Hoxe, nin nos pensamentos máis útopicos dun galego nacionalista queda espazo para unha concepción imaxinaria dunha Galiza gobernada polo BNG. Hoxe, máis que nunca, temos a certeza de que os nosos compañeiros nacionalistas, os dirixentes e tamén a militancia, son capaces de renunciar ese anhelo para coller atallos de calidade inmunda con tal de chegar ó poder.
“A visualización dunha alternativa democrática ao PP debe conlevar unha dialéctica política -en referencia a PSOE e BNG- propia de Galiza”, di o documento político aprobado pola militancia na pasada Asemblea Nacional. “Temos que abordar abertamente os pactos co PSOE sobre a base de estratexias políticas comúns”, engade. Que ocorreu nos derradeiros anos no BNG para que xa, nin tan sequera no imaxinario do Bloque, quede un oco para un goberno nacionalista?
Que se pode agardar dun partido político que renuncia a máis arraigada das súas utopías? A que non renunciaría para obter unhas migallas de poder? Renunciará a todo, sen dúbida, renunciará a unha economía máis xusta e distributiva, renunciarán a unha sociedade máis democrática e participativa; renunciaran a unha Galiza na que a cultura dominante sexa a súa propia,… renunciará a soberanía.
A renuncia desta utopía acabou por converterse nunha distopía, nunha utopía negativa onde a realidade transcorre en términos antitéticos ós da nosa sociedade ideal. Esta realidade, que se nos amosa de xeito máis manifesto co goberno do Sr. Feijóo, tivo o seu comezo durante o bipartito, onde dende o BNG se apoiaban -e facían- políticas contrarias o seu ideario. Non fai falla enumeralas outra vez.
Si o BNG renunciase a gobernar en 2005 e deixase o PP gobernar en minoría hoxe o partido non estaría pagando o prezo de renunciar ó seu proxecto de Galiza. Amais, tería unha extraordinaria influencia sobre ese hipotético goberno popular que se vería na obriga de achegarse a posicións máis galeguistas e de esquerda -ollo, non falo de gobernar co PP, senón de ser oposición dun goberno do PP en minoría, situación moi distinta a actual-. Isto non defraudaría a masa social nacionalista, todo o contrario, a renuncia ó poder é a mostra de dignidade e honestidade máis elevada que pode realizar a clase política.
Resulta difícil adiviñar que pasaría nas pasadas eleccións do 1-M ou do 7-X si o BNG partise desta situación… Seguramente serían PP e PSOE os que pagasen a factura da crise. O PP, de conservar a súa maioría, non estaría tan enfrontado coas posturas nacionalistas e non trataría de impor, como está facendo, políticas opresoras da nosa identidade cultural, económica ou social. O BNG tería a oportunidade de por en práctica moitas das súas iniciativas dende o Parlamento galego e hoxe seguiría sendo visto como un partido concienzudo que actúa conforme ó que esixen as súas crenzas, conservándoas integramente, e sería merecedor do respecto e a estimación de toda a sociedade galega, incluída a non nacionalista.
Hoxe a realidade non pode ser máis oposta ó noso imaxinario, a realidade galega e a realidade do BNG. Abandonamos a utopía, acadamos a distopía.