Non se trata de que chegue o sangue ao río, non, senón de repartir a torta das administracións públicas. Non se debaten ideas, por exemplo, como crear máis emprego nas vilas e cidades, non, o que se descute son as posicións que ocuparán cada persoa nas listas a presentar. Non hai proxectos por riba da mesa para logo decidir a persoa máis axeitada para levalos a cabo, decídese primeiro a persoa e logo, alá ela! cos proxectos con que se comprometa… total, para os que vai cumplir!
Comicios Electorais
O movemento volo deu, o movemento volo quitou
Un ano despois da desfeita do 1M09 os protagonistas daquela xeira parecen non decatarse aínda do que ocorreu. Feijóo segue facendo oposición, agora a Zapatero, Quintana segue andando en coche oficial e sentando cátedra ao seu paso, Touriño… ben, cando menos este soubo retirarse e quedarse nun segundo plano… a tempo.
Cando un ano despois Anxo Quintana aínda afirma que “a campaña sucia funcionou” dime que (a) ou ben non se entera de nada ou (b) é o típico irresponsable que culpa ao primeiro que se lle cruza para non asumir a responsabilidade que lle é propia. Amais, iso si, coa súa actitude lexitima as decisións adoptadas polo goberno de Feijóo logo da vitoria popular: en materia lingüística (o conflito inexistente), enerxética (onde quedou patente a división do bipartito) ou respecto as axudas a La Voz de Galicia (polo sonado dilapidamento e sibaritismo dos altos cargos socialistas e nacionalistas).
Non, nada tiveron que ver a lingua, os audis ou o iate (ver a análise de Fermin Bouza), foi o mal de altura: taponáronselle os oídos e non escoitaron aos seus compañeiros, que estábamos aquí abaixo, onde sempre. Agora só tiñan oídos para eses asesores, ben pagados, e os seus cantos de serea. Estes non lles ían dicir o mal que o estaban facendo, pagábanlle para dicir o contrario. Mentres, era a rúa que berraba, outra vez, cinco anos despois, esta vez coa bandeira de Galiza Non se Vende. Nin a berros!
Lonxe de escoitar ao movemento, ao mesmo movemento que lle dera a vitoria catro anos antes, adoptou unha postura crítica cos críticos, reprochándolle a concesión de espazo aos seus adversarios e acusando de traizón calquera discrepancia. Esta actitude cínica e soberbia acendeu aínda máis os ánimos do movemento, provocando unha bola de neve de rexeitamento cara o goberno bipartito, e especialmente cara o BNG, que crecía cada día.
Moitos aseguraron ir votar co nariz tapado mais moitos decidimos quedarnos nas nosas casas. Esta decisión non foi o resultado de campaña algunha pois xa estaba tomada meses antes polo electorado. Próbao a chamada a participación incluso antes de comezar a campaña, de aí que artellaran unha campaña buscando o voto no centro galeguista. Inocentes! Coñecían polas enquisas a grave desafección da cidadanía e, tendo constancia deste dato, continuaron unha campaña baleira de ideas, de proxectos, sen solucións aceptables para a situación económica que atravesamos,… e sen asumir erros.
Lembro aquel día con ledicia. Tiven que soportar doce horas sen acercarme ao colexio electoral, onde non iría a votar por vez primeira na miña vida mais, mereceu a pena. Os primeiros sóndeos adiantaban o resultado final, foron unhas horas excitantes que rematou no éxtase cando o bipartito recoñeceu a súa derrota. Non busquen pantasmas, non foron eles. Foi a cidadanía en movemento, fun eu. Eu volo dei (o poder), eu volo quitei (o poder).
Artigo relacionado: deberían as redes activistas do movemento salvar a esquerda? (por Raimundo Viejo, On the Wobbly’s Road)
Algunhas notas sobre o BNG e as eleccións europeas
1.- O resultado das eleccións europeas demostra que, unha vez máis, os responsables do BNG se trabucaron ó facer unha análise da realidade social galega.
2.- Logo das eleccións galegas dicíasenos que fora un erro crer que os cidadáns ían votar ó BNG polo feito de ostentar o poder. Os resultados do 7-X proban todo o contrario, proban que unha parte moi importante dos votos acadados o 1-M chegaron ó BNG por simple inercia social, pola inercia do poder, e perdido este, ese caudal de votos desapareceu. Isto apréciase mellor no medio rural, onde a cultura democrática é menor, aínda que cuantitativamente non o pareza.
3.- Ese voto axudou, amais, a maquillar a perda de votantes dentro do electorado tradicional deste partido, onde a desafección crece de xeito exponencial, cada comicio celebrado, dende que o BNG ocupou posicións de goberno na Xunta de Galiza. Os críticos e desafectos foron desatendidos, ignorados, excluídos e, moitas veces, perseguidos, a sabenzas de que o seu lugar sería pronto ocupado por ese sector social, desidealizado, de baixo perfil cultural, que persegue ó poderoso,… quen queira que sexa.
4.- Perdeuse o poder e con el perdeuse ese caudal de votos e, sen embargo, non se recuperou un só voto entre os máis descontentes do nacionalismo, pese a celebración dunha Asemblea Nacional Extraordinaria (ANE). Porqué?
5.- Acostumo a culpar os dirixentes do partido da deriva ideolóxica do BNG, pero logo da derradeira ANE teño as miñas dúbidas, vexo máis responsables. Agora creo que tamén teñen unha parte importante de responsabilidade os militantes que, en moitos casos, venden o seu voto, os seus principios, a súa dignidade,… ós seus compañeiros, por unha paparota ou por una favorciño persoal -só así se pode entender que na ANE se premiara ós que nos levaron a esta situación e castigara ós que non tiñan responsabilidade algunha no sucedido-. Por certo, a que vos lembran estas prácticas políticas?
6.- Baltar e o baltarismo. Hai uns meses quedei cun compañeiro do EI aquí na comarca -de Allariz- e pregunteille si coñecía algo desta zona para darlle algunha referencia. Díxome que si, pero que non viña por aquí dende que Xardón se convertera ó baltarismo (e isto seica sucedera nos seus inicios como alcalde de Vilar de Santos). Resulta cómico, non?
7.- Agora chamámoslle quintanismo, pero este neoloxismo non é máis que un xeito máis noso de referirnos a aquel outro. No fondo e na forma, baltarismo e quintanismo, son a mesma cousa.
8.- Foi precisamente o quintanismo quen máis fobia amosou polo que eles denominaron “grupos ultraminoritarios” e os que máis forte apostaron por converter ó BNG nun partido de masas.
9.- A falta dunha concreción do que significa para o quintanismo o concepto “ultraminoritarios” e tomando como referencia a sociedade galega -o que vota a sociedade galega-, é o BNG quen corre un serio risco de acabar formando parte deste grupo, pois dun censo electoral de dous millóns e pico de persoas o BNG acadou pouco máis de 100.000 votos (nin medio pico) o que representa escasamente un 4,5 por cen dos que tiñan dereito a exercer o sufraxio activo. Non sei si resultará máis cómico que tráxico.
Todas as utopías socialistas comezan a tambalearse
tan pronto como a boa comida abunda en todas as casas”
Werner Sombart, Mohr, 1906.
Ata aquí todo vai ben
Deixo aquí un estracto da análise post-electoral realizada por Raimundo Viejo Viñas e publicada en On the wobbly’s road.
[…] Entre as evidencias desta crise parcial do xogo representativo encóntrase o feito de que as forzas de esquerda e nacionalistas que apoian ó PSOE aférranse ó mantemento da súa representación como mellor evidencia de que a súa particular concepción da política segue en pé. Como dicía aquel personaxe da película La Haine a punto de estamparse contra o chan: jusqu’ici tout va bien!, “ata aquí”, pensan IU, BNG, ICV, ERC, etc., “todo vai ben”.
[…] Así, por exemplo, o BNG parece que dende que perdeu o poder quere recuperar o pulso pola esquerda e pola rúa. Como si durante os seus catro anos de goberno non fixeran unha xestión moi mediocre, por non dicir cousas peores, nos derradeiros meses creu ver nas mobilizacións en defensa do galego ou nalgunhas outras loitas sociais do momento, a porta a unha recuperación do espazo político perdido (todo isto, hai que precisar, nunha máis que modesta medida, evidencia que a maquinaria partidista aínda está encaixando, cunha moi lenta dixestión, a súa derrota electoral). Loxicamente, despois non xa dunha lexislatura senón dunha década operando como aparato fora por completo das redes de activistas, o BNG practica toda sorte de torpezas, moitas veces sen chegar a darse conta. O seu problema máis grave, sen embargo, non está no movemento (aínda que obscenidades como o comportamento dalgúns dinosaurios no Foro Social Galego poidan chegar a ser verdadeiros problemas). O principal problema do BNG é que segue sen entender que modelo de organización política adoptará para ser un interfaz funcional ás demandas sociais que nacen no movemento.
Hai boicot do BNG a Iniciativa Internacionalista?
Veño de votar e aínda non me pasou o espanto. Entrei a unha cabina do meu colexio electoral (Consellería de Sanidade, Avenida de Zamora, Ourense) e comecei a mirar papeletas. Sempre me asombra ver tantas candidaturas e tan variadas, de partidos dos que nunca oíra falar e sempre me paro a lelos todos, un a un. Seica había trinta e cinco, segúndo me dixeron logo. Destas candidaturas minoritarias buscaba unha que soou moito nas derradeiras semanas: Iniciativa Internacionalista. Cal foi a miña sorpresa cando non a atopei!
A miña mente retorcida empezou a maquinar do revés e enseguida vin un responsable do sucedido. Pregunteime: a quen prexudica que esa papeleta esté na cabina? Só hai unha resposta, verdade?
Dirixinme ó Presidente da mesa e díxenlle que non había papeletas deste partido. Quedou sorprendido pois confiara nos interventores dos distintos partidos esa tarefa. En segundos botouse enriba miña, como can de presa, Xosé Carballido, interventor do BNG. Dixo estar estrañado pola falta desas papeletas nas cabina, pois “el mesmo” se encargara de comprobar que estaban tódalas papeletas de tódolos partidos… Como diría Baltar “puxemos ó rato a coidar do queixo”. Finalmente, este Señor acabou pedíndome desculpas por unha situación que non era responsabilidade súa, senón do Presidente da mesa. Excusatio non petita, accusatio manifesta.
Non era a de Iniciativa Internacionalista a única que faltaba, tampouco estaba a de Esquerda Anticapitalista. E non podo dicir que faltasen máis porque eu non coñezo todos os partidos que concorren mais imaxino que non son os únicos. Esta é a problemática que atinxe ós partidos pequenos: a loita deshonesta que practican os partidos maioritarios.
Abstención, voto nulo, branco ou minoritario
Primeiro foi Anxo Quintana e onte E. Pérez Touriño quen afirmou que absterse significa apoiar ó PP. Semellantes afirmacións só poden realizarse dende a perspectiva do político que pensa que o votante é un ser estupido. Quen decide non votar faino para non beneficiar a ninguén e, de feito, e a mellor forma de que ningún partido saque proveito dese voto. Vóuno explicar coa axuda de ciudadadanos en blanco (lectura recomendable para líderes políticos):
1) A abstención: Absterse é, simplemente, non votar. É unha opción totalmente válida e legal, prevista e regulada no noso sistema electoral: aqueles cidadáns que non desexen exercer o seu dereito ó voto non ten por qué facelo. Á hora de facer o reconto correspondente para escoller os representantes dos cidadáns nos diferentes órganos de goberno a abstención non se ten en conta.
2) O voto nulo: É un voto defectuoso, un voto que non cumple coas condiciones mínimas esixidas para ser aceptado como válido. Entre outros, ten a consideración de voto nulo os votos nos que a papeleta electoral aparece con tachaduras ou comentarios (por exemplo, tachar ó nº 1 por Ourense do PP). Os votos nulos contabilízanse, pero aparte diso tampouco se ten en conta á hora de asignar os representantes.
3) O voto en branco: Ainda que nin na Lei Electoral nin en ningunha outra parte se indica, de forma oficial, para qué serve o voto en branco, este considerase universalmente un voto de protesta, asociado a cidadáns partidarios da democracia, pero que non se senten representados polos partidos existentes. O voto en branco é o voto do cidadán que quere votar pero non ten a quen.
Os votos en branco son votos “válidos”, e contabilízanse como tales á hora de calcular o total de votos válidos emitidos. Sen embargo tampouco se ten en conta á hora de asignar os representantes, salvo polo siguiente: o número total de votos válidos utilízase para calcular o número mínimo de votos necesarios para que un partido político obteña representación nunha circunscripción: nestas eleccións o 5% do total. Os partidos que non obtén, polo menos, esa porcentaxe mínima de votos elimínanse e, ós restantes partidos, asignánselle os representantes ignorando xa os votos en branco, os votos nulos e os votos deses partidos minoritarios eliminados.
Conclusión: absterse non inflúe no resultado final dunhas eleccións, nin quen se abstén pretende facelo, sen embargo, votar a partidos sen posibilidades de obter representación, votar en branco ou votar nulo si pode perxudicar a algunha das forzas menos votadas, como Esquerda Unida ou Terra Galega, ó calcularse o 5% mínimo sobre a totalidade de votos emitidos beneficiando, ó mesmo tempo, ó partido máis votado.
Claro que tamén poderíamos falar, para xustificar a abstención, do custe que cada voto terá para as arcas públicas (0.72 €), non esquezamos que estamos en crise! Pero ese é outro tema…
Actualización do 3 de marzo de 2009, artigo relacionado de El País: A abstención non ten cor política.
SEAGA ou a política embulleirada.
Moito lle gusta ó Sr. Suarez Canal falar de política de transparencia. Mente. Non se pode falar de transparencia nunha empresa como SEAGA na que non todas as categorías saen a concurso público: por primeira vez en tres anos aparece a categoría de oficial administrativo e auxiliar administrativo na páxina web, logo, quen ocupou eses postos ata agora e por que sistema? Sobran as respostas. É só un exemplo, sucede o mesmo en moitos outros postos da empresa: técnicos de riscos laborais -si se crearon catro postos en 2007, pero temporais… e nunca máis!-, responsables de distrito, persoal de limpeza,… Quen limpa a suciedade en SEAGA? Non existe unha sóa praza convocada nesta categoría para facer a limpeza tanto nas súas instalación permanentes (estas cinco) como temporais -por exemplo, bases aéreas-. Quen realiza eses traballos? Unha de dúas: ou persoas escollidas a dedo ou traballadores doutras categorías de xeito fraudulento ó realizaren traballos que non son propios da categoría.
Non se pode falar de transparencia cando non existe unha RPT (relación de postos de traballo) na que se indique que postos se van a cubrir, duración dos contratos ou o ámbito territorial. Non pode ser que unha persoa de Lugo, Ourense ou Pontevedra se inscriba nunha categoría como a de “operador codificador” e logo só se convoquen prazas para o ámbito territorial de A Coruña. Iso sucedeu no 2008. Aí non só falla a claridade do proceso senón que se crea un claro perxuizo ó traballador que aspira esa praza xa que logo non poderá estar inscrito en máis de dúas categorías diferentes.
Non se pode falar de transparencia cando os únicos que coñecen a RPT a cubrir son unhas cantas persoas do entorno do Sr. Suárez Canal, e se incumple pola empresa, reiterandamente, o deber de información que ten todo traballador de SEAGA de coñecer da existencia de postos de traballo vacantes, sexan ou non da súa categoría, co fin de garantir as mesmas oportunidades de acceso a postos permanentes que calquer outro traballador. Esa información non está nin nas sedes de SEAGA nin na páxina web. Logo o Conselleiro mente.
Os traballadores de SEAGA tampouco teñen acceso efectivo a formación continua profesional, limitándose a formación que reciben a cursos de obrigado cumplimento para o desenrolo do seu posto de traballo, pero non para mellorar a súa cualificación e favorecer a súa progresión e movilidade funcionais. Non lle interesa a quen dirixe esta compañía que moitas persoas teñan posibilidades de promocionar e acceder a postos reservados para a nova xeración de caciques.
Non se pode mentir, unha e outra vez, como fai o Sr. Suárez Canal ó dicir que tiveron que recorrer ó INEN para cubrir a oferta de emprego de SEAGA. Iso sucedeu só nalgunhas categorías, como a de peón ou peón especialista, categorías que, por certo, foron as únicas que anunciadas nos medios de comunicación -unha vez se ampliou o plazo, non antes- porque non se cubriu a oferta. Ningunha outra categoría foi publicitada en ningún medio de comunicación. Mente unha vez máis o Sr. Suárez Canal ó falar de publicidade no procedemento.
Mentiu o Sr. Suárez Canal ó falar, no debate do mércores, de máis de 700 traballadores contratados por SEAGA no 2008. E tanto que son máis, son máis de 2.400 tal e como se recolle nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2009. Avergóñase o Conselleiro de crear tanta temporalidade? Tanta precariedade laboral? Pois ainda non se avergoña moito, si así fose non sería o candidato por Ourense do BNG.