ao seu dono, moi magoado pola vida e pola burra. Meu avó non me permitía achegarme a burra cando a deixaba prendida na argola oxidada que agromaba entre pedra e cemento a entrada da taberna. Cando fun grandiño para montar na burra xa morrera, ela e o Señor Castor. As ganas de montar en burro non se me pasaran e xa lle tiña botado o ollo a outra burra, a do Señor Costantino, moito máis xeitosa e xenerosa co xinete, máis escura tamén, creo lembrar que era negra e parda, pero igual de vella ca outra aínda que esta seguía viva, ela e o dono. Nesta si puiden dar longos paseos e turreille das orellas sempre que me deixaba, pois era moi sensible e remangábase coma dicindo isto non é un volante. Podía canear as miñas mans sen sequera velas chegar nin sentilo seu tacto. Xa tiña anos abondo para saber que aquilo non era un volante así como que non era esa a razón para aquela miña teima, a burra non o sabía, pero era por amolar. Así que nunca perdía ocasión cada vez que xurdía unha oportunidade, costume que aínda manteño. Ese movemento de orellas moito me fixo pensar; as engranaxes do meu muíño deron moitas voltas a aquela cuestión para pescudar porque a burra do Señor Constantino podía mover as orellas e eu non. Co tempo esta burra tamén morreu e agora xa non quedan moitas nin moitos, que agora son iguais burros e burras, ás que turrarlle das orellas. Sen embargo, en min as ganas de amolar non morreron, van a máis, entendendo por amolar dicir as cousas como as vexo, cousa que a esta sociedade lle amola moito e asi o persegue e castiga. Como destes animaliños autóctonos do mundo, pois de todas partes son propios, non quedan moitos e os que hai cumpre mimalos, agora fedello con palabras nas orellas doutros burros, os bípedes, cuxa habilidade para canear non é menos enigmática que a dos cuadrúpedes. É diferente. A min gústame velos logo como pola vergoña repregan os músculos membranosos da boca para acochar a súa faciana -ou quizais sexa coas ansias do doce- refucindo cara arriba os beizos arroupando os fociños, os ollos e como non, as orellas; premendo os maxilares a mantenta, deixando ao descuberto toda a bagaxe de esmalte, caries ou ambas a un tempo. A estampa que queda é a dunha bola deforme e rosácea cun ton amarelento no centro. Iso é un cacique ao descuberto. E lembren, non é por mal soamente por amolar… Alegría!

:p

Chin, chin, chin,… polo borrachín do pueblo.
Chin, chin, chin,… polo borrachín do pueblo.
Que a alegría das tabernas non se compra con diñeiro.

Chin, chin, chin,… polo borrachín do pueblo.
Chin, chin, chin,… polo borrachín do pueblo.
Haxa xa menos alcaldes e moitos máis taberneiros.

Os da Ría

 

As Conchas, encoro

Artigo publicado en MundoGaliza, actualizado.

O verdor das montañas do Xurés reflicte sobre as transparentes augas do Río Limia, escintilando raiolas entre a follaxe, dende o ollar caladiño dun dos cristais lixeiros da habitación da casa vella. Ao abrir a ventá entra o arrecendo salvaxe e doce da drupa madura e escura do acereiro que cubre as sestas de verán e que cerca a horta e o xardín asolagado.

Esperto co asolagamento dun soño fuxidío cara o abismo dun pesadelo e vou axiña ate a ventá, agora da casa nova, abro os grosos cristais illantes e o cheiro xa non é o mesmo, agora podre fedor, mais esas raiolas de sol que se meten polas raias das contras parecen dicirme que o olfacto me engana, e alimentan no meu maxín un verdoso esperanzador. Empurro. Non vai. As lembranzas rexouban no pensamento. Empurro, agora vai. Pecho os ollos coa luminosidade do sol madrugador ergueito enfronte miña. Só podo respirar e fago con fondura, enchendo os folgos sen reparar ate que… Agora si, noto esa rareza no aire da materia descomposta rascando nos pulmóns coma si o demo mesmo remexera no meu interior cun toxo arnau en brasa. Trouso. Volvo a espertar. Un novo espertar. O espertar que nos leva do soño a realidade, a triste realidade dun encoro que cubre a casa vella e lava a pequena ventá de cristal e rega os acereiros sen flor, sen froito, onde xa non durme ninguén.

Verdes augas si,
mais verde veleno,
verde cheirento,
verde invasor,
verde mortal poderoso verde
dos poderosos homes,
case todos homes.

A morte chegou ao Encoro das Conchas como chega sempre a auga, baixando, e parou alí como para sempre, freado polas comportas do Encoro, máis desta chega espesa, desta chega contaminada, amoreando restos de aquí e acolá, río arriba ate a Limia Alta absorbendo as augas, veleno e xurro do ramal de canles que enxugan as húmidas areas da Lagoa de Antela, asolagada fai xa 50 anos. Nunca a vin; soamente a soñei como ma contaron meus avós e aí bule na memoria soportando a deformación dos recordos.

Deformes eran entón as cortiñas, nabais, lameiros e arameos, carballeiras e poulas convertidos agora en “panteón das preocupacións dos pobos que a habitaron” (Benito Bicetto, 1861), convertidos agora en cuadrículas uniformes onde medran a base de auga fósil patacas, trigo millo e polos. Tamén os polos. Os polos que cOren planta en ringleiras de a un arrombando a ZEPA aos veciños con maledicencia caciquil. Unha enchenta de rinquleiras de cemento pobre fitan a pedra alta, noutra era símbolo de prosperidade, mentres remelándoa verten a súa incontinencia feita xurro na branca e húmida area na que se asentan palafitos de polos que a tinguen da cor do noxo. Como está húmida, semella non notarse do xeito en que si o fai ese fedor invasor que chega co vento do Sur mesturado de xurro asado nunha incineradora revestida de entroideiro Centro Tecnolóxico Mediambiental que, dito así, dan ganas de comela a bicos coma un parruliño.

Así e todo, non nos queda outra que, ante a pasividade das contaminadas administracións, que sempre viron con bo ollo aos Franqueira, dende tempos do ditador Franco –que pouco cambiou o mundo nestas terras esquecidas que agora aínda lle fan homenaxes- , seguir respirando ese enxendro de ar velenoso cargado coa bacteria É.cOren e sulfatos que nos alimentan –o emprego sempre foi unha boa xustificación para matar o medioambiente, para matarnos a nos mesmos- cada día, cada día ate que non quede máis que unha terra esgotada, cheirenta e deshabitada. Cara alá imos, cara o día en que xa non quede auga, nin ar, nin terras.

A Constitución dos mortos que goberna aos vivos

6 de decembro de 1978. A un total de 26.632.180 españois dáselle a oportunidade de decidir, non soamente o seu presente e futuro, senón tamén o pasado, presente e futuro das 47.021.031 persoas censadas e con dereito a voto nas recentes eleccións municipais de 2011. Daqueles que tiveron semellante privilexio en 1978, e que agora se nos nega, votaron que SI a pregunta de “Aproba o proxecto de Constitución?” 17.873.271 persoas, o que representa o 67,11% do total, e que viría sendo o 38,01% da poboación actual si todos eles se atopasen aínda con vida, cousa que é pouco probable. Como creo na improbabilidade dese feito, considero que a maioría daquelas persoas que tiveran a oportunidade de votar entón, dando un SI maioritario ao proxecto do texto constitucional, xa non se atopan entre nós 33 anos despois -case un cristo-. Así, a porcentaxe de persoas sobreviventes que ratificaron en referendo aquelas leis, leis que gobernan aos vivos de agora, representa unha porcentaxe ridícula da poboación actual. O peor, ou o mellor, segundo se mire, é que esa porcentaxe se irá reducindo día a día. Lei de vida.

Aquela norma, a norma dos maiormente mortos, segue rexendo as vidas de millóns de persoas sen que tivésemos xamais a oportunidade de ratificalas na súa totalidade en momento algún. Sen embargo, aínda hai que manifesta que esa caduca Constitución é a de tódolos españois. Demagoxia aparte, esa Constitución non é a nosa; esa Constitución non é máis que un instrumento das actuais castes gobernantes: as persoas que dominan os mercados internacionais. Nin sequera aos políticos, disque nosos representantes, lles corresponde ese papel. Son os mercados quen lle sacan todo o xugoa Constitución para espremelos osos de cada cidadán, ate non deixar nada. Para entón recollerán tódolos trebellos –como xa fan agora moitas empresa- e a zugar a outra parte. Sempre haberá un sitio neste mundo global a quen escravizar, disposto tamén a deixarse escravizar sempre en nome do progreso, co valor engadido da democracia ou non.

Para cando nos decatemos esta praga de lagostas dirixentes xa non nos terán deixado máis que desertos, acuíferos secos, ríos contaminados e un ar irrespirable. Quizais entón decidamos que é o momento dunha nova Constitución. Quizais o decidan os que queden. Para entón xa nós, os vivos de agora ou mañá, os mortos do futuro, teremos decidido xa como non será o seu mundo. A súa liberdade para decidir verase constrinxida polos estragos causados polas nosas decisións ou non decisións (inacción e silencio), os homes e mulleres dagora, do pasado futuro, dos xa mortos para entón.

Eses textos constitucionais que agora son instrumentalizados polos mercados globais, pasando por riba do estado-nación, convertéronse en verdadeiras barreiras para as liberdades da cidadanía, sando ao cidadán cartóns vermellos cada vez que esixe un dereito. Curioso, restrínxense liberdades en nome dos nosos propios dereitos. Obríganos a calar en nome da liberdade da expresión. Exprópiannos en nome do dereito a propiedade privada e ao dereito a unha vivenda. Restrínxenos o dereito a decidir en baseándose nos que xa decidiron por nós. Ese é o poder das verbas consagradas nas constitucións. So verbas. Verbas deformadas e mil veces interpretadas no beneficio da oligarquía mercantilista que nos goberna. Xa agora, ninguén pode dicir que votou aquela Constitución de 1978, nin sequera os que puideran ter metido un SI na furna, pois os axustes feitos tanto polos sucesivos gobernos, como polo Tribunal Constitucional, como polos medios de comunicación, probablemente a peor intromisión de todas cara o espírito daquel texto, fan que o que queda, nada se lle pareza.

De paletiños, paletos e paletóns!

@xOsse: http://t.co/TykDuKSp – “A un pailán pódeselle perdoar, porque só xira para un lado e non engana a ninguén” #bukowski

de cu ás grandes cidades
O Concilio de alcaldes (2011)

Hai uns días, logo do manifesto paleto dos 18 alcaldes nacionalistas (non está claro si son 18, 19 ou 20… ou os 8 da foto) escribín un e-mail a Xurxo, o Alcalde de Castrelo de Miño, ao decatarme que non podía ler os comentarios que el escribía no muro de facebook dun compañeiro, pero si podía ler as respostas e críticas cara el. Quen cinicamente se puña de exemplo de político que sabe escoitar á cidadanía, bloqueara a miña conta nesta plataforma, cousa que lle agradezo pois que mellor que non ter a vista toda esa enchenta de impudicia. O correo é unha carta privada ao seu enderezo electrónico persoal máis que el tivo a ben publicar no Grupo de Google de Castrelo de Miño, compartindo o meu enderezo electrónico, o cal é un ilícito penal pois a correspondencia privada non se pode compartir. O que me deixa claro esta personaxe ao ver que non tivo a gallardía de contestarme a min pero si compartir ese correo –insisto, privado e dirixido a el, a ninguén máis- cos seus acólitos,  é que me quedei curto nos meus cualificativos cara el. Isto lle dicía (corrixidas as grallas, para que logo Iago, o fillo de Purificación –nº 7-, non diga; grazas a eles dous sei das andanzas navalleiras do seu alcalde. Nunha cousa leva razón o rapaz, unha carta por máis que sexa privada non debería perder as formas porque logo atópaste con alguén que non respecta a intimidade e exponna aos ollos alleos):

Xa sabía eu que eras algo máis que un cacique. Es parvo. Que é peor. Non só me eliminas do face por discrepar que por riba me bloqueas. Non poderei ver os teus comentarios pero si os de outros, …
Es un paletiño, tanto ou máis que os que te votan, e iso, contando… a ver, a ver… 102, 200, 300,… moito paspán hai na túa terra. E ti o que máis. Se tivese que medir o grado de paletidade dos alcaldes paletos do bng collería a foto que sae nos medios e os que máis ocupan no cadro máis paleto e os que menos, pois menos, é de caixón. Hainos menos paletos que son os que non saen e pon o seu nome, hainos algo menos paletos que son os que se acochan e hainos paletos de todo que son os que saen enchidos en primeira liña. Eses serán os que máis hostias levarán.
Sodes paletos e covardes, covardes por ter que xuntarvos para poder manifestar en conxunto que individualmente non tedes pelotas de manifestar. Outros arriscamos máis e o que pensamos dicímolo sempre, porque en dicilo vai o que consideramos integridade persoal. Dignidade. Que é o que vos falta a vós. Ningún de vós, ningún dos 18 alcaldes paletos que asinades ese manifesto mereces estar na política nun ámbito máis elevado do que as furnas vos marcaron. A vosa experiencia non vale nin un chisco máis ca de calquera outro militante sen alcaldía.
Persoas coma ti, que anoxan as persoas íntegras, ben cando menos me anoxa a min, se son integro ou non, poden valoralo outros. A cidadanía non pode confiar en cacique algún, menos en caciquintanistas noxentos coma ti, que non sodes nada, NADA, fora dos lindes do voso concello. e nada seriades aí sen as persoas que ignorades e que tanto traballo levan as súas costas.

Penso que o marrau está listo… e o San Martiño a xeito 😉

Pido desculpas aos veciños pola miña arroutada, a uns máis que a outros (Iago e Pura ou Pura e Iago por dars por aludidos), pois isto non debía saír do ámbito persoal ao que se restrinxe a correspondencia privada entre dúas persoas, pero o voso alcalde quixo difundilo. Os que o coñecedes ben sabedes quen é e os que non saberédelo a nada que abrades os ollos: un ser avaricioso que soamente cando o bipartito gobernaba Galicia se atreveu a por o seu nome nas listas do seu Concello. Non o fixo por Castrelo de Miño, senón por el aproveitando a conxuntura (por persoas coma el moitos abandonamos o BNG), e nese senso, podedes recoñecelo ou non, metéuvola dobrada – botádelle unda ollada as dúas fotos que acompañan esta entrada. Que pinta en ambalas dúas? -. Puido comerse esa carta como se come outras cousas; puido responderme defendedo aos seus veciños; pero non, tivo a necesidade de dicirvos: “Veciños, este home chamouvos paletos. Quero que saibades que non fixen nada ao respecto. Ignoreino sen máis. Xamais me molestaría en negar tal afirmación!”. E non o fixo. Non defendeu aos seus veciños… Enviou esa carta a un grupo para atacar a unha das persoas que forman ese grupo logo que uns dias antes non tivese nin a gallardía de mirarlle a cara. Covarde!

Envieille esta carta o día 13 de Agosto e estivo remoéndoa durante días, sen responderme, ate que no día de onte, co asunto “cal é o límite da paciencia” a comparte con todo o seu grupo do BNG de Castrelo de Miño. Non se dirá que o fixo en quente. Fala de paciencia a persoa que censura canta crítica cae no seu muro (iso só o saben os críticos, quen lle lambe o cu non), demostrando que come máis para o lado dereito que para o esquerdo, e o último comentario que fixen, no que lle dicía “parabéns polo cañoto que levas na man” supuxo non só a eliminación do comentario senón que me borrase desa lista de amizades virtuais (que para non saber xestionalas é mellor non telas, e dicir, que mellor lle fora autoeliminándose el e non aos que o amolan) e me bloquease! E agora fala de paciencia. E xunto aos outros fala de escoitar aos cidaadáns.  Será necio! Lamentablemente, non é tan decidido cando se trata de defender aos seus veciños.

Tamén lles fixo chegar un comentario meu aparecido no blog do Encontro Irmandiño de Ourense, onde, unha vez máis o critico. Velaquí. Vese que as miñas palabras lle resultan indixestas (e perdoade que fale tanto en ton figurado de comida) ao tempo que nunca lle pasan desapercibidas. Lémbrame ao irmán maior que George Orwell describiu en 1984, aquel que actualizaba día a día o pasado para dende o presente controlar o futuro. Todo polo control. Nada se controla sen controlarse a un mesmo.

alleos a realidade galega
O Concilio dos carguiños (2009)

Carta pública a emprendedora ourensá do ano

Asunto: tanto me valoran tanto vallo

Ola Belén, bo día!

Vin reflexionado de camiño a casa sobre a entrevista de hoxe. Camiñar só pola cidade reláxame moito, ábreme a mente e permíterme ver con maior claridade a realidade. Debería probar. Polo camiño tan só saín dese estado de meditación cada vez que pasaba diante dunha librería e rematei por parar en dúas delas, e nas dúas merquei libros. En Novel chamoume a atención libro un sobre cuxa temática estivemos falando, a estatística. Trátase dunha obra clásica de Darrel Huff: “Como enganar con estatísticas“. Virame moi ben, no vindeiro semestre teño unha asignatura sobre estatística: “Técnicas cuantitativas aplicadas ás Ciencias de Traballo”. Nesta asignatura utilizaremos un potente programa: MiniTab 16.0.

Logo noutra librería, Torga, máis do meu gusto, merquei “NOLOGO“, un dos clásicos do marketing, xunto con outros dous máis relacionados coas ciencias políticas e as redes sociais: “Non penses nun elefante” e “Das nacións as redes” … Servirame para reflexionar sobre a realidade social deste lugar, Ourense, tan atrasado e afastado da mesma… Encamiño de novo cunha enchenta de libros na man, mentres penso, cun sorriso na faciana que, seguramente, vostede xa se esqueceu do libro que lle recomendei, ignorante, iso si, do que semellante recomendación levaba implícito.

Escribir o que se pensa tamén axuda a facer valoracións sobre a propia reflexión,… e por aquí comezo:

Un dos libros que estou lendo na actualidade é “Coaching” de Jhon Whitmore e claro, cando me falan diso nunha conversa meus ollos acenden, tiña que velos… Si alguén que sabe pronounciar “cowchin” se dirixe a min a través dunha rede social, Linked In, para ofertarme emprego, xa ten que estar interesada, non si? Sentime coma o neno que lle gaña por primeira vez unha partida a seu pai,… Ese é un dos exemplos que pon Jhon Whitmore para explicar a función do coaching directivo, o exemplo do pai que deixa gañar a seu fillo para que senta esa satisfacción persoal única, así como a do propio pai ou nai cando, a seu tempo, se comprace ao ver que un fillo consegue superalo de verdade. Un bo xefe coma un bo coaching deberían sentir o mesmo cada vez que un empregado seu ou un pupilo seu conseguen os obxectivos que lle marcaran. Claro que tamén pode suceder o contrario, a situación na que o mal xefe ou xefa, neste caso, critique aos seus empregados diante dun candidato a formar parte do cadro de persoal, por seren estes pouco produtivos cando o xefe non está diante.

Eu hoxe decateime de que non dou conseguido ese obxectivo. Vou explicalo: hoxe “meu pai” díxome o que realmente vallo eu e toda a miña formación: o SMI. Dende logo algo estou facendo mal. Moi mal. Debería tomarme máis en serio o meu personal branding,  e así evitar que unha “experta” en RRHH, termo que define máis ao reclutador que ao reclutado, meta a zoca ao dirixirse a min. Quizais debería por o meu futuro nun verdadeiro coaching, non nun destes do tres ao cuarto que inzan por Ourense, un deses que estean ao día, actualizados, non dos que levan anos afastados do coñecemento (TIC, libros, etc.). Realmente eu cría que valía máis e quero pensalo aínda. Pode tamén que estea errado, non sei…

Que un xefe te vaia buscar a túa casa, como se me veu buscar a min é un bo sinal, pois eu non lle enviara meu CV a esta empresa -que nin sabía que existise-, para dicirme que valio o mesmo que unha persoa que se adica a encher caixas de correo de publicidade (o SMI) con todos os coñecementos que aporto. Si debo ser sincero non considero esa actitude o mellor coaching da historia, dende logo, nen a mellor forma de reclutamento: xa antes de contratar a un empregado o rebaixan ao escalón máis baixo que a lei lle permite… que futuro pode agardar a alguén nunha empresa así?

Unha empresa que di adicarse a ofrecer servizos de consultaría de RRHH (non a DDPP) e Formación Continua ten que saber mellor que ningunha outra empresa da necesidade de ter uns perfís profesionais ben definidos -pois iso é o que vende-. ten que valorar a actualización de coñecementos de cada traballador -pois iso é o que vende- e ten que estar disposta a pagar polo perfil adecuado e pola formación do profesional -pois iso é o que vende-. Pois non. Non é así. E esta empresa a que me refiro –global servi– nin ten os seus propios perfís profesionais ben definidos -pois vostede mesma afirma na primeira toma de contacto que todos fan un pouco de todo pero pouco do que realmente poden facer (esta última afirmación é miña)- nin se albiscan perspectivas de definilos. Cando menos eu non as vexo. Non vexo que vostede poida facelo porque realmente vostede é coma todos eses empresarios aos que durante hora e media de entrevista criticaba, empresarios parásitos que non están dispostos a pagar polo servizo que se lle presta, a saber, formación e selección.

Sinceramente, eu non sabería como venderlle a un empresario un servizo que nin miña propia xefa compraría, isto é, un profesional adecuado para o desempeño das funcións dun determinado PT (posto de traballo). Que vostede quere darse o capricho de ter un Licenciado en Dereito na rúa vendendo uns  servizos que nin vostede mesma compraría, que podo engadir eu, dese o capricho! Como non! Pero cando menos asuma a súa categoría e páguelle o que realmente vale, pois ese Licenciado en Dereito tivo que pagarse unha carreira e romperse o coco para tela. Si simplemente quere un vendedor, contrate a un comercial, e si quere un administrativo, pois unha persoa co ciclo medio de Administrativo. Non necesita un Licenciado en Dereito para que faga labores de administrativo-comercial.

Persoalmente creo que se equivoca. Con esa mentalidade tan cativa chegará tan lonxe como o conxunto do empresariado ourensá: a cola de tódalas clasificacións económicas. Velaí outro motivo para a Repulsa!

Nunha cousa si concordo con vostede: un empregado ten que gañarse o soldo, me dixo. Como non ía estar de acordo. Si vostede oferta un PT cun soldo do SMI non poderá obter -moito menos, esixir- máis rendabilidade que a que poida ofrecer unha persoa coa capacidade dun camareiro, por por un exemplo. Sinceramente, polo SMI prefiro traballar nesta profesión que na que me oferta global servi, polo menos é moito máis agradable e rómpome menos os cornos. Si vise esta realidade fai anos probablemente non seguise estudando… total…

Quero pensar aínda que vallo máis, non o que vostede di que vallo. Quero pensar que seus empregados valen máis, non o que lles paga. Probablemente o seu rendemento este directamente relacionado co valor que vostede lles dá, de xeito que, si como vostede me comentou na primeira chamada que tivemos, baixan o rendemento cando vostede non está presente, algunha responsabilidade terá que haber na dirección da empresa -súa- para que esa sexa a súa conduta. Eu hoxe xa puiden decatarme porque baixa o seu rendemento na súa ausencia. Lóxico! Só vostede non o ve… e si non o ve na súa empresa como se pode agardar que o vexa noutras?

Gustoume que falara de extender a súa empresa a outras cidades, pero logo de pensalo, non creo que sexa máis que un farol. As outras cidades de Galicia non son Ourense, aquí é suficiente con nomear a catro amiguetes -vostede fixo hoxe comigo, creo lembrar que nomeu a Bermello, a Pérez Rumbao, a Yolanda e Cesar de Cimo e algún máis-, noutras cidades cumpre rendir ao máximo para competir, para iso cumpre ter vos profesionais, e para telos, recoñecerlles a súa valía.

Resumindo: non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non le libros, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que degrada a seus empregados dende a mesma entrevista de traballo, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non ten claros os seus obxectivos nin os da súa empresa, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non sabe recoñecer a valía dos servizos que el ou ela mesma vende.

Hoxe aprendín moito con vostede, sen que vostede se decatase.

Un saúdo Belén,

xosé antón vázquez dorrío

Estes son os libros que menciono no post e que por suposto recomendo ler. Ler non mata. Créanme. Quizais non servan para “estar” pero serven para algo moito máis importante: SER!

A verdadeira liberdade acadarase a través da cultura
Gustavo Bueno

Como mentir con estadísticasComo mentir con Estadísticas

Darrel Huff

Non penses en elefantes Non penses en elefantes

J. M. Rodríguez Porras

NOLOGO NOLOGO

Naomi Klein

Das nacións as redes Das nacións as redes

David Ugarte, Peré Quintana, Enrique Gomez, Arnau Fuentes

Precisan dos servizos de Ana Belén Vázquez Cruz? Pois comparto con vostedes a súa tarxeta de visita:Ana Belén Vázquez Cruz