A que andan os Axentes e Técnicos de Emprego?

No día de onte xurdiu un debate no grupo sobre a eficacia dos traballadores, diferenciando entre o ámbito público e o privado. Claro, aquí sempre saen malparados os funcionarios, na sala non había ningún ;). Logo pola tarde ocorreuse este experimento que lle explico, logo de realizalo, aos seus destinatarios nesta carta:

“Unha vez máis, grazas a Patane (Ugacota), Mabel (Cámara Vigo), Isabel (ACODE Silleda) AEDL Concello de Cambre (non asina con nome), AEDL Concello de Caldas de Reis e UPD Coordina Local e (tampouco asinan cun nome). Fostes 6 as persoas que responderon a miña mensaxe dunha lista de máis de 730 persoas ás que a UPD Coordina Local nos mandou un e-mail o 4 de xuño sobre BIOTRAINING. Parabéns por estar ao voso traballo!

Certo que moitos de vos estaredes de vacacións (só 5 persoas deixaron o seu correo configurado para indicar esta situación nunha resposta automática), outros teriades o día libre, baixa por enfermidade, contrato rematado (foron varios os e-mails que viñeron de volta o cal indica que esa lista non está moi actualizada), outros, os que máis, realizando tarefas que nada teñen que ver coa finalidade para a que fostes contratados; máis, aínda así, a proporción entre “supostos” axentes aos que a UPD coordina Local se dirixe e os que finalmente responderon -só 6!- é preocupante, por usar un termo pouco ferinte. Son consciente que nesta lista non están tódolos axentes que son nin son (eu mesmo) todos os que están.

A pregunta era sinxela e ampla, para que dese posibilidade de moitas respostas, a interpelar ao demandante de información para que fose máis concreto, etc. Dicía:

Alguén coñece como afectarán os recortes anunciados polo goberno as políticas laborais, promoción do emprego, creación de empresas,…? Estanse atrasando a publicación de axudas dende a Consellería de Traballo e Benestar respecto a outros anos, ou segue o mesmo curso que os exercicios anteriores? Grazas!

A resposta era moi complexa, xa dixen; a que buscaba era a seguinte:

Orde do 10 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases que regulan para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2010.

Modificada por esta outra:

Orde do 4 de xuño de 2010 pola que se fai pública a minoración do importe existente para a concesión das axudas e subvencións para o fomento do emprego, convocadas pola Orde do 10 de marzo de 2010, pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Este mesmo día, dog 14 de xuño producíronse outras modificación, pero esta era una delas e afecta especialmente aos axentes de emprego, co cal esperaba que estivésedes máis atentos polas novas que afectan ao voso colectivo.

Non traballo dende o 23 de decembro de 2009 en que finalizou a UPD Integrou-ASPANAS, máis sego atento a actualidade, incluso a publico nun blog (http://upede.blogspot.com/) porque o considero básico para acceder a un emprego de técnico ou axente de emprego. Moitos de vos, aínda traballando estas cousas impórtanvos “0”. Non valorades ter un traballo nin vos preocupa que outros non o teñan. Iso, salvo excepcións quedoume probado. A Moitos de vós só vos preocupaba saber quen era “xosé antón vázquez dorrío” , “moendo”, “moendo.net”, “sempre moendo”, … e, para verificalo, recorrestes a google, que vos levou ate o meu blog. Non facía falla, estaba vencellado na imaxe (o nome) de máis abaixo. Cun só ‘clic’ era suficiente.

Todo isto non responde a un xogo de alguén que se aburre ao non ter traballo, senón que é un experimento para aportar ao  traballo final do Máster de Axente de Emprego que estou realizando, aquela na que falo da eficacia dos Axentes de Emprego para solventar as dúbidas e problemas que xurdan a empresas, emprendedores e traballadores empregados e desempregados.

Non me alongo máis, resultaría aburrido e moitos de vos nin sequera o leriades só con ver a extensión da mensaxe. Serei máis extenso no meu blog e, sobre todo, no meu traballo final.

Saúdos!”

Nesta lista, unha das entidades que conta con máis representantes é a CEO (Confederación empresarial de Ourense), con ate 11 persoas. Ningunha respondeu e sei que non están todas de vacación porque é nesta entidade onde estou realizando un curso. Estarán revisando Curriculums Vitae, tamén o meu, mais,… imaxino que ao estar en galego irá directamente ao lixo. Tamén lles presentara un proxecto de empresa fai un mes, tamén en galego, e tampouco teño resposta algunha. Sei que na CEO se discrimina ao galego, sei de traballadores -da propia entidade- aos que se lle esixiu un Curriculum en castelán. Logo, iso si, os empresarios socios da entidade presumen de galeguistas abrazados a Baltar.

Con exemplos coma este non será doado desprenderse da fama de “enchufados” e “persoal contratado a dedo” que teñen os axentes de emprego. Iso é unha realidade manifesta. A primeira vez que lle comentei a alguén que era Técnico de Emprego, preguntóume: quen te colocou? A min ninguén, querían colocar a outra persoas, iso si. Os datos deste experimento reflicten que a estes profesionais o seu traballo non lles importa o máis mínimo, nin, seguro, son as persoas máis adecuadas para realizalo. E claro, si no contexto de crise no que os atopamos, os axentes potenciadores da actividade económica andan a rañala, que nos queda aos demais?