CON SUBSTANTIVIDADE PROPIA

Cando unha empresa busca persoal para realizar as súas tarefas encargase de contratalo o Responsable de RR.HH. pero cando unha empresa busca un Responsable de RR.HH. quen se encarga de contratalo? Unha boa pregunta, verdade? Da boa ou mala selección dependerá que a empresa teña un Responsable ou un Irresponsable de RR.HH.

Unha das preguntas obrigatorias en toda entrevista para a selección de un Responsable de RR. HH debería ser: que é a substantividade propia?

A substantividade propia é un dos requisitos indispensables para poder realizar un contrato por fin de obra. Pero que é? En Galiza fanse contratos por fin de obra a esgalla, non só na empresa privada senón tamén -e diría que especialmente- na empresa pública e na administración pública. Saben os Responsables -ou Irresponsables, segundo saiban respostar acertadamente a esta cuestión- de RR.HH. o que é a substantividade propia?

Non é algo que veña definido no dicionario -de ningunha lingua, podédelo comprobar- nin en ningún código lexislativo. A substantividade propia e un dos conceptos abstractos, entre milleiros, que se utilizan na redacción de leis. Este aparece no artigo 15.a) do Estatuto do Traballador o sinalar que “…cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cunha execución, aínda que limitada no tempo, en principio de duración incerta”. Que é iso?

So hai unha resposta válida a esa pregunta: a que ofrece a xurisprudencia pois, na actualidade, a substantividade propia é un concepto que non ofrece ningún tipo de conflito xurídico entre diferentes sectores doutrinais. Todos están de acordo… agás algúns xuíces de primeira instancia, algúns dos inspectores de traballo e os que en realidade son Irresponsables -e non responsables- de RR. HH. de certas empresas, públicas e privadas, así como de certas administracións.

Toda contratación por fin de obra debe reunir tanto os requisitos esixidos pola lei como pola xurisprudencia (ver Sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2006 sobre Fraude de Lei), sobre todo os esixidos por esta última, que son:

a) Que a obra ou servizo que constitúa o seu obxecto, presente autonomía e substantividade propia dentro do que é a actividade laboral da empresa;
b) Que a súa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta;
c) Que se especifique e identifique no contrato, con precisión e claridade, a obra ou o servizo que constitúe o seu obxecto; e
d) Que no desenrolo da relación laboral, o traballador sexa normalmente ocupado na execución daquela ou no cumprimento deste e non en tarefas distintas.

Segundo esta Sentenza, así como moitas outras, como por exemplo a Sentenza do Tribunal Superior de Galiza de 10 de xuño de 2008, deixan moi claro que tarefas ten substantividade propia:

Ten substantividade propia dentro dunha empresa -ou administración- tódalas tarefas que non sexan habituais, normais ou permanentes.

Este pequeno detalle marca a fronteira entre un contrato legal e un contrato realizado en fraude de lei (Artigo 6.4 do Código Civil). Que supón para unha empresa un contrato en Fraude de Lei? A obriga de transformar o contrato temporal de fin de obra nun contrato indefinido de acordo co Artigo 15.3 do Estatuto do Traballador:

Presumiranse por tempo indefinido os contratos temporais celebrados en fraude de lei.

… De aí a importancia de saber seleccionar a un Responsable de RR. HH. Non facelo ben sería unha irresponsabilidade por parte do empresario ou responsable político do momento.

Actualización a 6 de outubro de 2008

Achego copia dun artigo moi interesante de José María Lastras publicado en El país e acerca dos contratos de fin de obra en relación coas contratas feitas polas administracións públicas.

clica na imaxe para agrandar

A fraude da SOCIEDADE TEXTIL LONIA

Acabo de recibir con agrado unha Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, Sentenza do 10 de xuño, na que se condena a empresa distribuidora e fabricante (é un xeito de falar, todo o mundo sabe que a práctica totalidade desas prendas son fabricadas na China) de Carolina Herrera e Puprificación García, a Sociedade Textil Lonia, por contratación de traballadores en fraude de lei.

O principal motivo deste despedimento non foi o remate da obra para a que o traballador fora contratado, pois non existía tal obra, senón o feito de que o traballador lle comunicase a irresponsable, perdón, responsable de persoal da empresa que os contratos que estaba facendo ós traballadores eran ilegais, posto que incorrían en fraude de lei. A súa resposta foi o despedimento do traballador.

Esta sentenza, recentemente comunicada, fai bos tódolos argumentos que o traballador presentara ante a irresponsable, e dalle -en que estarei pensando-, responsable de persoal da Sociedade Textil Lonia, ante Inspectora Xefe de Traballo de Ourense, Pilar Sánchez-Cuervo Peña, e ante o Xulgado do Social Número 2 de Ourense do que é titular a xuíza María Isabel Gómez Balado.

O certo é que esta empresa fai cada ano centos de contratos, si centos, contratos a moreas, e todos eles en fraude de lei, de tal xeito que si calquera traballador denunciase o contrato este converteríase en traballador indefinido. Sen embargo existe moito medo a acudir ós tribunais nesta sociedade, aínda sendo conscientes os traballadores, como o son, das irregularidades que comete a empresa. Pero xa se sabe como funciona esta sociedade caciquil e, especialmente, a sociedade ourensá. Hai moito medo o poderoso e triunfa a submisión. O clan dos Domínguez ten moito poder, demasiado, na cidade.

Sen embargo, o estado de dereito ten mecanismos dabondo para defender os traballadores desta fraude. Para comezar, dende a oficina do INEN poderían actuar de oficio e denunciar a Sociedade Textil Lonia, polo uso e abuso destes contratos temporais para obra determinada (normalmente para o almacenamento, distribución, pasar o ferro… -segundo o caso- para un número determinado de prendas) pois todos e cada un deses contratos pasa polas súas mans. No INEN preferiron mirar para outro lado.

A Inspección de Traballo ten a obriga de velar polo cumprimento do marco normativo laboral e debería intervir de oficio na defensa dos traballadores; sen embargo, non o fixo nin a instancia da Fiscalía nin a instancia do traballador. Porqué? Porqué se buscan xustificacións en sentencias que nada teñen que ver co caso en cuestión? Porqué tanto interese en defender o indefendible? Acaso temen ó clan? Non, non creo. Estes traballadores están moi ocupados en perseguir e espremer a autónomos de baixa e as pequenas empresas. Con estes si que non teñen piedade.

Pero tanto ou máis inxustificable parece a Sentenza do Xulgado do Social número 2 de Ourense. Ninguén discute a doutrina do Tribunal Supremo cando afirma que non se poden facer contratos por obra cando a obra consiste na actividade normal da empresa. A actividade normal da Sociedade Textil Lonia é clariña, fixádevos: “deseño, fabricación, compra e venda e comercialización no territorio nacional e estranxeiro de todo tipo de produtos textiles…” e en particular os das marcas Carolina Herrera e Purificación García. A obra do contrato consiste no “almacenamento e distribución de 100.000 prendas”. Alguén dubida sobre a legalidade deste contrato?. Non, ninguén, nin tan sequera a xuíza, pois si dubidase a dúbida debería aplicarse en beneficio do traballador (in dubio pro operario)… e non foi así.

Os xuíces, máis que ningún outro cidadán, ten a obriga de respectar a lei e a xurisprudencia dos tribunais superiores. Como si non nos van a esixir ós demais o cumprimento efectivo da lei? Sen embargo non é así. Moitos xuíces ocupan os seus xulgados cunha soa idea clara: eles alí son a lei. Só lles falta mexar nas catro esquinas da súa sala para marcar territorio.

En defensa da nosa paisaxe

A primeira actuación executada polo grupo local do BNG en Xunqueira de Ambía foi frear a devastación do Monte da Farria, un monte catalogado no PXOM de Xunqueira de Ambía cun Nivel A e catalogado cunha Protección Especial Paisaxistica. Estaba sendo explotado por duas empresas graniteiras (Farriense de Granitos e EXELCO) ante a desidia -nalgúns casos complicidade- das institucións local e autonómica.

Non foi a primeira vez que a paisaxe do noso Concello se ve agredida. Trala concentración parcelaria desapareceron do noso patrimonio natural dous importantes enclaves protexidos -a posteriori- polo PXOM de Xunqueira de Ambía: o Comunal e touzas de Casasoá e a Devesa de Vilariño da Veiga. Tamén se viron especialmente afectados polas obras da concentración parcelaria a Vía Nova (camiño romano) e o Camiño de Santiago, desprazando, nun casos, e eliminando, noutros, o trazado orixinal.

Agora o que está en perigo e o único enclave natural protexido que queda na zona da Limia de Xunqueira de Ambía, as Veigas de A Graña, que goza da mesma protección -Nivel A- que os espazos antes mencionados. A semá pasada puiden ver na Consellería de Medio Rural o estudo de impacto ambiental da concentración parcelaria para esta zona, publicado no DOG do 11 de xuño, e deixoume especialmente abraiado que ninguén da Consellería se percatase do feito de que esa zona está especialmente protexida polo noso planeamento, a pesares, segundo os responsables do servizo, de utilizar os planos do PXOM para confeccionar diferentes estudos, medicións, catalogalizacións… En definitiva, que se estivo dilapidando unha boa chea de recursos públicos polo empeño de alguén en facer alí unha concentración parcelaria sen ter en conta os impedimentos legais existentes.

Este intento -esperemos que ahí se quede- de concentración parcelaria xa fixo moito dano a zona mesmo antes de porse en marcha. No 2006 as Veigas de A Graña arderon xusto antes de procederse as medicións das fincas. Casualidade? Non creo. Si todo está queimado é moito máis doado realizar as tarefas de medición. Ademais foron cortadas moitas árbores, polo medo dos seus propietarios a verse privados delas trala concentración parcelaria.

É por todo isto que dende o Grupo Local do BNG en Xunqueira de Ambía nos vimos na obriga de solicitar a paralización do proxecto de concentración parcelaria de A Graña co gallo de evitar unha nova catástrofe ecolóxica no noso Concello. Ademais solicitamos a Medio Rural que informe a tódolos veciños e propietarios da zona afectada para poñer fin a deforestación desa área e, por suposto, que os fondos destinados a esa concentración se utilicen para promovela diversidade da fauna e flora, para restauralos rexímenes hídricos naturais e promovelas funcions recreativas da paisaxe das Veigas de A Graña.

Dende o BNG sempre defendemos o escaso aproveitamento das concentracións parcelarias e non deberíamos esquecelo agora, precisamente agora, que estamos gobernando. Na Limia hai terras dabondo, moitas delas abandoadas. Non precisamos terras, non… o que precisamos e unha verdadeira industria de transformación agrícola e gandeira, unha AGROPOLE galega.

… por pedilo non será.

A voltas co galego

Esta é a semana do galego. Debería ser unha semana de festa, de concursos de prosa e poesía por tódolos Concellos de Galicia, de teatro nos colexios, de feiras do libro,… sen embargo, parece que todo isto se quedou nun segundo plano.

Na última campaña, durante as eleccións xerais, o PP convertiu o galego nunha arma política, nunha arma de destrucción masiva que estaba a piques de acabar co castelán -coma si Galiza fose o derradeiro recanto no que se fala esta lingua-. Ninguén en Galiza, con deus dedos de frente, se prestaría a tal engano (dixen con dous dedos de frente, os de Galiza Bilingüe non contan, VALE!) e tomaría en serio tal ameaza salvo, como non, outro partido político.

O panorama que se nos presenta nos últimos días e o seguinte: por un lado recibimos moitas noticias catastrofistas sobre a situación do galego no noso país (incumprimento de normas do galego no ensino e outros incumprimentos da Lei de Normalización Lingüistica, sobre o dereito dos cidadáns a seren atendidos en galego,…) e outras que disfrazan un pouco a realidade (sobre o prestixio do galego ou uso do galego no Concello de A Coruña); por outro sae o BNG facendo manifestacións a prol do galego, por certo, o único partido que as fai (Quintana animando os empresarios a usar o galego, campañas e manifestos a favor do uso do galego,…) ou acordando medidas lexislativas polo bipartito agora que a lexislatura se esgota (como a derradeira referida as axudas para os comercios que usen galego).

Deberíamos todos sentir un pouco de vergoña do que estamos facendo. Por un lado uns tratan ó galego exactamente igual que a un cadaver ó que se lle está facendo unha autopsia, abrindoo en canal, radiografiando e analizando todas e cada unha das posibles causas da sua morte. Deixade ó galego en paz! O galego ainda está vivo, e con todas esas denuncias i enquéritos non o axudades en nada; como tampouco se axuda, por certo, con manifestos e manifestacións -xa sei que algúns que cobran todo o ano pola defensa da lingua, como os da Mesa pola Normalización Lingüistica, teñen que xusticar agora, polo menos, a sua existencia-. A lingua galega axúdaselle tomando decisións dende as institucións nas que se goberna, pero non agora, a última hora, na víspera do día grande da nosa lingua, facendo un brindis ó sol, senón durante todo o ano, dende o principio ata o fin da lexislatura. Ou é que xa esquecemos cal é o noso proxecto de país?

Non se pode caer no erro do PP e acabar asociando a lingua galega con un partido político -claro que o PP busca xusto o contraio: asociar castelán a PP- porque con isto o único que se consegue e arredar da nosa cultura os cidadáns que non son dese partido, xa que poden caer no erro de sentirse identificados políticamente a un partido polo simple feito de falar unha ou outra lingua. O galego é de todos os galegos, dos de dereitas e tamén dos de esquerdas, dos que son nacionalistas e daqueles que non o son, dos que o conservaron dende os seus pobos e dos que o rescataron de vellos libros nas bibliotecas, dos galegos que o falan e, por suposto, dos galegos que non o falan,…

Pra rematar vou a falar dunha disputa inútil coa que me encontrei hoxe (ó fio desta historia): galego normativista ou galego reintegracionista? Para comenzar vou lembrar que o galego, a diferencia doutras linguas mortas coma o latín, é unha lingua moi viva e as linguas vivas evolucionan –TODAS!-. O galego evolucionou ata ser o que é hoxe bebendo de moitas fontes, e non podemos renunciar a ningúnha porque todas elas xuntas son o galego falamos a inmensa maioría do pobo, logo de séculos de persecucións, inxurias, asasinatos, emigracións, guerras, fame, secostros, aldraxes,… e silencios que tiveron que aturar os nosos ancestros.

O caso é que me atopei cuns reintegracionistas que se puxeron a correxir todo o que eu escribía, como si eu cando escribo estivese calibrando cada verba. Eu en ningún caso me plantei correxilos a eles, pois co diccionario da RAG na man existiría unha falta en cada palabra sua.

O que lles ocorre a esta xente é que senten tal fobia pola cultura castelá que o único que buscan é diferenciarse dela e para iso foron a beber a fonte do portugués para recuperar o que algún día foi o galego-portugués, unha lingua común o galego e ó portugues, que nin é galego nin é portugués. Aquela lingua nai evolucionou e deu lugar a duas novas linguas, como antes o latín dera lugar a moitas outras. O que non entenden é que esa lingua está morta, que pode ser obxecto de estudo, claro que si, como tamén o é o latín, pero non ten posibilidade algunha de volver a ser falada.

O peor desta xente, aparte da suas fobias, e a actitude totalitaria que ten e a falla da percepción da realidade galega. Non admiten críticas e perseguen a todo aquel que os contraría ata pecharlle a boca, ata silencialo. Son tan fascistas coma aqueles que noutras épocas deixaban mortos nas cunetas… en silencio. Si, ó igual que aqueles odian a nosa lingua, a que sobreviviu. Esta vez quen persegue ó galego son uns seres retrógados que pretenden impornos unha lingua morta…. E non nos impón o latín… POR QUE NON O SABEN.

A cultura galega refulxe na Habana

Estos son os datos que presenta a Consellería de Cultura sobre a Feira Internacional do Libro de A Habana:

Datos FILH 2008

– 520.000 visitantes
– 1,2 millóns de libros vendidos
– 32 países participantes
– 70 expositores cubanos
– 81 expositores internacionais, entre eles stands das feiras de Frankfurt e Guadalajara.
– 60 xornalistas acreditados de 14 países, entre eles Reuters, Associated Press, CNN e BBC.
– Anteriores países convidados (desde 2000): Italia, España, Francia, Comunidade Andina de Nacións, Alemaña, Brasil, Venezuela e Arxentina
– País convidado 2009: Chile

Galiza na FILH 2008

– Asistencia pavillón galego e actividades galegas: 192.000 persoas
– 200 actividades literarias e artísticas
– 11 exposicións
– 19 editoriais presentes
– Edicións ‘ex profeso’ para a FILH: antoloxías de poesía e de narrativa. Outras publicacións: folletos, ‘René no conoce Galicia’, revistas Letras de Galicia e 100.000 follas voandeiras.
– Delegación de 150 persoas (editores, escritores, programa académico, debuxantes de banda deseñada, músicos, audiovisual, actores, artes plásticas)
– Investimento total da Consellaría de Cultura e Deporte: 1,3 millóns de euros.
– Premio ao mellor stand internacional desta edición da Feira

Acordos institucionais no marco da FILH

– Acordo de colaboración co Instituto de Literatura e Lingüística para dixitalizar arquivos galegos en Cuba (en colaboración co Consello da Cultura)
– Acordo de colaboración coa Escola Internacional de Cine de Cuba
– Acordo de colaboración co Instituto Superior de Arte (ISA)
– Acordo co Museo Nacional de Belas Artes para a catalogación do fondo galego

Colaboracións artísticas

– Descarga ao vivo, combo de músicos galegos e cubanos
– Ópticas cruzadas, cineastas galegos e cubanos

Outras feiras

– Andalucía, cultura convidada en Guadalajara 2006: 360 participantes, 3 millóns de euros de investimento
– Cataluña, cultura convidada en Frankfurt 2007: 11,5 millóns de investimento

A min todo o diñeiro -público ou privado- que se invirta a prol da cultura galega paréceme pouco e si na feira internacional de A Habana se invertiron 1.3 millóns de euros, coa repercusión que esta feira ten, considero un regalo o prezo pagado -sobre todo si temos en conta o que as delegacións andaluza e catalana gastaron nas feiras precedentes-. Vendo, lendo e oindo o que algúns fan, escriben e din soamente me podo reafirmar en todo o dito, pois son estas persoas -sobre todo os periodistas do xornal ourensán La región– as que mais fan día a día por arrinconar a cultura galega, menospreciándoa, repudiándoa e utilizándoa o xusto para asegurarse as suvbencions que a Consellaría de Cultura reparte cada ano entre os xornais do país. A súa é unha reacción miserabel.

¿Cántos cartos recibe cada ano La Región nese concepto? Sexan moitos -que é o mais probable- ou poucos… ESES SI QUE ESTÁN BEN MAL EMPREGADOS.

Moitos aproveitaron a presenza de Galiza na Feira Internacional do Libro de A Habana para criticar o réxime cubano. Velaquí un exemplo claro de misturar churras con merinas pois xa me diredes que ten que ver unha Feira Internacional do Libro (independetemente de onde se celebre) co réxime político do lugar de celebración. A Feira Internacional do Libro de A Habana persegue o mesmo que calquer outra feira: poñer en contacto a tódolas partes intervintes nun sector concreto, neste caso editoriais, autores críticos e lectores. É por iso que o éxito desta Feira non se pode cuantificar soamente polo número de libros vendidos, senon polos contratos cerrados entre autores e editoriais para a comercialización de libros noutros países e noutras linguas.

Podería cerrarse nunha feira coma esta un contrato entre un autor galego e unha editorial china para vender alí os seus libros en chino? DENDE LOGO QUE SI! Por iso unha Feira é algo mais que un escaparate, é un mercado público –así o define o dicc. da lingua galega- e que un mercado se celebre en Cuba, que queres que vos diga, pois supón un importante avance no réxime político da illa, sobre todo si temos en conta que o réxime comunista -alí instaurado- repudia o capitalismo, á economía de mercado. Si o feito de que A Habana se converta nun mercado internacional supón de por sí un avance, polo feito de que se poidan facer negocios en Cuba, ainda é máis relevante que eses negocios teñan que ver coa cultura, con libros, por canto hai de ideoloxía, de filosofía política, detrás de cada novela, de cada poesía ou de cada obra de teatro, ensaio… Pode decirse que Cuba amosóuse aberta e receptiva a entrada de novas ideas, ainda que sean contrarias ao seu réxime. Alomenos nese eido as autoridades cubanas foron moito mais tolerantes que os fascistas daquí de toda a vida, aqueles que non soportan a quen pensa distinto e que si puidesen, abofé que nos calarían.

Artigos publicados de Miguel Quintas Coelho

Foi un pracer coñecerte, compañeiro, lerte e máis escoitarte. As tuas conviccións, os teus principios, a tua personalidade, seriedade e meticulosidade embuída na análise do cotián, a tua clarividencia permanente, o teu compromiso cos máis febles perdurarán para sempre no noso recordo.

A PROTECCIÓN DA BIODIVERSIDADE

A estas alturas xa ningúen pode negar que as canteiras de Xunqueira de Ambía están nunha situación ilegal xa que ademais de non contar con ningún dos permisos necesarios para realizar a actividade extractiva, están situados nun monte de especial protección paisaxística. Moitos dos que hoxe gobernan o noso Concello, e tamén algúns da oposición -refírome o PSOE-, creen que esa situación ten fácil arranxo. Estes consideran que para cambiar esa situación protectora do Monte da Farria é dabondo con modificar o PXOM de Xunqueira de Ambía e unha vez feito as canteiras poderán voltar o Monte e campar as suas anchas.

Non podían estar mais trabucados. A situación de protección que ten hoxe en día o Monte da Farria é irreversible, polo lo menos así será mentres esté vixente a Lei da Biodiversidade [Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (BOE, núm. 299, de 14 de decembro de 2007) (PDF)]. Esta lei di no seu artigo 51.1 (sobre a alteración da delimitación dos espazos protexidos) que “só poderá alterarse a delimitación de espazos naturais protexidos ou da Rede Natura 2000, reducindo a súa superfice total ou excluindo terreos dos mesmos, cando así o xustifiquen os cambios provocados neles pola súa evolución natural, científicamente demostrada”.

Isto quere dicir que mentres o Monte da Farria non se funda, se eleve ou se parta en dos -ou máis…- por causas naturais (terremotos, volcáns, tormetas,…) -non vale con porlle lume- este seguirá a gozar da mesma protección e, polo tanto, toda actividade -agás a recuperación- que se leve a cabo alí será ilegal … E de novo na TVG

Vistas do aserradeiro ilegal de EXELCO pegado a sua propia canteira