Outra vez o voto emigrante

Feijoo denuncia tramas no voto emigrante e si él o dice será que é certo. O Señor Feijoo e toda unha autoridade na manipulación do voto por correo, non so por pertencer a Xunta de Fraga na lexislatura anterior senón tamén pola sua etapa de presidente de Correos. El sabe mellor que ninguén como se moven os fios e como, parvo non é, non lle fixo falta cabilar moito pra darse conta de que agora o que move os fíos é outro.

A min o que mais me sorprende é a sorpresa que amosa cando fala do tema, como si fose un fenómeno que nunca antes se vira, unha especie de milagre electoral, o maná do voto emigrante. Sorprende que sexa capaz de recoñecer que tal manipulación, a que está a facer actualmene o PSOE, sexa un escándalo sen facer referencia algunha as súas etapas anteriores -como presidente de Correos, primeiro, e como vicepresidente da Xunta, despois-. Di que o escándalo do reparto de cheques asistenciais é só “a punta do iceberg” dunha “labor entrelazada e perfectamente organizada entre o PSOE e a Xunta”.

¡Que barbaridade! ¿Non serán tan listos estes socialistas? Que non me diga o Sr. Feijoo que en dous anos o PSOE non so logrou organizar perfectamente a súa maquinaria electoral na inmigración, senón que tamén desmontou a súa… porque daquela non di nada. A punta do iceberg… di.

Continúa a dicer que os socialistas gastan unha dobre moral -non vou a ser eu quen os defenda, porque a gastan- pero, ¿é el? ¿Non era el é o seu partido quenes defendían a limpeza do voto emigrante? ¡non pasou tanto tempo dende aquela!

Dende o BNG a situación vese con mais lucidez e afirmase que o PSOE limitouse a herdar un sistema de captación de votos -ese que tan ben coñece o Sr. Feijoo- para logo utilizalo no seu propio proveito.

Os galegos e galegas deben darse conta da importancia que vai a ter a participación nestas eleccións. E necesario participar masivamente nestes comicios por duas razóns fundamentais: unha, pra anular a influencia do voto emigrante, do voto de quen non coñece os nosos pobos, os nosos problemas, os nosos sonos e proxectos, o voto de quen non paga impostos ou de quen non sofre a escasez de servizos públicos; duas, para mostrarlle a PSOE e PP que xa estamos fartos das súas trampas, burlas e cacicadas en aras do poder.

Noticias relacionadas:

Cargos da Xunta entregaron con Fraga cheques na emigración en 2002 e 2003

Dimite o delegado da Fundación Galicia Emigración en Uruguai

O BNG critica que os emigrantes non conten para a asignación de escanos pero si para a “recadación de votos mediante cheques”

Que mal pintan as enquisas para o PP…

Acabo de votar unha ollada a enquisa publicada na Voz de Galicia -un medio que non se pode acusar de progresista nin nacionalista- sobre a inteción de voto nas principais cidades galegas. Segundo estas enquisas o PP tan so lograría a maioría absoluta na cidade de Ourense; aínda esta maioría é moi raspada e a tendencia de voto é a baixa, máxime si temos en conta que o número de ‘indecisos’ e de cerca do 29%, tan so superada neste apartado pola cidace olívica, cun 31%.

Os indecisos poden sela chave de goberno tanto en Vigo coma en Ourense, onde mais pelexadas van a estalas alcaldías, sen embargo hai un factor determinante a favor das coalicións BNG-PSOE como pode ser o feito de que tanto o goberno central coma o autonómico esten gobernados por socialistas e socialnacionalistas respectivamente. En tódolos comicios pasados o voto indeciso manifestouse nesa dirección. ¿A que se pode deber?. Sen dúbida a publicidade institucional e como non, o control da información nos medios públicos… ¿Quen non lembra a Fraga de romaría en romaría? Si é que parecía outro feirante !!

Outra cousa que me chama a atención é o reparto de escanos. Se daquelas a a victoria dos populares foi raspada coas seguintes porcentaxes de voto: 46.48% e 14 escanos para o PP ; 24.44% e 7 escanos o BNG; e 19.64 e 6 escanos o PSOE.

Actualmente quedaría así: 43.4% e 14 escanos para o PP; 23,0% e 7 escanos o BNG; e 23,3% e 6 escanos o PSOE. Según estes datos a coalición BNG-PSOE estaría a unha décima de ter unha porcentaxe superior ó PP, aínda que pode non ser así, porque nos datos da enquisa evítase -non sei porque- publicar a centena. Pode que a cousa esté mais rifada do que se fai ver.

En comicios tan axustados é importante cada voto, tan importante, que desta vez van a ser decisivas as sacas de votos procedentes da emigración. Ese voto serviu fai catro anos para que o PP mantivese a alcaldía de Ourense, pero pode facer que o que non lle quitou fai catro anos llo quite desta vez, porque este voto, debido a fenómenos paranormais ainda sen explicar, sempre é da cor do partido que goberna en Madrid, e dicer, do PSOE. E se non ao tempo…

Na Coruña e en Lugo a maioría abolusta do PSOE parece estar garantida. Nas demais cidades Ferrol, Vilagarcía, Santiago e Pontevedra impoñense as coalición socialnacionalistas.

Carta a Anxo Quintana

Este é o correo que lle fixen chegar a semana pasada a Anxo Quintana o fío dun artigo publicado no seu blog. Por suposto, e maila que presume abertamente de respostar a tódolos correos, a min non me respondeu. Reproduzo integramente a carta:

Prezado compañeiro:
Non podo estar de acordo coa análise feita por vostede destes tres anos na Xunta de Galiza, polo menos como militante do BNG. Dende que o BNG forma parte do Goberno da Xunta o noso partido non amosou ningún avance relevante nos distintos comicios electorais celebrados.
Sacamos peito, moi a miúdo, da perda de poder do PP, como si iso tivese algo que ver coa nosa labor. A realidade é ben amarga: onde o PP perde cotas de poder, gáñaas o PSOE, iso si, coa nosa complicidade. Véxase o caso de Ourense nas últimas xerais onde o PSOE gaña un deputado a conta do PP… e celebrámolo coma un éxito propio!?. Agora lémbrolle o mitin de Ourense, onde vostede afirmaba que nos eramos os “especialistas en parar ó PP” afirmación que pon de manifesto a falla de identidade que sofre na actualidade o noso partido. Eu non formo parte deste partido por estar en contra do PP senón por defender un ideario propio, nacionalista, soberanista e de esquerdas. O que fagan PSOE e PP tanto me ten.
Na actualidade non somos mais que o brazo tonto do PSOE. Dámoslles o mando alá onde non ten forza suficiente para acadar maiorías absolutas a cambio de pequenos migallos de poder… todo polo poder. Non teño ningunha dúbida de que si estivésemos todo este tempo na oposición creceríamos moito máis electoralmente, repito, moito máis.
Estar na Xunta –e nos concellos das grandes cidades- permitiu o BNG ter un feixe de altos cargos distribuídos por toda a nación, certo, pero que beneficios electorais sacou o BNG de todo iso? Deica agora ningún; os únicos beneficiados son eses altos cargos. Por riba nunca soubemos vender a nosa labor de goberno; mentres, o noso socio non soamente é capaz de facer chegar a cidadanía o seu traballo si non tamén a nosa como si lles fose propia. E quedamos tan tranquilos.
O que convence é a convicción –dicía Cicerón- e niso andamos parcos. As mensaxes que diriximos a cidadanía non nolas cremos nin nos mesmos. Falamos de que o PP é un partido hermético, co que non se pode dialogar nin pactar, sen embargo, esa afirmación non fai mais que amosar o noso propio ofuscamento. Cando falamos de ter máis autogoberno, de pedir transferencias do Estado a Galiza defendemos que xestionándoas nós, dende aquí, seremos máis efectivos e a cidadanía estará mellor atendida; sen embargo, cando os que defenden ese autogoberno son os concellos -referíndose a certo solapamento da Xunta en vivenda, servizos sociais,…- dicimos que o que queren os cidadáns son máis servizos, non máis autonomía. Haber si nos aclaramos!
A mensaxe que mandamos a cidadanía é que soamente estamos dispostos a chegar a acordos co PSOE é o que esta percibe é que PSOE é BNG son unha mesma cousa –a nosa identidade para o carallo!-. Unha vez esta cre que as dúas opcións son o mesmo, a quen se achegan máis? Está claro… xa o dicía Cicerón: “os seres humanos móvense coma rabaños e, o igual que as ovellas, sempre corren cara a seguridade que lles proporciona o vencedor”. O vencedor é, como non, o PSOE de Zapatero.
En política hai poucas forzas máis difíciles de resistir que a sensación de que algo é inevitable –isto tamén o dicía Cicerón, hoxe déuseme por aí- e agora mesmo atopámonos co seguinte panorama: un PSOE a alza, un PP que non resiste o empuxe e un BNG en estado de vexetación.
A todo isto Ciceron tamén nos propón unha solución pois afirmaba que “cando en política te atopas nunca situación sen saída, o que tes que facer é empezar unha pelexa, empezar unha pelexa aínda que non saibas si vas a gañala, porque soamente cando a empezaches e todo se puxo en marcha, xorde a esperanza de ver a luz o final do túnel”.
Claro que é moito mais cómodo quedarse quedo, esperar a ver si subimos unhas décimas nas próximas eleccións galegas para facer unha valoración positiva dos resultados porque o PP vai perder varios enteiros… en fin!
Remato con outra cita de Cicerón: “en política un pode facer tantos plans como queira pero o final é a sorte a que decide”. Sorte!

Non entendo porque non me contestou, tampouco fun tan duro, non? Aínda que imaxino o que pasa na realidade. JRR Tolkien di no seu libro “O señor dos aneis” que “máis vale desconfiar de palabras inmerecidas que de palabras irreflexivas”. Anxo debe estar de rodeado dunha tropa que o enchen cada día de eloxios inmerecidos… e o peor de todo e que el confía nela.

O nacionalismo da un paso adiante

Acabo de ler unha nova que levo esperando moitos anos: O BNG concorrerá por primeira vez á totalidade das alcaldías de Galiza. Aínda que no meu concello – Xunqueira de Ambía- o BNG tivo presenza e representación dende as primeiras eleccións facíame pesar ver como en moitos outros, a pesar de existir votantes nacionalistas, non había quen dese un paso adiante para formar unha candidatura co seu partido.

As razóns son de sobra coñecidas por quen somos de concellos pequenos, sabemos o difícil que é facer unha lista en entornos onde aínda se teme os herdeiros de franco que os gobernan. É a primeira vez en que ningún concello se queda sin a voz do nacionalismo i é, sen dúbida, un dos pasos mais importantes dados na historia recente da nosa nazón.

Area sociopolítica

area sociopolítica:

Metáfora coa que se fai referencia a un espazo de interrelación no cal se desenrolan aquelas decisións que polo seu carácter público -no seu obxecto e no seu proceso- constituen o que chamamos política. Nesta area encóntranse os cidadáns e as organizacións -a veces, continuando coa metáfora, na ciencia política fálase de actores-, que forman redes de relacións e interrelacionanse seguindo unhas pautas -unhas leis, uns procedementos, uns dereitos,…- no marco dunhas institucións.

Léos todos !!

Un dos maiores logros da democracia é a libertade de expresión. Trátase dun dereito fundamental, un piar básico en toda sociedade civilizada. A postura adoptada polo PP de boicotear o grupo PRISA, ademais de lesionar a libertade de expresión, supón tamén un ataque contra a libertade de empresa, un dos principios máis defendidos polo PP. Non é a primeira vez que sucede. O primeiro que o fixo  foi Aznar nada máis chegar ó poder ó tentar debilitar ó grupo PRISA a golpe de decreto -cando o fútbol se converteu nalgo de interés xeral- ou o potente grupo mediático que se pretendeu crear baixo  a sombra de Telefónica –recórdese a entrevista censurada de José Mª García– auspiciado polo denominado Sindicato do Crimen.

O PP deixou claro que a única libertade que respeta é a súa: a única opinión válida é  a que trasmiten os seus medios afíns; os únicos empresarios que poden falar de política son os que lle son leais –véxase Endesa-: a libertade de empresa é aceptable só cando serve ós seus intereses; etc. etc. Pero sobre todo, a decisión tomada polos dirixentes actuais do PP é unha medida que os inhabilitan para gobernar un estado democrático porque qué se pode esperar dun partido que estando na oposición toma semellantes resolucións? Qué non faría estando no poder?

Democracia

Concepción moderna de democracia:

réxime político no que hai separación de poderes, garantízanse os dereitos e liberdades individuais e colectivas e no que periódicamente se celebran eleccións con sufraxio igual, libre, directo e segredo.

concepción antiga de democracia:

segundo Aristótoles nesta forma de goberno o poder está en más de todos os membros dunha sociedade determinada. O mesmo filósofo expresaba que era unha forma de goberno que podía dexenerar fácilmente a causa da facilidade con que todo o pobo incurría en prácticas populistas.