Existen grandes problemas estructurais no país que non van deixar de existir por máis que dende os gobernos -o actual e o anterior- nos traten de convencer do contrario. O exemplo máis notable é a Sanidade. Levamos arrastrando este problema dende que eu teño uso de razón e sempre oímos a mesma mensaxe: tanto dende o goberno minorando, coma dende a oposición aumentando.
Eu entendo que vostedes primeiro falan para os seus, para que se reafirmen nas súas conviccións e, segundo, para os que non sufren eses problemas, xa que calquer persoa que teña que acudir a un centro sanitario sabe que as citas de especialidades, para realizar probas, para intervencións,… están moi por encima do que os gobernos din, tanto que os máis anciáns dubidan, moitas veces, si chegarán con vida pra ese día.
Os que se atopan moi mal, e o poden permitir, acuden a centros privados. Outros esquecen as súas citas ou perden os resgardos, co cal o aforro para administración é importante. Non deberían repartir premios por iso.
Un exemplo deses vellos problemas -e que puiden vivir moi de preto- e o dunha persoa que estivo hospitalizada a principios de febreiro e o médico, ó darlle a alta dille que saque cita para consulta para dentro de tres meses pero logo, ó pedila danlla para principios de decembro. Case once meses! Neses días coincide que sae na prensa a Conselleira decindo que non existen listas de espera máis alá de tres meses… e seguramente convenceu a unha boa parte da población. AH! Antes de acudir esa cita esta persoa foi hospitalizada outras dúas veces pola mesma causa.
Outro exemplo, este dos creados polo novo goberno, pois agora para solicitar un grado de minisvalía hai que facelo en Vicepresidencia, e a quen vai alí facelo, a traballadora social dalle un prazo de 5 meses para resolver o expediente cando antes, cando este procedimento se realizaba no Inserso, facíase en menos de un mes. Iso si, logo só queda esperar que se cumpra o prazo.
A vostedes parecelles normal que o malfuncionamento das administracións se esté institucionalizando? A sensación que percibimos os administrados é que a administración pública só é eficiente cando se trabuca.
Galiza
Ricos e pobres
Ben. A pregunta que lles deixei hoxe na súa caixa trata de economía, non da crise, senón da diferencia económica e social entre ricos e pobres:
A fenda entre ricos e pobres ábrese cada vez máis. Logo desta ‘mini’ idade dourada que vimos de pasar esa pequena porcentaxe de galegos que eran moi ricos aumentaron exponencialmente os seus capitais, percibindo, en moitos casos, beneficios que deberían ser estudados como posibles enriquecementos inxustos (un delito), mentres os traballadores perdían capital adquisitivo ano tras ano ó aumentar os seus salarios -cando o facían- por debaixo da suba do IPC. Agora que estamos en crise e, mentres as empresas reparten ainda os beneficios do derradeiro exercicio, despídense traballadores afeito porque non poden soportar os gastos correntes debido a falla de demanda no consumo.
Porque non se obriga as empresas a crear reservas reais para épocas de crise e, sen embargo, se lles permite, cando todo vai rodado, repartir beneficios escandalosos?
Unha das medidas que se tomaron ó respecto -por afectaren de xeito diferente a uns e outros- foi eliminar o imposto de sucesións -non totalmente-, decisión que ademáis de perxudicar as arcas públicas, privilexia a aqueles que mais ten respecto ós que menos ten.
Isto tráeme a memoria o que pasou en EEUU en relación con este imposto. Bush, tras arrasar nas eleccións do 2004 estaba disposto a eliminar este imposto, pero finalmente tivo que botarse atrás pola presión social en contra. E quen financiou as campañas para xerar esa presión? Nin máis nin menos que os máis adiñeirados do país que vían nesa medida un perigo para os seus capitais e o xurdimento dunha xeración acomodada. Iso aquí ninguén o viu.
É por todo isto que eu me pregunto que é o que realmente pensan facer, pois ata o de agora nada se fixo -aí están os resultados- para que os ricos non sexan tan ricos e os traballadores reciban un salario máis acorde co que producen?
As grandes empresas, non só en Galiza, a nivel mundial, estánse comportando como auténticos robber-barons pois, baixo a ameaza da deslocalización, dominan os seus respectivos sectores, acumulando grandes fortunas personais, recollendo tódolos beneficios, nos ciclos dourados, e cargando tódalas perdas os traballadores, en tempos de crise.
Integración Social
A sociedade, a través dos seus mecanismos de particiapación -movementos sociais- sacou a luz hai xa ben tempo a discriminación que estaban sufrindo moitos colectivos sociais, abocados a unha vida marxinal por falla de recursos, por discapacidade, pola súa orixe ou pertenza a unha etnia minoritaria, por ser muller, etc. A presión destes colectivos fixo que tódolos partidos falen nas súas campañas de integración social…
Pero, ata onde están vostes dispostos a integrar? As mulleres, colectivo marxinal por antonomasia conseguiron un importante avance ó acadar estar ‘visibles’ nas listas dos partidos políticos nos comicios electorais, grazas a unha reforma da lei electoral. Non sucede o mesmo cos discapacitados que, pese a que a lei reserva un cupo mínimo do 5% -que logo será un 7%- no emprego público -e os deputados do Parlamento Galego son traballadores públicos- non acaban de atopar ocos nas listas electorais de ningún partido.
A pregunta de hoxe é para que me digan cantos discapacitados levan nas súas listas con posibilidades de ser elexidos deputados e que porcentaxe de discapacitados prevén contratar para cubrir postos de confianza.
Neste tipo de políticas prodúcese, moitas veces, un fraude por parte das administracións e/ou empresas públicas cando, a sabendas da obligatoriedade da reserva de cupo, convocan un número determinado de prazas dos previstos en diferentes procesos para evitar, de facelo nun só, crear prazas para discapacitados. Este tipo de prazas están destinados para un perfil de cidadáns concretos o que, a miudo, choca coas preferencias do resposable político de turno.
Debate a dous… de momento.
O caso é que me dei de alta nesta rede social e pedín ós tres candidatos, que xa tiñan o seu sitio na rede, que se fixeran amigos meus. Fixéronse Alberto Núñez Feijoo e Anxo Quintana, (en realidade chámase Anxo Manuel Quintana González que algúns xa pensaban que só tiña un apelido, non é certo) que tamén teñen blogs e por iso volos enlazo, Emilio Pérez Touriño non me quere… de momento. Por certo, agora que lla vin a Feijoo -e como sei que tendes curiosidade- tampouco é certo que a teña máis larga, a máis larga é a de Quintana (espero que non se enfaden comigo por revelar este segredo).
Como xa teño demostrado que son unha persoa imparcial -reparto paus pra todos lados por igual- ofrecinme a ‘moderar’ un debate virtual entre estes ‘amiguetes’ e hoxe presenteille a primeira pregunta, ainda sen resposta, pero maña haberá máis preguntas,… a ver si con algúnha se animan. A primeira foi ‘Sobre o concurso eólico’:
Falóuse moito sobre éste tema últimamente, sobre os beneficios que xerará para Galiza -ou non, segundo quen fale- pero moi pouco sobre a repercusión dos muiños na nosa paisaxe, á que afecta, ata tal punto, que pronto non se poderá pintar un monte sen muiños -que si sen pinos ou carballos-. A min gostaríame saber cales son as súas posicións respecto ós argumentos dos grupos ecoloxistas -e non me falen de beneficios, de postos de traballo ou de enerxía limpa-.
Queren facer da terra mar
vía xgaliza
Galiza, pequena nación
Para Josep M. Colomer “calquera traballo serio en ciencias sociais debería concretar: definicións e clasificación, cuantificación, hipóteses causais e teoría explicativa”. Tratarei de respectar ó máximo esta clasificación no ensaio que segue.
Os conceptos fundamentais tratados son tres: imperio, estado e nación. Co primeiro termo faise mención á estrutura política de maior tamaño, en territorio e poboación, con ausencia de límites fixos e con tendencia a expandirse, composto por diversos grupos e unidades territoriais, no que coexisten un conxunto de xurisdicións a múltiples niveis, a miúdo superpostas. É habitual confundir ‘imperio’ con réximes autoritarios e non ten porque ser así, poden albergar calquera réxime político, dende o autoritarismo de China á democracia de EEUU. Galiza pertence ó imperio europeo, un mperio en construcción.
As características que definen a un estado son o seu tamaño, menor que o do imperio, sendo normalmente grande ou mediano, o seu territorio é fixo e as súas fronteiras son formais, é soberano e monopoliza a xurisdición no seu territorio, independentemente do réxime político do que goce. Os estados tenden a homoxeneizar a administración e as características sociais e culturais do pobo. España é o estado ó que pertence Galiza, iso sí, un estado moderno, non soberano.
A nación é a forma de goberno máis pequena que estudaremos neste libro, ten altos grados de homoxeneidade étnica, definida polas características raciais, lingüísticas e relixiosas dos seus membros e sole adoptar formas de goberno simples e suaves, basadas na facilidade para configurar unha maioría social. A miúdo a nación confúndese co estado, co que coincide, pero non sempre é así. No mesmo estado poden confluír varias nacións, como sucede en España, ou varios estados poden dar lugar a unha soa nación, o exemplo máis notable é EEUU (varios estados, una nación e un imperio).
EEUU é na actualidade o imperio dominante no mundo, polo seu poderío económico e, sobre todo, militar. Sen embargo, outros imperios estanse desenrolando a un ritmo máis acelerado, ata o punto que xa se prevé que poidan igualalo -ou superalo- nun futuro próximo.
Os imperios que ameazan o seu dominio son China e Europa, pero tamén India, Brasil ou Rusia están experimentando notables avances. O autor tamén destaca la idoneidade da creación dun imperio en Oriente Próximo ou en África para rebaixar as tensións bélicas de ambas zonas. Sen embargo, estados, no mundo hai preto de 200. A súa tendencia foi a alza nas derradeiras décadas froito da segregación pacífica ou militar doutros estados, dando lugar a estados cada vez más pequenos. O maior aumento produciuse pola descolonialización, polo colapso da URSS e polas tensións políticas dos Balcáns.
O incremento de estados e o seu reducido tamaño obriga estes a unirse a outros para afrontar problemas comúns: de seguridade, económicos, estruturais e/ou políticos. A maior parte dos estados serían inviables fora das grandes redes de tamaño imperial. Isto sucede con multitude de estados resultado da descolonización que foro incapaces, por si sos de prover ós seus cidadáns dunha estrutura administrativa, de seguridade, alimentos, etc. Son os denominados estados fallados.
En Europa púidose por fin ás grandes guerras grazas á creación dunha zona económica común que posteriormente foi aumentando as súas competencias noutras áreas como o medioambiente, a cooperación policial e xudicial, política exterior, educación, cultura,… As alianzas militares permiten reducir o gasto dos estados en exércitos, a especialización dos mercados permite aumentar a produción, a promoción dunha lingua franca, o inglés, axuda a mellorar o entendemento entre diferentes culturas,… Pero a máis importante característica da creación do imperio europeo é a estabilización das democracias e o estado de benestar en todos os países membros.
O autor fai tamén referencia a dous casos particulares, o de Catalunya e o de Euskadi. Sobre Euskalerría di que é unha comunidade demasiado pequena para poder ser decisiva no Estado español, dahí a vontade independentista dunha importante parte da poboación. Tamén fai referencia á división étnica da sociedade vasca, froito das migracións sociais previas á democracia, o que supuxo un freo importante no proxecto para a libre determinación de Euskadi.
Catalunya, por poboación, a diferenza de Euskadi, si é determinante na gobernabilidade do Estado español, por iso se sente máis cómoda; sen embargo, sempre buscou máis autogoberno. Tal vez o imperio europeo sexa o marco no que se cumpran as súas expectativas.
Coincido co autor en que o mundo avanza cara unha era na que o estado irá perdendo influencia política a favor das nacións respecto ós cidadáns. Isto sucede por dous motivos: o primeiro, a descentralización política dos estados a favor de entes menores que poden adoptar multitude de formas -comunidades autónomas, provincias e concellos, no estado ó que pertencemos, ou cantón, lander, provincia,… noutros estados-. En España, na descentralización do Estado, tiveron gran importancia os nacionalismos, principais demandantes de novas transferencias. Logo, as iniciativas xurdidas dos partidos nacionalistas, vascos e cataláns, principalmente, sumáronse posteriormente outras comunidades autónomas que acabaron comprendendo que a xestión é moito máis eficiente canto máis preto están os órganos decisorios da cidadanía. Amais, o seren unidades máis pequenas as novas formas de goberno, propiciarán democracias máis participativas, nas que o cidadán e os novos movementos sociais, grazas ó desenrolo das novas tecnoloxías da información e do coñecemento, irán gañando protagonismo nas decisións colectivas. Coincidimos en que a tendencia da estrutura política do futuro estará dominada por grandes imperios e pequenas nacións, sen embargo, non se fai mención á forma na que pequenas nacións como Catalunya, Euskadi ou Galiza poderían pasar a formar parte directa dese gran imperio sen a intermediación do Estado español.
Josep M. Colomer tamén fai unha pequena referencia sobre o sistema electoral actual e o castigo ó que este somete ás pequenas formacións políticas, formacións que poderían xogar un papel importante na política do Estado de non establecerse un sistema que premie en exceso ó partido máis votado en cada circunscrición, independentemente de que sexa nacionalista ou non, sento este sistema especialmente inxusto nas circunscricións pequenas.
É por isto polo que o autor fala de baixa calidade democrática, porque este sistema provocou a desaparición de moitos pequenos partidos no pasado, que poderían ser decisivos no seu momento cun sistema máis xusto, pero moito máis no futuro. A elección deste sistema non foi casual, crían os que o adoptaron que con el se beneficiaría a dereita do país, despois dunha ditadura de dereitas que durou corenta anos, chegaron a pensar, non hai dúbida, que a xente non aceptaría outra opción distinta. Non foi así. Posteriormente, o partido que ocuparía o poder nunca cambiaría ese sistema, porque lle beneficia; aínda así, foi posible a alternancia no poder.
O autor defende a política unilateral de EEUU en referencia á guerra de Irak ó defender que se deben establecer democracias pola forza para aumentar a seguridade no mundo baixo a premisa de que xamais un estado democrático iniciara una guerra. Este razoamento é un tanto incoherente en canto que, EEUU, como estado democrático, si iniciou guerras de xeito unilateral, entre elas a de Irak. O máis probable é que esa guerra sexa froito dos movementos expansivos do imperio americano que non da democracia de EEUU. Son os perigos dun imperio, fenómeno que tampouco foi analizado neste libro.
Tamén fai referencia ó concepto de soberanía, ó parecer un concepto en constante revisión. Si entendíamos, nun principio, por soberanía a autoridade suprema que un estado ten sobre un territorio e unha poboación, e consideramos esta característica como algo propio dun estado, é evidente que no mundo actual poucos estados poderían denominarse así. A cesión de competencias que moitos estados, entre eles España, fixeron a favor de entes superiores, xa sexa en materia militar, económica e incluso política, fixeron que estes estados perderan parte da sua soberanía e, polo tanto, deberían deixar de ser denominados como tales. A reformulación deste concepto, coa que non concordo, chega a dicir que soberanía é o dereito que ten un estado para unirse a unha entidade imperial. A solución máis factible e coherente sería a facer uso de conceptos diferenciados: estados soberanos e estados non soberanos.
UN EXEMPLO ACTUAL
Recentemente Groenlandia, unha rexión de Dinamarca, aprobou un novo estatuto que lle da máis poder de autogoberno e que supón un paso moi importante cara á autodeterminación. Esta rexión ten unha extensión moi importante e unha poboación moi pequena -pouco máis de 50.000 persoas- pola hostilidade do clima. Este podería tratarse dun claro exemplo de nación pequena que necesita un imperio para sobrevivir. Ata agora Dinamarca foi a gran provedora de estruturas, administración, servizos sociais, etc. pero co descubrimento de importantes xacementos petrolíferos que co desxeo serán doadamente accesibles, Groenlandia pode ser máis que autosuficiente. O problema que se lle aveciña, no suposto de independizarse de Dinamarca, é a loita que, dende outros países, se pode desatar para a explotación deses recursos naturais, da que non poderá defenderse por si soa. Groenlandia estaría nunha posición na que podería prover as necesidades de todos os seus cidadáns, todas menos unha, a súa seguridade. Para poder facelo necesitaría formar parte dun imperio –actualmente xa forma parte do europeo a través de Dinamarca-.
GALIZA, PEQUENA NACIÓN
Nunha situación semellante podería atoparse Galiza nun futuro máis ou menos próximo. Na actualidade Galiza tamén se atopa ligada ó imperio europeo pola súa pertenza o estado español e de seguir as tendencias políticas actuais de cesión de competencias a entidades superiores -Europa- e inferiores –as rexións- aqueles territorios cunha forte identidade recoñecida, interna e externamente, poderían pasar a formar parte directa deses imperios sen a necesidade de intermediación dun estado. O que si non tería moito sentido, dada a configuración política do mundo actual, sería perseguir a creación en Galiza dun estado-nación, totalmente soberano e desvinculado a organizacións superiores, xa sexan de carácter político, militar ou económico. Para garantir estabilidade económica é preciso ter unha moeda forte e pertencer a un mercado amplo e aberto; para garantir a seguridade, será necesario formar parte dunha alianza militar, pois para Galiza é imposible afrontar o custo dun exercito que manteña afastados as forzas dos grandes imperios -americano, europeo, ruso, chino,…- dos seu recursos naturais terrestres e mariños.
Na actualidade, e máis no futuro, é imposible a supervivencia dun estado, no sentido clásico do termo, provedor de tódolos servizos -infraestruturas, estrutura administrativa, seguridade, comercio, alimento, enerxía, etc. – os cidadáns sen a cooperación supraestatal dun imperio.
Moolaade, Galiza e os galegos
Moolaade é un drama dirixido por Ousmane Sembene (2004) que pretende denunciar a sumisión coa que a muller, dende a súa infancia, é educada nun poblado africano de relixión islámica. Vista dende unha perspectiva europea podemos decatarnos do dominio dun xénero, o másculino, sobre o outro, o femenino, pero eiquí, na nosa vella Europa, danse situacións semellantes, ainda que, ó resultárennos cotiáns non acabamos por percibilas. Vou analizar un pouco o funcionamento dos tres grupos que máis claramente se perfilan nese poboado –o grupo das mulleres, o grupo das purificadoras e o grupo dos homes- para acabar falando, non de xénero, senón sobre a miña percepción do panorama político galego.
O poboado que en Moolaade se representa está dominado totalmente polo xénero másculino e as mulleres non son máis que unha mercancía que se dan uns ós outros. Nel mandan dous xefes, os kemós, son os que reunidos en consello dan permiso pra falar ós demais membros e, incluso entre eles; a súa vontade é a lei do pobo. Este consello encarna un liderado autocrático que se amosa na agresividade dirixida cara a protagonista, Colle Ardo. Dentro dos membros deste consello pode discernirse unha conducta sumisa de moitos dos seus membros, sendo uns poucos os que interveñen no debate e, os que o fan, os caciques, é pra repetir as manifestacións do kemó, xamais para oporse o que aquel diga. O grupo dos homes ten un interés especial pola conservación das tradicións, unhas tracións que os mantiveron secularmente nunha posición privilexiada, ocupándose máis desta tarefa que polos factores socioemocionais individuais ou colectivos.
As purificadoras son un grupo de mulleres que teñen adquirido un status privilexiado. Non están sometidas a ningún home, levan unha vida independente e exercen unha función específica: practicar a ablación as nenas do poboado; función pola que cobran ás nais das nenas. O funcionamento do grupo das purificadoras é moi semellante ó do consello, sendo unha delas a que as dirixe, todas as demais síguenna en silencio e en fila india onde queira que sexa. Esta é a única que fala ós kemos do poblado, as demais pouco poden facer, máis que asentir. O seu liderado tamén está basado nun estilo de conduta autocrático, sendo o factor máis desenrolado polo líder o de iniciación de estrutura e a conduta que prevalece é a socioemocional sobre a de tarea.
As mulleres son ‘só mulleres’, un dominio dos homes. Sen embargo, xurde neste grupo o liderado dunha delas, que se opón á ablación, dando protección a outras nenas que escaparon da purificación. Defender esta causa, por de manifesto a súa inxustiza e inulidade, o sufrimento e mortes que causa crea un liderado cun carácter democrático, xa que ninguna das mujeres do poblado se adhire a Colle Ardo de xeito forzado, senón voluntariamente, convencidas pola cohesión argumental, franqueza, sentimentos, integridade e consideración da protagonista cara o problema que lles abrangue a todas. Estas mulleres préstanse atención entre elas porque a ablación atinxe a todas, individual e colectivamente, xa que o sufriron no pasado e agora fanno as súas fillas, moitas delas perdendo a vida; isto xera empatía no grupo e, a diferencia do dos homes, todas participan abertamente na conversa.
Ó grupo dos homes liderados polos kemos identificoo con PSOE e PP. Ámbolos dous partidos son iguais, sempre pendentes do que digan os de alá, en Madrid, para someter o pobo galego e telo controlado, facendo que se sinta avergozando da súa verdadeira identidade máis alá da intimidade da súa terra. Tratan de recordarnos cada día e concienciarnos do pouco valor e proxección da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa economía e ata da nosa propia historia. Quérennos sumisos e malebles, para que obremos ó seu antollo, no seu beneficio, somos para eles, como o grupo de mulleres de Moolaade, un domino. Non atacan os nosos principios, os nosos ideais ou os nosos proxectos, contra os que non teñen argumentanción algunha, atacan a nosa identidade e personalidade colectiva, igual que aqueles homes facían con Colle Ardó -unha práctica, por certo, alarmantemente habitual na aréa política-.
Entre o grupo de mulleres sublevadas e as purificadoras hai unha característica común, o xénero, pero unha gran diferencia, o status alzanzado por unhas e outras. Outro tanto pasa entre o pobo galego e o BNG –ou mellor dito, a dirección do BNG-, coinciden plenamente na súa identidade, pero o BNG alcanzou recentemente un status privilexiado ó que non é doado renunciar e, para mantelo non dubidará en aliarse con PSOE ou PP -normalmente co primeiro, según eles diferente-, con aqueles que buscan a sumisión e manter o status quo que sobre este pobo ten os de alá. A dirección do BNG está formada, ó igual que o grupo das purificadoras, por un grupo de persoas enteiramente aliñadas, dispostas e sumisas ó seu lider, o que ninguén, ou moi poucos, se atreven a tusir. O líder corrixe abertamente manifestacións doutros membros do grupo, ainda que estas sexan fieis a ideoloxía do partido pero, iso sí, perxudiciais para o mantemento do seu status.
O pobo galego vive dende hai séculos estigmatizado, avergonzado da súa lengua -ata o punto de pulir o seu acento para que non se note a súa procedencia- e da súa cultura, sentíndose parte dunha rexión pobre, subsidiada, sen poder ou con escaso poder para influir na política estatal -froito dalgunha carambola-. Lémbrame moito ó grupo de mulleres, mulleres sen opinións, sen ideais, sen ambicións, sen autosuficiencia, mantidas polos homes de Alá; mulleres que sufren a súa dor en silencio.
O pobo galego, ó igual que fixeron as mulleres daquel poboado africano, ten que rebelarse contra as purificadoras, desarmalas a elas e, con elas, ó consello de anciáns. Agora xurde unha gran oportunidade no proceso de elaboración de candidaturas para o Parlamento galego, onde os nacionalistas deben optar entre mandar máis purificadoras ou mulleres rebeldes, integras e valentes. Compre que o pobo galego perda o medo, fale e que o faga como o facía noutras etapas non tan distantes, no que as purificadoras non tiñan tanto poder; fai falla por fin a esta mutilización á que nos están somentendo a moitos nacionalistas e, por engadido, a todo o pobo galego.