Deixo aquí un estracto da análise post-electoral realizada por Raimundo Viejo Viñas e publicada en On the wobbly’s road.
[…] Entre as evidencias desta crise parcial do xogo representativo encóntrase o feito de que as forzas de esquerda e nacionalistas que apoian ó PSOE aférranse ó mantemento da súa representación como mellor evidencia de que a súa particular concepción da política segue en pé. Como dicía aquel personaxe da película La Haine a punto de estamparse contra o chan: jusqu’ici tout va bien!, “ata aquí”, pensan IU, BNG, ICV, ERC, etc., “todo vai ben”.
[…] Así, por exemplo, o BNG parece que dende que perdeu o poder quere recuperar o pulso pola esquerda e pola rúa. Como si durante os seus catro anos de goberno non fixeran unha xestión moi mediocre, por non dicir cousas peores, nos derradeiros meses creu ver nas mobilizacións en defensa do galego ou nalgunhas outras loitas sociais do momento, a porta a unha recuperación do espazo político perdido (todo isto, hai que precisar, nunha máis que modesta medida, evidencia que a maquinaria partidista aínda está encaixando, cunha moi lenta dixestión, a súa derrota electoral). Loxicamente, despois non xa dunha lexislatura senón dunha década operando como aparato fora por completo das redes de activistas, o BNG practica toda sorte de torpezas, moitas veces sen chegar a darse conta. O seu problema máis grave, sen embargo, non está no movemento (aínda que obscenidades como o comportamento dalgúns dinosaurios no Foro Social Galego poidan chegar a ser verdadeiros problemas). O principal problema do BNG é que segue sen entender que modelo de organización política adoptará para ser un interfaz funcional ás demandas sociais que nacen no movemento.