SACADE O SANTO !!!

Teño asistido a moitas charlas, coloquios, presentacións, mitins,… de Paco García, o Alcalde de Allariz, e a cotío comeza os seus discursos cunha anécdota. Vouvola contar.

Nun verán destes de sequía, de forte sequía, de cando as fontes deixaban de manar auga durante días ou semanas era tradición na vila de Allariz -coma en moitas vilas de Galiza- sacalo santo en procesión para que nas fontes voltase a brotala auga. Un deses anos cando ían tódolos veciños en procesión polas rúas da vila pasaron baixo o balcón dun dos veciños que decidiran quedarse na sua casa. Cando o santo co seu acompañamento se achegou por alí este berroulles a todos: cavade pozos! cavade pozos!…

Nestes derradeiros días ando un pouco pasmado -e axitado, dito sea de paso- porque dende o BNG me están pedindo que vaía rezar a un santo, perdón, quero dicir, falar con un político. Resulta que alguén posto a dedo polo BNG nun posto de relevancia metou a zoca ata o fondo, ata ben fondo, e eu que descubrín o fallo e llo fixen saber, e polo simple feito de facerllo saber, me convertín nun problema para el -palabras textuais-. Que Paradoxa! Descubro un problema e o final o problema son eu! E agora queren que vaía en procesión? Pois vai ser que non… eu cabo pozos!

Estou vendo que ó ritmo que van as cousas na política de hoxe en día non sería nada estrano acabar oíndo a Paco contar estoutra anécdota:

Nun verán destes de sequía, de forte sequía, de cando as fontes deixaban de manar auga durante días ou semanas era tradición na vila de Allariz -coma en moitas vilas de Galiza- porse a cavar pozos para sacar auga. Un deses anos cando tódolos veciños estaban xa fartos de cavar sin acadar gota algúnha de auga pasou o cura xunto deles, casa por casa, e berráballes: sacade o santo! Sacade o santo!…

A ensinanza que se pode sacar deste conto é que na Galiza actual -e na pasada… e posiblemente na futura- si non se lle lambe o cu ó político de turno non se vai a ningún lado. Pois que lle queredes… si non se pode ir a ningún lado quédase no medio. Así polo menos estórbase!

A moral é unha convención privada, a decencia é una cuestión pública. Marguerite Yourcenar (Bruselas 1903 – Mount Desert, Maine 1987) Memorias de Adriano (1952)

En defensa da nosa paisaxe

A primeira actuación executada polo grupo local do BNG en Xunqueira de Ambía foi frear a devastación do Monte da Farria, un monte catalogado no PXOM de Xunqueira de Ambía cun Nivel A e catalogado cunha Protección Especial Paisaxistica. Estaba sendo explotado por duas empresas graniteiras (Farriense de Granitos e EXELCO) ante a desidia -nalgúns casos complicidade- das institucións local e autonómica.

Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.

Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.

Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.

É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.

Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.

… por pedilo non será.

Outro ano perdido…

… e xa van 29. Esta semana, o pásado martes día 27 de maio, cumpliuse un ano das eleccións municipais nas que o actual grupo de goberno revalidou a sua maioría absoluta, iso si, cunha importante merma en número de votos e concelleiros.

Si collemos o seu programa electoral podemos ver o seu grado de incumplimento, claro que cun programa tan esaxerado iso era de esperar. Calquer veciño con dous dedos de frente sabía de antemán que iso nunca se cumpriría.

La Región

Un bo día levanteime coa nova de que Baltar quería que a Deputación de Ourense entre no accionarado do xornal “La Región”, iso sí, coa complicidade de PSdeG e BNG. Que raro, non? Baltar nunca da nada a ninguén salvo que llo deba ou pretenda que llo deban, entendedes?

Estanse dando moitos casos destes últimamente. Son moitos os que ten favores pendentes de ser cobrados e agora que Baltar anuncia a sua retirada da presidencia do PP provincial apuran os tempos. Seguro que iso foi o que levou a familia Outeiriño a acudir a Baltar, ademais, por suposto, da nefasta situación económica das suas empresas. Pero ségueme sorprendendo a participación das outras duas forzas políticas nesta trama, e especialmente ó silencio do BNG ó respecto, intrígame e, se o penso moito, ata me arrepía o corpo. Touriño foi moi claro sobre esta operación ó afirmar que as institucións non están para financiar prensa, incluso dende o PP López Veiga dixo que o proxecto da Deputación para entrar no capital social de “La Región” é contrario ó ordenamento xurídico, e cita algúns exemplos; metres o BNG caladiño… nin un chio !!!

Días antes de comezar todo este barullo o xornal “La Región” anunciaba unha ampliación de capital despois de acadar un beneficio de explotación de 2,5 millóns de euros. Claro que ó EBITDA hai que restarlle os intereses (carga financieira que en “La Región” é ampla, moi ampla), as amortizacións reais e depreciacións reais do inmovilzado e, si houbese beneficios antes de impostos, o imposto sobre sociedades. Ofrecer os resultados dunha empresa tendo en conta o EBITDA é unha trampa que permite anunciar unhas cifras “presentables” nunha empresa que está cargada excesivamente de gastos financieiros e de altas amortizacións, amortizacións que a propia empresa recoñece públicamente pero non contablemente ó afirmar que valora os seus activos polo coste de adquisición e non polo coste de mercado (pregunta número 9).

O certo é que a “La Región” xa lle advertiran antes deste erro contable as empresas auditoras en informes continuamente desfavorables emitidos por KPMG AUDITORES SL os anos 2006, 2005 e 2004 e con anterioridade ARTHUR ANDERSEN Y CIA S COM. Advertencias que tampouco foron tidas en conta por Xesgalicia e en concreto, polo Fondo Adiante. Este fondo foi creado para rescatar a empresas necesitadas de apoio financieiro e de xestión para salvar unha situación temporal de dificultades. Neste caso a situación non era algo temporal, xa viña arrastrada de hai moitos anos. Outra imposición deste fondo para ser beneficiario das suas axudas é que a empresa sexa viable técnica, comercial e financieiramente. Este punto derradeiro tampouco se cumplía ó atoparse, segundo as empresas auditoras, nunha situación de quebra técnica.

Tal foi a polvoreira levantada por este asunto que tanto uns coma outros, responsables do xornal e dos partidos políticos, que tiveron que renunciar a el. Especialmente grave foi o malestar causado nas bases do PSdeG e do BNG, militantes, simpatizantes e votantes de ámbolos dous partidos que nos vemos a diario maltratados por ese xornal… e no intre en que remato este artigo o BNG segue sen dar un chio.

De lastres, ataduras e hipotecas…

Acabo de ler un artigo no diario “EL PAIS” no que a superministra Espinosa -así á calificaba o superconselleiro Patxi- se desprendía da sua pelica e amosaba a loba que leba dentro ó referirse os socios de Goberno dos socialistas na Xunta de Galicia. Seica para a superministra somos un lastre, unha atadura da que é necesario desprenderse. Non ten en conta a superministra cal é a verdadeira función deste instrumento, os galegos si, por iso llelo puxeron.

Un lastre é un peso que se carga nunha embarcación ou nun globo para asegura-lo seu equilibrio. Isto traducido en clave política ven a dicer que un lastre é un instrumento cuia función é a de impedir facer o que quere a quen goberna. Os galegos non confiaron no equilibrio do PSOE nin en Galiza nin no Estado, nin nas últimas autónomicas nin nas últimas xerais. Todos sabemos porque, sabemos do que son capaces estos políticos socialistas si se lles da renda solta. Son tan caciques coma os do PP, por suposto, pero o seu perigo non radica ahí, senón na sua falla de escrúpulos… e para iso está o pasado, para lembrárnolo: desfalcos, terrorismos de estado, corrupción, paro, precariedade económica,…

Claro que quen emprega as verbas mais duras contra os nacionalistas é a superxornalista Cristina Huete. Venme a memoria un artigo que escribiu recentemente esta señora sobre as canteiras de Xunqueira de Ambía, na que a superxornalista destacaba no seu artigo que a fiscalía denunciaba unha suposta ilegalidade da Consellaría de Industria de Ourense pola única razón de ser unha Consellaría do BNG e calaba malintencionadamente -ou ben- a actuación da Consellaría de Medio Ambiente dirixida polo seu querido e superconselleiro Paxti Vázquez.

Dende o primeiro intre o Grupo local do BNG tivo moi claro que é o que estaba a suceder no Monte da Farria; aquilo tratábase dun delito ecolóxico e por iso se puxeron varias denuncias perante o Concello de Xunqueira de Ambía, o SEPRONA, a Consellería de Industria e a Consellería de Medio Ambiente. Destas dúas últimas nunca recibimos ningunha resposta, silencio total. Por suposto, ningunha destas institucións moveu un dedo ata o día de hoxe para poñer fin a práctica delictiva que se estaba e está levando a cabo no Monte da Farria.

A que se debe ese silencio? Seguro que a nosa superxornalista de investigación non lle interesa contalo. A min si. Un dos empresarios da pedra que agrediu o noso Monte seica se move na órbita do PSOE, un tal Antonio Domínguez, presidente dos graniteiros de Ourense, do que C. H. decía “ahora desvinculado de la empresa” -referíndose a Farriense de Granitos- e ignorando interesadamente -ou non- que é o dono doutra das empresas alí asentadas, EXELCO de Granitos, a mesma que segue na actualidade explotando un aserradeiro ilegal nun Monte protexido.

Este home garda un relación de amizade co superconselleiro Paxti Vázquez e con moitos outros cargos do PSOE local e provincial… pero eu non creo que sea esa a razón pola que a Consellaría de Medio Ambiente non fixese nada ante as continuas denuncias do BNG… esta é a derradeira denuncia:

Eleccións xerais 2008

Finalizada a campaña chega o momento da analise e sobre isto so pode dicerse que os resultados do BNG no noso concello foron moi satisfactorios xa que se superaron os resultados de fai catro anos dun xeito espectacular, subindo o número de votos cerca dun 83% (non estaría mal acadar esta porcentaxe en tódolos concellos) o que supón para a nosa conta 71 votos mais. En total 157.
Pero tamén hai que ver de onde vimos. Si botamos unha ollada a base histórica das eleccións xerais podemos ver que os resultados obtidos polo BNG en Xunqueira de Ambía no ano 2004 foron un verdadeiro desastre xa que a nosa formación perdeu a metade dos votos acadados no 2000 pasando de ter 167 votos neste último ano, sendo entón a segunda forza mais votada no Concello de Xunqueira de Ambía, a colleitar 86 votos. Naquela etapa o BNG viña dunhas municipais nas que acababa de perder o seu único concelleiro tras prescindir de Xosé R. Cabido -a mala elección da candidata tivo boa parte da culpa- e afrontaba a campaña en Xunqueira de Ambía sen contar con ningún tipo de presenza, nin material -cartaces, megafonía, trípticos, etc.- nin humana. Si partimos da base de que o sucedido fai catro anos foi un desastre temos que chegar, obrigatoriamente, a conclusión de que o resultado actual non é tan espectacular, de feito están ainda por baixo dos resultados obtidos nos anos 2000 (167 votos) e 1996 (159 votos), onde o panoráma político non era tan favorabel para o nacionalismo.
Agora xa temos a vista posta nas vindeiras eleccións autónomicas de Galiza e, francamente, temos que mellorar para superar os resultados históricos do BNG no noso Concello e, sobre todo, para voltar a ser a segunda forza política en importancia de votos. Ese é o obxectivo.

As miserias duns miserables

Poucos poden pensar cando ven pasar o Sr. José Luis Gavilanes Losada nuns dos seus cochazos de luxo, co seu traxe de Carolina Herrera e as gafas de sol nun día nublado que quen conduce é un ser miserento. Como o ía ser rodeado de tantos luxos? A sua miseria radica non na escaseza de bens materias senon na mingua de principios morais. So así se pode comprender como aquel camareiro sen estudos de aspecto famélico se acabase converténdo nalguén que presume de ter todo un imperio nas suas mans (COPASA, Áridos de Astariz, Betunes y Fimes, Productos Betuminosos de Galicia -PROBIGASA- GESECO, Empresa Gavilanes, Farriense de Granitos, Coporsa, etc.), un imperio que incluso surca os océanos, iso si, todo despois de levar atrincheirado no Concello de Xunqueira de Ambía preto de 30 anos.
Contrasta, e moito, a súa escandalosa puxanza económica persoal co deterioro e o desamparo do noso Concello. Será casualidade -que non a é- pero a medida que o Concello de Xunqueira de Ambía foi perdendo o seu esplendor él foise facendo mais rico.
Pero non era diso do que quería falar, o que hoxe me trae aquí é a recente campaña electoral. Cada vez que hai campaña él acostuma a visitar a cada veciño do pobo, incluso a aqueles que sabe que non lle vota, pero sobre todo detense de xeito moi especial coas persoas maiores. Sempre lles vai con contos como que “si lle votas os outros -os outros somos PSOE e BNG- vanche quitala paga”, “si volven os roxos vanvos quitalas terras”, “os do BNG son uns terroristas” ou “como gañen os outros volvemos a guerra civil”, entre outras lindezas.
Vos pensaredes, “iso non o cree ninguén”. Somos un Concello con 1.365 votantes e perto de 800 están por riba dos 65 anos e, ademais, unha cantidade moi importante supera os 80 anos. Van todos votar. Non falla un! Verdade que agora xa parecen mais creibles esas historias? Sonno porque moitas desas persoas xa viviron na súa infancia as guerras, a fame e as opresións. O noso alcalde, Jose Luis Gavilanes Losada -perdoade que repita tanto o seu nome pero é que non quero deixar dúbidas sobre quen estou falando-, sabe dos medos da xente e sabe espremelos ben, por iso en canto ten unha oportunidade, normalmente en periodo electoral, acercase a eles e failles revivir etapas pasadas, lonxanas, esquecidas. Tráelle ao presente pantasmas do pasado. Eles con iso sufren, posiblemente non durman en días, pero voóanlle… e con iso está todo dito.