Desafección e abstención

A quen credes que beneficia a abstención? Iso dependerá do partido ó que acostuma a votar quen deixa de facelo, non? Hoxe sae Anxo Quintana en diversos medios decindo que non ir a votar favorece ó PP. Ben, por que credes que o Sr. Quintana di isto? Eu penso que o fai porque considera que os seus propios votantes  non van acudir a votar o próximo 1 de marzo -polo menos non perdeu o sentido do olfacto-. Quizais se equivoque na forma empregada para motivar a esa masa social, quizais a esa masa social lle de igual que goberne o Sr. Touriño que o Sr. Feijoo e, polo tanto, ameazar a cidadanía co lobo -o PP- como si fosemos “carapuchiñas”… quizais, non sexa o modo máis efectivo. Quen sabe, o mellor unha boa dose de autocrítica, logo de tantos anos sen exercitala, resultaria máis eficaz.

Hoxe pregunteille a Núñez Feijóo, Pérez Touriño e Anxo Quintana pola abstención, causas e solucións.

Quintana asegura que quedar en casa o 1-M é facer o xogo ao PP porque «vai en coalición coa abstención». Hoxe en La voz de Galicia e outro medios.

Non estou dacordo. A abstención é o resultado da desafección política do cidadán e esta, a desafección, é a súa vez o resultado da falla de confianza política que xera toda a clase política, non só o PP, senón tamén –e sobretodo- PSOE e BNG. É inxusto, polo tanto, culpar a un só partido da abstención. Os que non temos pensado votar –inclúome- é por que non cremos en ningún de vostedes.

Porque esa desconfianza? Non hai máis que abrir calquer xornal para ter a resposta: corrupcións, sibaritismo, enchufismo,… ningún partido se libra das acusacións. Mentres tanto, nós, os cidadáns temos que sufrir a actitude indolente dos que gobernan fronte a crise, sufrir o anuncio de medidas irrisorias como a anunciada a finais de novembro polo Sr. Touriño, a contratación de 2000 persoas para a realización de “tarefas medioambientais”… mentres o número de desempregados medra en xaneiro 11.413 persoas en Galiza; ou o famoso “plan E” para crear 300.000 empregos no estado cando só en xaneiro se destruiron preto de 200.000. ¿?

Os anuncios destas medidas, iso si, son feitas de xeito espectacular para convencer, unha vez máis, ó que non sufre o problema directamente pois quen cada día é despedido da súa empresa –centos en Galiza- non poden máis que recibir con desprezo as súas irrisorias propostas.

Grazas a sociedade da información e do coñecemento redúcese o control da información e, polo tanto, do abuso que os partidos políticos viñan facendo da ignorancia da maioría. Agora, calquera de nós, os cidadáns, pode contar abertamente as súas reflexións a toda a sociedade, deixalo escrito aí, nun blog, nun diario, no Factbook,… ata que alguén, máis tarde ou máis cedo, o le. Non nos escoitan vostedes pero si o resto da sociedade.

A perda do control da información por parte das clases dirixentes debería levar a unha maior receptividade das propostas da cidadanía por parte dos partidos políticos, sen embargo, non é así, seguen vostedes tapando os ollos -e os oidos- crendo que seguimos emboubados ante as súas mensaxes a través dos mass media. Están moi trabucados.

Este paréceme un asunto serio, del depende a propia supervivencia do sistema democrático, por iso lles pregunto cales son as súas propostas de cara o futuro para reducir o desleixamento entre a sociedade e a clase política?

Prácticas caciquís no BNG

O pasado mes de agosto xa denunciara, na Consellería de Medio Rural, a incontinencia caciquil do Delegado de Medio Rural de Ourense, Xosé Rodríguez Cid, denuncia da que, por certo, sigo esperando resposta… O silencio do Conselleiro deixa máis que de manifesto a súa complicidade. Hoxe La Voz de Galicia fala dos enchufados por este señor (teño que realizar verdadeiros esforzos para usar esta expresión e non outras máis apropiadas ó caso) en Medio Rural; fala a nova só dos enchufados da súa localidade, Cartelle, que non dos concellos limítrofes…

Sacade o Santo!!! dixera daquela. Agora, a nova públicada en La Voz venme dar a razón doutra advertencia que xa fixera fai unhas semás, durante a elaboración das listas electorais, cando manifestei na Asemblea comarcal de Allariz que a política de emprego levada a cabo pola Consellería de Medio Rural, e de xeito especial por SEAGA, ía pasarlle factura ó cabeza de lista por Ourense, Alfredo Suárez Canal . É evidente que ninguén me fixo caso. Parecíame unha irresponsabilidade que este señor fose o cabeza de lista e resulta, tanto ou máis irresponsable mantelo, máxime despois do ocorrido no día de onte co cabeza de lista do PP por Ourense: unha decisión valente que, sen dúbida, non deixarei de aplaudir.

“clica” na imaxe para agrandar

Isto no actual BNG nunca pasará, máis ben todo o contrarío, premiarase ó cacique e perseguirase a quen esixe claridade, a quen defende a legalidade ou a quen antepón a integridade e principios morais e ideolóxicos colectivos sobre o interés persoais duns poucos.

Tamén teño que recalcar un dato moi importante: non todos os que somos do BNG estamos enchufados nas consellerías nacionalistas nin todos os enchufados son do BNG.

Ler máis

A nova ola participativa

Si hai algún asunto na política polo cal sinto unha disposición natural é a democracia participativa. Xa fixera referencia noutras ocasións acerca deste asunto –Leo, Leo, Lóxica participativa vs Lóxica representativa, Democracia e comunicación no BNG e, últimamente, en Estatuto de Galiza, estatuto da nación?– así que tampouco ía deixar pasar a oportudinade de preguntarlle ós candidatos a Presidencia da Xunta por este tema, máis logo de ler unhas declaracións da candidata ó Parlamento Galego por Ourense, Laura Seara, nas que decía que «É necesario fomentar a implicación con todos os movementos sociais xa que é imprescindible crear un ambiente de complicidade entre os políticos e a cidadanía». Estou totalmente dacordo, agás nunha cousa, para fortalecer algo primeiro ten que existir. É como cando Touriño fala dunha universidade virtual “LIDER”,… para convertila en “lider” primeiro hai que pola a andar (por certo, a Comunidade Valenciana acaba de por en marcha VIU, a súa universidade na rede. Non sei como o verá o Sr. Touriño pero eu vexo que se nos está escapando o liderato). Así llo plantexei a Núñez Feijóo, Pérez Touriño e Anxo Quintana:

“O Alcalde de Porto Alegre decide moito menos que calquer outro, pero as súas decisións foron fundadas en decisións colectivamente articuladas e iso faino un alcalde moito máis forte que os outros. Renuncia a decidir moitas cousas, pero iso amplía extraordinariamente a sua representación política”.

Tarso Genro foi alcalde de Porto Alegre (1993-96 e 2001-02) e, na actualidade é ministro de educación de Brasil.

A derradeira revolución democrática é a que permite participar ó pobo na decisión política final; pouco a pouco vaise impondo na sociedade moderna pese a resistencia de moitos políticos ambiciosos de poder. Este tipo de políticas, fáciles de artellar na era das telecomunicacións, réstanlle responsabilidade ós políticos e dota de máis lexitimidade ás decisións finais, tal e como recoñece o seu precursor. Para unha sociedade como a galega, afectada secularmente por uns parásitos que frean o seu desenrolo, os caciques, a implantanción dun sistema democrático participativo serviría para erradicar esta lacra social.

Para iso compre en Galiza un goberno disposto, non só a escoitar, senón a aceptar a decisión adoptada pola cidadanía, a través dos movementos sociais, e executala. Compre un goberno que deixe decidir a cidadanía cales son as súas prioridades presupuestarias anuais. Cal é a súa postura ante a nova ola participativa. Estan dispostos a cogobernar co pobo?

Estes días andiven curioseando polas distintas webs dos candidatos, tanto de Galiza como de Euskadi, e sóamente atopei na páxina do PP vasco un buzón para enviar propostas para a elaboración do programa electoral. Sorprendéume, recoñezo. Tamén me sorprendeu -ou non- que o BNG fixese o mesmo… pero despois de ter elaborado o programa! Podédelo ver na web electoral que se estrenou onte… feito que me recorda moito ó modo en que se elaboraron as listas.

Para aqueles que lles goste a política e sexan defensores da ampliación de dereitos democraticos ou, sinxelamente, queiran coñecer en que consiste a democracia participativa, recoméndolles facer unha visita pola páxina web de presupuestosparticipativos.com

A culpa é dos bancos!

Primero foron os bancos e as subprime, uns créditos concedidos polos bancos ós ninja, os responsables orixinais da crise financeira gobal; e agora voltan ser os bancos os responsables do agravamento por non prestar cartos a quen non lle ofrece suficientes garantías; primeiro por dar de máis e agora por non dar. Se non estivesen os políticos polo medio pensaría que me están tomando por parvo, como o están, queda confirmado. A modo de reflexión foi ese o asunto proposto no día de hoxe a Núñez Feijóo, Pérez Touriño e Anxo Quintana.

Non todo será culpa dos bancos, nin da crise financiera internacional… digo eu que algunha culpa de todo o que está pasando aquí será dos responsables políticos daquí porque, penso eu, si vostedes non poden facer nada para solventar os problemas que aquí nos afectan por unha crise que ven de fora, para que os queremos? Andamos por ahí berrando: queremos máis autogoberno! Para que, si non saben que facer por Galiza hoxe co pouco que ten? Para que máis autogoberno si logo estamos expostos as crises de fora e somos incapaces de reaccionar ante elas?

Non nego que nos afecte a coxuntura internacional, nin a codicia dos bancos pero, e as caixas? As caixas son entidades públicas, propiedade de tódolos cidadáns, gobernadas polos seus amigos fieis, máis amigos e máis fies que capaces, sen dúbida; as mesmas caixas que inverten en fondos de alto risco asiáticos ou ianquis pero que se negan a darlle financiación a un porxecto galego… porque lles parece moi arriscado!

No fondo o problema está aí. O problema está na clase política, si, vostedes que dende os seus partidos promoven elites de ineptos pero fieis dirixentes, primando a lealdade ou, mellor dito, a sumisión, sobre a capacidade; primando a aquel que asinte sempre, e que é doce no falar, crea poucos problemas –porque lle falta iniciativa ata para iso-, … o cacique de toda a vida, sobre aquel que sabe decir que “non” e o di cando así o cre -porque ten calidade persoal- e aporta ideas diferentes.

Que ocorre agora? Os seus partidos están dirixidos por uns individuos feitos todos co mesmo patrón, políticos “monoidea”, políticos que están esperando a ver que se lle ocorre ó xefe para decirlle que ten razón –e de paso o fermoso que é- … é para o que se lle paga, non? Como iso “é o que hai” -nuns e outros partidos-; ós cidadáns só nos queda esperar que a crise amaine sóa, non?, esperar que as grandes potencias poñan freo a esta situación da que, a bo seguro, serán unha vez máis, as grandes beneficiadas. Supoño que é o que todos están agardando, non?

Resulta difícil dixerir esta crise cando a un se lle presentan tantas dúbidas e non atopa ningunha resposta. Cada día esculco nos xornais a ver si algún candidato tivo en conta as dúbidas que eu lle plantexo e, creo, comparto con moitos cidadáns, e dan algunha resposta através dos mass media. Nin chio! Eles seguen o seu… a convencer ó indeciso, el é o obxectivo. Como? Si non resolven nada, non responden nada,…

Ler máis

Inxustiza e desigualdade

Si algo ten que primar nunha sociedade civilizada é a xustiza e a equidade e, sobre todo, a igualdade de tódalas persoas,físicas e xurídicas, ante a lei. É un principio fundamental en todo estado de dereito, por iso me sorprendeu o mensaxe que onte colgou no seu muro de facebook o candidato nacionalista, Anxo Quintana. É lóxico que eu, un simple cidadán, diga o que el dixo, pero non el que, entre as súas responsabilidades está a de facer que se cumplan os preceptos lexislativos. Foi esa reflexión de Quintana a que deu orixe a pregunta que lle formulei hoxe ós tres candidatos:

Anxo Quintana pensa que non pode ser que para os cidadáns haxa leis de obrigado cumprimento e para os bancos haxa recomendacións e boas palabras!”

Sorprendéume atopar esta mensaxe no muro do candidato nacionalista. Como se pode facer tal afirmación? Sr. Quintana vostede é Vicepresidente da Xunta de Galiza, non un cidadán común, vostede forma parte dun poder executivo, como é a Xunta de Galiza, con mecanismos dabondo para facer que os bancos -e outras empresas- cumpran coas súas obrigas e, onde non lle sexa posible, presentar as demandas correspondentes ante a xustiza.

Pero claro, unha cousa é falar e outra actuar. Verdade? Toda a sociedade galega coñece os seus ditos e os seus feitos e, asegurollo, están cheos de incoherencias –e refírome os tres cadidatos-. Algo non cadra.

Si me puxera a enumerar os delitos que dende os respectivos gobernos se lle tolera as empresas acabaríaos aburrindo –ainda máis- : delito de publicidade falsa (destes tamén sufrín un, levo tres anos anos na xustiza), delitos de facturación (non sei porqué véuseme a mente FENOSA -desvarío-), delito de detracción de materias primas e productos de primeira necesidade (lémbranse da crise alimentaria do primeiro trimestre de 2008?), maquinacións para alterar os prezos que resultarían da libre concurrencia, abuso de información privilexiada, blanqueo de bens (agora estou pensando en moitas constructoras –e bancos- as que é imposible comprarlle unha vivenda sen pagar unha –boa- parte en negro), delitos contra a facenda –moi relacionado co anterior- e a seguridade social, delitos contra os dereitos dos traballadores –dos que non se libra nin a propia administración-, delitos contra o patrimonio histórico e o medio ambiente –non podo evitar pensar en Xunqueira de Ambía-,… e, con esta, pecho o libro, pero podería seguir.

Díganme, cantas empresas, a iniciativa súa -ou dos seus partidos- foron condeadas por algún destes delitos? Estou seguro que ningunha, e máis, posiblemente estén contratando dende a Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos,… con empresas que violan eses dereitos.

Existe outra figura xurídica que hoxe en día, si realmente se fixese uso dela dende as institucións públicas, ateigarían –ainda máis- tódolos xulgados galegos e do mundo: o enriquecemento inxusto, unha figura fundada, precisamente, en razóns de equidade, e a que pouco gasto se lle da nesta era de desigualdades. Miren, no ano 2007 as empresas cotizadas no IBEX-35 batían tódolos seus records de beneficios, no 2008 por medo a perdas, non polas perdas en sí, despedían a milleiros de persoas… e no 2009 continúa a mesma dinámica. E ninguén intervén. Non ven vostedes o enriquecemento inxusto? Non lles parece inxusto non compartir beneficios con aqueles que os producen –os traballadores- e si as perdas? Como diría Gila “alguén roubou a alguén”

Díganme, non o que pensan facer ó respecto sobre este asunto no futuro, que si lles apetece tamén –son todo oidos- senón o que ten feito ata o de agora, si é que fixeron algo.

Densenrolar lexislativamente a figura do enriquecemento inxusuto é algo fundamental na sociedade moderna, unha prioridade, para frear a codicia duns poucos que non acaban de ver que a acumulación de capital, en poucas máns, leva a pobreza colectiva e, finalmente, a súa propia.

… e o debate de ideas?

Si puidesemos ler as propostas dos candidatos á presidencia da Xunta de Galicia sen coñecer o nome de quen a fai e o seu partido de pertenza, asegúrovos que nos atoparíamos con serias dificultades para marcar esas propostas cunha determinada cor política. A mensaxe dos partidos maioritarios vai dirixida a totalidade da poboación, sen distinción, trátase de ver quen acada máis votos, non de defender un sistema político sobre outro.

Na sitación política e económica actual fai falla debater ampliamente sobre este e moitos outros asuntos. Por exemplo: queremos un goberno proteccionista ou liberal? Queremos un goberno de esquerdas ou de dereitas? Ainda que todos, individualmente, teñamos unha resposta a estas preguntas preséntansenos outras moitas, ainda máis complexas que respostar: quen é cada quen? quen representa a dereita e quen a esquerda? quen defende posicións proteccionistas e quen as liberais?… Hoxe trasladei, vía facebook, os tres candidatos a Xunta estas dúbidas que a min me preocupan mediante esta cuestión:

Estamos xa -extraoficialmente- en campaña e eu non vexo os ideais de cada partido. Vexo, coma nas feiras, charlatáns a cada lado facendo bos os seus ofrecementos -iso sí, a diferencia daqueles, vostedes non nos din o que nos vai custar, non dan prezos- pero non vexo as súas verdadeiras intencións, os seus ideais. A ver si consigo que me amosen algo…

Estes días, lendo a Paul Krugman, Despois de Bush, 124-125, onde fai referencia ó ensaio de Richard Hofstadter “The Paranoid Style in American Politics” déime conta como, pese a situación que estamos vivindo no mundo nestes intres, ainda perdura a estigmatización das esquerdas como unha ameaza para o capital privado, tanto que a propia esquerda fuxe dela. Aquel estado de paranoia anticomunista ainda é avivado hoxe en día dende os partidos de dereita; sen embargo, pese a crúa realidade, ninguén, mellor dito, ningún partido dos que se presentan a estas eleccións, que é o que nos interesa, se atreve a plantexar un debate entre os distintos sistemas políticos, ninguén se atreve a decir que é o gran capital -extranxeiro, en moitos casos- o que está comendo o pequeno capital das clases medias e baixas. O comunismo era a gran ameaza, unha ameaza permanente a propiedade; sen embargo, o capitalismo é quen liquida, na actualidade, a propiedade privada de multitude de familias.

Ningún partido ofrece resposta as familias das clases medias e baixas que ven ameazadas tódalas súas pertenzas porque son incapaces de pagar unha hipoteca por unha vivenda, taxada a un prezo exorbitado e baixo unhas condicións que limitarán a liberdade de acción destas persoas, endebedadas, polo resto dos seus días. Hai algo máis semellante a escravitude?

As empresas, especialmente as grandes multinacionais, esas polas que suspiramos para encher os nosos polígonos industrias, as mesmas que agora botan xente afeito sen pensar nas necesidades dos seus traballadores e traballadoras -nin agora nin cando batían records de beneficios- contribuen con aquelas outras, as financeiras, que lles emprestaron cartos para comprar a súa vivenda, o seu coche, a súa PS3,… deixándo a estas persoas nunha situación de desamparo económico que as obriga a entregarlle todo o que ten os bancos.

Primeiro cébannos, logo cómennos. Para o gran capital as persoas tan só somos porcos… e para vostedes, os políticos, que somos? Que posición adoptan vostedes e os seus partidos ante os abusos da “man invisible” que, en realidade, nos goberna?

Porque todos os partidos políticos queren parecer de centro? É unha máscara? Ou, sonno de verdade? Non sei cal das dúas respostas me tranquilizaría máis. Porque todos tratan de vendernos, durante as campañas electorais, unha moderación da que logo, durante toda unha lexislatura non fan uso?