Moito lle gusta ó Sr. Suarez Canal falar de política de transparencia. Mente. Non se pode falar de transparencia nunha empresa como SEAGA na que non todas as categorías saen a concurso público: por primeira vez en tres anos aparece a categoría de oficial administrativo e auxiliar administrativo na páxina web, logo, quen ocupou eses postos ata agora e por que sistema? Sobran as respostas. É só un exemplo, sucede o mesmo en moitos outros postos da empresa: técnicos de riscos laborais -si se crearon catro postos en 2007, pero temporais… e nunca máis!-, responsables de distrito, persoal de limpeza,… Quen limpa a suciedade en SEAGA? Non existe unha sóa praza convocada nesta categoría para facer a limpeza tanto nas súas instalación permanentes (estas cinco) como temporais -por exemplo, bases aéreas-. Quen realiza eses traballos? Unha de dúas: ou persoas escollidas a dedo ou traballadores doutras categorías de xeito fraudulento ó realizaren traballos que non son propios da categoría.
Non se pode falar de transparencia cando non existe unha RPT (relación de postos de traballo) na que se indique que postos se van a cubrir, duración dos contratos ou o ámbito territorial. Non pode ser que unha persoa de Lugo, Ourense ou Pontevedra se inscriba nunha categoría como a de “operador codificador” e logo só se convoquen prazas para o ámbito territorial de A Coruña. Iso sucedeu no 2008. Aí non só falla a claridade do proceso senón que se crea un claro perxuizo ó traballador que aspira esa praza xa que logo non poderá estar inscrito en máis de dúas categorías diferentes.
Non se pode falar de transparencia cando os únicos que coñecen a RPT a cubrir son unhas cantas persoas do entorno do Sr. Suárez Canal, e se incumple pola empresa, reiterandamente, o deber de información que ten todo traballador de SEAGA de coñecer da existencia de postos de traballo vacantes, sexan ou non da súa categoría, co fin de garantir as mesmas oportunidades de acceso a postos permanentes que calquer outro traballador. Esa información non está nin nas sedes de SEAGA nin na páxina web. Logo o Conselleiro mente.
Os traballadores de SEAGA tampouco teñen acceso efectivo a formación continua profesional, limitándose a formación que reciben a cursos de obrigado cumplimento para o desenrolo do seu posto de traballo, pero non para mellorar a súa cualificación e favorecer a súa progresión e movilidade funcionais. Non lle interesa a quen dirixe esta compañía que moitas persoas teñan posibilidades de promocionar e acceder a postos reservados para a nova xeración de caciques.
Non se pode mentir, unha e outra vez, como fai o Sr. Suárez Canal ó dicir que tiveron que recorrer ó INEN para cubrir a oferta de emprego de SEAGA. Iso sucedeu só nalgunhas categorías, como a de peón ou peón especialista, categorías que, por certo, foron as únicas que anunciadas nos medios de comunicación -unha vez se ampliou o plazo, non antes- porque non se cubriu a oferta. Ningunha outra categoría foi publicitada en ningún medio de comunicación. Mente unha vez máis o Sr. Suárez Canal ó falar de publicidade no procedemento.
Mentiu o Sr. Suárez Canal ó falar, no debate do mércores, de máis de 700 traballadores contratados por SEAGA no 2008. E tanto que son máis, son máis de 2.400 tal e como se recolle nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2009. Avergóñase o Conselleiro de crear tanta temporalidade? Tanta precariedade laboral? Pois ainda non se avergoña moito, si así fose non sería o candidato por Ourense do BNG.