@ourenseencomun rexeita a OPA hostil de @cxg_ourense

 

Non é unha tarefa doada rexeitar unha OPA hostil. O prezo acostuma a estar moi por riba do prezo de mercado e a tendencia da maioría de axentes (accionistas, participantes neste caso) é aceptar, primando o beneficio a curto prazo -elevado- sobre previsións futuras -máis moderadas-. Onte, na Asemblea de Ourense en Común, primou o proxecto orixinal sobre os que, hostilmente, trataron de facelo seu, sen respectar a filosofía e os principios fundacionais, a orixe, o xerme de todo, a indignación contra uns políticos que, precisamente, actúan así, con deslealdade. Fracasaron os que entenden que en política todo vale, mesmo traizoar aos compañeiros de vieiro, coma quen os empurra contra un silveiro. Non é decente, non é honesto. Non é a caste de xente que un cidadán honrrado quere para que goberne o que é seu, o Concello de Ourense. Non son, nin sequera nun futurible consenso, a clase de persoas que un cidadán honrado quere para administrar cada ano, nin máis nin menos, que 100 Millóns de Euros.

Fracasou a OPA hostil de CxG. Fracasou tamén outra máis amigable, a de Anova. Puiden ler como membros de CxG -como ían negalo- usaron plantillas e, asombrado, lin onte tamén como un membro de Anova negaba a existencia de plantillas por parte desta organización. Vaia, nin con evidencias! Iso si, como o seu prezo foi baixo, a súa OPA fracasou e, como lles conviña, moi cínicamente, votaron onte a favor da nulidade do proceso. Mellor lles fora meter a man no peto. A deslealdade, a deshonestidade é a mesma. Eu tampouco poría un euro, deses 100 millóns do común a todos os ourensáns, na súa man.