Que ven o lobo!

Co remate da precampaña advertía dos erros que estaban cometendo as forzas do goberno para reeditar o bipartito. Hoxe lendo a Anxo Guerreiro en El País decátome que son moitos os que perciben a pobreza política desta campaña electoral. O artigo merece ser lido na súa integridade pero deixo aquí uns párrafos para ‘abrir boca’:

…non pode extranar que entre os sectores máis dinámicos da sociedade, precisamente aqueles que con máis entusiasmo recibiron a mensaxe do cambio, prosperara a decepción e, o que é peor, a sospeita de que o Gobierno non só non ten intención de desmantelar a onerosa herencia recibida do fraguismo, senon que está disposto a apoderarse dela no seu exclusivo beneficio.

…Agora ben, non parece que a fórmula máis aconsellable para acadar unha alta participación cidadana sexa recorrer, como o pastor da fábula, ó consabido e desacreditado ¡que ven o lobo! De aí a pedir que se vote co nariz tapado, como recomendaba o inefable Giulio Andreotti, hai un só paso, unha fina línea que xamais deberíamos traspasar.

…a esquerda non pode asumir o “comigo ou contra mín” como a súa divisa política, considerar a crítica como unha concesión ó adversario e calquer discrepancia unha traición. Ó contrario, debe escoitar esas voces e comprender que nunha democracia avanzada tódolos días xurden comentarios e reflexións críticas que, lonxe de constituir unha irrefrenable tendencia á introspección, son un sano xuizo de autocrítica tendente a mellorar as condicións sociais xerais, moito máis eficaz que a doada suposición gubernamental de que todo está ben.

SEAGA ou a política embulleirada.

Moito lle gusta ó Sr. Suarez Canal falar de política de transparencia. Mente. Non se pode falar de transparencia nunha empresa como SEAGA na que non todas as categorías saen a concurso público: por primeira vez en tres anos aparece a categoría de oficial administrativo e auxiliar administrativo na páxina web, logo, quen ocupou eses postos ata agora e por que sistema? Sobran as respostas. É só un exemplo, sucede o mesmo en moitos outros postos da empresa: técnicos de riscos laborais -si se crearon catro postos en 2007, pero temporais… e nunca máis!-, responsables de distrito, persoal de limpeza,… Quen limpa a suciedade en SEAGA? Non existe unha sóa praza convocada nesta categoría para facer a limpeza tanto nas súas instalación permanentes (estas cinco) como temporais -por exemplo, bases aéreas-. Quen realiza eses traballos? Unha de dúas: ou persoas escollidas a dedo ou traballadores doutras categorías de xeito fraudulento ó realizaren traballos que non son propios da categoría.

Non se pode falar de transparencia cando non existe unha RPT (relación de postos de traballo) na que se indique que postos se van a cubrir, duración dos contratos ou o ámbito territorial. Non pode ser que unha persoa de Lugo, Ourense ou Pontevedra se inscriba nunha categoría como a de “operador codificador” e logo só se convoquen prazas para o ámbito territorial de A Coruña. Iso sucedeu no 2008. Aí non só falla a claridade do proceso senón que se crea un claro perxuizo ó traballador que  aspira esa praza xa que logo non poderá estar inscrito en máis de dúas categorías diferentes.

Non se pode falar de transparencia cando os únicos que coñecen a RPT a cubrir son unhas cantas persoas do entorno do Sr. Suárez Canal, e se incumple pola empresa, reiterandamente, o deber de información que ten todo traballador de SEAGA de coñecer da existencia de postos de traballo vacantes, sexan ou non da súa categoría, co fin de garantir as mesmas oportunidades de acceso a postos permanentes que calquer outro traballador. Esa información non está nin nas sedes de SEAGA nin na páxina web. Logo o Conselleiro mente.

Os traballadores de SEAGA tampouco teñen acceso efectivo a formación continua profesional, limitándose a formación que reciben a cursos de obrigado cumplimento para o desenrolo do seu posto de traballo, pero non para mellorar a súa cualificación e favorecer a súa progresión e movilidade funcionais. Non lle interesa a quen dirixe esta compañía que moitas persoas teñan posibilidades de promocionar e acceder a postos reservados para a nova xeración de caciques.

Non se pode mentir, unha e outra vez, como fai o Sr. Suárez Canal ó dicir que tiveron que recorrer ó INEN para cubrir a oferta de emprego de SEAGA. Iso sucedeu só nalgunhas categorías, como a de peón ou peón especialista, categorías que, por certo, foron as únicas que anunciadas nos medios de comunicación -unha vez se ampliou o plazo, non antes- porque non se cubriu a oferta. Ningunha outra categoría foi publicitada en ningún medio de comunicación. Mente unha vez máis o Sr. Suárez Canal ó falar de publicidade no procedemento.

Mentiu o Sr. Suárez Canal ó falar, no debate do mércores, de máis de 700 traballadores contratados por SEAGA no 2008. E tanto que son máis, son máis de 2.400 tal e como se recolle nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2009. Avergóñase o Conselleiro de crear tanta temporalidade? Tanta precariedade laboral? Pois ainda non se avergoña moito, si así fose non sería o candidato por Ourense do BNG.

Remata a precampaña

A derradeira semana de precampaña non resultou moi alentadora; foi unha semana na que PSOE e BNG comezaron a chamar a participación, algo que é habitual facer os últimos días de campaña. Temen unha baixa participación, logo algo temen. Algúns xa nos meten medo con que ven o lobo (PP)… pobre de nós! Carapuchiñas… Tamén se celebraron dous debates nos que ó PSOE só lle faltou suplicar a presenza do Sr. Feijóo para o debate do día 20 de marzo. Vendo semellante desesperación para que o candidato popular se someta a un linchamento público polos dous partidos do goberno (PSOE e BNG) parece máis lóxico, ainda, que non acuda. Eu alédome… o que realmente quero ver é ó Sr. Quintana e ó Sr. Touriño fronte a fronte.

Si se da ese debate -e dicir, si non se botan atrás pola falla do seu sparring Feijóo- espero que non se cometan os mesmos erros que se deron esta semana nos debates do luns -en hai debate-, primeiro, e do mércores, despois. Primeiro foi o Sr. Fernando Blanco e logo o Sr. Suárez Canal os que, ó defender a xestión pasada no goberno só fixeron mención as consellerías propias -as do BNG- como si as políticas desenroladas polas outras non fora con eles cando, en realidade, iso non é así. Para ben ou para mal, moitas das decisións que se adoptaron ó largo desta lexislatura fixéronse no Consello da Xunta da que todos, nacionalistas e socialistas, forman parte. Os representantes socialistas nestes debates -Mar Barcón o luns e Ricardo Varela o mércores- si souberon sacar proveito desa circunstancia para facer propias políticas de industria, servizos sociais,…

Que lles ocorre ós representantes nacionalistas? Teñen medo medo a meterse no eido socialista mentres estes pisotean o seu? Si se quere aspirar a presidencia hai que deixar claro que se ten un coñecemento exhaustivo de tódalas áreas de goberno, que se formou parte de tódalas decisións importantes do pasado -as acertadas e as menos acertadas- ou, cando menos, se influiu nesas decisións e, por suposto, que se ten proxectos alternativos para esas áreas malgobernadas polos socialistas -educación, sanidade, traballo,…-. Isto é o que ata agora non se viu.

O que si deixaron en evidencia o Sr. Ferrnando Blanco e o Sr. Suárez Canal nestes dous debates é que o candidato do BNG é o aspirante a Vicepresidente e o candidato do PSOE o é a Presidente. Máis que nunca lembráronme ó labrego satisfeito coa súa hortiña que renuncia a unha parcela maior porque porque ainda está sen labrar. Iso é o que se viu: conservadurismo e medo a incerteza.

Enquisas e estatísticas

Nunhas eleccións, e nas galegas non ía ser menos, tódolos partidos viven pendentes das enquisas e as estatísticas. As enquisas, ó tratarse dun estudio representativo da sociedade, poden estar suxeitas a erros, pois non se publican crúas, senón cociñados en laboratorios, aplicando diferentes fórmulas correctoras (a proba do xis cuadrado, a corrección de Yates, corrección de continuidade asimétrica,…) que ten en conta tanto a conducta observada como a conducta teórica.

A conducta observada é o resultado da mostra recollida nun momento determinado circunscrito a un lugar determinado e sobre un asunto específico, por exemplo, eleccións galegas 2009. A conducta teórica refirese o comportamento histórico da sociedade dese mesmo lugar sobre ese mesmo asunto: tódalas eleccións galegas celebradas en Galiza.

Utilizar os resultados históricos axuda a que cada vez que se produce o mesmo feito, os resultados dos estudos sexan máis exactos, ó dispor, a medida que transcurre o tempo, dunha base de datos máis ampla, sempre e cando ese feito se produza en circunstancias normales.

Cada vez que hai unhas eleccións vemos que existen pequenas diferencias entre unhas enquisas e outras (ver as de Xornal, La Razón, La Voz de Galicia, La Región, Público,…) e acostumamos a culpar desas diferencias ós intereses que uns medios ou outros teñen en influir e dirixir a opinión pública nun ou outro sentido. O certo é que non ten por que ser así. Uns e outros consultan a unha parte representativa da sociedade e non ten porque ser precisamente a mesma e logo, cada un deles, pode usar diferentes técnicas correctoras. Iso explicao… logo cada quen é libre de ceibar as súas maquinacións e moito máis facelas públicas.

Agora, hai que ter en conta que as enquisas non serven de nada -ou de moi pouco- cando se dan circunstancias especiais, como ocorreu o 14-marzo-2004 cando Rodríguez Zapatero gañou as xerais contra todo pronóstico. Incluso si fose posible realizar e publicar unha enquisa o día anterior das eleccións, esta non se achegaría ó resultado final, porque as correccións non teñen en conta situacións anormais, senón que se basan en todo o contrario, na conducta social histórica ponderada.

Na actualidade estamos vivindo unha situación excepcional, unha crise económica de gran calado, que está destruindo cada día milleiros de postos de traballo, unha crise na que os gobernantes non ten a máis minima idea de como solventar, nin como afrontala,… Dinnos dende o goberno central que se pode chegar ata catro millóns de parados no estado ó mesmo tempo que nos queren convencer que a partir de marzo a cousa vai mellorar –casualidade?-. A ver, como se fai compatible eses dous argumentos? Iso só podería ser certo si os catro millóns de parados se acadasen en febreiro e a partir dese momento as estadísticas de emprego comezasen a mellorar. É iso posible? Non! Logo dende o goberno estannos enganando, pois despois de marzo, despois das eleccións galegas e vascas, o paro seguirá aumentando.

Ademais, dicese que o paro sube menos en Galiza, e isto si que me parece unha broma de mal gusto. Cantos galegos hai traballando en todo o territorio español? Cando estas persoas, xeralmente temporais, que son os primeiros dos que prescinden as empresas, son despedidos, en que comunidade autónoma son rexistrados? En Galiza? Non! Na comunidade na que estaban traballando. Tampouco se dicía, cando o desemprego baixaba, que moitos galegos estaban marchando da terra, coma sempre. Espero que moitos destes galegos teñan a ben acercarse por aquí o día 1 de marzo para recordarlle ó Sr. Touriño que existen.

É, por todo isto, polo que creo que os resultados das eleccións galegas 2009 poden ofrecer grandes sorpresas. As enquisas desta vez van errar, seguro.

Os novos xa non nos cren

Esté é o titular dunha nova que publica hoxe o diario El País. Non sei si estades ó tanto da violencia desatada en Grecia, uns din que a raiz da morte dun rapaz de 15 anos polo disparo dun policia. Eu non estou moi dacordo con esa tese. Estamos pasando por unha crise económica forte, que ameaza con empeorar –iso din os analistas económicos que antes non a viron chegar-, e este tipo de crises desatan violencia. Ultimamente son moitos politólogos os que se encargan de lembrarnos, cada día, as consecuencias políticas do crash do 29 sinalandoo como o detonante da Segunda Guerra Mundial. Esaxeran.

A crise económica global co conseguinte colapso de multitude de multinacionais, o continuo despedimento de traballadores, a perda dos aforros invertidos pola baixada das bolsas, para quen tiña cartos, a dificultade de acceder a créditos, para quen non os ten e os necesita, a falsedade contable das empresas -a inxeñeiría financieira, que lle chamaban antes-, as reduccións de salarios,… e a corrupción política, xeran desafección política e carraxe. A carrase é algo que tarde ou cedo acaba por emerxer na sociedade, e os cidadáns levamos moito tempo acumulándoa no noso foro interno, carraxe que os nosos dirixentes levan, tamén, moito tempo ignorando. Un exemplo, no ano 1980, o 13% dos enquisados pensaba que todos os partidos políticos eran iguais, e en 1992 esta porcentaxe era do 63%. Outro, no ano 1980, o 22% consideraba que os partidos só serven para dividir á xente, mentres que en 1992 esta cifra aumentara ó 41%. Non sei que se respondería hoxe en día a esas preguntas, pero seguro que seguiron a mesma tendencia.

Na noticia a que fago referencia o Rector da Universidade de Atenas sentencia: “Os novos xa non nos cren. Respetannos, ou tolerannos, pero xa non nos cren. Fixemoslles perder a esperanza no sistema”.

Noticias relacionadas:

A democracia é absolutamente nihilista

Centos de estudantes bloquean o centro de Atenas e enfróntanse a policía

A Voz… de Quen?

Nestes días La Voz de Galicia está realizando unha análise a fondo das consellerías dirixidas polo BNG. Onte tocóulle a Vicepresidencia da Igualde e o Benestar e o desenrolo da Lei de Dependencia en Galiza, hoxe a Consellaría Industria e os Megawatios postos en liza, mañá, xa veremos… Trátase dunha movilización sen precedentes dun diario, o coruñés, que se gaba de ser o único diario independente de Galiza. 

Non existe dúbida algunha que se trata dunha mensaxe politizada xa que estas críticas están circunscritas ó interés privado do editor, Santiago Rey Fernández-Latorre, moi anoxado trala saida a rúa do Xornal de Galicia. Disque agora haberá que repartir máis cachos da mesma torta, a publicidade institucional. Todo isto ocorre no peor momento tanto para uns, que sufren directamente os efectos da crise económica, coma para outros, que se atopan cunhas eleccións a volta da esquina. Non hai nada peor que unha crise económica para a liberdade de prensa.

Sen embargo, para gañar unhas eleccións necesítase, principalmente, unha boa xestión da imaxe e da mensaxe que os medios de comunicación de masas espallan polo país -neste eido as declaracións de Anxo Quintana non axudan moito- e ahí é onde saca vantaxe, polo momento, Santiago Rey, ó ser o editor do diario máis lido de Galiza, unha realidade que non vai cambiar nos vindeiros meses, nin sequera coa aparición do novo xornal. Isto pode supor unha desvantaxe pra os intereses do BNG ó atoparse nuha situación límite, a diferencia de La Voz.

Neste contexto, no que parece reconfigurarse o papel de dous dos actores máis importantes na area sociopolítica, partidos políticos e medios de comunicación, é cando máis queda de manifesto a complexa -e fráxil- relación que existe entre uns e outros. Por un lado, os partidos políticos, que sempre tentarán utilizar os medios como pezas da súa propaganda; polo outro, os medios de comunicación que, invertindo a situación, poden utilizar ós partidos para os seus propios intereses.

Noticias relacionadas:

La Voz é o xornal que máis crece…

A intención de voto do BNG cae 1,3 puntos en 5 meses

A prensa reclama axudas para superar o ‘crash’ publicitario

Por unha Universidade virtual galega XA!

GZNación faise eco dunha iniciativa do BNG, defendida por Francisco Jorquera, na que se denuncia unha “situación anómala xa que a UNED permite a presentación de teses en linguas estranxeiras pero non acepta os traballos de investigación realizados nas linguas cooficiais”. O que se pide ó Goberno do Estado, dende o BNG, é que realice “as xestións oportunas ante a UNED para que admita a presentación e leitura de teses de doutoramento en galego, catalán e éuscaro”.

Os partidos cataláns -que son tres no Congreso dos Deputados- e vascos -dous se incluimos a Nafarroa Bai- nunca se lles ocorreu facer semellante reclamación tras tantos anos de discriminación -os meus parabéns para ó BNG-. Iso sí, no caso dos partidos cataláns existe unha xustificación máis que notable: teñen a súa propia universidade a distancia, a Universitat Oberta de Catalunya, unha universiade virtual que leva formando universitarios dende 1994, alcanzando na actualidade unha comunidade de máis de 100.000 persoas, con presenza en 46 países, utilizando de xeito intensivo as tecnoloxías da información.

A UOC é unha iniciativa posta en marcha pola Universitat Politécnica de Catalunya, polo grupo Planeta e a Generalitat de Catalunya. Os responsables de CiU, entón liderados por Jordi Pujol, pareceulles máis axeitado crear a súa propia universidade a distancia que reclamar o uso do catalán na UNED. Grazas a esa iniciativa, hoxe, Catalunya, non só ofrece formación universitaria a distancia en catalán para os seus cidadáns, senón que compite coa UNED polo ensino a distancia en castelán, ofrecendo ó estudante un modelo innovador, de calidade, encadrado na sociedade do coñecemento.

Foi tal o éxito acadado pola UOC, tanto a nivel estatal como internacional, que esta iniciativa foi copiada recentemente pola Comunidade de Madrid que, coa colaboración do Centro de Estudios Financieiros (CEF), puxo en marcha, neste curso, a súa propia universidade a distancia virtual, a Universidade a Distancia de Madrid (UDIMA).

Supoño que cando se fala desa mentalidade de leiriña que padecen certos lideres políticos galegos refírense este tipo de cousas. Cando un partido, o BNG, ten os instrumentos necesarios para impulsar, dende o Parlamento de Galiza, unha iniciativa ambiciosa, a creación dunha Universidade virtual galega, confórmanse con reclamar no Parlamento do Estado un pequeno eido na UNED, o uso do galego na realización dunha tese.