Estanse dando moitos casos destes últimamente. Son moitos os que ten favores pendentes de ser cobrados e agora que Baltar anuncia a sua retirada da presidencia do PP provincial apuran os tempos. Seguro que iso foi o que levou a familia Outeiriño a acudir a Baltar, ademais, por suposto, da nefasta situación económica das suas empresas. Pero ségueme sorprendendo a participación das outras duas forzas políticas nesta trama, e especialmente ó silencio do BNG ó respecto, intrígame e, se o penso moito, ata me arrepía o corpo. Touriño foi moi claro sobre esta operación ó afirmar que as institucións non están para financiar prensa, incluso dende o PP López Veiga dixo que o proxecto da Deputación para entrar no capital social de “La Región” é contrario ó ordenamento xurídico, e cita algúns exemplos; metres o BNG caladiño… nin un chio !!!
Días antes de comezar todo este barullo o xornal “La Región” anunciaba unha ampliación de capital despois de acadar un beneficio de explotación de 2,5 millóns de euros. Claro que ó EBITDA hai que restarlle os intereses (carga financieira que en “La Región” é ampla, moi ampla), as amortizacións reais e depreciacións reais do inmovilzado e, si houbese beneficios antes de impostos, o imposto sobre sociedades. Ofrecer os resultados dunha empresa tendo en conta o EBITDA é unha trampa que permite anunciar unhas cifras “presentables” nunha empresa que está cargada excesivamente de gastos financieiros e de altas amortizacións, amortizacións que a propia empresa recoñece públicamente pero non contablemente ó afirmar que valora os seus activos polo coste de adquisición e non polo coste de mercado (pregunta número 9).
O certo é que a “La Región” xa lle advertiran antes deste erro contable as empresas auditoras en informes continuamente desfavorables emitidos por KPMG AUDITORES SL os anos 2006, 2005 e 2004 e con anterioridade ARTHUR ANDERSEN Y CIA S COM. Advertencias que tampouco foron tidas en conta por Xesgalicia e en concreto, polo Fondo Adiante. Este fondo foi creado para rescatar a empresas necesitadas de apoio financieiro e de xestión para salvar unha situación temporal de dificultades. Neste caso a situación non era algo temporal, xa viña arrastrada de hai moitos anos. Outra imposición deste fondo para ser beneficiario das suas axudas é que a empresa sexa viable técnica, comercial e financieiramente. Este punto derradeiro tampouco se cumplía ó atoparse, segundo as empresas auditoras, nunha situación de quebra técnica.
Tal foi a polvoreira levantada por este asunto que tanto uns coma outros, responsables do xornal e dos partidos políticos, que tiveron que renunciar a el. Especialmente grave foi o malestar causado nas bases do PSdeG e do BNG, militantes, simpatizantes e votantes de ámbolos dous partidos que nos vemos a diario maltratados por ese xornal… e no intre en que remato este artigo o BNG segue sen dar un chio.