Hai boicot do BNG a Iniciativa Internacionalista?

Veño de votar e aínda non me pasou o espanto. Entrei a unha cabina do meu colexio electoral (Consellería de Sanidade, Avenida de Zamora, Ourense) e comecei a mirar papeletas. Sempre me asombra ver tantas candidaturas e tan variadas, de partidos dos que nunca oíra falar e sempre me paro a lelos todos, un a un. Seica había trinta e cinco, segúndo me dixeron logo. Destas candidaturas minoritarias buscaba unha que soou moito nas derradeiras semanas: Iniciativa Internacionalista. Cal foi a miña sorpresa cando non a atopei!

A miña mente retorcida empezou a maquinar do revés e enseguida vin un responsable do sucedido. Pregunteime: a quen prexudica que esa papeleta esté na cabina? Só hai unha resposta, verdade?

Dirixinme ó Presidente da mesa e díxenlle que non había papeletas deste partido. Quedou sorprendido pois confiara nos interventores dos distintos partidos esa tarefa. En segundos botouse enriba miña, como can de presa, Xosé Carballido, interventor do BNG. Dixo estar estrañado pola falta desas papeletas nas cabina, pois “el mesmo” se encargara de comprobar que estaban tódalas papeletas de tódolos partidos… Como diría Baltar “puxemos ó rato a coidar do queixo”. Finalmente, este Señor acabou pedíndome desculpas por unha situación que non era responsabilidade súa, senón do Presidente da mesa. Excusatio non petita, accusatio manifesta.

Non era a de Iniciativa Internacionalista a única que faltaba, tampouco estaba a de Esquerda Anticapitalista. E non podo dicir que faltasen máis porque eu non coñezo todos os partidos que concorren mais imaxino que non son os únicos. Esta é a problemática que atinxe ós partidos pequenos: a loita deshonesta que practican os partidos maioritarios.

Traxicomedia

Si como afirmaba Horace Walpole “a vida é unha comedia para os que pensan e unha traxedia para os que senten”, o nacionalismo, como ideoloxía e movemento social e político que mistura pensamento e sentimento, debe ser unha traxicomedia.

Resulta cómico ver como logo de cada tropezón electoral a dirección do BNG atopa sempre un factor externo sobre o que fundamentar ese resultado: a prensa, un atentado, a españolización da política galega, a vulnerabilidade ideolóxica das súas bases, o poder económico da dereita,… Escusas que poden valer para conformar a razón de moitos votantes e militantes mais, si “todos nós temos dúas mentes, unha mente que pensa e outra que sente” como suxire Daniel Goleman, tamén será preciso darlle o seu a esta outra parte do noso ser.

Esta falta de respostas, debida a interrupción das conexións existentes entre os órganos de dirección do BNG e a base social do nacionalismo, provoca unha asombrosa ineptitude para calibrar o significado emocional dos acontecementos (insisto, non debemos esquecer que o nacionalismo ten unha dose moi importante de sentimento co que xogan -ou no que furgan- os movementos nacionalistas), producindo dentro da organización un mal endémico que lle fai perder a capacidade de conectarse coa sociedade dun xeito fluído e saudable. É o que en psicoloxía se chama “cegueira afectiva”. Esta é a parte tráxica do nacionalismo galego.

Desesperante lista de espera

Hai unhas semanas fun pedir cita para facer unha analítica. Non houbo ningún problema para que ma desen para o día que eu lles indiquei. Sen embargo, ó pedir cita para o médico, para ver o resultado da mesma analítica, déronma para máis aló dun ano.

Xa sei que non é responsabilidade de ninguén. Non é culpa do actual goberno, que acaba de entrar, nin do bipartito, que xa herdara ese problema da “era Fraga”. A culpa témola nós por aguantar e calar… claro que, pouco máis podemos facer!

A utilización do pobo como instrumento lexitimador da corrupción política

Hai uns días Julio Anguita dicía que a corrupción política é o resultado “dunha época na que o enriquecemento fácil víase como algo normal”, situación na que “os cidadáns son corresponsables” porque, en moitos casos, “apoiaron e votaron a políticos corruptos”. Isto sucede porque, afirma o ex dirixente de IU, “hai unha parte da cidadanía que vive desta conduta dos políticos para xustificar a súa propia falta de ética”.

Imos ver uns exemplos: a semana pasada Mariano Rajoy rexeitou a dimisión de Federico Trillo porque, di o mandatario popular, logo do accidente do Yakovlev 42, o pobo volveu a depositar a súa confianza no político almeriense, non nunha, senón en dúas ocasións.

Hoxe podemos ver a Francisco Camps afanado na campaña do PP na comunidade valenciana, como si a trama corrupta do caso Gürtell non fose con el, pese a estar imputado. Busca nas urnas unha absolución que pode que non atope nos tribunais. Ten todo o apoio do presidente do seu partido e, como non, da súa base social.

Pero non fai falla ir tan lonxe, na Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, e en moitos concellos desta provincia –como o meu– a corrupción política está a orde do día, sen embargo, eleccións tras eleccións eses responsables políticos son ratificados pola maioría dos cidadáns.

Son os mesmos cidadáns que logo esixirán legalidade, decencia, integridade, honestidade, transparencia,… non o partido político que eles apoian, senón a tódolos demais. Pedirlle eses valores ós membros do seu propio partido sería como pedilos para si mesmos e, sabedores de que non os reúnen, calan, miran para o de enfronte e acúsano.

A corrupción política dos nosos dirixentes non é máis que o reflexo da propia corrupción do pobo, un pobo decidido a apoiar a un ou a outro partido a espera dalgún beneficio individual (emprego, axudas, permisos,… poder). Vivimos nunha sociedade que non vota por ideoloxía senón por interese. A desidealización dos partidos a que fan referencia numerosos politólogos obedece a tendencia marcada pola propia sociedade, por iso tampouco é moi acertado falar de corrupción política, máis ben habería que falar de corrupción social ou socialización da corrupción. A xente non quere vivir mellor, quere farolas!

Mais, hai esperanza para esta sociedade? Si a hai, esa esperanza está precisamente nos desaliendos, nos desafectados, está fora dos partidos, nese grupo de xente que ten o poder de cambiar o status político dominante a nada que se organicen e decidan actuar activamente na area política. Os dirixentes actuais son sabedores desta circunstancia, por iso adican boa parte dos seus recursos en resaltar as súas diferencias, para que nunca teñan a tentación de fornecer unha alianza que remate co seu dominio. Refírome, como non, os Novos Movementos Sociais.

Europa e a lingua

Vimos de vivir unha xornada de exaltación da lingua, no día das Letras Galegas, na que o pobo galego manifestou os seus desexos de igualdade de dereitos para a lingua galega fronte o apartheih que promove o actual goberno dende a Xunta. Agora é o momento de pasar do dito ó feito e pórse a defender a lingua dende unha institución, a europea, que ten feito polas linguas das pequenas nacións, como a nosa, máis que o propio estado ó que pertencemos.

A futura Unión Europea composta polos vintesete Estados membros, os países candidatos (Croacia, Turquía,…) e a comunidade turcochipriota forman unha colectividade de máis de trescentas rexións, con sesenta comunidades lingüísticas e uns corenta millóns de falantes das preto de corenta linguas consideradas rexionais ou minoritarias. Na actualidade son vintetrés as linguas oficiais máis a Unión Europea aplica os principios de diversidade lingüística e de non discriminación por razón de lingua (artigos 21 e 22 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE) non só a estas senón tamén as linguas rexionais ou minoritarias faladas por diversos grupos de poboación, permitindo o seu uso nas institucións europeas, feito que ata hoxe se nos ten negado nas institucións españolas.

Tamén é certo que todos estes datos apuntan a unha dobre problemática. Por un lado, subliñan a necesidade de considerar a diversidade cultural que atesoura Europa. A UE non se pode converter nunha nova ferramenta de imposición cultural sobre as minorías. Polo tanto, será necesario crear os instrumentos precisos para respectar esta realidade e permitir que se manifeste tamén no enramado institucional europeo. Neste sentido, por exemplo, é imprescindible que tódalas linguas recoñecidas como oficiais nalgún territorio dos países membros poidan ser tamén lingua oficial da UE, para que as dimensións dos países non xeren inxustizas, e posiblemente tamén sería necesario reformar o Consello das Rexións, actualmente cun papel moi secundario.

Por outro lado, hai que garantir a eficiencia das institucións que non se poden ver paralizadas pola variedade lingüística europea. Unha posible solución podería consistir en distinguir entre linguas oficiais e linguas de traballo, e limitar moito estas últimas. Hai quen propuxo que soamente se recoñezan seis linguas de traballo, das cales dúas poderían ser romances, dúas saxonas e dúas eslavas.

Forma parte da política da UE protexer e fomentar o respecto, a apertura e a tolerancia cultural e lingüística. Conforme o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, a UE debe respectar a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo. Para que a Unión Europea non se converta nun crisol redutor das diferencias, senón un espazo que aprecie a diversidade como fonte de riqueza é preciso que as forzas políticas minoritarias máis identificadas con estas culturas, as forzas nacionalistas, gañen máis representatividade na eurocámara para frear iniciativas como a recentemente presentada polo PP na que lle pedía ós Estados membros da Unión Europea que garantisen o dereito dos pais a escoller a lingua na que se educa ós seus fillos.

O discurso incoherente de Aymerich

Berraba Carlos Aymerich na derradeira ANE: “valeu de algo chegar a acordos para a Executiva Nacional no pasado?” e contestaban algúns dos seus seareiros: “NOOON!” para acabar dicindo que toda a militancia debería acatar a decisión das urnas.

Rachar tradicións, como a de pactar a Executiva Nacional, non é unha labor doada nin pacífica pois esixe máis xutificación que calquera outro acto político por tratarse, as tradicións, dunha das fontes de lexitimación do poder, segundo Max Weber. Acadar esa xustificación é moito máis complicado cando o discurso que se fai internamente (pactos non!) resulta ser contraditorio co que se fai e practica externamente (pactos si!). Non se pode cambiar de discurso segundo as necesidades que en cada momento se teña.

Que ocorreu nos concellos de Vigo ou Lugo logo das eleccións municipais de 1999? Ou máis tarde en multitude de concellos galegos? E na Xunta de Galiza? Para “tocar” poder o BNG non tivo nin ten reparo algún a hora de realizar pactos aínda que iso supoña sempre a renuncia dos ideais defendidos ou dos proxectos e obxectivos prometidos. Non é algo subxectivo -é un feito- dicir que esa renuncia acabouna pagando sempre o BNG, electoralmente, xa sexa en beneficio do seu socio de goberno ou mesmo da oposición.

Eu pregúntome si no futuro o BNG volverá a renunciar ós seus postulados para pactar co PSOE ou si, pola contra, o “novo” BNG respectará o ditado das urnas e ocuparan a posición que estas lles reserven. Vendo o que di o documento político aprobado pola ANE decántome pola primeira das opcións (“temos que abordar abertamente os pactos co PSOE sobre a base de estratexias políticas comúns”). Haberá que estar especialmente atentos ós “apaños” que fagan os membros de +BNG nos seus respectivos concellos. Valorarase a súa coherencia.

Aceptar o que digan as urnas, aceptar o que diga a cidadanía, implica que si es a segunda ou terceira forza política na disputa non podes acabar sendo unha forza do goberno grazas ós “apaños”, que dirían algúns si se realizasen dentro da propia organización, con outra forza política. Compre ser coherente entre o que se di e se fai, dentro e fora. 

Si por algo a min me gusta a teoría de G. Ferrero sobre os principios de lexitimidade é porque da no cravo, mellor que ninguén, sobre o que sucede cando alguén non os respecta, pois, segundo este autor, rexorde entón “un espírito revolucionario, o espírito da revolta contra a lei, do odio e o desprezo contra a legalidade que se amoucha no máis fondo dos corazóns humanos”. Moito me temo que este espírito, “o maligno”, está esperto e non descansará ata restablecer a normalidade.