Crise e transformación dos partidos políticos

Os partidos políticos recibiron, dende sempre, abundantes críticas procedentes de tódolos horizontes ideolóxicos. Reprochóuselles que son un factor de división social ou de clase, e acúsaselles de constituír instrumentos de opresión do individuo. Máis recentemente, denúnciase que os partidos –obsesionados polos procesos electorais– amósanse incapaces ou pouco eficientes para a elaboración de políticas públicas que respondan ás verdadeiras necesidades da cidadanía, mudando a súa natureza orixinaria, deixando de ser organizacións sociais con un interese prioritario cara os seus afiliados para adquirir trazas propias das institucións políticas.

O BNG non é alleo esta transformación xa que tamén reorientou as súas actividades e preocupacións en consonancia co papel que xoga nas distintas institucións públicas. Estas funcións -claramente representativas- resúmense, de xeito efectivo, en dúas:

  1. Formar e proporcionar elites políticas para loitar polo poder.
  2. Ocupar o goberno no caso de gañar ou pasar a oposición no caso de perder.

A tendencia irrefreable das organizacións cara o elitismo, a menor dependencia das súas bases para sobrevivir economicamente, a falla de identificación entre clases sociais e un partido político concreto e a influencia dos avances tecnolóxicos nunhas organizacións, como os partidos, que dependen da comunicación social, explica que os partidos perdan militancia e/ou sexa menos activa e, sobre todo, que perdan crédito ante a opinión pública fronte ó papel dos outros actores colectivos: grupos de interese, organizacións non gobernamentais, medios de comunicación, etc.

Os partidos que sucumbiron estas novas esixencias son os partidos de electores (denomidados por Otto Kircheimer en 1966 como catch-all parties, literalmente “partidos que buscan atrapalo todo”) e que responden as seguintes características:

  1. Non se dirixen a un electorado concreto
  2. Programas políticos pouco definidos
  3. Carencia dunha estrutura organizativa orientada cara a militancia
  4. Reprodución de estruturas burocráticas dos partidos de masas para a selección de candidatos
  5. Buscar ter un líder que os identifique con claridade ante a sociedade -xa que o programa non o fai- e monopolice a súa imaxe pública.

Estas características lembran moito ó BNG que perdeu as eleccións o pasado 1 de marzo e que, algúns sectores da organización, queren manter cara o futuro. Dos seus perigos xa advertira nun artigo pasado: para todos. A adopción deste sistema tamén levou a perda de receptividade sen gañar nada en control.

Pérdese receptividade, primeiro, porque o partido non se concentra en artellar e defender unhas peticións concretas, senón en propor uns programas amplos, moitas veces abstractos, difundidos a través dos mass media e, segundo, porque viven máis pendentes das enquisas e estudos de opinión que da súa militancia. Pérdese en control xa que, ó ser cada vez menos receptivos cas demandas dos seus afiliados, redúcese a transparencia e aumenta a corrupción.

Tamén compre recoñecer o efecto negativo da excesiva presencia que ten os partidos que, ó ocupar case en exclusiva o escenario político-institucional, dificultan, nalgunhas ocasións, a comunicación entre a sociedade e o goberno, en lugar de facilitala. En Galiza sobran exemplos: CIG, SLG, GNSN, FSGal,… O BNG non pode aspirar a  monopolizar a interlocución de tódolos sectores do nacionalismo galego.

O BNG ten o deber de reformar algúns dos aspectos desviados do seu funcionamento interno e facerse, así, máis permeable ós cambios sociais e xeracionais xa que, hoxe en día, ábrense novos espazos de debate político e de intervención social, aproveitando as novas condicións sociais e tecnolóxicas, que permiten unha participación máis activa da militancia. Con este obxectivo, e como ven suxerindo a ciencia política ós partidos, compre por en marcha iniciativas para limitar os mandatos dos cargos a dirixentes, como xa se fixo noutras etapas, facilitar a participación dos simpatizantes na súa designación, facer máis transparente o financiamento,…

Chegados esta encrucillada, é lícito preguntarse si pasou xa o seu momento e si hai algunha alternativa ós partidos, sen embargo, a mellor alternativa ós partidos na súa condición actual non pode ser a súa eliminación, senón que debe ser a súa transformación. O BNG contou historicamente cun sistema asemblear directo, participativo, moi efectivo de cara a sociedade. Os cambios introducidos nos derradeiros anos non demostraron vantaxe algunha na implantación do nacionalismo nesa mesma sociedade, máis ben todo o contrario. Por iso, unha sociedade como a nosa, na actualidade moito máis complexa e con demandas máis diversificadas que dificultan a formulación dun discurso global propio dun partido de masas, continúase reclamando a presenza de mediadores entre sociedade e institucións que –sen ter a exclusiva desta mediación– articulen algunhas das grandes propostas de carácter integrador. Esa é tarefa que desenrolou o BNG nos seus primeiros vinte anos de historia e a que ten que volver no futuro. De aí a necesidade refundación.

Actualización do 22 de maio: a opinión de Iñaki Gabilondo sobre a crise social dos partidos políticos.

Novidades lexislativas de abril

1) Emprego. Medidas urxentes. Resolución de 26 de marzo de 2009, do Congreso dos Deputados, pola que se ordena a publicación do Acordo de consolidación do Real Decreto-lei 2/2009, de 6 de marzo, de medidas urxentes para o mantemento e o fomento do emprego e a protección das persoas desempregadas. BOE 03/04/2009.

2) Traballadores autónomos. Resolución de 18 de marzo de 2009, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se establece o procedemento para o rexistro dos contratos dos traballadores autónomos economicamente dependentes. BOE 04/04/2009.

3) Seguridade Social. Reintegro de prestacións. Real Decreto 359/2009, de 20 de marzo, polo que se modifica o Real Decreto 148/1996, de 5 de febreiro, polo que se regula o procedemento especial para o reintegro das prestacións da Seguridade Social indebidamente percibidas. BOE 10/04/2009

4) Formación profesional para o emprego. Resolución de 17 de marzo de 2009, do Servizo Público de Emprego Estatal, sobre prazos de inscrición de centros e entidades de formación que impartan accións formativas dos plans dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados. BOE 14/04/2009.

5) Seguridade Social. Orde TIN/971/2009, de 16 de abril, pola que se establece a compensación de gastos de transporte nos casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais e de comparecencias para a realización de exames ou valoracións médicas. BOE 21/04/2009

6) Convenios colectivos de traballo. Resolución de 21 de abril de 2009, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica o Acordo Tripartito en materia de solución extraxudicial e conflitos laborais. BOE 27/04/2009

7) Medidas económicas. Resolución de 23 de abril de 2009, do Congreso dos Deputados, pola que se ordena a publicación do Acordo de consolidación do Real Decreto-lei 3/2009, de 27 de marzo, de medidas urxentes en materia tributaria, financeira e concursal ante a evolución da situación económica. BOE 29/04/2009.

8) Clases pasivas e indemnizacións sociais. Real Decreto 710/2009, de 17 de abril, polo que se desenrolan as previsións da Lei 2/2008, de 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para 2009, en materia de pensións de Clases Pasivas e de determinadas indemnizacións sociais. BOE 30/04/2009

Tensións entre legalidade e lexitimidade no BNG

A tensións entre legalidade e lexitimidade xurden cando non existe coincidencia entre o legal e o lexítimo, isto é, cando una actuación que é legal non é aceptada voluntariamente por outros actores involucrados, ou viceversa, cando una actuación é lexítima, axustada ós valores e crenzas da sociedade, pero está prohibida pola lei. A estabilidade política depende de que ambas situacións, legalidade e estabilidade, se den a un mesmo tempo.

Guglielmo Ferrero fala dos principios de lexitimidade en “O Poder. Os Xenios invisibles da Cidade”, onde o autor relata [pax. 29] como “tras séculos de disputas os suizos admiten pacíficamente na actualidade (a obra data de 1942), que estes dous principios de lexitimidade –en referencia ó principio electivo e ó principio democrático- e as regras que aseguran a súa aplicación, son xustas e razoables, de maneira que todos os habitantes da confederación –Helvética- están plena e firmemente convencidos de que os gobernantes, nomeados seguindo as disposicións da constitución ostentan en boa lide o poder do mando, de igual xeito que o pobo […] está obrigado […] a obedecer os designios dos seus gobernantes”. Para G. Ferrero os principios de lexitimidad [pag. 30] “non son máis que xustificacións do poder”.

O poder é unha das cualidades que nos diferencian a unhas persoas doutras que máis necesitan ser xustificadas, por elo é necesario que as normas que nos obrigan a seguir un determinado comportamento deben ser xustas e razoables, de non selo non nos sentiríamos obrigados a obedecelas.

Dentro do BNG as tensións entre legalidade e lexitimidade xurdiron trala celebración da derradeira Asemblea Nacional Ordinaria na que por maioría dos militantes presentes se decide poñer fin a unha norma fundamental do nacionalismo: o carácter asembleario da fronte nacionalista a tódolos niveis. É certo que obtivo a maioría de todos os que quixeron acudir (máis ou menos a cuarta parte dos militantes) e entre os que o fixeron obtivo o apoio do 60%. Non se pode discutir a legalidade deste cambio pero sí a súa lexitimidade.

Entre as razóns que se aduciron están a de mellorar a operatividade destas Asembleas, a falla de espazo para unha militancia tan ampla, o custo de organizar este tipo de actos, a necesidade de facer un partido máis moderno e dinámico, etc. etc. Na actualidade vemos que non é así. Fai uns meses celebróuse unha Asemblea Nacional Extraordinaria para elexir o candidato do BNG a Xunta e decidiron que a ese acto debían acudir 1.500 delegados. Para que tantos? Ninguén discutía quen ía selo candidato, logo por razóns económicas, espaciais e técnicas chegaban menos, por exemplo 250, non? O problema é que, ademais, se quería utilizar ese acto dun xeito propagandístico: a militancia entregada ó seu lider. Para facer iso sería mellor unha Asemblea aberta a todos pero iso non era posible, ou mellor dito legal, porque os estatutos esixen que sexa por delgados; tamén se podía decidir que cada militante se correspondese cun delegado, pero poderían colarse moitos críticos e non interesaba, publicitariamente, trasladar unha imaxe crítica da militancia cara ó exterior.

Agora estamos na véspera doutra Asemblea Nacional Extraordinaria -cando se celebran dúas tan xuntas é que algo se fixo mal nas precedentes- a que poderán acudir un máximo de 2.500 delegados, e dicir, máis ou menos o número de persoas que viña asistindo habitualmente sen necesidade de andar en liorta uns compañeiros con outros; o que ocorre é que deste xeito quen controla os resortes da organización pode tamén controlar, usando a súa posición dominante, o desenrolo dese proceso que leva a cada delegado a ANE.

O certo é que as razóns esgrimidas para mudar unha das regras fundamentais do nacionalismo, o asemblearismo da AN, perden toda a súa forza si temos en conta o desenrolo do proceso que, para comenzar, sae moito máis caro que realizar unha Asemblea aberta, pois agora é preciso contactar primeiro coa militancia para elaborar esas listas, acudir a unha asemblea comarcal a debatelas e votalas pra finalmente voltar a AN. Polo método tradicional os dous primeiros pasos aforrabanse. Técnicamente tamén resulta máis complexo, polas mesmas razóns.

Si o actual sistema resulta pouco razoable, pois non demostra ser mellor que o antigo, si se amosou sobradamente inxusto. É inxusto porque as maiorías dominantes nas comarcas cerran o camiño da AN as minorías, que estarán desta vez menos representadas que nunca e si hai algo que non lle sobra ó nacionalismo, nestes tempos, é base social. Estorba a algúns, certo, pero non sobra ó nacionalismo. Así é lóxico que, por moi legal que resulte ser o proceso, ó ser tamén irracional e inxusto para moitos ncionalistas, e polo tanto ilexítimo, non se sintan logo obrigados nin comprometidos co proxecto.

Quen sabe si tras séculos de disputas o proceso se voltará pacífico… poderemos esperar tanto?

Balance da era Quintana no BNG

Xerais de 2004: o BNG perde máis de 90.000 votos (pasa de 306.268 votos nas xerais do ano 2000 a 208.688 neste ano) e un deputado.

Europeas 2004: o BNG perde  máis de 200.000 votos (pasa de 349.079 votos nas europeas do ano 1999 no conxunto do Estado (335.193 na circunscripción galega) a 141.756 votos en Galiza) e un eurodeputado..

Galegas 2005: o BNG perde preto de 35.000 votos (pasa de 346.430 nas galegas 2001 a 311.954 nas do 2005) e catro deputados.

Municipais 2007: o BNG perde arredor de 10.000 votos (pasa de 325.331 votos nas municipais de 2003 a 315.279 nas últimas municipais).

Xerais 2008: o BNG gaña  preto de 4.000 votos (pasa de 208.688 votos en 2004 a 212.543 no 2008). Parecía un punto de inflexión… non foi así.

Galegas 2009: o BNG perde máis de 41.000 votos (pasa de 311.954 votos no 2005 a 270.712 neste ano), un deputado e o dereito a designar un senador na Cámara Alta do Estado (en realidade este dereito xa se perdera  no ano 2005 seguindo o sistema de elección que tradicionalmente se usou no parlamento galego).

Resulta paradoxal que as mesmas persoas que formaron parte deste proxecto agora concurran a Asamblea Nacional Extraordinaria baixo o nome de +BNG, os mesmos que fixeron que o BNG actual sexa moito menos daquel que lle deixaron. Este grupo cre que todo é posible a base de imaxe e propaganda, tanto que incluso toman prestado os lemas utilizados nas derradeiras campañas electorais polo BNG e que, a vista dos resultados, tanta gloria nos deron, partindo do “máis forza en Madrid!” das xerais, pasando polo “máis avances!” das galegas ata chegar ó +BNG co que se presentan a Asemblea Nacional. Mentres tanto, a realidade vaise afastando do mundo imaxinario que crea a súa propaganda, xa que agora temos menos militantes, menos votos, menos concelleiros, menos deputados,… -BNG.

A vulnerabilidade ideolóxica do nacionalismo, onde está?

Falaba Anxo Quintana nunha primeira reflexión feita logo das eleccións galegas do 1 de marzo que o BNG non soubera ler a realidade política e social de Galiza. Dando por bo este argumento só queda por en dúbida todas as demáis interpretacións e analises feitas por aqueles que logo da xornada electoral descubriron unha nova Galiza.

Unha desas análises, a elaborada polo Consello Nacional do BNG para avaliar os resultados electorrais, fala da fraxilidade ideolóxica da base electoral do nacionalismo sinalando que o retroceso do BNG ten a súa causa principal na desafección dos sectores electorais máis críticos e esixentes que á súa vez móstranse claramente vulnerábeis.  Só lle quedou decir que somos parvos, que somos parvos por defender a nosa paisaxe (GNSV), ós nosos traballadores (CIG), ós nosos gandeiros e agricultores (SLG),… por defender o que sempre se defendeu dende o nacionalismo: a nosa terra. Que esperaban? Esperaban que dende estas organizacións se mirase para outro lado mentres se apoiaba o Plan Acuicola, a Reganosa, a explotación de canteiras ilegais ou as concentracións parcelarias salvaxes; esperaban aplausos e palmadiñas mentres se cerraban acordos coa  CEG ou se puñan a disposición das empresas que crean o emprego máis precario de Galiza (por exemplo, as textís) millóns de metros cadrados e millonarias subvencións sen esixir melloras para os traballadores; … é máis, dende algunha consellería practicouse un neoliberalismo tan agresivo, como ben denuncia a CIG sobre SEAGA, que se chegou incluso a presionar a algún sindicato para que non defendesen a traballadores despedidos por aquela.

Pese ás críticas feitas nas Asembleas Comarcais esas desafortunadas verbas volven a reiterarse no documento político que se debatirá na Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio (pregúntome si de verdade os Responsables Comarcais cumplen a súa función de elevar ó Consello Nacional o discutido nas comarcas. Pode que esa sexa a causa do descoñecemento que boa parte dos seus membros tiñan da realidade galega); pero non abonda con iso, pois, ó mesmo tempo que se fala da súa “vulnerabilidade” contemplase para o futuro máis colaboración e cordinación coas organizacións sindicais, socio-profisionais, empresariais, culturais e ecoloxistas. E todo isto sen asumir responsabilidade algunha, nin facer unha mínima autocrítica e, moito menos, sen que ninguén pida desculpas. Como se pode falar dunha relación fluida  e constante cos movementos sociais por quen ata fai pouco os consideraban “inimigos do nacionalismo”, “desleais con Galiza”, “traidores da patria”,…? 

Estas declaracións de intecións recollidas no documento político non resultarán cribeis para quen escribe mentres os que verteron lixo sobre estas organizacións sociais, mentres os que realmente resultaron vulnerables ideolóxicamente,  non se desulpen e asuman as responsabilidades políticas.

Cuarta vía

Cuarta Vía é unha iniciativa dos compañeiros do BNG de O Ribeiro; unha alternativa que pretende:

  1. Recuperar o asemblearismo, tamén nas comarcas.
  2. Dotar á militancia de información e participación nas decisións.
  3. Integrarse e participar nos axentes sociais.
  4. Separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG.
  5. Recuperar a rúa.
  6. Volver ó discurso soberanista.
  7. Defender a lingua sen ambaxes e usala como é debido.
  8. Escoitar a todas as correntes internas.
  9. Ampliar a base militante.
  10. Recuperar o camiño nacionalista e de esquerdas.

Concordo con cada un dos seus puntos así como cos principios e razóns que motivan a súa presentación. Poden lelo seguindo este fío.