Mans negras #OU24M

  mansnegras
Estas son as miñas mans, as mesmas que escribiron cada liña deste blog. Probei varios filtros pero con ningún deles consigo velas negras. Hoxe leo na prensa a xente que non me coñece de nada -e á que eu de nada coñezo- falar das miñas mans, ou dalgunha delas, como a man negra que anda detrás da probable imputación de parte da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense e, entre as persoas que a forman, o candidato do PSOE a Alcaldía desta cidade. Seica andan os cerebros desta organización elaborando unha teoría conspiranoica, con sobredose de paranoia.

Presentei esa denuncia en novembro, cando aínda o Sr, Vázquez Barquero non era candidato polo seu partido, si ben xa estaba na súa particular carreira electoral. Por certo, parabéns aos que nesta carreira atoparon traballo no Concello ou algunha das empresas concesionarias. A eles non os podo denunciar. Sobran evidencias e faltan probas,  como nos centos de casos dos que a oposición dá boa conta e se farta de denunciar nos plenos ou nos medios, mais non onde corresponde, nos xulgados.

Eles, os que gobernan, xudicializan a política cometendo delitos, non quen os denuncia. Outra paranoia máis: pretender facer crer aos veciños que os trapos sucios da política se limpan na escuridade dos despachos dos concellos. Denunciar un delito, lémbrolles, é unha obriga de todo cidadán,  amais dun dereito.

Imaxino que para esta tropa é máis doado por a diana nas mans negras que asinaron a denuncia -a que logo se suma o sindicato USO, vendo que se quedaran curtos coa vía contencioso-administrativa- da gran cacicada que foi colocar a Carmen Rodríguez Dacosta nun posto ao que non tiña dereito a sabendas de que non o tiña, como lle advertiran os técnicos no seu informe, que explicar a toda a sociedade tanta insistencia en manter a esta persoa en nómina do Concello de Ourense e a cargo da área  de persoal. Insistencia, por certo, que persiste na actualidade, dada a súa privilexiada situación -número 2- na lista electoral que encabeza o Sr. Vázquez Barquero.

Benvida sexa esta imputación,  aínda que tarde e insuficiente. Tarde porque hai medio ano que foi presentada a denuncia. Insuficiente, porque, probablemente, non afecta a gran instigadora neste asunto, a inmediata superiora nos órganos de partido de todos os concelleiros imputados, a súa responsable local, a gran enchufada e colocadora directa de moitos outros: Carmen Rodríguez Dacosta.

Entretanto, outros seguimos engordando as listas do paro, as listas do Concello tamén, sen sequera ter a mísera oportunidade de coñecer a quen fai as entrevistas. Os meus mellores desexos para vós, que se faga xustiza!

@ourenseencomun rexeita a OPA hostil de @cxg_ourense

 

Non é unha tarefa doada rexeitar unha OPA hostil. O prezo acostuma a estar moi por riba do prezo de mercado e a tendencia da maioría de axentes (accionistas, participantes neste caso) é aceptar, primando o beneficio a curto prazo -elevado- sobre previsións futuras -máis moderadas-. Onte, na Asemblea de Ourense en Común, primou o proxecto orixinal sobre os que, hostilmente, trataron de facelo seu, sen respectar a filosofía e os principios fundacionais, a orixe, o xerme de todo, a indignación contra uns políticos que, precisamente, actúan así, con deslealdade. Fracasaron os que entenden que en política todo vale, mesmo traizoar aos compañeiros de vieiro, coma quen os empurra contra un silveiro. Non é decente, non é honesto. Non é a caste de xente que un cidadán honrrado quere para que goberne o que é seu, o Concello de Ourense. Non son, nin sequera nun futurible consenso, a clase de persoas que un cidadán honrado quere para administrar cada ano, nin máis nin menos, que 100 Millóns de Euros.

Fracasou a OPA hostil de CxG. Fracasou tamén outra máis amigable, a de Anova. Puiden ler como membros de CxG -como ían negalo- usaron plantillas e, asombrado, lin onte tamén como un membro de Anova negaba a existencia de plantillas por parte desta organización. Vaia, nin con evidencias! Iso si, como o seu prezo foi baixo, a súa OPA fracasou e, como lles conviña, moi cínicamente, votaron onte a favor da nulidade do proceso. Mellor lles fora meter a man no peto. A deslealdade, a deshonestidade é a mesma. Eu tampouco poría un euro, deses 100 millóns do común a todos os ourensáns, na súa man.

OPA hostil de @cxg_ourense a @OurenseenComun

 

Compromiso por Galicia nin sequera tiña pensado concorrer xunto con Ourense en Común as Municipais 2015. Poida que os animase o buraco que un membro de Anova lle deixou aberto cunha enmenda ao Regulamento de Primarias. O autor da enmenda, Alfonso Diz, propuña eliminar do proceso de primarias calquera garantía que limitase a lexitimidade do votante e o desvencellamento deste co proxecto, eliminando a esixencia de ter asinado o manifesto ou a necesidade demostrar o seu vínculo co municipio para poder participar. Algo insólito!

 

enmenda diz

 

O que pretendía esta enmenda foi precisamente o que finalmente conqueriu: que puidesen participar os amigos chachiguais de Anova doutras localidades para configurar unha maioría propia dentro da marea ourensá. O que non contaban cando aprobaron esta enmenda (lembremos que no texto orixinal se establecían máis garantías para poder votar) e que lle copiar súa estratexia os de Compromiso por Galicia, sic, estratexias de partido nunha candidatura cidadá. Estas estratexias ben poden identificarse na seguinte imaxe (aparecen en verde os votos aos candidatos de Compromiso por Galicia, en azul os de Anova).

imaxe fixa dos plantillazos

 

Pero, amais deste deshonesto proceder, buscar xente de fóra do municipio para impoñer un candidato dun ou outro partido (Compromiso por Galicia ou Anova) no municpio de Ourense, feito que por si só deslexitima a unha marea cidadá que pretendía configurar unha candidatura feita por e para os ourensáns, descúbrese de novo a fraxilidade do sistema de listas abertas, polo doado que resulta manipulalo por unha minoría ben organizada. Os de Anova parían con vantaxe, pois foron os precursores das plantillas, elaboradas con nocturnidade, non como en Podemos que, cando menos, fano a cara descuberta, con total lexitimidade. Compromiso por Galicia deulle un revolcón, tal vez pola candidez con que seus candidatos apareceron pola marea, que fixo que ninguén contase con eles.

O resultado rachou a boa armonía que imperaba en OUeC, que sempre presumiu de ser unha candidatura honesta, unha organización honesta… como si tal cousa existise. Existen persoas honestas e persoas deshonestas. Xuntas, mesturadas, nunca poden conformar unha organización honesta, unha candidatura honesta, un candidato a alcaldía honesto… iso que tanto valora a cidadanía nun candidato, mesmo en Portugal, que lle pregunten a Jácome.

 

Leonardo Álvarez Pérez: un xuíz absolutamente impertinente

leonardo alvarez perez xuiz absolutamente impertinente

Si teño que definir a xustiza en Ourense pola miña propia experiencia persoal abondaría cunha palabra, o seu antónimo. Si quixera afondar máis, podería dicir que é un apéndice dos poderes político, económico e mediatíco desta cidade. Uns títeres útiles aos seus intereses. Xa noutra entrada falara dunha querela que presentei contra un abogado desta cidade, mediocre como a inmensa maioría, por un erro -mira que son condescendente- moi grave: é dicir, por cometer deslealdade profesional. O xuíz que leva este asunto xa arquivou a querela nun par de ocasións e, a Audiencia Provincial, noutras tantas veces, ordenoulle reabrir o caso e continuar coas dilixencias.

Da última vez, arquivou a querela sen chegar a presentar unha proba que antes estimara pertinente. Esa proba é un informe de Fiscalía que debería constar nos autos doutro asunto e que, por razóns descoñecidas, non aparece por ningures: nin no auto, nin na Fiscalía. Pois ben, posto que non aparece, meu abogado considerou pertinente que o xuíz identificase ao Fiscal que fixo o informe e que o chamase a declarar. A resposta é a que ven aí máis arriba: “no ha lugar a lo interesado por ser absolutamente impertinente”.  A min si que non me quedou dúbida de quen é absolutamente impertinente (entre outras moitas cousas).

Carta ao líder de Podemos de Galicia

o lider

Querido Breogán: non consideras que antes de criticar a outros por falla de autocrítica deberías comezar pola propia organización que representas? Como se pode criticar a escasa participación no seo do BNG cando o Secretario Xeral de Podemos Galicia foi elixido por un 10% do seu censo (cunha participación do 20%)? Como se pode criticar a falla de democracia interna no BNG, cando conta cun Consello Nacional no que hai sitio para os críticos na mesma proporción na que foron votados? Lembremos que iso non ocorre en Podemos, onde cun pouco máis do 10% dos votos do censo os vencedores copan o 100% do Consello Cidadán. E isto a ‪#‎novapolitica‬? Eu a isto chamarialle democracia totalitaria… e que cada quen entenda o que queira. Asisto abraiado a descomposición da política: primeiro Anova, agora Podemos…

Podemos xa non pode

A Podemos non lle está dando moi bo resultado iso de deixar de ser revolucionarios… eso unha. Outra: tampouco lle está dá moi bo resultado dicir que non son de dereitas nin de esquerdas; si hai que escoller, mellor quedar cos que afirman, en positivo, que son de esquerdas e de dereitas, xa que recollen políticas que pertencen a unha ou outra banda. Ao final, a elección é escoller entre ideoloxía, a que sexa, ou ese baleiro ideolóxico que propón Podemos, tal vez, tentando empatizar cunha parte da sociedade carente de ideoloxía que, eu coido é pouca. E poida que iso se estea volvendo contra eles, poida que moita xente comece a sentirse ofendida por eses programas carentes de ideoloxía, por esas frases baldeiras que nunca responden ao que se lle pregunten, por unha infinidade de contradicións nas que comezan a incorrer cada vez que din algo. Unha mágoa! Por un momento moitos comezamos a crer nun mundo sen PP e sen PSOE, aínda sendo recelosos con podemos… e dificilmente vai poder ser. Este non é un Estado para mesías…

podemos non pode