Estatuto de Galiza. Estatuto da Nación?

Voltamos a estar en campaña electoral e, como non, voltamos ó discurso do Estatuto de Nación. Eu pregúntome que temos que ver a nación con iso, porque ninguén nos preguntou a nosa opinión, ninguén nos pediu -a cidadanía- que diseñemos a Galiza do futuro. Non hai propostas do pobo, non hai debate entre pobo e, por suposto, non hai unha administración política que canalice as nosas conclusións. Como é posible chamarlle Estatuto de Nación a unha proposta feita as costas dos integrantes desa nación? Sobre este asúnto versaba a mensaxe deixada hoxe nas caixas dos tres candidatos a Xunta de Galicia:

Un dos maiores fracasos da pasada lexislatura foi a non elaboración dun Estatuto de Galiza e trátase este dun fracaso de todas as forzas políticas no seu conxunto.

Polo que levo visto, oído e lido no que vai de precampaña estanse pondo outra vez as mesmas pedras que levaron ó fracaso do proxecto anterior o que me fai pensar que, realmente, existen poucas ganas de lograrun novo estatuto para Galiza.

Eu envexo o Estatut de Catalunya, pero máis qe polo seu contido, que tamén, pola forma en que foi elaborado. O Estatut é o resultado dun proceso participativo no que tivo un gran protagonismo internet. Así se recolle nun informe da Generalitat de Catalunya que di así no seu resumo:

“Durante o segundo semestre do ano 2004, en Catalunya vivíuse un fenómeno inédito. O Gobierno da Generalitat iniciou un proceso participativo co obxetivo de informar e de facer participar á cidadanía na redacción do novo Estatuto catalán. O obxetivo do proceso participativo era tan sinxelo no seu diseño como complexo na sua execución: por ó alcance da cidadanía diferentes medios para recoller as suas demandas, opinións e reflexións en relación co Estatuto e envialas, íntegramente e a través dunha análise sintética, á ponencia parlamentaria encargada de elaborar a proposta de reforma, previamente o inicio dos seus traballos.

Internet foi unha desas canles e así naceu unha páxina web, que estivo activa durante cerca de cinco meses co obxectivo de recoller propostas e informar á cidadanía. Neste periodo de tempo recibiu 86.757 visitas, serviu máis de 700.000 páxinas, recolleu 4.530 aportacións escritas e a cidadanía utilizou os foros de debate para enviar máis de 9.500 mensaxes.”

O Estatut de Catalunya foi por encima de todo un Estatut participativo, onde tódolos cidadáns, organizacións e movementos sociais fixeron propostas e debateron dos foros creados pola Dirección Xeral de Participación Cidadana da Generalitat de Cataluña (algo que aquí non temos nin en proxecto). Aquí non se debateu siquera polas bases dos partidos políticos.

Considero que si realmente tivesen vostedes a vontade de elaborar un novo Estatuto para Galiza comezarían de cero e deixarían que fose a sociedade galega a que puxese os primerios piares nos que se sustentase o noso futuro e, deixarían tamén, de usar este asunto como unha arma arroxadiza. Non se pode enredar na area sociopolítica co futuro dun pobo.

Queren vostedes realmente un Estatuto para Galiza sin contar coas demandas formais dos galegos?

O que realmente é envexable do Estatut é o método escollido para a súa elaboración. Non se pode copiar outro estatuto e presentalo no Parlamento galego sen máis, sen ser antes discutido pola sociedade. Considero que un estatuto debe ser trazado, dende o primeiro artigo, pola cidadanía, os partidos, as organizacións sindicais, empresariais e movementos sociais (culturais, ecoloxistas, deportivos, feministas,…). Niso si é envexable o procedemento levado a cabo polo goberno catalán 100% participativo. Débese imitar o método procedimental, non o articulado. Débese presentar entre toda a sociedade, non unilateralmente…

Crise, que crise?

Ou debería dicir: crise, que crise! Antes non sabían por onde viña e agora que xa chegou, non saben por onde se vai ir. Nin cando. Témola aquí entre nós, seguímola cada día coa mirada e cos oídos, falamos mal dela, moi mal, non nos gusta a ninguén, molestanos que esté aquí, pero ninguén fai nada para que se vaía… uns por outros e ela segue aí. Inmóbil. Falo da crise… e dos políticos. O certo e que moitos xa desconfiamos que se queiran desfacer dela, as medidas tomadas non son o resultado dunha verdadeira análise de fondo do problema senón froito dunha tirada de dados (que, desgraciadamente, ten máis caras que unha moeda). Eu tampouco teño a solución para pola fora, pero si teño máis preguntas, quen sabe si coñecéndoa ben…

Hai un ano algúns estábannos promentendo o pleno emprego e agora resulta que levamos seis meses en recesión. Defenderse deste feito dicindo que non se estaba mintindo senón que se descoñecía a magnitude da crise económica da medo, da medo ter uns dirixentes ignorantes, moito máis que uns dirixentes mentireiros.

Naquela campaña, na que se descoñecía a realidade económica, anuncióuse unha medida para fomentar o consumo, os famosos 400 € de Zapatero. medida que, ademais de non producir os efectos desexados, deixou o goberno sen capacidade de maniobra futura (agora séguense pondo en marcha novos plans “anticrise”, pero a conta do endebedamento de todos). Aparte, aquela promesa foi malinterpretada por moitos votantes, que se creron beneficiarios sen selo, provocando o conseguinte cabreo a posteriori (despois de votar, claro).

Agora é Anxo Quintana quen lle promete ós parados 500 € extras cada semestre (unha promesa así so se pode facer dende a posición de quen cré que o home é o único animal que tropeza duas veces na mesma pedra), porque seica os parados daquí cobramos menos. Porqué cobramos menos? Iso é o de menos…

Non, iso é o relevante. Cobramos menos porque cotizamos menos e nisto ten unha responsabilidade directa as institucións públicas. Moitos dos postos de traballo que son creados no país son forito de necesidades públicas pero non sempre as contratacións son feitas polas administracións, onde os traballadores teñen máis dereitos recoñedidos froito do diálogo social (si, diálogo).

Volvo a SEAGA, empresa na que me estou “especializando” (non se enganen, non é o único exemplo, hai a patadas polo país, pero a min déume por aí), que recibe encomendas da Xunta de Galicia, onde os seus traballadores teñen piores condicións económicas, laborais, formativas,… que dependendo directamente da Xunta. Logo SEAGA subcontrata a outras empresas, como a do concelleiro do BNG de Molgas ou ó das  Cabras do Xurés, tamén do BNG. Enfín… si os dereitos dos traballadores empeoraban xa en SEAGA con respectoo a Xunta, nestas empresas… (mellor calo). Xa llo comentara noutra ocasión así que non o vou repetir.

Para que os parados galegos converxan cos do resto do estado é preciso que os traballadores galegos se lles garanta os seus dereitos e, claro, si non o fan as institucións públicas que vostedes dirixen (Xunta, Deputacións e Concellos) como o van facer as empresas privadas. A solución non pasa por dar cartos (os cartos acábanse!) senón pola esixencia do cumprimento dos dereitos laborais e levando a cabo políticas que non primen as empresas que non os cumplen.

Por exemplo: a Xunta de Galicia vai por a disposición de Adolfo Domínguez un millón de metros cadrados no Val da Rabeda. ¿Que ofrece a cambio esta empresa os cidadáns que lles financiamos eses terreos? Precariedade laboral (salarios báixos, temporais,…), conxelacións de salario, etc. e a ameaza permanente da deslocalización.

Calquer persoa sensata acaba dándose conta de que as nosas administracións son títeres en más das empresas privadas (miren como Fenosa ainda mantén o seu dereito de pernada sobre Galiza), que son elas as que realmente gobernan o país, calquer país, e os poderes políticos pouco máis poden facer que someterse ós seus designios.

Desta vez máis que unha pregunta vou facerlle unha proposta: propóñolle que me convenzan do equivocado que estou. Poderán?

Xustiza e Sanidade

Xuntar estes dous temas nun só pode parecerlle a alguén que estou misturando touciño con velocidade pero unha cousa ten moito que ver coa outra ou, mellor dito, unha cousa acaba levando a outra (e a veces, viceversa). Así llo plantei hoxe os tres candidatos que, como ben sabedes, andan moi atarefados, e non poden respostar as miñas dúbidas. Este rítmo vou seguir indeciso o día 2 de marzo.

Preguntaranse que ten que ver unha cousa coa outra. Agora llo explico: cando unha persoa doente é vítima dunha neglixencia médica, onde acaba? No xulgado -non todos, algúns no cemiterio-. Non existe a mínima posibilidade de que un centro sanitario público recoñeza os seus erros e indemnice o paciente polo dano causado, nin sequera cando o feito é flagrante.

Logo de tantas preguntas, nas que vou introducindo experiencias propias, vostedes dirán, pois si que tivo un ano negro este home! Pode ser, pero eu que non creo na mala sorte, considero que todo o que a min me sucede ocórrelle tamén tódolos días ó resto de cidadáns.

Dentro dunha semana fai un ano que acudín a un centro sanitario porque me levantei doente. Acudín ó C.H. Cristal Piñor de Ourense onde, sin facerme proba algúnha do mal do que me queixaba mándanme pra casa con menciña pra dor de cabeza e para o catarro (a verdade é que tamén andaba algo arrefriado). Seica un non pode enfermar un domingo de Entroido! Os catro días estaba moito peor. Desta vez, logo de facerme tódalas probas que antes non me fixeran, diagnósticanme unha patoloxía que nada tiña que ver coa que me trataran e ponme o tratamento… o día seguinte! (daquela os médicos estaban en folga). O resultado é que tratar esa enfermidade tan tarde fai que a miña saúde non poida reverter ó estado inicial, mentres que si me tratasen o primeiro día (claro que para iso había que facerme as probas naquel momento, naquel domingo de Entroido) agora mesmo non tería ningunha secuela e, seguramente, estaría moito menos cabreado.

Puxen unha reclamación en ‘Atención o Paciente’ e a súa resposta é que o trato que me deron foi o adecuado. Estiven a piques de mandarlle un xamón de guijuelo ó responsable!

A saída que queda nestes casos -a min e a calquer outro paciente- é a xustiza… e aí atópome, de novo, cunha lista de espera con máis de 5.000 casos por resolver. Sí, eses son os casos que ten na actualidade o Xulgado de Instrucción nº 1 de Ourense segundo traballadores do Pazo de Xustiza.

Os xulgados están ateigados, en boa parte polo funcionamento (o correcto sería decir malfuncionamento) irresponsable das administracións. Por iso a solución ó colapso da Xustiza non pasa sóamente por dotar de máis medios ós xulgados, que tamén, senón de liberar as administracións de dirixentes e funcionarios irresponsables.

Entre os casos que se atopan nese mesmo xulgado está unha denuncia por unhas canteiras en Xunqueira de Ambía, denuncia que se podería ter evitado si o concello (do PP), a Consellaría de Medio ambiente (do PSOE) e/ou a Consellaría de Industria (do BNG) fixeran ben o seu traballo… e así ata o infinito! Os xulgados, como último recurso que son para a cidadanía, son os que sufren máis directamente o malfuncionamento do resto da administración pública -xunto co administrado, claro-.

Mentres tanto, os cidadáns que sufrimos primeiro as neglixencias dunha administración, logo imos ter que soportar a posteriori a lentitude doutra, a da Xustiza. Somos vítimas dos seus erros por partida dobre.

Existirá algunha vez unha administración -especialmente na Sanidade- que sexa imparcial a hora de dirimir conflictos entre o administrado e os actos dos seus traballadores, sen ter que recurrir a vía xudicial? Algún de vostedes vai por fin ó corporativismo das administracións -agora que tanto se critica o da Xustiza- e garantirá que o administrado sexa recompensado polos danos que esta lle cause sen necesidade de ter que acudir sempre a xustiza?

Despoboamento e avellentamento no rural

No rural non sobra ningún vello pero falta xente nova. O desequilibrio xeracional é tal que cada ano aumenta o número de pobos que quedan sen veciño algún. É difícil reter a xente nos pobos cando non se lle pode garantir o mesmo nivel de vida que calquer outra persoa ten nunha cidade: suministros, administracións, ensino, información, actividades sociais e culturais… unha carencia que sería fácilmente subsanable coa implentación das novas tecnoloxías da información e do coñecemento pero, para a empresa privada non é rendible dar servicios a poboacións pequenas e lonxanas e, para as administracións, non é algo prioritario. Cada vez que hai eleccións fálase de WI-FI, WI-MAX,… inaugúranse un par de antenas -pra foto- e pasado este periodo esquecense de todo. A pregunta de hoxe é a seguinte:

“Galiza crece no entorno das súas grandes cidades, mantense en seis urbes e afúndese o padrón en dous tercios dos concellos galegos. Nas provincias de Lugo e Ourense, o descenso afecta o 75% dos concellos. Así se resume no derraeiro ano de movimientos demográficos que acaba de facer público o Instituto Nacional de Estadística (INE)”.

Esta é a cabeceira dunha nova que publicou o 3 de xaneiro La Voz de Galicia. Non colle a ningún galego por sorpresa pois, a mesma nova, vense repitindo ano tras ano.

As políticas do medio rural son un fracaso, son unhas políticas que non permiten innovar, crear ou crecer, simplemente sobrevivir e, cando iso non é posible, só queda fuxir. Unha boa parte das persoas que ainda quedan no rural galego faino con explotacións agrícola-gandeiras de subsistencia sustentadas polos subsidios europeos, subsidios que pronto chegarán a súa fin.

Para cando iso ocorra atoparémonos cun país que non sóubo aprobeitar as axudas da Unión Europea para modernizar o medio rural, para especializar os seus campesiños e gandeiros, nin para crear unha verdadeira industria transformadora dos bens aquí producidos. Non é así noutros países de Europa, como Francia, onde contan xa con macroproxectos como a AGROPOLE, mentres aquí seguimos enredados coa infracultura das concentracións parcelarias.

Pregúntome si lles preocupa o abandono do medio rural, lamentablemente non para a Galiza urbana, senón para fora da nosa terra e, pregúntolles, cales son as súas solucións a este problema, xa secular, que ten tintes de converterse en dramático si temos en conta o avellentamento dos nosos pobos.

Oiremos falar de tódalas maravillas que se ten feito no medio rural -cantos de seréa dirixidos a poboación urbana; só eles poden, por descoñecemento, crer todo o que se di- para mellorar as condicións de vida pero logo, porque segue desaparecendo a poboación? O pior é que esa poboación nin sequera vai para as cidades galegas, nas que tampouco existe moita saída laboral, senón para fora de Galiza. O éxodo de galegos parece non ter fin.

Artigo relacionado: O minifundio : ¿residuo do pasado ou proxecto de futuro?, de Xoan Carlos Carreira

A Política de Emprego (II)

A verdade é que este tema daría para falar toda a campaña pois, dende a Xunta de Galiza, véñense cometendo verdadeiras atrocidades dende tempos inmemoriais -refírome a miña memoria-. Sobre as políticas externalizadoras da Xunta de Galicia tamén falara neste blog con anterioridade e, si entón me preocupaba, porque non planarllo agora ós candidatos?

A pregunta de hoxe entronca coa de onte. Nos derradeiros anos -non só os catro últimos, senón moitos máis- a externalización dos servizos públicos é unha constante. Xustifícanna uns dicindo que a empresa privada xestiona moito mellor (isto, nos tempos que corren, pode catalogarse xa como un mito) e outros en aras de crear unha administración máis moderna. Non é así, no fondo o que procuran, uns e outros, e ceibarse dos réxeos controis que establece a lexislación para a provisión de emprego, tanto que algúns políticos non dubidan en manifestalo abertamente… “na Xunta os sindicatos tennos moi controlados”. E máis que deberían…

As consecuencias destas políticas acaban derivando sempre na perda de dereitos por parte dos traballadores, entre outras cousas pola falla de presión sindical, o tratarse xeralmente de empresas de nova creación, pequenas empresas, pola súa dispersión,… que impiden que os traballadores que realizan o mesmo servizo fagan causa común. Isto tradúcese finalmente en menores salarios, menor estabilidade laboral, mobbing, etc.; a calidade do servizo redúcese pola confusión ou superposición no seu desempeño; e, por suposto, sae moito máis caro para a administración, que ten que pagar as novas administracións das empresas e, cando se trata de empresas privadas, o beneficio. Así é, os beneficios das empresas privadas costéannos os administrados a base de máis impostos e/ou peor servizo.

Un caso real e actual é SEAGA, unha vez máis: os traballadores desta empresa gañan menos que os da Xunta que realizan a mesma labor, non adquiren dereitos para participar en procesos selectivos da Xunta, non crea emprego estable (tivo máis de 2.400 traballadores en 2008; só creou 6 prazas fixas en tres anos; e prevé crear 2 para 2009)… iso sí, permitelle a quen a dirixe colocar a quen lle pete, xa que nin hai comité de empresa, nin presión social, nin nada. Ademáis subcontrata traballos a empresas privadas “amigas” do rural, empresas que abusan moito máis da precariedade laboral (algún “premio AGADER” chegou a dar de baixa ós seus traballadores as fins de semana, non lles pagaba os días que pola choiva non podían facer a súa labor, e, moitas veces, nin os traballados).

Díganme, cal vai ser a súa política o respcto para a vindeira lexislatura? Van seguila tendencia externalizadora?

É unha mágoa que dende os partidos se premien as persoas que fan tanto dano o colectivo de traballadores (e refírome dun xeito especial ós premios AGADER e os “premios SEAGA”), pois estas persoas deberían ser perseguidas e depuradas de toda formación política, indepenentemente da súa orientación política, pero de xeito especial nas formacións de esquerdas.

A Política de Emprego (I)

Os que queiran ser funcionarios que apuren para participar nas derradeiras convocatorias. Por que digo isto? Acabo de mirar o calendario electoral: ata o ano 2011 non hai máis eleccións, municipais e autonómicas, así que é de esperar que ata entón tampoco se farán máis convocatorias de emprego público, sempre ligadas ós intereses de quen goberna. Sobre este asunto ía a pregunta de hoxe:

Non existe nada máis doado que facer crer a unha persoa naquilo que desexa ferventemente: un posto de traballo; máis na etapa que estamos vivindo, onde as tasas de paro suben a velocidades arrepiantes.

Como xa ven sendo tradicional, agora co bipartito e antes co PP, non sexamos cínicos, en precampaña electoral ofértanse numerosas prazas de emprego público. É unha tracición, como comer turrón no nadal, que se pode comer todo o ano, si, pero só se fai nesas datas.

O que buscan os partidos con estas actuacións non é outra cousa que crear máis expectativas de emprego que postos de traballo reais. A ecuación é sinxela: a máis expectativas máis votos. Si estas convocatorias se fixesen seis meses antes e se resolvesen antes das eleccións a esperanza de moitos cidadáns -votantes- veríanse defradudadas e iso non favorece os partidos do goberno.

Vai facer un ano o responsable comarccal do BNG en Allariz – A Limia, en plena precampa electoral, xuntóunos a responsables locais e a concelleiros para falarnos da convocatoria de peóns que acababa de facer SEAGA, para que fósemos polos pobos e lles ofertaramos ós nosos veciños a posibilidade de traballar nesta empresa nunhas condicións de traballo que logo resultaron ser falasas. Mentímoslle ós nosos veciños, incoscientemente, ó decirlle que lles farían contratos de 7 meses máis vacacións, o primeiro ano, e 9 meses máis vacacións, o segundo; mentímoslles o decirlles que terían salarios superiores a 1000 € (condición que só se daba sumando extras e pluses);… mentímoslle, pero moitas desas persoas acabaron votando o BNG. Mentímoslle porque poucos traballadores dos que se apuntaron nas listas foron finalmente contratados, mentísmolle porque poucos estiveron máis de tres meses e, por último, mentímoslle porque os que foron contratados, no fondo, cobraban menos que un traballador da Xunta coa mesma categoría).

Estas preguntas fágollas ós tres, onde teñen vostedes o límite? Ata onde son capaces de chegar para acadar as súas ambicións persoais? Non lle parece que as súas ambicións, as súas ilusións, ó igual que a liberdade, rematan onde comezan as ilusións dos demáis, as necesedidades dos cidadáns?

Hai que recoñecer que fondo os verdadeiros responsables somos os cidadáns que axiña baixamos a garda ante a mínma esperanza de acadar aquilo que máis prezamos e, como somos humanos, topezamos unha e outra vez na mesma pedra.

Universidade Virtual Galega

Sobre a necesidade dunha Universidade Virtual Galega xa falara antes neste blog e, agora, deben ser os candidatos a Presidencia da Xunta de Galicia quen deben respostar se van dar saída ou non a esta demanda. Dende hoxe xa lle chegan as preguntas ós tres candidatos, logo da aceptación de E. Pérez Touriño no día de hoxe tras facer unha nova solicitude de amizade (quen sabe! o mellor a outra non chegou a quen tiña que chegar…).

Onte, despois dun intercambio de opinións con Xosé Manuel Beiras no Facebook -el ou quen o suplanta ¿?-, el afirmaba que este novo invento de comunicación só servía para que agora os políticos nos mintan a cara. Ante isto eu respostei que grazas a esta ferramenta tamén lle podemos chamar ós políticos mintireiros a cara, non? Ante isto dixo: “En todo caso estaslle chamando mentireiro ó asesor de imaxe que controla o perfil de facebook…” dese político. Todos nos facemos a mesma pregunta verdade, realmente está detrás dese perfil o político que di ser ou, como afirma Beiras, non é máis que un asesor de imaxe? Ben, pois eu a eses asesores de imaxe dígolles que curren un pouco máis e, polo menos se molesten en contestar estas preguntas que lle vou plantexando:

Recentemente saiu nos medios unha nova na que se denunciaba unha anomalía na UNED pola cal non se permitía presentar teses en galego mentres si se permitía facelo en linguas estranxeiras e solícitábaselle ó goberno que realizase as “xestións oportunas” para por fin a esta discriminación. Supoño que ata ahí estamos todos dacordo pois tódolas formacións defenden a liberdade de cada individuo para estudar na lingua que lle pareza.

Pero na realidade iso non é posible. En ningunha Universidade galega presencial é posible estudar integramente en galego, como tampouco o é a distancia na UNED -como xa vimos- nin nun entorno virtual. Resulta paradoxal que calquera individuo do rural galego -ou da cidade- que queira facer estudos universitarios dende a súa casa nun entorno virtual, que lle permita o contacto directo -virtual- cos seus compañeiros e mestres, realizar todo tipo de xestións e probas de xeito telemático, poda facelo en catalán, en castelán ou en inglés, pero non na súa propia lingua.

Pensen nos galegos que viven en pequenas vilas, lonxe das facultades das grandes cidades, pensen nos galegos que están espallados por todo o mundo e pensen, como non, nos beneficios económicos, sociais, políticos, tecnolóxicos,… que aportaría a Galiza. Os galegos necesitamos unha Universidade que pense os problemas do noso país e deseñe as solucións para el en clave galega.

Logo do éxito acadado pola Universidade Oberta de Catalunya (UOC) e logo da posta en marcha, neste mesmo curso, da Universidade a Distacia de Madrid (UDIMA), non lles parece que xa vai sendo hora de que os galegos teñamos a nosa propia Universidade Virtual?

Como podedes ver, na sidebar da dereita aparece dende hoxe unha ligazón para causa: Galiza necesita unha Universidade Virtual Galega. Os candidatos de PP, PSOE e BNG foron convidados a sumarse a esta causa, ningún aceptou ata o de agora; tampouco o fixo o Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, claro como isto non é innovador -pois xa a teñen en Catalunya dende hai 15 anos-;… ah! e o alemá tampouco, tan comprometido como está coa causa do Bueno é galego… seguro que prefire abrir unha nova causa, xa o vexo “A UDIMA é galega”. Mellor galeguizar que crear algo propio. Quen si se uniu a causa foi Xosé Manuel Beiras, o BNG de Compostela, o BNG de Xunqueira de Ambía, […] Robinho, e Rosa que é quen maís membros e membras leva reclutado. Xa estamos chegando a 100 e levamos pouco máis dunha semana; está moi ben!

Resposta de Anxo Quintana:

Non sei se sabes que o compañeiro Carlos Aymerich fixo no Parlamento de Galiza unha pergunta sobre este tema e que o BNG presentou tamén iniciativas no Estado ao respeito. Desde logo que sería unha moi boa iniciativa unha Universidade Virtual Galega. Temos o “material” necesario e as potencialidades para levalo adiante. Espero que poida facerse nos vindeiros catro anos.
Pido desculpas por non me unir a todos os grupos que se me propoñen, aínda que me parecen interesantes, mais utilizo o facebook máis como canle de comunicación coa xente que como vía para “manifestarme” politica ou persoalmente.
Un saúdo