En defensa da nosa paisaxe

A primeira actuación executada polo grupo local do BNG en Xunqueira de Ambía foi frear a devastación do Monte da Farria, un monte catalogado no PXOM de Xunqueira de Ambía cun Nivel A e catalogado cunha Protección Especial Paisaxistica. Estaba sendo explotado por duas empresas graniteiras (Farriense de Granitos e EXELCO) ante a desidia -nalgúns casos complicidade- das institucións local e autonómica.

Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.

Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.

Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.

É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.

Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.

… por pedilo non será.

Estados financieiros de La Región

Logo de botarlle unha ollada as contas de La Región correspondentes ó cerre do exercicio 2006 estas son algunhas das conclusións as que cheguei:
  • Os ingresos por ventas do exercicio [13.610.348,41 € (uns 265.000 € menos que en 2005)] son menores que o activo corrente (19.353.623,7 €). Isto é, durante un ano ingresou menos diñeiro que o que lle adeudan os deudores [clientes por ventas (9.163.719 €) , empresas do grupo (10.843.162,34 €) e deudores varios (1.056.980 €) ] o que situa a empresa nunha situación de falla de liquidez.
  • As provisión feitas para os deudores son excasas (-2.187.035,46 €), sobre todo si temos en conta a situación financieira das empresas do grupo que son deudoras. A empresa auditora KPMG en 2005 decía que “a sociedade participada RIAS BAIXAS COMUNICACION SA (Nota 7) presenta uns fondos propios negativos”, isto é, que esta empresa está en quebra técnica, polo cal “a sociedade debería provisionar o importe neto correspondente a la inversión, así como o importe correspondiente a porcentaxe da sua participación no patrimonio negativo”. Esa débeda alcanzaba en 2004, segundo a auditora, 4.474.178 €. Todo isto respecto a esta sociedade, logo si nos pomos a analizar as débedas e inversións noutras empresas do grupo e asociadas encontramonos con mais do mesmo.
  • Na evaluación das masas patrimoniais atopámonos cun desequilibrio patrimonial a corto prazo (isto analizando as contas presentadas; si a empresa provisionase tódalas débedas antes sinaladas, o patrimonio sería negativo e a situación de quebra técnica) e nunha situación de suspensión de pagos técnica.
  • O pasivo corrente (débedas a corto prazo de 15.987.214 €) tamén está descompensado co pasivo non corrente (débedas a largo prazo de 5.439.792 €), triplicando o primeiro a este último. A situación lóxica e habitual é que as débedas a L/P sexan maiores que as débedas a C/P.
  • Tamén é unha situación anómala o feito de que a empresa tivese no exercicio 2006 uns ingresos inferiores a débeda a C/P que deixa para o exercicio seguinte. O máis previsible é que no exercicio 2007 (no que La Región anunciou un EBITDA de +2.500.000) non puidese cumprir cos seus compromisos cos acreedores.
  • Tamén me chama moito a atención que os gastos de persoal (5.560.142,45 €), máis os gastos por servicios externos (3.821.929,14 €) absorban o 69% dos ingresos por ventas. Non é propio dunha empresa das suas características.
  • E por último dicer que o resultado do exercicio de 2006 (1.086.572 €) está maquillado polos beneficios obtidos na enaxenación de inmovilizado inmaterial, material ou cartera de control por un valor de 1.271.027,81€.

La Región

Un bo día levanteime coa nova de que Baltar quería que a Deputación de Ourense entre no accionarado do xornal “La Región”, iso sí, coa complicidade de PSdeG e BNG. Que raro, non? Baltar nunca da nada a ninguén salvo que llo deba ou pretenda que llo deban, entendedes?

Estanse dando moitos casos destes últimamente. Son moitos os que ten favores pendentes de ser cobrados e agora que Baltar anuncia a sua retirada da presidencia do PP provincial apuran os tempos. Seguro que iso foi o que levou a familia Outeiriño a acudir a Baltar, ademais, por suposto, da nefasta situación económica das suas empresas. Pero ségueme sorprendendo a participación das outras duas forzas políticas nesta trama, e especialmente ó silencio do BNG ó respecto, intrígame e, se o penso moito, ata me arrepía o corpo. Touriño foi moi claro sobre esta operación ó afirmar que as institucións non están para financiar prensa, incluso dende o PP López Veiga dixo que o proxecto da Deputación para entrar no capital social de “La Región” é contrario ó ordenamento xurídico, e cita algúns exemplos; metres o BNG caladiño… nin un chio !!!

Días antes de comezar todo este barullo o xornal “La Región” anunciaba unha ampliación de capital despois de acadar un beneficio de explotación de 2,5 millóns de euros. Claro que ó EBITDA hai que restarlle os intereses (carga financieira que en “La Región” é ampla, moi ampla), as amortizacións reais e depreciacións reais do inmovilzado e, si houbese beneficios antes de impostos, o imposto sobre sociedades. Ofrecer os resultados dunha empresa tendo en conta o EBITDA é unha trampa que permite anunciar unhas cifras “presentables” nunha empresa que está cargada excesivamente de gastos financieiros e de altas amortizacións, amortizacións que a propia empresa recoñece públicamente pero non contablemente ó afirmar que valora os seus activos polo coste de adquisición e non polo coste de mercado (pregunta número 9).

O certo é que a “La Región” xa lle advertiran antes deste erro contable as empresas auditoras en informes continuamente desfavorables emitidos por KPMG AUDITORES SL os anos 2006, 2005 e 2004 e con anterioridade ARTHUR ANDERSEN Y CIA S COM. Advertencias que tampouco foron tidas en conta por Xesgalicia e en concreto, polo Fondo Adiante. Este fondo foi creado para rescatar a empresas necesitadas de apoio financieiro e de xestión para salvar unha situación temporal de dificultades. Neste caso a situación non era algo temporal, xa viña arrastrada de hai moitos anos. Outra imposición deste fondo para ser beneficiario das suas axudas é que a empresa sexa viable técnica, comercial e financieiramente. Este punto derradeiro tampouco se cumplía ó atoparse, segundo as empresas auditoras, nunha situación de quebra técnica.

Tal foi a polvoreira levantada por este asunto que tanto uns coma outros, responsables do xornal e dos partidos políticos, que tiveron que renunciar a el. Especialmente grave foi o malestar causado nas bases do PSdeG e do BNG, militantes, simpatizantes e votantes de ámbolos dous partidos que nos vemos a diario maltratados por ese xornal… e no intre en que remato este artigo o BNG segue sen dar un chio.

A voltas co galego

Esta é a semana do galego. Debería ser unha semana de festa, de concursos de prosa e poesía por tódolos Concellos de Galicia, de teatro nos colexios, de feiras do libro,… sen embargo, parece que todo isto se quedou nun segundo plano.

Na última campaña, durante as eleccións xerais, o PP convertiu o galego nunha arma política, nunha arma de destrucción masiva que estaba a piques de acabar co castelán -coma si Galiza fose o derradeiro recanto no que se fala esta lingua-. Ninguén en Galiza, con deus dedos de frente, se prestaría a tal engano (dixen con dous dedos de frente, os de Galiza Bilingüe non contan, VALE!) e tomaría en serio tal ameaza salvo, como non, outro partido político.

O panorama que se nos presenta nos últimos días e o seguinte: por un lado recibimos moitas noticias catastrofistas sobre a situación do galego no noso país (incumprimento de normas do galego no ensino e outros incumprimentos da Lei de Normalización Lingüistica, sobre o dereito dos cidadáns a seren atendidos en galego,…) e outras que disfrazan un pouco a realidade (sobre o prestixio do galego ou uso do galego no Concello de A Coruña); por outro sae o BNG facendo manifestacións a prol do galego, por certo, o único partido que as fai (Quintana animando os empresarios a usar o galego, campañas e manifestos a favor do uso do galego,…) ou acordando medidas lexislativas polo bipartito agora que a lexislatura se esgota (como a derradeira referida as axudas para os comercios que usen galego).

Deberíamos todos sentir un pouco de vergoña do que estamos facendo. Por un lado uns tratan ó galego exactamente igual que a un cadaver ó que se lle está facendo unha autopsia, abrindoo en canal, radiografiando e analizando todas e cada unha das posibles causas da sua morte. Deixade ó galego en paz! O galego ainda está vivo, e con todas esas denuncias i enquéritos non o axudades en nada; como tampouco se axuda, por certo, con manifestos e manifestacións -xa sei que algúns que cobran todo o ano pola defensa da lingua, como os da Mesa pola Normalización Lingüistica, teñen que xusticar agora, polo menos, a sua existencia-. A lingua galega axúdaselle tomando decisións dende as institucións nas que se goberna, pero non agora, a última hora, na víspera do día grande da nosa lingua, facendo un brindis ó sol, senón durante todo o ano, dende o principio ata o fin da lexislatura. Ou é que xa esquecemos cal é o noso proxecto de país?

Non se pode caer no erro do PP e acabar asociando a lingua galega con un partido político -claro que o PP busca xusto o contraio: asociar castelán a PP- porque con isto o único que se consegue e arredar da nosa cultura os cidadáns que non son dese partido, xa que poden caer no erro de sentirse identificados políticamente a un partido polo simple feito de falar unha ou outra lingua. O galego é de todos os galegos, dos de dereitas e tamén dos de esquerdas, dos que son nacionalistas e daqueles que non o son, dos que o conservaron dende os seus pobos e dos que o rescataron de vellos libros nas bibliotecas, dos galegos que o falan e, por suposto, dos galegos que non o falan,…

Pra rematar vou a falar dunha disputa inútil coa que me encontrei hoxe (ó fio desta historia): galego normativista ou galego reintegracionista? Para comenzar vou lembrar que o galego, a diferencia doutras linguas mortas coma o latín, é unha lingua moi viva e as linguas vivas evolucionan –TODAS!-. O galego evolucionou ata ser o que é hoxe bebendo de moitas fontes, e non podemos renunciar a ningúnha porque todas elas xuntas son o galego falamos a inmensa maioría do pobo, logo de séculos de persecucións, inxurias, asasinatos, emigracións, guerras, fame, secostros, aldraxes,… e silencios que tiveron que aturar os nosos ancestros.

O caso é que me atopei cuns reintegracionistas que se puxeron a correxir todo o que eu escribía, como si eu cando escribo estivese calibrando cada verba. Eu en ningún caso me plantei correxilos a eles, pois co diccionario da RAG na man existiría unha falta en cada palabra sua.

O que lles ocorre a esta xente é que senten tal fobia pola cultura castelá que o único que buscan é diferenciarse dela e para iso foron a beber a fonte do portugués para recuperar o que algún día foi o galego-portugués, unha lingua común o galego e ó portugues, que nin é galego nin é portugués. Aquela lingua nai evolucionou e deu lugar a duas novas linguas, como antes o latín dera lugar a moitas outras. O que non entenden é que esa lingua está morta, que pode ser obxecto de estudo, claro que si, como tamén o é o latín, pero non ten posibilidade algunha de volver a ser falada.

O peor desta xente, aparte da suas fobias, e a actitude totalitaria que ten e a falla da percepción da realidade galega. Non admiten críticas e perseguen a todo aquel que os contraría ata pecharlle a boca, ata silencialo. Son tan fascistas coma aqueles que noutras épocas deixaban mortos nas cunetas… en silencio. Si, ó igual que aqueles odian a nosa lingua, a que sobreviviu. Esta vez quen persegue ó galego son uns seres retrógados que pretenden impornos unha lingua morta…. E non nos impón o latín… POR QUE NON O SABEN.

De lastres, ataduras e hipotecas…

Acabo de ler un artigo no diario “EL PAIS” no que a superministra Espinosa -así á calificaba o superconselleiro Patxi- se desprendía da sua pelica e amosaba a loba que leba dentro ó referirse os socios de Goberno dos socialistas na Xunta de Galicia. Seica para a superministra somos un lastre, unha atadura da que é necesario desprenderse. Non ten en conta a superministra cal é a verdadeira función deste instrumento, os galegos si, por iso llelo puxeron.

Un lastre é un peso que se carga nunha embarcación ou nun globo para asegura-lo seu equilibrio. Isto traducido en clave política ven a dicer que un lastre é un instrumento cuia función é a de impedir facer o que quere a quen goberna. Os galegos non confiaron no equilibrio do PSOE nin en Galiza nin no Estado, nin nas últimas autónomicas nin nas últimas xerais. Todos sabemos porque, sabemos do que son capaces estos políticos socialistas si se lles da renda solta. Son tan caciques coma os do PP, por suposto, pero o seu perigo non radica ahí, senón na sua falla de escrúpulos… e para iso está o pasado, para lembrárnolo: desfalcos, terrorismos de estado, corrupción, paro, precariedade económica,…

Claro que quen emprega as verbas mais duras contra os nacionalistas é a superxornalista Cristina Huete. Venme a memoria un artigo que escribiu recentemente esta señora sobre as canteiras de Xunqueira de Ambía, na que a superxornalista destacaba no seu artigo que a fiscalía denunciaba unha suposta ilegalidade da Consellaría de Industria de Ourense pola única razón de ser unha Consellaría do BNG e calaba malintencionadamente -ou ben- a actuación da Consellaría de Medio Ambiente dirixida polo seu querido e superconselleiro Paxti Vázquez.

Dende o primeiro intre o Grupo local do BNG tivo moi claro que é o que estaba a suceder no Monte da Farria; aquilo tratábase dun delito ecolóxico e por iso se puxeron varias denuncias perante o Concello de Xunqueira de Ambía, o SEPRONA, a Consellería de Industria e a Consellería de Medio Ambiente. Destas dúas últimas nunca recibimos ningunha resposta, silencio total. Por suposto, ningunha destas institucións moveu un dedo ata o día de hoxe para poñer fin a práctica delictiva que se estaba e está levando a cabo no Monte da Farria.

A que se debe ese silencio? Seguro que a nosa superxornalista de investigación non lle interesa contalo. A min si. Un dos empresarios da pedra que agrediu o noso Monte seica se move na órbita do PSOE, un tal Antonio Domínguez, presidente dos graniteiros de Ourense, do que C. H. decía “ahora desvinculado de la empresa” -referíndose a Farriense de Granitos- e ignorando interesadamente -ou non- que é o dono doutra das empresas alí asentadas, EXELCO de Granitos, a mesma que segue na actualidade explotando un aserradeiro ilegal nun Monte protexido.

Este home garda un relación de amizade co superconselleiro Paxti Vázquez e con moitos outros cargos do PSOE local e provincial… pero eu non creo que sea esa a razón pola que a Consellaría de Medio Ambiente non fixese nada ante as continuas denuncias do BNG… esta é a derradeira denuncia:

As miserias duns miserables

Poucos poden pensar cando ven pasar o Sr. José Luis Gavilanes Losada nuns dos seus cochazos de luxo, co seu traxe de Carolina Herrera e as gafas de sol nun día nublado que quen conduce é un ser miserento. Como o ía ser rodeado de tantos luxos? A sua miseria radica non na escaseza de bens materias senon na mingua de principios morais. So así se pode comprender como aquel camareiro sen estudos de aspecto famélico se acabase converténdo nalguén que presume de ter todo un imperio nas suas mans (COPASA, Áridos de Astariz, Betunes y Fimes, Productos Betuminosos de Galicia -PROBIGASA- GESECO, Empresa Gavilanes, Farriense de Granitos, Coporsa, etc.), un imperio que incluso surca os océanos, iso si, todo despois de levar atrincheirado no Concello de Xunqueira de Ambía preto de 30 anos.
Contrasta, e moito, a súa escandalosa puxanza económica persoal co deterioro e o desamparo do noso Concello. Será casualidade -que non a é- pero a medida que o Concello de Xunqueira de Ambía foi perdendo o seu esplendor él foise facendo mais rico.
Pero non era diso do que quería falar, o que hoxe me trae aquí é a recente campaña electoral. Cada vez que hai campaña él acostuma a visitar a cada veciño do pobo, incluso a aqueles que sabe que non lle vota, pero sobre todo detense de xeito moi especial coas persoas maiores. Sempre lles vai con contos como que “si lle votas os outros -os outros somos PSOE e BNG- vanche quitala paga”, “si volven os roxos vanvos quitalas terras”, “os do BNG son uns terroristas” ou “como gañen os outros volvemos a guerra civil”, entre outras lindezas.
Vos pensaredes, “iso non o cree ninguén”. Somos un Concello con 1.365 votantes e perto de 800 están por riba dos 65 anos e, ademais, unha cantidade moi importante supera os 80 anos. Van todos votar. Non falla un! Verdade que agora xa parecen mais creibles esas historias? Sonno porque moitas desas persoas xa viviron na súa infancia as guerras, a fame e as opresións. O noso alcalde, Jose Luis Gavilanes Losada -perdoade que repita tanto o seu nome pero é que non quero deixar dúbidas sobre quen estou falando-, sabe dos medos da xente e sabe espremelos ben, por iso en canto ten unha oportunidade, normalmente en periodo electoral, acercase a eles e failles revivir etapas pasadas, lonxanas, esquecidas. Tráelle ao presente pantasmas do pasado. Eles con iso sufren, posiblemente non durman en días, pero voóanlle… e con iso está todo dito.

Denuncias públicas

As denuncias públicas, feitas soamente a través dos medios de comunicación, acostuman a desavacecerse co paso do tempo. Podes denunciar calquer cousa nun xornal e a persoa denunciada quitaslle as cores por un día, pero esta cala, non entra o tapo e deixa que polémica pase. Nuns meses, tal vez nuns días, ninguén se acordará de nada.

Iso é o que sucedeu co Monte da Farria, en Xunqueira de Ambía. Hoxe andiven pescudando na rede e atopeime con unha nova que no seu momento non chegei a ler: “Comisións Obreiras denuncia o abandono e deterioración da Ruta dá Prata“. A noticia sae da redacción de La Voz en Ourense -redacción da que por entón formaba parte a xornalista Cristina Huete, agora en El Pais, no que escribiu recentemente sobre este asunto– con data de 12 de febreiro de 2004, di como segue:

A Secretaría de Medio Ambiente de Comisións Obreiras denuncia abandono, deixamento e falta de sensibilidade por parte das administracións públicas na Ruta dá Prata ao seu paso pola provincia ourensá. Así asegura que un dos tramos que discorre por Xunqueira de Ambía, Monte dá Farria, sufriu nos últimos meses unha gran deterioración paisaxística e ambiental cun incendio forestal no 2003, construción de pistas forestais e apertura dunha canteira na cima do monte.

Outro aspecto que deteriora a ruta é a presenza de restos de lixo nalgúns tramos que, segundo CC. OO. convertéronse en auténticos vertedoiros.

Ante esta situación o sindicato propón que se conserve a Ruta dá Prata co seu patrimonio natural, que se rehabiliten as zonas invadidas por cemento e asfalto e que se combata o feísmo

Sabíamos que antes de instalarse alí a primeira das canteiras, Farriense de Granitos, o Monte da Farria ardera (ver nova en La Voz), non por casualidade, e que logo, cunha axuda do plan Leader se fixeron as pistas para a canteira, co pretexto de facer un mirador no alto do Monte que nunca se fixo -supoño que son “as pistas forestais” a que fai referencia a noticia-. Do que non tiñamos coñecemento e de que esa nova non despertase o mais mínimo interés para a Consellería de Medio Ambiente e para a Consellería de Industria, entón rexidas, ámbalas dúas, polo PP. Erán eles quenes tiñan a obriga de tomar as medidas protectoras necesarias para evitar o deterioro dun Monte especialmente protexido -nivel A- e de frear unha actividade empresarial que non contaba con ningún tipo de permiso, nin de extracción mineira, nin de actividade económica, nin nada. Pero claro, tratábase da canteira dun alcalde do PP…