Grazas por nos espertardes!


O vindeiro domingo, día 18, convocados pola plataforma Queremos Galego, producirase a maior manifestación a prol da lingua galega da historia de Galiza. As razóns que a motivan: os continuos ataques e vexacións as que se ve sometida a nosa lingua -e os que a falamos- polo actual goberno da Xunta de Galiza, ignorando o mandato do Estatuto de Galiza que prioriza o galego sobre calquera outra lingua, o da Constitución, pola que tanto babean, que establece un marco de especial respecto e protección para as linguas do estado, e mesmo contrariando as directrices marcadas pola Unión Europea respecto das linguas minoritarias que obrigan a velar pola conservación e o desenrolo do patrimonio cultural europeo.

Pode que non acade a mesma repercusión nos medios españois de España como si tiveron outras manifestacións minoritarias que defendían xustamente o contrario, nin sequera nos medios españois de Galiza mais, pese ós atrancos mediáticos, a preocupación polo galego si está calando forte en tódolos sectores da sociedade, fartos xa do eterno sometemento a unha lingua de fora: a castelá.

Por riba, tivemos que soportar o victimismo bífido daqueles castelán-falantes que non son máis vítimas que da súa propia ignorancia, da súa torpeza para aprender linguas e/ou dos seus complexos de inferioridade para falar a lingua de seus pais; é este un vitimismo inxustificado, en tanto que a lingua realmente agredida non é outra que a galega, practicamente inexistente na maioría dos medios de comunicación (prensa, radio, televisión,…), na cultura (libros, cine, exposicións, deporte,…), nos servizos privados e públicos (xustiza, menciña, ensino,…) e un largo etcétera.

Non era suficiente a marxinación a que xa estaba sometida a lingua propia do país para que, dende a chegada do Sr. Feijóo a Xunta de Galiza se eliminase a obriga do galego para o acceso a administración pública, se reduza a súa presencia no ensino, se eliminen as axudas a tradución,… e así toda unha ringleira de ataques a nosa identidade en contra do que manda o Estatuto, a súa defensa. Isto é o que nos move.

O vindeiro domingo reuniranse en Santiago de Compostela nenas e nenos, mulleres e homes do campo e da cidade, xente traballadora, con e sen traballo, da terra e do mar, o empresariado, o funcionariado, xubilados, xente de esquerdas ou de dereitas, nacionalistas de aquí –non os de alá– non nacionalistas e galeguistas, xente seria, de esmorga, ridiculistas,… unha maréa de xente diversa comprometida co que é máis seu: a lingua galega; e cunha mensaxe clara: QUEREMOS GALEGO!!!

Riscos e fraude laboral en Ribadavía

Comezo pedindo desculpas, desculpas por non ter publicado isto antes, isto é, no mesmo intre en que tiven coñecemento do que pasaba. Cando se trata de riscos laborais, actuar de inmediato pode evitar un accidente, non facelo pode converterte en cómplice, por omisión, si finalmente acaba por producirse. Tamén é certo que tentei poñelo en coñecemento por outras vías para remedialo mais, enseguida me dixo  a directora, Nuria Bueno Aizpuru, que iso non era asunto meu, nin da UPD, ó tempo que me advertían que tivese coidado co que facía pois podía ‘caerme o pelo’. Non é iso o que máis me preocupa: o dereito a vida e a integridade física das persoas está moi por encima de calquera outro dereito e deber e, por suposto, por riba do deber de confidencialidade.

O pasado luns fun dar un curso de Prevención de Riscos Laborais a Ribadavia a un obradoiro organizado por este Concello. En principio o curso era para o módulo de xardinería, aínda que logo se unirían os outros módulos do obradoiro: carpintería e albanelería. Os primeiros en sorprenderse foron os compoñentes do obradoiro ó ver un manual adicado a uns riscos específicos dunha materia que nada tiña que ver co que eles facían.

Do que sucedeu nesta xornada fixen un informe e entregueino na UPD coa intención de que ‘fixeran algo ó respecto’, así llo dixen. Sobra dicir que ninguén fixo nada.

O artigo 2 da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para os programas de escolas obradoiro indica cal é a finalidade das mesmas: ‘emprego e formación‘.

Tratándose da realización dun traballo, quen o realiza ten os mesmos dereitos e obrigas que calquera outro traballador; o mesmo se pode dicir respecto ó empresario, e dicir, o Concello de Ribadavía, pero a inversa. Como veredes, no informe que presentei a violación de dereitos é flagrante:

Informe sobre prevención de Riscos Laborais no Obradoiro ABOBRIGA promovido polo Concello de Ribadavia.

O módulo de prevención de risos laborais estaba enfocado a prevención de riscos en xardinería. Amais dos alumnos de xardinería sumáronse a clase os de carpintería e albanelería.

No primeiro contacto decátome que este módulo non poderá ser explicado de xeito específico para ningún dos grupos xa que os de xardinería me din que están realizando traballos forestais e non de xardinería (o máis curioso é que ó largo do día vin uns traballadores nun parque e ó preguntar si eran os xardineiros respondéronme que non, que eran da brigada forestal do Concello -de feito tamén son os membros do Grumir, de Protección Civil,… mozos para todo!-). Trátase non só dun fraude a Xunta de Galicia, que é quen financia o obradoiro, senón tamén, e principalmente, ós propios traballadores.

En canto a materia, acabamos vendo os riscos xerais e finalmente analizando, vía debate, os demais riscos que lles afectaban a cada un dos colectivos. Coido que, neste senso, a clase foi moi interesante, ó percibiren os alumnos numerosas anomalías no desenvolvemento da súa actividade. Son as seguintes:

  • Gafas protectoras de baixa calidade que reducen a visibilidade
  • Botas de seguridade que pasan auga
  • Inexistencia de botas de seguridade anticorte para a manipulación de desbrozadoras e motoserras
  • Tampouco dispón de mandil e manguitos para realizar estas mesmas tarefas.
  • Fundas de baixa calidade xa que destinguen, non protexen dunha simple picadura de ortigas, non son cerradas nas extremidades nin no pescozo (dándose caso de picaduras de insectos con elas postas), etc.
  • Amais, algúns alumnos, din que lles falta a parte superior da mesma, outros a inferior, algúns camisetas, botas,…
  • Non dispón de equipo de protección para o frío, agora que polas mañás xa fai falla.
  • Aseguran ter traballado na vía pública -e en curvas perigosas- sen ningún tipo de sinalización, pois non dispón da mesma.
  • Tampouco teñen a roupa de alta visibilidade esixida para este tipo de labores.
  • No obradoiro escasean os arneses véndose na obriga de compartilos entre os distintos grupos (albanelería e xardinería, ou mellor dito: forestal)
  • Traballan con maquinas que fan ruído (especialmente en carpintería e forestal) sen que ninguén dispoña de tapóns ou cascos para os oídos para protexerse dos trastornos que este pode provocar.
  • Outras máquinas, fonte de ruído, como un compresor, non permanece illadas.
  • Nos traballos de deforestación as mulleres cargan con pesos superiores ós permitidos para mulleres, de xeito continúo (as desbrozadoras pesan máis de 15 Kg., carga de rastrollos, etc.)
  • As luvas que utilizan tamén son de baixa calidade, non protexendo suficientemente das arestas ou das picaduras da vexetación.
  • Dispón dunha caseta (módulo de obra) sen ventilación e sen vestiarios (sobra engadir que non hai vestiarios para ámbolos dous sexos, non hai para ninguén)
  • O grupo de albanelería di ter traballado con materiais perigos como o amianto, sen dispor dos equipos necesarios para estes traballos nin, por suposto, a formación, xa que este tipo de labores están reservadas para empresas especializadas.
  • Non dispón de medidas de extinción de incendios (un extintor para poder apagar unha máquina que se poña a arder, por exemplo) nin, moito menos, nocións básicas de como se manipulan este tipo de aparellos.
  • As caixas de urxencias están incompletas (algunhas delas o único que contén é unha botella de alcohol e auga osixenada)
  • Moitas veces, o grupo que realiza traballos forestais, están incomunicados, O monitor acércaos a obra e déixaos alí, non dispondo de ningún medio para desprazarse no suposto dunha emerxencia.
  • Etc.

O máis lamentable de todo isto é a escusa que dende o Concello lle dan ós traballadores para non proporcionarlle o material necesario: a escaseza de recursos económicos. Como é posible? Si a Xunta de Galicia proporciona recursos suficientes a todo Concello para equipar e formar a eses traballadores, u-los cartos?

Preguntas sen respostas

A recorrente escusa da Voz como causa da desfeita nacionalista do 1Marzo só está servindo para crear un mostrou de dúas cabezas, unha (Santiago Rey, o dono do xornal) ó atribuírlle a alguén un mérito que non lle corresponde e, outra, ó permitir, a súa vez, que os verdadeiros culpables consigan zafarse das súas responsabilidades.

É unha dúbida que veño sementando en diversos foros nos que se insidia (ou catapulta, segundo o punto de vista) asiduamente este xornal. Aínda non hai resposta, máis non desespero.

Preguntaba a Antón Bahamonde, hai uns días na súa trincheira, que influencia cría que tivo a RTVG (por non falar de TVE, La Sexta, CNN+, Cuatro, Xornal, Vieiros, El País, Público, e algún outro máis) nas pasadas eleccións galegas?

Non se pode dicir que estes medios se mantivesen ó marxe da disputa política, nin negar a súa influencia nun importante sector da poboación. Aínda non vimos análises rigorosas, con queixiños de cores, ó respecto. Nin virán. Non o fará porque quen si realizou eses estudos para demostrar a influencia de La Voz, probablemente non pretende outra cousa máis que manipular. Un exemplo, o post de Calidonia: de como un xornal bota abaixo un goberno. Onte, ó fío desta chuzada volvín a preguntarme o mesmo: onde están as comparativas de audiencias da TVG, RG, El País,… cos votos do PSOE e BNG? Alguén se cre que estes outros medios foron, son ou serán neutrais? De verdade, alguén se cre que exista un medio que ‘decide’ pola súa audiencia e que os outros non o fan pola súa?

No fondo, a cousa funciona así: como gañou o PP vinculamos a súa vitoria coa información e influencia da Voz. Si fose ó revés dende a dereita estarían acusando a televisión pública de estar manipulada, que o estaba, vaia si o estaba, e os medios privados -Vieiros, Xornal, El País, Público,…- de orquestrar unha campaña sucia contra o PP. O conto é vello.

A máis paro… máis impostos.

Un goberno verdadeiramente progresista debería ter referenciado os impostos polos que tributan as sociedades ós seus gastos en políticas sociais. Soamente así é posible cumprir co mandato constitucional que obriga a achegar recursos suficientes para cubrir os anteditos gastos.

Un dos parámetros fundamentais para facer posible esa esixencia do pobo soberano (?) é o tipo impositivo sobre o que tributan as sociedades privadas, entidades que reúnen e gobernan ó seu antollo a maior parte das riquezas do país, máis que, lles guste ou non, esa riqueza non debería estar ó seu servizo particular, senón ó de todos. Iso é, cando menos, o que di a constitución actual.

Ó fio do que sinalaba no post anterior, é unha necesidade que se poña fin a chantaxe continua coa que o capital ameaza ó estado do benestar. Urxe establecer un marco normativo no que se responsabilice ó sector privado dos gastos sociais que se deriven da súa boa ou mala praxis empresarial, premiándoos ou castigándoos, segundo o caso.

A miña proposta é que o Imposto de Sociedades debería estar referenciado a Taxa de paro. Así, ós tipos impositivos legalmente previstos engadiríaselle a Taxa de paro existente en cada momento de xeito que si esta sobe -e con ela o gasto social-, auméntanse os impostos, e si baixa, veríanse reducidos.

Así pois, nestes intres ó Tipo xeral actual (30%), ó igual que os demais Tipos específicos, sumariámoslle a Taxa de paro actual (17,92%) para calcular o Tipo Impositivo final (47,92%).

De levarse a práctica esta medida remataría dunha vez por todas a ameaza do empresariado de dar nos fuciños ó Goberno de quenda a base de máis despedimentos, para acadar melloras para os seus intereses particulares, porque facelo custaríalle cartos. Por outra banda, deste xeito tódolos actores sociais se verían involucrados na consecución do pleno emprego, expresión esta que, pese a ser unha esixencia constitucional, non pasa de ser un elemento decorativo en todo programa electoral.

Artículo 40.1 CE

Os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para una distribución da renda rexional e persoal máis equitativa, no marco dunha política de estabilidade económica. De maneira especial realizarán una política orientada ó pleno emprego.

Mais, a suba de impostos anunciada por Rodríguez Zapatero non vai por aí, pois ven de anunciar que o Imposto de Sociedades non se vai tocar e, si se fai, será para rebaixalo aínda máis. Elevará o Imposto sobre as rendas de capital e con iso castigará por igual tanto ó grande capital como o pequeno aforrador. U-lo socialismo?

Ti non tes por que pagar os erros do neoliberalismo. A crise que a pague o capital!

Con este lema, ‘Por un novo modelo económico e social. A crise que a pague o capital‘ a CIG enfrontou a situación económica derivada da crise financeira global que estamos a padecer. É un anhelo lóxico xa que foi o capital, as grandes multinacionais, nun contexto de economía excesivamente agresiva e especulativa, o que nos levou esta situación.

Resulta lamentable, pola contra, ver como moitos estados, a maioría dos estados occidentais -disque civilizados-, en lugar de castigar a quen deu orixe a esta situación, premiounos inxectando fondos públicos para reflotar as súas empresas. Iso é o libre mercado.

Mais non todo queda aí. Estas empresas para aliviar a súa situación despediron a milleiros de traballadores, xerando unha espiral crecente de desempregados por todo o mundo e en tódolos sectores económicos. A máis despedimentos, menos consumo, a menos consumo menos ingresos nas empresas, a menos ingresos, máis despedimentos,… un siloxismo que ben podería entender un neno de tres anos pero que aínda lles custa comprender a esa caste de políticos e empresarios ultraliberais.

Cando os gobernos, entre eles o español e o galego, destinan miles de millóns de euros a salvar empresas privadas en crise, ninguén do Partido Popular dixo nada. Mutis polo foro. Agora, si. Ó goberno ocórreselle socorrer a eses milleiros de parados que deixa a crise, coa conseguinte subida de impostos para afrontalo e entón, como non, sae Rajoy a escena a dicir que se opón a esa subida de impostos, e nun acto puro de demagoxia dinos que os cidadáns non poden pagar “os erros e as gracietas” de Rodríguez Zapatero.

Recordan que os impostos máis baixos sobre as rendas máis altas e a liberalización que deu renda solta á “maxia do mercado” ían levar supostamente a uns resultados mellores para todo o mundo? Pois ben, non foi así.

Paul Krugman, premio Nobel de Economía, El País

Un queda pasmado. Onde estaba Rajoy cando tocaba criticar os erros e ‘gracietas’ das empresas? Onde cando con fondos públicos se salvaba os seus balances económicos? Xa esqueceu que todos eses millóns de parados son o resultado dos erros e ‘gracietas’ desas empresas? Das empresas e da permisividade gobernamental, claro. Si se salvou a esas empresas debería agora deixarse ‘tirados’ ós traballadores vítimas desa mesma economía especulativa ultraliberal?

Si a crise deixou millóns de parados, deixou tamén millóns e millóns de euros nesa clase empresarial inconsciente e devastadora de economías tradicionais. Parece xusto logo que os gobernos adopten as medidas necesarias para tentar restablecer a situación de equilibrio anterior (isto é unha fantasía persoal. Mil escusas! Non existía unha situación de equilibrio previa). Non? Poi non, xa que son como unha praga de langostas que van devorando todo o seu paso, sen ver máis alá do que alcanza a súa vista. Non entenden que a medida que van esgotando recursos, país a país, se acercan ó seu propio fin.

Que teñen pensado facer estes seres, que a veces semellan extraplanetarios, para cando teñan acumulada tódalas riquezas do mundo nas súas mans? A onde irán para cando xa nos teñan ‘limpado’ todo o que temos? Seguirannos explotando a cambio dunhas cuncas de caldo ó final de cada xornada? En fin…

Sen embargo, e pesares da situación creada, resulta que a culpa de que nos suban os impostos é dos gobernantes que malgastan os fondos públicos en medidas sociais, e non dos que os gastan en engordar ó capital. Moitas veces, os que actúan dun xeito e doutro coinciden, incriblemente, na mesma persoa. Así que tratarán de convencernos que está ben facerse cargo da débeda da banca ou subvencionar a compra de coches (dirán que lle dan 2.000 € ó usuario por cada coche, cando en realidade estanlle dando eses cartos as empresas automobilísticas. E  iso pagarémolo todos, tamén os que non os compremos), por exemplo, mentres que axudar a familias sen ingresos significará malgastar recursos públicos. A maquinaria mediática ultraliberal xa está en marcha e serán moitos os que ‘tragarán’.

Esquecen, estes que moitas veces babean en nome da ‘constitución española’, que o capital ten un fin social e está predeterminado constitucionalmente ó interese xeral de tódolos cidadáns. De feito que si as empresas non cumpren con ese mandato o Estado está no obriga de intervilas e polas ó servizo da cidadanía. Non valen chantaxes e ameazas como a que acaba de lanzar Rajoy: “a máis impostos, máis paro”. Non, debe ser ó revés; é o Goberno quen ten que facer uso do seu poder coercitivo e deixar ben clariño que “a máis paro, máis impostos“. E si non muda a situación haberá que acudir a nacionalización e intervención de empresas para que a acumulación de capital cumpra cos fins sociais polos que se admite a súa existencia. Mirade senón:

Artigo 128.1 CE

Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal fose a súa titularidade está subordinada ó interese xeral.

Ou fixádevos no que di estoutro:

Artigo 41 CE:

Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para tódolos cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situaciones de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A asistencia e prestacións complementarias serán libres.

Mentres tanto, eu seguirei desfollando a margarida: Rajoy non quere que se suban impostos, Rajoy non quere que se inverta en políticas sociais; Rajoy non quere que se suban impostos, Rajoy non quere que se inverta en políticas sociais,…

Aborrecido do vello conto nacionalista

Un vai indo un pouco canso de que cada vez que alguén sae en defensa das políticas do BNG lle nomee esas catro cousas que todo bloqueiro sabe de carrerilla e que non acadan a completar os dedos dunha man. Dame a risa. Si, dame a risa.

Xa me daba cando en tempos do bipartito o conselleiro máis valorado era Suárez Canal, o Conselleiro de Medio-Rural (sic). Seica nas cidades, onde se realiza a maior parte das entrevistas para os estudos de opinión, estaban moi contentes coa súa labor. Sería polo feito de non telo de responsable dos seus asuntos?

Cando me falan do Bantegal ríame aínda máis. Sendo de A Limia e coñecendo como coñezo o entorno rural, non era para menos. Moitos veciños, especialmente os que viven fora de Galiza, tiñan medo a perder as súas terras, outros, os que viven aquí, vían como o Bantegal pagaba o aluguer dos terreos moi por debaixo do prezo de mercado e, finalmente os que querían terras, decatábanse de que ese maná estaba reservado para os amiguitos.

Outro tanto che podería dicir das tan ‘cacareadas’ Galescolas -será por iso que agora se lles chama galiñas?-. Moita propaganda ó seu arredor, máis poucos beneficiarios e ben escollidos. Aquí co agravante da política de contratación (enchufismo a esgalla) e cunhas políticas laborais posteriores discriminatorias (sobreexplotación, merma de dereitos,… o mesmiño que en SEAGA).

Falas, querido lector, de que o bipartito (o BNG) perdeu as eleccións en áreas moi localizas. Discrepo. Perdéunas en toda a Galiza urbana. Non houbo cidade na que non baixara. Gañou algo no rural, non o suficiente, a calor do poder (sic. No rural aínda se vota ó que goberna), máis son votos que para as seguintes teñen novo dono -ou nas pasadas, non hai máis que ollar o resultado das eleccións europeas- e, todo isto, sen recuperar un só voto da súa base electoral tradicional… porque non hai motivos -cambios- para que así sexa.

O máis previsible, cando se dá un cambio de goberno, é que se dé un cambio de políticas, por iso falo da previsibilidade do goberno do Sr. Feijóo e do decepcionante arranque do bipartito, decepción que se foi arrastrando como un lastre ata os derradeiros días. Amais. o goberno do Sr. Feijóo ten que dar mostras do cambio que a sociedade decidiu o 1M e para iso non pode voltar as políticas de Fraga -que son as mesmas do bipartito- senón que ten que ir máis alá para que se note a súa chegada ó poder.

Hai uns intres acabo de escoitar unha intervención de Beiras no debate do Estado da Nación (da autonomía, que dirían os ‘quintanistas’) de 2003 que amablemente me achegou un lector deste blog –grazas!-. Logo de ter oído o seu discurso decátome do pouco que mudou Galiza nestes anos de bipartito. Podería subir Beiras ó estrado no 2006, 2007, 2008 e mesmo agora, no 2009 e repetir as mesmas verbas, cambiando só o nome dos protagonistas. Si,… tanto melloramos nos derradeiros anos!

Intervención de Beiras no Debate da Nación de 2003 sobre a globalización

Cumpre ser moi torpes -moito- para levar a Galiza a situación na que está, perder unhas eleccións partindo dunha situación de privilexio, e conservar as cabezas de tódolos responsables no seu escano do Parlamento Galego. Por exemplo, foi un erro por de número un por Ourense ó Sr. Suárez Canal e -máis aínda- por de número dous a condenada Tareixa Paz. Con Quintana de cabeza de lista en Ourense sacarían tres escanos e non perderían ningún en A Coruña, onde non o tragan. Botade contas. Non fallaron só as políticas, senón tamén as estratexias.

Sobre o lamentable estado en que o bipartito deixou a sanidade. Mellor non falar… listas e máis listas, folgas e máis folgas,… e falo por min, por como me afecta a min, pois é moi doado estar na casa tragando a propaganda do goberno de quenda, crer todo o que che botan ata que, claro, un día che toca pasar pola peneira. Entón si, decátase un do que hai.

Agora que, non me fagades moito caso -xa non o fixestes antes-, vos seguide coa vosa letanía.