Querido Paco:

Logo de meses espertando, cada mañá, a túa beira, quería confesarche o pracer que me produce oír a túa ronca voz anunciando cada día un feixe de boas novas. Moitas veces agardo esperto e con ansia o intre en que soltas tódalas excelencias do excelentísimo nese breve pero intenso minuto de radio. Outras durmo, máis esperto con pesadelos, pensando que xa te fuches. Non debería, sei que si algún día iso sucede podo atoparte logo nas páxinas do xornal da nosa cidade. Que sorte temos de vivir nesta gran cidade, que sorte terte de Alcalde.

Esta cidade e os seus cidadáns deberían amosarche o seu agradecemento porque soamente se lles vai subir a taxa do lixo un 18%. Ao escoitalo da túa venerable boca dan ganas de pagar o vinte, para contribuír, cando menos, a sufragar os gastos que ao Concello lle supón o teu ‘número’ diario na radio e prensa local.

Si estivese parado, como o están miles de cidadáns nesta cidade, tranquilizaríame saber que o meu Alcalde xera emprego: noventa persoas traballan grazas a túa benevolencia, noventa amigos, e non son máis porque á cidadanía ten o deber de sabelo. Isto é, cumpre pagar a prensa e radio locais para que nos informen das bondades do noso benfeitor. Estes non son tan altruistas coma ti.

Debo recoñecer que es ben fino, fino coma un allo! Entras na miña casa pola mañá cedo, ben cediño (igual o fas máis veces mais logo xa non nos encontramos), cando aínda estou coa garda baixa. Fas que cada día saia da miña casa crendo que vivo na cidade máis limpa, máis segura e máis atenta coa súa cidadanía, atenta cos que máis o necesitan e tamén, como non, cos que menos o necesitan. No intre que poño o pé na rúa sei que non fallará nada. Aí todo é perfecto, unha máquina de precisión suíza da que ti te encargas de dar corda.

Ao mesmo tempo, os medios de comunicación a que me refiro, o xornal máis lido da cidade e a radio máis escoitada, amósanse condescentes coa túa túa labor e a do teu goberno. Que van facer? Criticar o excesivo gasto en publicidade? Non se atreverán. De feito, os beneficios anuais que aquel xornal anuncia son inferiores aos gastos que o excelentisímo fai en propaganda nel. Grazas a estas partidas os traballadores que se verán prexudicados polo ERE serán tan só 35. Deberías apuntarte tamén ese tanto.

Sen máis, despídome, nesta carta aberta, coa tranquilidade que me dá saber que mañá, ben cedo, ti estarás aí para darme folgos, quen sabe si, seguindo a miña recomendación, coa seguinte mensaxe: O Concello de Ourense informa: “a maioría do cadro de persoal do ‘xornal da nosa cidade’ conservará o seu posto de traballo grazas as achegas realizadas polo goberno progresista da cidade de Ourense”. Sería unha boa nova! Abofé que si!

Unha forte aperta progresista!

Plan Gavilanes

Este plan, levado a cabo polos alcaldes e presidentes de deputacións do PP , a diferencia do Plan E de ZP, non persegue a recuperación do emprego, para o cal foi concebido, senón a refinanciación de concellos a costa daquel outro plan. Este plan consiste en realizar as obras aprobadas e financiadas polo Fondo Estatal de Inversión Local co menor custo posible, e dicir, por debaixo do presuposto aprobado para logo destinar o diñeiro sobrante a amortización de deuda, a outras obras non presupostadas -cacicadas, xeralmente- ou quen sabe pra que…

Esta é a única explicación lóxica ó acontecido no día de onte nun pobo de Xunqueira de Ambía, A Pousa, onde apareceu de súpeto o Sr Alcalde, José Luis Gavilanes Losada, acompañado doutro concelleiro, operarios do Concello e da Deputación de Ourense para iniciar unha obra que está contemplada dentro do Fondo Estatal de Inversión Local para o noso Concello. Efectivamente, ningún deses traballadores foi contratado para realización destas obras, senón que xa pertencían previamente ó plantel do Concello ou da Deputación, tendo os desta última o carácter de  traballadores fixos, co cal se está burlando o verdadeiro espíritu e obxectivo do Plan E: a creación de emprego.

Parece ser que ós organismos gobernados polo PP non están moi interesados en crear emprego -o igual que ocorre con moitas empresas da súa órbita-. A estes organismos -e empresas- interésalles o de sempre: acumalar cartos. Ese é o seu único ideario político.

O pobo de Xunqueira de Ambía ten unha das poboacións máis envellecidas de Galiza e claro, si no pobo alguén se pon a realizar unhas obras alá vai a xente. O Sr. Gavilanes que coñece ven a dinámica do seu pobo, só faltaría que non fose así logo de trinta anos como Alcalde, estaba alí para aprobeitarse desa circunstancia e repartir papeletas a xente que se acercase a vela obra e, o mesmo tempo, sacar proveito dunha obra financiada por outra institución,  sen colocar o cartaz obrigatorio e, por suposto, sen molestarse en explicalo. El é quen di cando rematan as misas, el é o que leva ós nosos maiores de excursión, el é o que fai as obras… el é todo.

Resumindo, o Plan Gavilanes consiste en recadar o maior número de cartos e votos invertindo o menor esforzo presupostario e de traballo posible.

E para reflexionar… unha excursión!

Onte non daba creto de que un feito tan cotián -en Xunqueira de Ambía, claro- como entrar nunha igrexa, interromper a cerimonia relixiosa, e porse a dar unha “charla” por parte dun político en campaña electoral ós veciños puidese ter tanta repercusión (vexan en chuza! e en menéame). Si o pasado domingo o Sr. José Luis Gavilanes Losada (ainda Alcalde da vila, pois non se ten noticias da súa renuncia nin de que algún dirixente do PP llela pedise, como si fixeron antes co candidato nacionalista -enfin, unha cousa e botar a rúa o nº 1 da lista do PP e outra moi distinta e tratar de meterse cos “señores” do rural, máxime si son amigos do Sr. Baltar-) se dirixía ós parroquiáns de Abeleda no medio dunha misa, esta semana, que anda “casa por casa” pedindo o voto ós veciños, tal e como é costume, en lugar de regalar o típico chaveiro do Concello (sic) xunto cos mecheiros e bolígrafos do PP, máis o sobre coa papeleta do seu partido, está convidando ós veciños a unha excursión a San Estevo, con pasaxe de catamarán incluída polo cañon do Sil, para a xornada de reflexión.

Este tipo de excusións son organizadas polo Concello de Xunqueira de Ambía con carácter bimensual e seica estaba programada para ese día dende antes de ser convocadas as eleccións. Ata ahí a excursión non tería nada de anormal. Sen embargo, desta vez, contrariamente ó que ven sendo habitual, non se puxeron cartaces anunciando a excusrsión para que quen quixese se apuntase, senón que é el quen ofrece esa excursión, persoalmente, as persoas que a el lle parece no mesmo intre en que lle pide que o vindeiro domingo lle vaían votar o PP.

Así, si ninguén o remedia antes, os maiores da vila iránse de excursión co Sr. Alcalde a Ribeira Sacra (sempre vai alguén do Concello) na xornada de reflexión, viaxarán en Autos Gavilanes, con tódolos gastos pagados polo Concello e pola Deputación de Ourense… é o día seguinte terán que tomar unha importante decisión que non só abrangue a tódolos xunqueiraos senón tamén a tódolos galegos.

A terra prometida

Nunha campaña, con tal de arrabañar votos, os políticos son capaces de prometernos “o habido e por haber”. Hoxe pola maña lía un artigo de Roberto Blanco, A excursión, ou mellor, as excursións, no que decía que “amparado na impunidade que dá o sentirse e proclamarse o partido propio de Galicia, o BNG atrévese a facer cousas ás que ninguén se atreveu en Galicia ata o momento”. Cando escribiu isto seguramente non imaxinaba o que ía pasar pouco despois… Pois poucas horas pasaron ata que me entero que o Alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes Losada (PP), interrompeu unha misa, no día de hoxe, para falarlle ós feligreses alí reunidos sobre os seus proxectos de futuro: a construcción dun novo cemiterio para a Parroquia de Abeleda.

Este acto, que viña sendo anunciado polo párroco de Abeleda, o “padre” Adolfo dos Salesianos de Allariz, dende hai máis dunha semana, incluso durante a misa dominical, estaba previsto que se realizase a saída da misa, pero antes de rematar esta, e sen que ninguén lle dese a palabra, o Sr. José Luis Gavilanes tomouna, para evitar que os alí reunidos se fosen “en paz” como é costume e coa bendición do párroco. As misas en Xunqueira de Ambía remantan cando di o Sr. Alcalde que para iso é o Alcalde. E punto!

A explicación que deu para facer o acto na propia igrexa foi que alí “estase mellor que fora” que seica facía un tempo do demonio, como ven saberán todos vostedes (vendavais, nevaradas e frío polar; todo xunto) e seica cumpría protección divina.

Ofreceu ós filigreses un novo emprazamento, e digo novo porque non é a primeira vez que ofrece ós veciños da parroquia un cemiterio por unhas eleccións (rumoréase pola contorna que “vello non quedará ningún” de aí tanta preocupación); naquel outro lugar non era posible facelo -iso si meteu por alí as súas máquinas para facer crer ós parroquianos que se ía realizar de imediato (isto sucedeu nas pasadas municipais)- e, moito me temo, que neste novo emprazamento tampouco vai ser posible.

Logo marcharon dalí todos contentos -non todos, algúns marcharon indignados-, que era do que se trataba, tan contentos coma uns mozos que acaban de coñecer a nova de que van recibir unha vivenda de protección oficial,  contentos porque axiña poderán dispor das súas vivendas para a eternidade.

Iso si, non houbo bolígrafos, nin chisqueiros,… nin hostias do PP. Hai que agradecerlle a discreción coa que foi levado este acto. Mágoa que non acudira ningún medio a cubrir o evento, foran todos convidados, incluído o xornal La Voz de Galicia.

Galiza Non Se Vende

Da envexa ver como pobos enteiros se manifestaron o pasado día 15 polas rúas de Santiago de Compostela na defensa da nosa paisaxe. Non é así, desafortunadamente en tódolos pobos de Galiza.

Vídeo recollido en xgaliza e elaborado por gzvídeos

Xa vai para dous anos… en Xunqueira de Ambía tivemos que enfrontarnos a explotación dunha canteira de granito no Monte da Farria nun enclave de especial protección paisaxística. Tal é a sensibilidade pola paisaxe no Concello que, lonxe de constituirse un momevento social na defensa do monte, casi se crea outro en contra dos denunciantes da desfeita. De aí que sinta envexa polo xeito no que noutros puntos de Galiza se enfrontan, con valentía, a esta lacra social que está destruindo o noso territorio monte a monte, río a río,.. en nome do progreso.

Por suposto, na nosa cruzada, non contamos coa colaboración de ningunha das administracións involucradas, nas que foron presentadas as correspondentes denuncias, a saber: Concello de Xunqueira de Ambía (gobernado polo PP), Consellería de Medio Ambiente (gobernada polo PSOE) e Consellería de Industria (gobernada polo BNG). Ninguén moveu un dedo ata que tiveron coñecemento da denuncia feita ante a Fiscalía. Entón si, entraron as presas. Logo ainda houbo quen tratou de atopar unha fórmula para reabrir a canteira. Trabúcanse, non hai marcha atrás.

Os únicos colectivos directamente afectados por esta trama eran os comuneiros de A Farria, propietarios do monte explotado, e os comuneiros de Padroso, colindantes cos primeiros. As empresas que extraían pedra do monte tiñan un acordo  cos comuneiros de A Farria pola cal se lles aurorizaba, a cambio dun pago, a realizar a labor extractiva. O que fixeron estas empresas, para recuperar parte do diñeiro dos pagos, foi domiciliar a algúns dos seus traballadores no pobo, alugando casas do lugar, e así converter a eses traballadores en veciñós con dereito a recibir os beneficios da asociación de comuneiros. Por outra parte, os comuneiros de Padroso, a iniciativa do seu Presidente (que nin é veciño do pobo, nin a lei lle permite ser membro da asociación de comuneiros -e moito menos selo Presidente-) trataron de sacar cartos –300.000 €– ó dono dunha das canteiras, EXELCO, a cambio de permitirlle extraer sábrego ou o paso dunha liña eléctrica na súa propiedade. Non lle preocupou en ningún momento, este “personaxe”, o dano ecolóxico que estaba causando ó monte,… só sacar tallada!

Afortunadamente en Galiza non todos actuamos así. Queda moita xente, eu estou convencido que a ampla maioría, que antepón a riqueza natural e patrimonial do seu país ó beneficio individual e/ou empresarial que a súa destrucción pode orixinar. Por iso, máis que nunca, compre berrar: goberne quen goberne, GALIZA NON SE VENDE!

En defensa da nosa paisaxe

A primeira actuación executada polo grupo local do BNG en Xunqueira de Ambía foi frear a devastación do Monte da Farria, un monte catalogado no PXOM de Xunqueira de Ambía cun Nivel A e catalogado cunha Protección Especial Paisaxistica. Estaba sendo explotado por duas empresas graniteiras (Farriense de Granitos e EXELCO) ante a desidia -nalgúns casos complicidade- das institucións local e autonómica.

Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.

Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.

Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.

É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.

Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.

… por pedilo non será.

Outro ano perdido…

… e xa van 29. Esta semana, o pásado martes día 27 de maio, cumpliuse un ano das eleccións municipais nas que o actual grupo de goberno revalidou a sua maioría absoluta, iso si, cunha importante merma en número de votos e concelleiros.

Si collemos o seu programa electoral podemos ver o seu grado de incumplimento, claro que cun programa tan esaxerado iso era de esperar. Calquer veciño con dous dedos de frente sabía de antemán que iso nunca se cumpriría.