Debate a dous… de momento.

Esta semana abrín unha conta en Facebook. Coñecía esta rede social pero nunca lle fixera moito caso -un xa vai farto de darse de alta nun cento de sitios e ter que memorizar outro cento de contraseñas- ata que o outro día lin un titular na prensa que me impactou, era Nuñez Feijoo, que decía ‘la mia es más larga’. O primeiro que pens… bueno iso non o vou contar. Falaba da lista de amigos en Facebook, evidentemente. Segundo a análise de importantes politólogos, internet foi un factor determinante na victoria de Barack Obama en EEUU, segundo outro estudo internet supera a televisión como medio de comunicación máis consumido en España, pero isto é un dato sen importancia, o relevante é o que pasa ó outro lado do charco -no norte, claro-. Ata tal punto que nalgúns partidos apuróuse ata o último intre para ver si atopaban un candidato de cor, non houbo sorte,… pero arrasaba seguro. Touriño, que tamén caira nisto, adiantou as eleccións a marzo pra evitar que algún aparecese bronceado.

O caso é que me dei de alta nesta rede social e pedín ós tres candidatos, que xa tiñan o seu sitio na rede, que se fixeran amigos meus. Fixéronse Alberto Núñez Feijoo e Anxo Quintana, (en realidade chámase Anxo Manuel Quintana González que algúns xa pensaban que só tiña un apelido, non é certo) que tamén teñen blogs e por iso volos enlazo, Emilio Pérez Touriño non me quere… de momento. Por certo, agora que lla vin a Feijoo -e como sei que tendes curiosidade- tampouco é certo que a teña máis larga, a máis larga é a de Quintana (espero que non se enfaden comigo por revelar este segredo).

Como xa teño demostrado que son unha persoa imparcial -reparto paus pra todos lados por igual- ofrecinme a ‘moderar’ un debate virtual entre estes ‘amiguetes’ e hoxe presenteille a primeira pregunta, ainda sen resposta, pero maña haberá máis preguntas,… a ver si con algúnha se animan. A primeira foi ‘Sobre o concurso eólico’:

Falóuse moito sobre éste tema últimamente, sobre os beneficios que xerará para Galiza -ou non, segundo quen fale- pero moi pouco sobre a repercusión dos muiños na nosa paisaxe, á que afecta, ata tal punto, que pronto non se poderá pintar un monte sen muiños -que si sen pinos ou carballos-. A min gostaríame saber cales son as súas posicións respecto ós argumentos dos grupos ecoloxistas -e non me falen de beneficios, de postos de traballo ou de enerxía limpa-.

Se hai resposta engadiréina aquí…

O MpB acusa o BNG de ‘entrega ao capital’

O grupo que busca unha escisión dentro do Bloque presentará listas alternativas na CIG. Ademais, arremete contra o BNG pola suposta tentativa de control do Sindicato Labrego Galego.

O sector do Movemento pola Base (MpB) que aposta por unha escisión do Bloque ataca agora o suposto control por parte do BNG da CIG e do Sindicato Labrego Galego. Detrás agóchase a liorta interna no MpB, entre o sector que publica o comunicado –que é o mesmo que deu unha rolda de prensa na que participaron Fermín Paz, Miguel Anxo Abraira, Zélia Garcia e Roi Ribeira– e o sector que aposta por permanecer no Bloque, ao que pertencen dirixentes da CIG e doutros colectivos como, entre outros, Manuel Mera, Uxío-Breogán Diéguez, Xosé Emilio Vicente, Breixo Lousada, Noa Presas, Francisco Pichel e Fidel Diéguez.

Así, este sector do MpB denuncia “contradicións na CIG entre quen a percibe coma unha ferramenta máis ao servizo do BNG, ao servizo da chegada ao ‘poder institucional’, e os que cremos que debe ser a Central Sindical un proxecto de transformación Social e Nacional con voz propia e estratexias propias”. Por iso aposta por un cambio de rumbo no sindicato baseado, entre outros puntos, na independencia sindical, un sindicalismo combativo e descentralizado.

máis en A Nosa Terra

A civilización perdida

En galiza_subversiva atopeime con este vídeo, prestádelle moita atención.

É estremecedor escoitar a unha nena chamando a guerra, dende un colexio -digo, por que me parece un colexio-, ó seu pobo, cando debería estar desexando paz e liberdade. Iso é o mais razoable que un pobo agredido e oprimido pode desexar.

Eu quero invitarvos a facer unha reflexión da verdadeira orixe do problema e pensedes si de verdade vos parece normal que unha nena diga esas palabras. Si unha e outra parte no conflicto educan ós seus fillos no odio, como poderán os seus descendentes, as xeracións vindeiras, vivir en paz? O caso desta nena, trataríase dun traballo que os seus docentes lle mandaron para a casa?

É normal sentir odio por quen te está bombardeando cada día e matando veciños, amigos, familiares,… ó teu pobo, pero é normal que ese odio se ensine nos colexios?

Eu, tras ver estas imaxes, quedei abraiado, abraiado e sen esperanza de que algún día xudéos e palestinos poidan convivir en paz.

Queren facer da terra mar

Pero, non se creou unha lei para protexer a paisaxe? Non existe outra lei para protexer a costa? Para que serve a lexislación protectora do patrimonio histórico e etnolóxico? Toda esta lexislación serve soamente para atacar o particular? ou para algo máis? Logo chegará unha gran empresa, coma sempre, cun proxecto destructor da paisaxe e as administracións, todas, torcerán a cara para outro lado.

vía xgaliza

Deus non existe

Onte arrincou en Barcelona a campaña posta en marcha pola Unión de Ateos e Librepensadores (UAL) co Bus Ateo circulando pola cidade condal coa mensaxe “Probablemente deus non existe, deixa de preocuparte e disfruta da vida”.

Esta iniciativa, que xa foi un éxito en Londres, conseguindo que a BBC adicase un espazo na súa programación ós ateos, do mesmo xeito que se fai con calquera outra relixión -aquí so ten cabida a relixión católica-, segundo informa dende a súa trincheira incendiaria Manuel Rico, que provocou as reaccións da igrexa -e moitos creintes– incluso antes de porse en marcha, saca a rúa un debate sobre o tema, ainda tabú, na nosa sociedade. De feito para contrarrestar a campaña da UAL o movemento E-cristians quere por en marcha outra para defender a existencia de deus polo mesmo medio, pero cun autobús máis -a máis autobuses máis credibilidade- e para iso pide cartos dende o seu espazo virtual. Non sería mellor esperar a que deus provea? Xente de pouca fe!


Para os que non o teñan moi claro sempre poden coller pola vía do medio. A min a que máis me gustou foi a proposta de Xosé Lois, o Carrabouxo, do día 18 de xaneiro de 2008: Igual deus non existe, vive coma deus.

PARA TODOS

Esta foi unha campaña publicitaria con moito éxito no pasado, con ela Coca-Cola quería achegar o seu produto a toda clase de persoas; pero ben podería ser o anuncio da nova campaña do BNG. Non hai máis que botarlle unha ollada os titulares dos xornais de hoxe:

  • Quintana pide o apoio de todos os galegos [GZNación]
  • O Bloque deseña unha campaña en positivo para ata os que falan español [Galicia Hoxe]
  • Quintana pide o voto galegista [Xornal]
  • O BNG diríxese a todos os cidadáns ‘os que falan galego e aos que falan castelán [Vieiros]
  • O BNG preséntase como ‘alternativa transformadora social’ [A Nosa Terra]. Tamén para os non nacionalistas.

A campaña do BNG podería decir así: Para os de aquí, para os de fora: para os que falan galego, para os que falan castelán; para os que están no paro, para os que traballan; para os empresarios, para os autónomos, para os funcionarios; para os de esquerdas, para os de dereitas, para os de centro; para os novos, para os vellos; para os dependentes, para os independentes; para os independentistas, para os imperialistas; para os ecoloxistas, para os que contaminan; para os do campo, para os urbanitas; para os nacionalistas, para os galeguistas; para os que calan, para os que non se calan; para os que veñen, para os que van, para os galegos; para os sumisos, para os que protestan; para os caciques, para os honestos; para os que nós cren moito, para os que nós cren pouco, para os que non nós cren;… para todos.

Son as vantaxes da perda identitaria dun partido, vantaxes que permiten ó partido dirixir a súa mensaxe a toda unha poboación sen discriminar a ninguén, como se dun produto calquera se tratase. Sen dúbida é moito máis doado de facer isto que tentar, dende a razón, influir e convencer a sociedade dos beneficios que xera para unha rexión un enfoque nacionalista da política; éste é un traballo moito máis complexo, laborioso e duradeiro; pero claro, logo de tantos fracasos, un tras outro, á actual dirección do BNG estánselle acabando as oportunidades e entráronlle as presas -coma ós malos estudantes- para salvar o seu pelexo e, para conseguilo, recurre a busca de apoios fora do nacionalismo. Eu teño as miñas dúbidas que todos esos apoios/votos sexan suficientes para compensar aqueles apoios/votos que se perdan dende o entorno nacionalista que, agora percibe, máis que nunca, a perda de referencias nacionalistas dentro do BNG. Fagan o favor e deixen saír antes de deixar entrar!

A Crise Financeira Global.

Globalización: defensores e críticos. A Crise Financeira Global.

O debate da globalización trata, en realidade, sobre as vantaxes ou desvantaxes da implantación das políticas económicas neoliberais a escala mundial, coincidindo a súa vez, co clásico debate entre dereitas -a favor da globalización- e esquerdas -en contra-. Estas novas políticas promoven a desregulación (o termo máis correcto sería re-regulación, xa que o que se fai e unha regulación a medida das multinacionais, non unha eliminación daquela) dos mercados internacionais para permitir o trafico de mercancías e empresas –non de persoas- con total liberdade polos diferentes países do mundo. Para Manuel Castells [1] “a interdependencia dos mercados financeiros é a expresión máis determinante da globalización, permitida polas novas tecnoloxías da comunicación e favorecida pola desregulación e a liberalización dos mercados”. A crise financeira que afecta o mundo na actualidade está directamente relacionada coa globalización da economía.

A orixe do problema

A orixe desta crise está en EEUU. Alí, os bancos, que ven reducido o seu negocio pola caída de tipos de xuro, o pasar nun período moi corto do 6.5% ó 1%, deciden dar préstamos máis arriscados polos que cobrar máis xuros. Os beneficiarios deste tipo de préstamos van ser os NINJA (no income, no job, no assets; ou sexa, persoas sen ingresos fixos, sen emprego fixo, sen propiedades) [2]. Estas persoas ían ser beneficiarios de hipotecas por encima do valor das suas casas porque “os bancos pensaron que o perigo quedaba mitigado pol feito de que o prezo das súas vivendas estaba subindo: si algún día teñen problemas, pensaron, as familias poderán vender a casa a un prezo superior ó da hipoteca, o que lles permitirá devolver o diñeiro” [3]. Os bancos concederon tantas hipotecas que o seu número chegou a alcanzar o límite estipulado pola convención de Basilea, que restrinxe os créditos concedidos a unha determinada proporción do seu capital. Para solucionar esta situación os bancos crean uns fondos de inversión -solución permitida pola regulación de Basilea- que comprarán os seus propios créditos, estes empaquetarannos -tecnicamente: titularizarannos- xuntando nun mesmo paquete hipotecas prime (as boas) e subprime (as hipotecas lixo), para logo vendelas a outros inversores por todo o mundo como produtos seguros e altamente rendibles, produtos que, previamente, obtiveran ratios de calificación elevados polas Axencias de Rating. O problema chegou cando o prezo de la vivenda, de forma inesperada, empezou a caer, e o titular dunha hipoteca encontrouse ante a disxuntiva de ter que pagar unha hipoteca de 100.000 dólares para quedarse cunha casa que vale 60.000 ou deixar de pagar a hipoteca e devolver a casa ó banco. A decisión habitual dos NINJA foi esta última disparando os índices de morosidade entre os posuidores de hipotecas subprime. Os activos que contiñan este tipo de hipotecas foron declarados tóxicos pero cambiaron de mans tantas veces que ninguén sabía cantos habían no mercado ni quen os tiña, de modo que as entidades financeiras empezaron a desconfiar unhas das outras, deixando de prestarse diñeiro entre elas. Isto provocou a repentina subida dos índices interbancarios, en Europa o Euribor, que son a referencia para a actualización de xuros hipotecarios, o cal repercutirá nas familias ó aumentar a cota mensual da sua hipoteca e, por conseguinte, o aumento da morosidade entre os titulares de hipotecas prime en todo o mundo. É así como a ambición duns bancos estadounidenses acabou nunha crise de dimensión mundial.

Defensores y críticos

Os axentes defensores dunha e outra posición obedecen a identidades moi diferenciadas. Os que defenden a globalización solen ser institucións internacionais patrocinadas polos estados máis poderosos do planeta, como o Banco Mundial (BM), a Organización Mundial do Comercio (OMC) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI), partidos políticos de dereitas ou fundacións ligadas a estes -por exemplo, FAES, estreitamente ligada ó PP- e as grandes multinacionais; mentres que os que se posicionan en contra solen ser os novos movementos sociais constituídos en forma de organizacións non gobernamentais ou asociacións, xeralmente de carácter local e/ou temático, cuxos recursos son aportados polos membros do grupo, persoas individuais. Mentres que os que se mostran a favor da globalización forman un conxunto de actores homoxéneo con vocación internacional, aqueles que están en contra son unha diversidade de movementos que defenden intereses variados -económicos, climáticos, biolóxicos, pacifistas, feministas, etc.- unhas veces con carácter local e, outras, internacional. Entre os movementos máis representativos pódese citar Acción Global dos Pobos, ATTAC, Fitty Years is Enough, Marcha Mundial das Mulleres, Black Bloc o Anticapitalista Bloc. Moitos destes movementos estanse unindo actualmente entorno ó Foro Social Mundial. En Galicia celebrouse recentemente, días 5, 6 e 7 de decembro, o I Foro Social Galego (FSGal).

A FAES cre na liberdade económica e defende a propiedade privada, a economía de mercado e o libre comercio como elementos indisociables da liberdade e motores de prosperidade e progreso. José María Aznar, na clausura do Curso FAES 2007 dicía: “aquí defendeuse unha economía aberta nunha España aberta. Reclamáronse leis claras, sinxelas e iguais para todos. Denunciáronse arbitrariedades que tanto danaron a competencia e tanto crédito restaron a España no exterior” [4]. Defende o Pte. da FAES no seu discurso a política económica liberal do seu goberno, unha política aberta ó mundo, privatizadora e re-regularizada contrapóndoa coas políticas que o precederon, segundo el, máis cerradas, dominadas pola empresa pública e intervencionista na privada.

A pesar da súa marcada ideoloxía liberal, a FAES recoñece que as medidas intervencionistas realizadas por distintos gobernos son necesarias para evitar o colapso financeiro, se ben advirte ós goberno sobre os perigos de tratar de dirixir a política inversora dos bancos; “son os bancos os que se dedican a prestar e os que o saben facer mellor” conclúe [5]. Non se advirte nos traballos que puiden ler crítica algunha ó sistema regulatorio dos diferentes estados.

Para o FSGal [6] a orixe da actual crise é a regulación neoliberal dominante no mundo, un sistema que impulsa a concentración de riqueza nas mans dunha minoría de persoas, en detrimento das retribucións dos traballadores; un sistema que rebaixa o poder adquisitivo dos traballadores o mesmo tempo que trata de manter o consumo mediante un endebedamento continuado no tempo. Consideran que fronte ó discurso ideolóxico do neoliberalismo “existen alternativas posibles, alternativas elaboradas dende unha teoría democrática e socialista que aposte polo progreso social, a soberanía dos pobos e a defensa ecolóxica da natureza”.

Entre os pensadores que se posicionan a favor ou en contra da globalización financeira ou, dicho doutro modo, os que se amosan a favor ou en contra dunha regulación máis ou menos estrita para os operadores internacionais dos mercados financeiros encóntranse Xavier Sala i Martín [7] e Paul Krugman [8], este último premio Nobel de Economía de 2008.

X. Sala i Martín alerta sobre os perigos das intervencións que os estados están realizando para salvar a actual crise financeira. Defende que xa existía unha regulación suficiente para evitala á vez que admite a existencia dunha regulación financeira, en referencia a Convención de Basilea, que permite a práctica da enxeñería financeira por estas entidades; aquí encontro certa incoherencia no seu discurso: ou existe unha regulación restritiva -non aplicada polas administracións- ou existe una permisiva; as dúas á vez non ten sentido. O autor pon de manifesto as virtudes do actual sistema regulatorio en EEUU fronte ás restricións existentes en España para levar a cabo inversións máis arriscadas. Fala dos fondos de capital risco que, a diferenza dos fondos que contiñan hipotecas lixo, si se sabe o que contén, son transparentes, e os que inverten neles son coñecedores do risco ó que se están expondo. O colapso dun destes fondos xamais afectaría á confianza entre entidades financeiras. Sen embargo, non se pode dicir o mesmo dos fondos que deron orixe esta crise, pois ninguén coñecía en realidade lo que contiñan, é máis, as hipotecas –prime e subprimeeran “empaquetas” en paquetes que se fan chamar MBS (Mortgage Backed Securities, ou sexa, Obrigacións garantizadas por hipotecas) […] rebautizados como CDO (Collateralized Debt Obligations, Obrigacións de Débeda Colateralizada), como se lles podía dar outro nome exótico [9]. Este engano deu orixe á desconfianza entre entidades financeiras, freando o negocio interbancario e, posteriormente colapsando o mercado financeiro.

Paul Krugman, ó igual que X. Sala i Martí, realiza una mirada retrospectiva para sinalar a orixe desta crise; apuntando directamente á crise das puntocom, intre no que debería terse regulado un sistema financeiro que empezaba a dar mostras de fraxilidade en lugar de optar por solucións a curto prazo. P. Krugman acusa ós dirixentes políticos de estar excesivamente preocupados por sair desta crise ó mesmo tempo que intúe que, unha vez superada, todos -políticos, economistas, inversores,…- estarán demasiado eufóricos para acordarse de adoptar medidas para evitar a seguinte crise, como xa pasara no pasado. Considera que é agora, cando hai que dar os primeiros pasos para evitar novas turbulencias financeiras. O que se deduce das palabras do Nobel é que ós reguladores dos mercados lles interesa esta flutuación dos mercados, pois non amosan o máis mínimo interés en crear un novo marco regulatorio.

“…chegamos á convición de que hoxe máis que nunca hai que “virar a mesa”, darlle a volta ao taboleiro, porque levamos moitos anos soportando burbullas e burbullas que ao final o único que xeran é o enriquecemento dunha fracción moi pequena da poboación e un distanciamento cada vez maior dos dous polos da poboación, dos ricos e dos pobres” [10].

[1] El País, Manuel Castells, 24/07/2001, Globalización e antiglobalización.
[2] Leopoldo Abadía, A Crise Ninja, 2008
[3] La Vanguardia, Xavier Sala i Martí, 13/10/2008, Crise (1): que pasou.
[4] FAES,Intervención de José María Aznar no Campus FAES 2007
[5] FAES, A crise financeira: orixes e solucións, octubre 2008.
[6] FSGal, Alfredo I. Diéguez, O neoliberalismo ten alternativas.
[7] La Vanguardia, X. Salas i Martín, 17/11/2008, Crise (3): neointervencionismo
[8] El País, Paul Krugman, 30/11/2008, Para que non esquezamos
[9] Leopoldo Abadía, A crise Ninja, 2008
[10] Xavier Vence, A crise do sistema neoliberal, 2008